Diario Oficial de Galicia
mércores, 1 de agosto de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
148
Páxina do Dog:
13.124
Data da Disposición:
28 de xuño de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO
SOSTIBLE
Rango:
Orde
Título:
Orde do 28 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases e se
convoca a I edición dos Premios Galicia á Pequena e Mediana Empresa
Sustentable.
Orde do 28 de xuño de 2007 pola que se
establecen as bases e se convoca a I edición dos Premios Galicia á Pequena e
Mediana Empresa Sustentable.
A sustentabiildade empresarial é o novo punto
de referencia e apoio para as empresas que desexan prosperar tendo moi en conta
nas súas actuacións o respecto ambiental e a utilización das mellores
tecnoloxías dispoñibles (MTD) a través de proxectos que repercutan na sociedade
como exemplificadores de comportamento respectuoso co ambiente.
A
día de hoxe e no futuro máis tenderá a realizarse unha xestión empresarial
sometida ademais de a criterios de rendibilidade, a parámetros de transparencia,
comportamento ético, responsabilidade ambiental e sensibilidade social. Desde
esta perspectiva, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
pretende fomentar a contribución da empresa á mellora social, ao respecto
ambiental e á rendibilidade, impulsando unha conciencia de mellora da actuación
empresarial de cara ao seu contorno de xeito integral.
Co obxecto de recoñecer publicamente aquelas pequenas e medianas empresas
máis innovadoras e servir de exemplo ao noso tecido empresarial, a Consellería
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible crea os Premios Galicia á Pequena e
Mediana Empresa Sustentable como estímulo para animar as empresas con sede
social na Comunidade Autónoma de Galicia a iniciar un camiño de boas prácticas e
de introdución da sustentabilidade.
En virtude do anterior,
en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia
e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-O obxecto desta orde é a creación dos Premios Galicia á
Pequena e Mediana Empresa (en adiante PEME) Sustentabilidade, así como a
convocatoria da I Edición dos Premios Galicia á PEME Sustentable para o ano
2007.
Artigo 2º.-Outorgaranse 3 premios coa seguinte
dotación económica:
-1º premio: dotado de 5.000 euros e o galardón Galicia á PEME
sustentable.
-2º premio: dotado de 3.000 euros e o galardón Galicia á PEME
sustentable.
-3º premio: dotado de 2.000 euros e o galardón Galicia á PEME
sustentable.
Os premios financiaranse con cargo á partida orzamentaria
15.04.541E-770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2007.
Artigo 3º.-A concesión dos premios tramitarase
baixo o réxime de concorrencia competitiva e axustarase no seu desenvolvemento
ás seguintes bases:
Primeira.-Obxecto.
Os premios obxecto desta
convocatoria teñen por obxecto premiar a implementación do desenvolvemento
sustentable no ámbito da pequena e mediana empresa de Galicia, amosando unha
mellora para o ambiente e para o contorno en xeral, nos termos que se recollen
na base terceira desta orde.
Segunda.-Beneficiarios.
1. Poderán participar nesta convocatoria de
premios calquera pequena ou mediana empresa con sede social na Comunidade
Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ter condición de beneficiarios das
axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades en que se produza algunha
das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
Terceira.-Premios.
1. Outorgaranse 3 premios coa dotación económica
establecida no artigo 2º desta orde.
2. O importe dos premios
estará suxeito a retención fiscal, de acordo coa lexislación
vixente.
Cuarta.-Accións que se premiarán.
1. Os premios nesta orde
convocados galardoarán as Pemes galegas que incorporasen o desenvolvemento
sustentable na súa xestión empresarial. Así mesmo, os premios valorarán as
accións que fosen implementadas pola empresa e que supoñan unha mellora conxunta
nos tres piares do desenvolvemento sustentable: o ambiental, o social e o
económico. Os aspectos que se van valorar son os seguintes:
-Respecto ambiental: que a PEME levase a cabo accións a favor da
preservación e difusión dos valores ambientais, actividades orientadas á
aplicación de medidas de prevención da contaminación, redución do impacto
ambiental ou desenvolvemento de novas tecnoloxías de produción, entre outras que
se consideren adecuadas ao obxecto desta orde no eido ambiental.
-Vantaxes sociais: que puxese en marcha medidas que repercutan nunha
maior igualdade de oportunidades e mellora social, que posibiliten a
conciliación familiar e laboral dos seus traballadores, a inserción social de
colectivos minoritarios, medidas de fomento da estabilidade no emprego,
seguridade e medidas para atallar a sinistralidade laboral, ou outras neste
sentido.
-Vantaxes económicas: que as accións realizadas
mellorasen a súa rendibilidade e solvencia económica.
2. Non serán valoradas aquelas solicitudes que non amosen accións nos
tres piares da sustentabilidade mencionados.
Quinta.-Prazo de
presentación.
O prazo de presentación comezará o día seguinte ao da publicación desta
orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 1 de setembro do 2007,
debendo xuntarse a memoria para avaliar e a demais documentación que se exixe na
base sexta desta orde.
Sexta.-Presentación de
solicitudes e documentación.
1. Para a participación nesta convocatoria será
necesaria a presentación da seguinte documentación:
a) Instancia dirixida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible
segundo modelo normalizado que se recolle no anexo I desta orde.
b) Memoria explicativa da acción de mellora integradora, en que se inclúa
as seguintes epígrafes:
-Período de execución da
acción, só serán tidas en conta as accións desenvoltas antes da data límite de
presentación de instancias recollida nesta orde.
-Obxectivos fixados.
-Persoas da empresa implicadas.
-Achega
financeira.
-Resultados obtidos e plans vindeiros en relación co
proxecto.
-Detalle da acción en que se amosen as actuacións desenvoltas pola
empresa, para o que poderá xuntarse o material adicional que se considere
pertinente para a presentación e avaliación da proposta, como fotografías,
vídeos, etc…
-Políticas e sistemas de xestión ambiental e/ou
social adoptados.
-Transparencia da xestión socialmente responsable, desagregación das
actuacións levadas a cabo para contribuír a unha sociedade máis equitativa,
información sobre códigos de conduta que teña explicitado a PEME, elaboración de
memorias de sustentabilidade, etc…
-Así como outra
información non prevista e que se considere de interese para unha mellor
avaliación da candidatura.
2. De conformidade co
artigo 13.3º e 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación de
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
Sétima.-Comisión de valoración.
Os proxectos presentados que se axusten a esta
convocatoria serán valorados por unha comisión presidida polo director xeral de
Desenvolvemento Sostible, ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes
vogais:
-O subdirector/a xeral de Fomento do
Desenvolvemento Sostible.
-Un representante da Dirección Xeral de Calidade
e Avaliación Ambiental.
-Tres vogais en representación da Confederación
de Empresarios de Galicia, designados polo seu presidente.
-Un vogal da Federación Ecoloxista Galega, designado polo seu
presidente.
-Un vogal do Instituto Galego de Promoción Económica.
-Un vogal de cada un dos
seguintes sindicatos: CC.OO, UGT e CIG.
-O xefe/a do Servizo de Promoción da
Sostibilidade, que actuará de secretario/a con voz pero sen voto.
Oitava.-Criterios de valoración.
1. Os criterios específicos de avaliación estarán
baseados nas características da acción, porén, os aspectos que se terán en conta
serán:
-Os resultados efectivos da súa
implementación.
-O carácter innovador da acción para o progreso da implementación do
desenvolvemento sustentable.
-Os beneficios ambientais
que amosen unha maior eficacia no uso dos recursos.
-As vantaxes sociais que
atinxen a acción, mellora de condicións laborais, oportunidades de emprego,
etc….
-A calidade e detalle na presentación da acción
de mellora.
-A dimensión da PEME: canto máis pequena sexa a empresa, máis se valorará
o esforzo da acción desenvolta.
2. Así mesmo, terase en
conta o feito de que a empresa candidata teña memoria de
sustentabilidade.
3. Os premios convocados poderán quedar desertos
no suposto de que as solicitudes non alcancen o obxecto desta orde, cando así o
propoña a comisión de valoración.
Novena.-Resolución.
1. A proposta de concesión dos premios emitida
pola comisión de valoración elevarase ao conselleiro de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial
de Galicia.
2. O prazo máximo de resolución do procedemento
será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución
expresa, os participantes poderán entender desestimadas as súas
solicitudes.
Décima.-Concesión e entrega de
premios.
1.
Os premios, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará
oportunamente. O nome dos gañadores será publicado e difundido nos medios de
comunicación social que se determinen.
2. Os beneficiarios están
obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de
Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das
axudas.
Undécima.-Aceptación das bases.
A participación nesta
convocatoria supón a total aceptación destas bases.
Décimo
segunda.-Autorización para certificacións.
Antes da concesión e pagamento do premio, o
órgano xestor da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible deberá
comprobar que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas
tributarias estatais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e,
que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa
Administración pública da comunidade autónoma. Para tal efecto, a presentación
da solicitude supón a autorización á consellería para obter tal
información.
Décimo terceira.-Aplicación
orzamentaria.
No exercicio de 2007, os premios que se concedan con cargo a esta orde
financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.541E-770.1, ata un
importe máximo de dez mil euros (10.000€).
Disposición
adicional
Única.
1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro
desta orde sométense ao réxime de minimis, polo que cada galardoado non poderá
recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante
calquera período de tres exercicios fiscais.
2. Para tal efecto, os
posibles galardoados deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre
calquera axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous
exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso, tal e como figura
no anexo II.
3. Na resolución de concesión farase constar o
importe do premio, expresado en equivalente bruto de subvención, así como sobre
a súa natureza de minimis, segundo o regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do
15 de decembro.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará
en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de xuño de
2007.
Manuel
Vázquez Fernández
Conselleiro de
Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf "14800D010P028.PDF"
Ver referencia pdf
"14800D011P033.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es