Diario Oficial de Galicia
venres, 10 de agosto de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
155
Páxina do Dog:
13.653
Data da Disposición:
6 de agosto de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS
Rango:
Orde
Título:
Orde do 6 de agosto de 2007 pola que se modifican as bases
reguladoras para a concesión de axudas para a realización de investimentos
relativos á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das
empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e
comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, aprobadas
pola Orde do 17 de xullo de 2000, e se particulariza para o exercicio 2007 o
devandito procedemento.
Orde do 6 de agosto de 2007
pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para a
realización de investimentos relativos á creación, renovación, modernización e
innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación,
conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e
a acuicultura, aprobadas pola Orde do 17 de xullo de 2000, e se particulariza
para o exercicio 2007 o devandito procedemento.
A aplicación
das disposicións da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases
e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación,
renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación,
transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da
pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) modificada polas
ordes do 30 de decembro de 2002 (DOG nº 252, do 31 de decembro), do 29 de
decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro), e do 3 de xaneiro de 2006 (DOG
nº 7, do 11 de xaneiro), establece no seu artigo 4º que nos exercicios sucesivos
da vixencia do Programa operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con
cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen
na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano
correspondente.
Aínda que o Programa operativo do instrumento
financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de
subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de
decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano
2007 e 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela
data.
A existencia de remanentes nesta medida,
producida no exercicio actual por diversos motivos, permite unha nova
convocatoria coa que se pretende optimizar estes fondos, sempre que isto sexa
posible tendo en conta a escasa marxe de tempo para a execución dos
investimentos correspondentes. O propio carácter do remanente dos fondos non
permite a asunción dun compromiso plurianual, polo que, en calquera caso, os
investimentos que poidan ser obxecto de axuda deberán estar rematados e
xustificados antes do 1 de novembro de 2007.
Por outra banda, e tendo
en conta que na última convocatoria de axudas á transformación e
comercialización dos produtos da pesca publicada por Orde do 3 de xaneiro de
2006 (DOG nº 7, do 11 de xaneiro), houbo un número significativo de proxectos
que cumprían os requisitos para ser beneficiarios das axudas, e que por falta de
crédito non foron resoltos de forma favorable, considérase que, dadas as
circunstancias expresadas no parágrafo anterior e o carácter de remanente dos
fondos cos que se conta, deben ser estes prox ectos os que sexan atendidos,
aplicando a orde rigorosa de avaliación que obtiveron na anterior convocatoria e
sempre que o potencial beneficiario manifeste mediante solicitude o seu desexo
de acollerse a estas axudas.
Pore todo o exposto e no
uso das facultades que me foron concedidas
DISPOÑO
Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.
Convócanse axudas ao
abeiro da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e
condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación,
renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación,
transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da
pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) na súa vixente
redacción, para o ano 2007.
Artigo 2º.-Crédito
orzamentario.
As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.723A.771.1, na que
existe crédito axeitado e suficiente ata un importe máximo de 1.506.627,75
euros; que queda reservado para os efectos desta orde.
Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades
orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de
solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para
o efecto.
As solicitudes presentadas que sexan
seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas
dispoñibilidades orzamentarias existentes.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas os proxectos que, presentados ao
abeiro da Orde do 3 de xaneiro de 2006 citada, cumpriran as condicións
necesarias para ser beneficiarios, non foran seleccionados por falta de crédito
e soliciten expresamente participar nesta convocatoria.
Os proxectos serán seleccionados seguindo a orde rigorosa de prelación
establecida na lista elaborada e asinada pola comisión avaliadora das axudas
convocadas pola dita Orde do 3 de xaneiro de 2006, cuxa puntuación é resultado
da aplicación do baremo publicado para o efecto por Resolución do 3 de xullo de
2002 (DOG nº 133, do 11 de xullo).
Artigo 4º.-Prazo de
presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun
mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia.
Artigo 5º.-Prazo de xustificación dos
investimentos.
Con carácter xeral e agás que a resolución individual da axuda dispoña o
contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos
conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro do
2007.
Disposicións adicionais
Primeira.-De acordo co
establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos xerais da comunidade
autónoma para 2007, a presentación da solicitude de concesión de subvención
comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que
deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral
da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia,
co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa
Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por
ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non
obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non
puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao
interesado.
Segunda.-En todo o non previsto nesta orde
observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento.
Terceira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario
Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde,
indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario,
cantidade concedida e finalidade da subvención. Así mesmo, e de conformidade co
establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño de transparencia
e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e
Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte
ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007.
Carmen Gallego
Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos
Marítimos
Ver referencia pdf
"15500D003P009.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es