Diario Oficial de Galicia
venres, 10 de agosto de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

155


Páxina do Dog:

13.658


Data da Disposición:

6 de agosto de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 6 de agosto de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros aprobadas pola Orde do 21 de setembro de 2000, e se particulariza para o exercicio 2007 o devandito procedemento.



Orde do 6 de agosto de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros aprobadas pola Orde do 21 de setembro de 2000, e se particulariza para o exercicio 2007 o devandito procedemento.

A aplicación das disposicións da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro) modificada polas ordes do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 251, do 29 de decembro), 30 de decembro de 2002 (DOG nº 252, do 31 de decembro), do 29 de decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro), e do 3 de xaneiro de 2006 (DOG nº 7, do 11 de xaneiro), establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.


Aínda que o Programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano 2007 e 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.


A existencia de remanentes nesta medida producida no exercicio actual por diversos motivos, permite unha nova convocatoria coa que se pretende optimizar estes fondos, sempre que isto sexa posible tendo en conta a escasa marxe de tempo para a execución dos investimentos correspondentes. O propio carácter de remanente dos fondos non permite a asunción dun compromiso plurianual, polo que, en calquera caso, os investimentos que poidan ser suxeito de axuda deberán estar rematados e xustificados antes de 1 de novembro de 2007.


Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas ao abeiro da Orde do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ao equipamento e servizo dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro) na súa vixente redacción, para o ano 2007.


Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.723A.770.6 que figura como crédito incorporado no orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2007, e ata o importe máximo de 669.633,90 euros; reservarase para o efecto o correspondente crédito.


Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.


As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.


Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

Para a concesión de axudas ao abeiro da devandita Orde do 21 de setembro de 2000 con cargo ao exercicio orzamentario 2007, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 4º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro do 2007, non existindo posibilidade de prórroga polas razóns que constan na exposición de motivos.


Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidese ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.


Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento.


Terceira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007.

Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
Ver referencia pdf "15500D005P014.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es