Diario Oficial de Galicia
venres, 10 de agosto de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

155


Páxina do Dog:

13.663


Data da Disposición:

8 de agosto de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 8 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de acadar pensión de xubilación.



Orde do 8 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de acadar pensión de xubilación.

A regulación da actividade de marisqueo a pé atópase recollida nos artigos 28 e seguintes da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia; no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de actividade pesqueira e marisqueira, así como na Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade.


Esta normativa establece que, con carácter xeral, os mariscadores deben cesar na súa actividade, dándose de baixa no censo correspondente, no mesmo día que cumpran 65 anos, polo que, en tales circunstancias, poderían solicitar a correspondente pensión de xubilación, de conformidade coa normativa vixente en materia de Seguridade Social.


Non obstante, existe un colectivo de mariscadores que ao finalizar a súa actividade profesional polo cumprimento da idade anteriormente indicada non pode desfrutar da pensión de xubiliación por non acadar o período mínimo de cotización requirido pola Seguridade Social.


Porén, o desenvolvemento de disposicións en materia de Seguridade Social que instrumentaron, mediante o instituto do convenio especial, a inclusión de distintos colectivos en diversos réximes do sistema, permite, na actualidade, dar solución e cobertura a estes mariscadores.


Deste xeito, faise necesario o establecemento de axudas asistenciais que permitan, dunha parte, colaborar no pagamento das súas cotizacións para completar, mediante a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social, os seus períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, co obxecto de acadar unha pensión de xubilación e, doutra parte, facilitar a súa subsistencia durante o transcurso do tempo necesario para completar aquelas cotizacións.


Con base no anterior, esta orde establece, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, mediante a subscrición de convenio especial, co obxecto de acadar pensión de xubilación na súa modalidade contributiva.


Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas asistenciais e de subsistencia para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, co fin de acadar pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, así como a súa convocatoria para o ano 2007.


2. Estas axudas serán aplicables en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.


Artigo 2º.-Beneficiarios das axudas.

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde os mariscadores que reúnan os requisitos establecidos no artigo seguinte e que no momento da entrada en vigor desta orde, estean nalgunha das situacións indicadas a continuación:


a) Que na data de cumprimento dos 65 anos teñan o permiso de explotación para o marisqueo a pé (permex) en vigor.


b) Que cumpridos os 65 anos teñan prorrogado o permex.

c) Que estivesen en posesión do permex ata cumprir os 65 anos, tivesen recorrida a denegación da renovación do citado permiso por cumprimento da devandita idade e que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ditase resolución de suspensión da eficacia da referida denegación.


Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán:

a) Ter exercido a actividade marisqueira a pé durante os dez anos anteriores á data de cesamento nesta.


b) Ter cotizado á Seguridade Social un período mínimo de sete anos.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.


d) Asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar.


e) Non ser beneficiario de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e non ser perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente.


Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. Os beneficiarios percibirán, ata acadar a pensión de xubilación na súa modalidade contributiva ou unha pensión de incapacidade permanente, unha axuda mensual de 761,37 €, ao longo do ano natural, iniciandose os efectos económicos na data de sinatura do convenio especial a que se refire o artigo 3.d) e nunca antes do 1-1-2007.


2. Desa contía a Administración deducirá aquelas cantidades dirixidas ao pagamento do convenio especial coa base mínima asinado polo beneficiario co Instituto Social da Mariña (ISM). A Administración procederá ao ingreso das cotas que correspondan a cada beneficiario.


3. Nos supostos de sinatura dun convenio especial por unha base distinta á mínima, a diferenza será aboada polo beneficiario.


4. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.


Artigo 5º.-Dotación orzamentaria.

As axudas concederanse con cargo aos creditos previstos na aplicación orzamentaria consignada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2007:


Aplicación.

14.01.721A.780.0.

Importe.

1.000.000 de euros.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.


Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para acceder a estas axudas presentaranse, preferentemente, nos rexistros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Así mesmo, poderán presentarse nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


2. As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen no anexo I desta orde e deberán ir acompañadas dos seguintes documentos:


a) Copia cotexada do documento nacional de identidade.

b) Informe da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ou autorización expresa á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e ao Instituto Social da Mariña de obtención dos datos persoais da súa vida laboral para os únicos efectos desta orde.


c) Compromiso de subscribir un convenio especial co Instituto Social da Mariña ou copia do convenio especial asinado.


d) Declaración de non ser beneficiario de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e de non ser perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente (anexo II).


e) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición que lle impida ter a condición de beneficiario de subvencións (anexo III).


f) Autorización expresa á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para aboar directamente ao ISM a parte da axuda destinada ao pagamento do convenio especial individual (anexo IV).


g) Certificación bancaria do número de conta.

A non presentación dos documentos recollidos nas alíneas a), b) ou c) xunto coa solicitude será causa de arquivo da solicitude.


3. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.


Artigo 8º.-Emenda.

1. Revisadas as solicitudes pola Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, poderá reclamarse en caso de documentación incompleta ou defecto desta, por escrito aos interesados, para que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.



2. Sen prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá requirir aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.


Artigo 9º.-Comisión de valoración.

Estando prevista a concesión da axuda, dentro dos límites orzamentarios, para todos os beneficiarios que reúnan os requisitos exixibles, neste procedemento non procede a concorrencia competitiva, polo que non se procederá á constitución de comisión de valoración.


Artigo 10º.-Resolución e aceptación.

1. A resolución destas axudas correspóndelle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos. Non obstante, de acordo co sinalado no artigo 2, punto 1º, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG nº 238, do 11 de decembro), así como co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a resolución destas axudas queda delegada no secretario xeral da consellería.


2. O prazo máximo para a duración do procedemento será de 30 días, computándose conforme o sinalado no punto 2º do artigo 10 do Decreto 287/2000.


3. A resolución notificarase aos interesados para que no prazo de 10 días comuniquen a súa aceptación ou rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela.


Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro ou conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.


Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. Para a xustificación e pagamento da axuda os beneficiarios presentarán, unha vez asinado o convenio especial e sempre antes do 1 de decembro de 2007, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:


a) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social e de non ter débedas pendentes, por ningún concepto, coa Administración da comunidade autónoma.


b) Convenio especial asinado co Instituto Social da Mariña.

Aos anteriores documentos uniranse os indicados no artigo 7º, punto 2, alíneas e), f), g) e h) desta orde.


2. Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os beneficiarios autorizarán a Administración para que proceda ao pagamento directo á Seguridade Social das cotas do convenio especial, de conformidade co disposto no artigo 4º.2 desta orde.


3. Os solicitantes ou beneficiarios deberán comunicar á consellería, no prazo máximo de cinco días, toda variación que se produza na súa situación respecto da Seguridade Social. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros, coa maior brevidade posible, xuntando a correspondente certificación de defunción.


Artigo 13º.-Causas de extinción da axuda.

A percepción da axuda extinguirase polas seguintes causas:

a) Por quedar a beneficiaria/o comprendido, pola realización de actividade, no campo de aplicación de calquera réxime dos que integran o sistema da Seguridade Social.


b) Por adquirir a condición de pensionista de xubilación ou de incapacidade permanente en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.


c) Por falecemento da/o beneficiaria/o.

d) Por cumprir os requisitos necesarios para causar pensión de xubilación.

Artigo 14º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da compensación concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.


Disposicións adicionais

Primeira.

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.


2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para que dite as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2007.

Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
Ver referencia pdf "15500D007P019.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es