Diario Oficial de Galicia
luns, 9 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

132


Páxina do Dog:

11.760


Data da Disposición:

29 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 29 de xuño de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, en réxime de concorrencia competitiva, un programa de axudas consistente na dotación de material destinado ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2007.



Resolución do 29 de xuño de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, en réxime de concorrencia competitiva, un programa de axudas consistente na dotación de material destinado ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2007.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade establece o carácter de comunidades galegas das entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio no que se atopen asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia.

Tras a publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a elaboración e xestión de programas de axudas e subvencións nas áreas sociais e asistenciais, formativas e culturais e aqueloutros dirixidos á dinamización e capacitación da xuventude integrada nas comunidades galegas no exterior.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En execución do establecido no artigo 6 epígrafe c) e no artigo 10 da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, a Secretaría Xeral de Emigración procede, a través desta resolución, a convocar no exercicio 2007 axudas que posibiliten ás comunidades galegas situadas fóra da comunidade autónoma tanto o desenvolvemento das actividades que lles son propias, a través da dotación de instrumentos musicais, coleccións de libros e bandas de deseño en lingua galega, CD de música e de equipamentos deportivos como o mantemento dos sinais de identidade de Galicia, a través da dotación da bandeira e escudo que a representan.

O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas co fin de establecer unha prelación entre estas, de acordo cos criterios de valoración que se establecen e coas dispoñibilidades orzamentarias existentes, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, aos que se deben de axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, de desenvolvemento da dita lei, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a normativa que a desenvolve, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas consistentes na dotación de diverso material en favor das comunidades galegas radicadas no exterior para o exercicio 2007.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.
Consonte co obxecto desta resolución, a dotación de material estará dirixida tanto a facilitar o desenvolvemento por parte dos centros e comunidades galegas no exterior das actividades que lles son propias como a contribuír ao fortalecemento dos seus vínculos con Galicia, propiciando a súa participación na vida social e cultural da nosa comunidade autónoma.

O material que se oferta é o que segue:
1. Dotación de gaitas tradicionais galegas.
Cada entidade beneficiaria poderá recibir un máximo de dous instrumentos musicais.

2. Dotación dunha colección de 12 CD de música, tradicional e contemporánea, de diversos autores galegos.

Cada entidade beneficiaria poderá recibir como máximo unha colección completa de CD.

3. Dotación dunha colección de libros e bandas deseñadas en lingua galega consistente en 12 títulos, de autores galegos contemporáneos de recoñecido prestixio, escritos en lingua galega.

Cada entidade beneficiaria recibirá como máximo unha colección completa.
4. Dotación dunha equipación completa da selección galega de fútbol (16 uniformes oficiais compostos por camiseta, pantalón e medias).

Cada entidade beneficiaria recibirá como máximo unha equipación deportiva.
5. Dotación de bandeiras co escudo oficial de Galicia. Cada entidade beneficiaria recibirá como máximo unha bandeira.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a condición de centro colaborador.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas que concorra algunha das prohibicións establecidas no punto 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Financiamento.
A Secretaría Xeral de Emigración financiará o obxecto desta resolución cun total de 108.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07. Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, podendo incrementarse a devandita contía de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

A dita contía distribuirase da maneira que segue:
-60.000 € para a adquisición de gaitas tradicionais galegas. Para esta finalidade, a Secretaría Xeral de Emigración tramitará un concurso público ao abeiro do establecido no artigo 180.2º do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

-12.000 € para a adquisición de coleccións de CD de música galega.
-12.000 € para a adquisición de coleccións de libros e bandas deseñadas en lingua galega.

-12.000 € para a adquisición de equipamentos deportivos.
-12.000 € para a adquisición de bandeiras.
Artigo 5º.-Solicitudes e prazo.
As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figuran como anexo I a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos. Ademais, necesariamente, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa que recolla as actividades desenvolvidas pola entidade nos últimos dous anos, os servizos que presta aos asociados e a necesidade e destino do material que solicita.

b) Declaración de que a entidade non ten solicitado nin percibido outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade. (Anexo II).

c) Declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións recollidas nos puntos 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. (Anexo III).

d) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, ...), sempre que non se enviase en exercicios anteriores a esta secretaría xeral.

e) Acreditación, se é o caso, da existencia na entidade de biblioteca, de grupos folclóricos ou equipos deportivos con carácter de estabilidade. Esta acreditación realizarase mediante certificación do secretario da entidade co visto e prace do presidente, constatando a existencia dos grupos e/ou equipos, a súa denominación e o seu ano de creación.

f) As entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes no seu país de residencia.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración desta (informes, memorias, fotografías, etc.).

No caso de solicitar dotacións para diversos materiais, poderase utilizar o mesmo anexo de solicitude.

As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), serán presentadas por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A documentación presentada, no caso das entidades galegas, deberá ser asinada polo secretario co visto e prace do presidente, ou polos representantes legais das institucións e asociacións solicitantes.


O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais contados desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día coincida en sábado ou día inhábil, o prazo de presentación de solicitudes rematará o día hábil seguinte.

No suposto de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá ao interesado para que no prazo de 10 días emende a súa solicitude, indicándolle que se non o fixera se lle terá desistido da súa petición, previa resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Criterios de valoración das solicitudes.
As solicitudes serán avaliadas de acordo cos seguintes criterios:
1. Traxectoria da entidade entendida como os programas desenvolvidos pola mesma nos dous anos anteriores á publicación da presente resolución, servizos que presta aos asociados e á poboación en xeral: ata 40 puntos.

2. No caso de dotación de libros en lingua galega valoraranse con ata 30 puntos aquelas entidades que conten con biblioteca propia aberta ao público, tendo en conta o número de títulos do catálogo e recursos humanos dos que dispoña a entidade solicitante para a xestión da biblioteca.

3. No caso de dotación de instrumentos musicais e de equipamentos deportivos valoraranse con ata 30 puntos a aquelas entidades que conten con agrupacións folclóricas ou equipos deportivos con carácter de estabilidade, tendo en conta o número de membros que compoñan o grupo e a titularidade de instalacións deportivas propias respectivamente.

4. Número de asociados galegos da entidade e número dos posibles beneficiarios: ata 20 puntos.

Cada entidade poderá recibir como máximo dúas dotacións diferentes. Con este fin, deberá indicar na solicitude a orde de preferencia entre todas as dotacións solicitadas.

Artigo 7º.-Procedemento de concesión da subvención.
O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan pola presente resolución axustarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a devandita Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

As solicitudes serán avaliadas segundo os criterios establecidos no artigo anterior por un órgano colexiado que deberá emitir informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O devandito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, debidamente motivada.

Artigo 8º.-Órganos competentes.
A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ás axudas establecidas na presente resolución corresponderá ao xefe de servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

O órgano competente para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral de Emigración.

Artigo 9º.-Resolución.
As resolucións serán ditadas polo órgano competente e notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a que se outorgou a axuda.

Ademais, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

O prazo máximo para resolver será de catro meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de solicitudes desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de solicitudes desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Á vista das resolucións e de acordo co crédito orzamentario asignado, a Secretaría Xeral de Emigración, adquirirá o material segundo os procedementos legalmente establecidos.

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son incompatibles con calquera outras que lle puidesen ser concedidas para a mesma finalidade.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.
Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións correspondentes ás axudas convocadas pola presente resolución quedan obrigados a:

1. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

3. Os materiais entregados deberán destinarse para o fin para o que se concedeu a subvención durante un período mímino de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso coa enaxenación ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro do material entregado nos termos establecidos no capítulo II do título II da Lei 38/2003, xeral de subvencións, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral de Emigración, debendo comunicar a entidade beneficiaria con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

4. Cando se trate de entidades radicadas en España, a presentación da solicitude comporta a autorización á Secretaría Xeral de Emigración para solicitar as certificacións acreditativas de estar ao corrente tanto das súas obrigas tributarias coa comunidade autónoma e co Estado e fronte a Seguridade Social, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución de concesión, segundo establece o artigo 14.1º e) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.


Así mesmo, no caso de entidades radicadas no exterior, a presentación da solicitude comporta a autorización á Secretaría Xeral de Emigración para solicitar a certificación acreditativa de estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa comunidade autónoma.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión e revogación.
1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria, podendo a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial do material percibido e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Artigo 12º.-Recursos.
Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2007.
Gumersindo Guinarte Cabada Manuel Luís Rodríguez González
Secretario xeral Secretario xeral
da Presidencia de Emigración
Ver referencia pdf "13200D002P100.PDF"
Ver referencia pdf "13200D002P100.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es