Diario Oficial de Galicia
xoves, 5 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

130


Páxina do Dog:

11.570


Data da Disposición:

28 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE TRABALLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 28 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 28 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Extratexia Europea de Emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

Neste senso, o desenvolvemento das políticas activas de emprego na nosa comunidade autónoma, no marco de actuación sinalado, permite adecuar uns instrumentos que configuran o emprego como factor clave da política económica e social na procura de metas máis ambiciosas no progreso de Galicia.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Traballo, de acordo co disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica. No obxectivo principal da creación de emprego é necesario establecer medidas coa finalidade de mellorar a situación laboral das persoas que traballan no agro e promover a creación do emprego no sector agrario de Galicia.

Nos últimos anos o nivel de renda das explotacións agrarias galegas tivo unha evolución moi por debaixo do conxunto de España e da maioría das comunidades autónomas. Así mesmo, o proceso de mellora e reforma do Réxime Especial Agrario da Seguridade Social supón unha elevación das cotizacións, o que dificulta aínda máis a alta das persoas cotitulares de explotacións agrarias. Esta situación afecta dun xeito moi particular as mulleres que traballan no agro galego.

A disposición adicional cuadraxéximo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos, e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

Neste contexto, e coa finalidade de facilitar a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, en coordinación coa mellora introducida no ámbito estatal, a Consellería de Traballo, mediante a Orde do 15 de maio de 2006, estableceu a regulación dun programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, incorporando un complemento do 20 por cento á redución estatal do 30 por cento, de forma que coa complementariedade de ambos os incentivos se facilita a alta no réxime especial agrario das persoas cotitulares de explotacións agrarias de Galicia cunha redución total do 50 por cento na correspondente cotización á Seguridade Social.

Esta orde establece a regulación do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e a súa convocatoria para o ano 2007. A finalidade desta orde é, por unha banda, dar continuidade aos incentivos establecidos neste programa coa orde do ano 2006, e por outra, introducir as melloras recollidas no mandato do Parlamento de Galicia, mediante a Proposición Non de Lei número 12.807 do ano 2006, aprobada pola unanimidade dos diputados e diputadas. A mellora do programa supón unha ampliación das persoas beneficiarias, para o caso das mulleres de ata os 45 anos, incluíndo nalgún suposto concreto o seu acceso á titulariedade da explotación agraria. Nestes casos o incentivo do 50 por cento na cotización á Seguridade Social será ao cargo dos fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As bases reguladoras destas axudas e a súa convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei do 14/2004, do 29 de novembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A subvención obxecto desta orde financiarase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2007 a dita determinación recóllese na disposición adicional quinta desta orde.

Polo exposto, no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 21 de novembro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, e a súa convocatoria para o ano 2007, do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares e titulares de explotacións agrarias de Galicia, especialmente das mulleres, coa finalidade de promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a súa alta na Seguridade Social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas cotitulares de explotacións agrarias, incorporadas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de xaneiro de 2006.
b) Que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular da mesma explotación agraria estea de alta no mesmo réxime especial.

c) Ter corenta ou menos anos de idade.
d) Terse acollido á redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional cuadraxéximo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006.

2. Tamén poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as mulleres de 41 e ata 45 anos de idade, cotitulares de explotacións agrarias, incorporadas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social, a partir do 1 de xaneiro de 2006, sempre que o seu cónxuxe, cotitular da mesma explotación agraria, estea de alta no mesmo réxime especial.

3. Poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as mulleres de 45 ou menos anos de idade, titulares de explotacións agrarias, incorporadas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social, a partir do 1 de xaneiro de 2006, nos seguintes supostos:

a) Mulleres que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.

b) Mulleres que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento do seu cónxuxe, país ou avós; así mesmo, nos supostos de xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, pais ou avós.

c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe se dedique a outra actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime da Seguridade Social distinto ao Réxime Especial Agrario.

4. Non poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Axuda.
1. A axuda para as persoas beneficiarias incluídas no suposto do artigo 2º.1 desta orde consistirá no aboamento do 20 por 100 da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria que corresponda ingresar, calculada en función da base de cotización que corresponda e o tipo de cotización do 18,75 por cento.

Procederá este aboamento polas mensualidades do ano 2007 e do último trimestre do ano 2006, no suposto de altas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social realizadas neste período do ano 2006.

2. A axuda para as mulleres incluídas nos supostos do artigo 2º.2 e 2º.3 desta orde consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria que corresponda ingresar, calculada en función da base de cotización que corresponda e o tipo de cotización do 18,75 por cento.


Nestes casos procederá este aboamento polas mensualidades do ano 2007 e do ano 2006, contadas a partir do 1 de abril, ou desde a data de efectos da obriga de cotizar, no suposto de altas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social realizadas con posterioridade a esta data.

Artigo 4º.-Competencia.
A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A persoa beneficiaria da axuda regulada nesta orde deberá presentar unha única solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2007.
4. A axuda correspondente ás mensualidades do ano 2008, e do último trimestre do ano 2007 para as persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias que se dean de alta con posterioridade ao 30 de setembro de 2007 deberá solicitarse conforme o que se estableza na orde pola cal se proceda á convocatoria deste programa para o ano 2008.

5. A presentación da solicitude de subvención pola parte interesada comportará a autorización expresa ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e na disposición adicional cuarta desta orde.

6. A solicitude e anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo www.xunta.es/emprego.

7. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

Artigo 6º.-Documentación.
1. A solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde e deberá ir acompañada do orixinal ou fotocopia compulsada, dos seguintes documentos:

a) Copia do DNI da persoa solicitante.
b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, segundo o modelo anexo III desta orde. Ou, de ser o caso, unha declaración na solicitude de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións segundo o anexo I desta orde.

c) Ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade financeira acreditativo de que a persoa solicitante é titular da conta corrente que indica, segundo o anexo II desta orde.

2. As mulleres solicitantes incluídas no suposto do artigo 2º.2 desta orde, ademais da documentación indicada no número 1 anterior, deberán achegar a seguinte:

a) Documento de alta na Seguridade Social no Réxime Especial Agrario por conta propia (modelo TA.0721).

b) Fotocopia do libro de familia.
3. As mulleres solicitantes incluídas nos supostos do artigo 2º.3 desta orde, ademais da documentación indicada no número 1 anterior, deberán achegar a seguinte:

a) Documento de alta na Seguridade Social no Réxime Especial Agrario por conta propia (modelo TA.0721).

b) Fotocopia do libro de familia.
c) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.3, letra a): sentenza de separación ou divorcio e documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

d) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.3, letra b): certificado ou certificados de defunción ou resolución de xubilación ou incapacidade do cónxuxe, pais ou avós e documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

e) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.3, letra c): baixa no Réxime Especial agrario e alta noutro réxime da Seguridade Social do cónxuxe.

4. As persoas beneficiarias deste programa durante o ano 2006 soamente deberán presentar a solicitude no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación e instrución.
Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán da persoa interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.
1. Logo da fiscalización pola respectiva intervención das propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo.

2. As resolucións que se diten neste procedemento serán notificadas ás persoas interesadas, debéndose motivar axeitadamente.

3. Os expedientes completos referidos ás solicitudes formalizadas no mesmo trimestre acumularanse, ditándose unha única resolución, na cal consten os datos básicos correspondentes a todas as persoas beneficiarias.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude, no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de ditar resolución expresa sobre a solicitude presentada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.
1. O pagamento da axuda quedará condicionado á acreditación do ingreso das cotas ao Réxime Especial Agrario da Seguridade Social polas mensualidades establecidas na resolución de concesión.

2. Poderá acordarse o pagamento parcial a conta da liquidación definitiva a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

Artigo 10º.-Incompatibilidades e concorrencia.
O importe das axudas reguladas nesta orde non poderá ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita pola persoa beneficiaria.

Artigo 11º.-Obrigas das persoas beneficiarias.
Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas e subvencións:
a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.


Artigo 12º.-Modificación da resolución concesoria.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente a súa revogación.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.
Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 26 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Axudas baixo condicións de minimis.
Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (3.000 euros nun período de tres anos) establecidos no regulamento CE nº 1860/2004 da Comisión, do 6 de outubro de 2004, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis nos sectores agrario e pesqueiro (DOUE nº L325, do 28 de outubro de 2004).

Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35. f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A Consellería de Traballo e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais poderán establecer os instrumentos de colaboración necesarios para a acreditación nas persoas solicitantes das axudas desta orde da súa condición de persoas beneficiarias da redución de cotas á Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 2º.1 desta orde, da súa alta no réxime especial agrario por conta propia, así como para a acreditación da efectiva cotización xustificativa do pagamento das axudas, segundo o establecido no artigo 9º.1 desta orde.

Quinta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde financiarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

En virtude do anterior, no exercicio 2007 o financiamento das axudas recollidas nesta orde realizarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria 16.02.322C.480.0, código de proxecto 2006 00469, cun importe de 500.000 euros; ao abeiro do disposto na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2007.
Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo
Ver referencia pdf "13000D003P010.PDF"
Ver referencia pdf "13000D003P010.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es