Diario Oficial de Galicia
venres, 6 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

131


Páxina do Dog:

11.615


Data da Disposición:

26 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 26 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2007 axudas ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora e o afianzamento da calidade do leite producido e recollido nas explotacións.



Orde do 26 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2007 axudas ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora e o afianzamento da calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

As orientacións da política agrícola común avanzan en darlles resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimular a adaptación da oferta neste sentido.

O Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece as normas xerais e especificas relativas á hixiene da produción de leite.

No citado regulamento establécense os requisitos que debe cumprir o leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de lles comunicar aos órganos competentes aqueles casos en que o leite cru recollido nas explotacións non alcance os niveis mínimos de calidade.

É polo que se estima como imprescindible orientar os programas actuais cara á consolidación de sistemas de manexo e control que permitan evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de prácticas correctas para a produción láctea.

Tamén hai que sinalar que estes programas de mellora de calidade do leite axudarán á consecución dos obxectivos e velarán polo cumprimento dos aspectos relacionados coas condicións hixiénico-sanitarias na produción de leite dentro do marco da condicionalidade e a percepción das axudas derivadas da PAC.

Por outra banda, é preciso fomentar aquelas iniciativas que establezan programas de aseguramento da calidade asimilables a sistemas de análise de perigos e puntos críticos de control en explotacións que permitan a súa acreditación por entidades de control e certificación dos alimentos.

Neste senso a Orde do 30 de xaneiro de 2007 pola que se regula a aplicación do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e á gandaría, así como a indemnización compensatoria no ano 2007 establece no artigo 64 as condicións de concesión dos pagamentos adicionais no sector lácteo. Os gandeiros acollidos ao programa de mellora da calidade establecido pola Consellaría do Medio Rural poderán beneficiarse destes pagamentos.

O Real decreto 460/2002, do 24 de maio, estableceu as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a prestar apoio técnico ao sector produtor de leite para mellorar o control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

Ben que os beneficiarios dos programas son os produtores de leite, as axudas deben tramitarse conforme o establecido no Real decreto 460/2002, que establece que as axudas deben ser xestionadas polos compradores autorizados, os centros de recollida, establecementos de tratamento ou transformación autorizados, así como as agrupacións de produtores, debido á súa capacidade de instrumentar un programa eficaz de asesoramento e mellora da calidade que inclúa un conxunto de produtores.

Neste último real decreto disponse que a tramitación das solicitudes, a súa resolución e o pagamento das axudas lle corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas.

Adicionalmente, o Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regula a identificación e rexistro de axentes, establecementos e contedores que interveñan no sector lácteo, e o Rexistro dos Movementos do Leite, establece o sistema de rastrexabilidade e crea a base de datos letra Q en que se deben rexistrar os axentes e compradores implicados.

Con base no anterior, esta orde ten por obxecto establecer as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite e convocalas para a campaña 2007/2008, establecendo o procedemento para a tramitación, resolución e pagamento das solicitudes presentadas de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, (modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo) polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando estes textos ao disposto na Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/ 1998,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras ás axudas ao financiamento de accións de asesoramento para a mellora e o afianzamento da calidade do leite producido e recollido nas explotacións, e convocalas para o ano 2007.

O apoio técnico realizarase a través de programas que teñan por finalidade mellorar o cumprimento das exixencias establecidas no capítulo I, sección IX do anexo II do Regulamento (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello de requisitos sanitarios para a produción do leite cru, hixiene das explotacións produtoras de leite e criterios relativos ao leite cru, así como garantir o requirido no artigo 64 da Orde do 30 de xaneiro de 2007.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde os produtores de leite de vaca que teñan cantidade de referencia asignada na campaña 2007/2008 e cumpran coas obrigas impostas polo réxime de taxa suplementaria, e que participen en programas de mellora e afianzamento das condicións hixiénico-sanitarias da súa explotación e do leite obtido nela, sempre que formen parte dalgunhas das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 6º.

Artigo 3º.-Solicitantes.
1. As solicitudes de axudas presentaranas:
a) Agrupacións de produtores de leite, ben sexan cooperativas ou asociacións de gandeiros, sempre que todos os seus socios cumpran cos requisitos e as obrigas sinaladas no artigo 2º.

b) Compradores oficialmente autorizados polo Fondo Español de Garantía Agraria FEGA para a campaña 2007/2008. Estes deberán comprometerse a un pagamento diferencial por parámetros de calidade e ademais todos os seus socios deben cumprir cos requisitos e as obrigas sinaladas no artigo 2º.

2. Os programas de mellora e afianzamento deberán afectar:
a) Todas as explotacións integrantes, no caso de que o solicitante da axuda sexa unha agrupación de produtores, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora e afianzamento.

b) Todas as explotacións subministradoras, no caso de que o solicitante da axuda sexa un primeiro comprador autorizado, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora e afianzamento.

Porén, poderanse excluír do cumprimento do anterior punto os seguintes casos excepcionais, debidamente xustificados a xuízo da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias:

a) Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante unha explotación.

b) A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño dunha explotación como consecuencia dunha epizootia oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

c) Calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Ademais, será suficiente que as explotacións que integran un programa de mellora e afianzamento acaden, en relación ao volume total de leite do dito programa, o 90% durante o ano 2007/2008. Este requisito verificarase con base no disposto na alínea D do artigo 8º.

Artigo 4º.-Programas de mellora e afianzamento da calidade do leite.
1. Os programas básicos deberán evidenciar o cumprimento do especificado no anexo XIX do Real decreto 1618/2005, do 30 de decembro, sobre a aplicación do réxime de pagamento único e outros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, mediante accións que terán por obxecto o asesoramento para o fomento da mellora e afianzamento da calidade do leite nas explotacións mediante a adecuación de parámetros que incidan nas condicións de produción, obtención, almacenamento e transporte do leite, que determinen avances nos seguintes aspectos:

a) Melloras e afianzamento na calidade bacteriolóxica do leite así como no reconto de células somáticas.

b) Aseguramento da correcta utilización e control de todos os inputs relacionados coa alimentación do gando leiteiro sexan de produción propia ou mercados fóra da explotación.

c) Mellora e afianzamento das condicións hixiénicas das explotacións.
d) Prevención e control de enfermidades, en especial da mamite.
e) Adecuación, limpeza e mantemento dos equipos de muxidura e refrixeración do leite. Dentro deste punto é de especial interese o control sobre a calidade bacteriolóxica da auga empregada na limpeza e desinfección destes equipos.

f) Establecemento de sistemas de control que permitan evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de rutinas axeitadas conforme as guías de prácticas correctas para a produción láctea. O contido mínimo das revisións aterase ao especificado no anexo XII desta orde.


Os programas deberán ser desenvolvidos sobre un grupo mínimo de 70 explotacións ou 1.500 vacas.

2. Programas intensivos, que ademais de evidenciar o cumprimento do especificado no anexo XIX do Real decreto 1618/2005, do 30 de decembro, sobre a aplicación do réxime de pagamento único e outros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, teñan como obxectivo a integración da explotación nun programa de certificación segundo as condicións do punto 3 deste artigo nun período máximo de 2 anos. O contido mínimo das revisións aterase ao especificado no anexo XII desta orde.

3. Ademais dos puntos anteriores, permitirase a presentación dun programa de certificación externa para a implantación dun sistema de aseguramento da calidade hixiénico sanitaria do leite de acordo coas condicións establecidas no anexo XII e que sexa certificado por unha entidade de certificación externa acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) ou calquera outro organismo europeo de acreditación fronte á norma 45.011. O contido mínimo das revisións aterase ao especificado no anexo XII desta orde.

No caso de que o solicitante presente un programa para o establecemento dun sistema de certificación segundo o punto 3 ou un programa intensivo segundo o punto 2, o número mínimo de explotacións que se incluirán será de 10. Todas as explotacións participantes neste tipo de iniciativas deberán ter cumprido as normas específicas relativas á produción do leite cru en 9 dos 12 meses anteriores á publicación desta orde.

4. Os programas de mellora e afianzamento deberán contar cunha memoria en que se recolla, polo menos, o seguinte:

4A) Identificación do comprador autorizado ou entidade que aplique o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos, de acordo co indicado no anexo II.

4B) Identificación das explotacións que realizarán o programa, de acordo co especificado no anexo X, así como a relación dos compromisos asumidos polos produtores segundo o indicado no anexo III. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física ou xurídica dada de alta no Laboratorio Interprofesional de Análise de Leite (LIGAL), farase constar neste anexo.

4C) É imprescindible a presentación do anexo III no cal se reflicta o compromiso de adhesión aos programas de mellora e afianzamento da calidade do leite producido nas explotacións en todos os casos agás para explotacións incluídas nun programa básico que no ano 2006 asinasen o dito compromiso.

Ademais no caso de explotacións que no ano 2006 realizasen o programa con outra entidade, deberán xuntar o anexo III, acompañado dunha declaración xurada con copia do seu documento nacional de identidade onde exprese a súa vontade de realizar o programa coa nova entidade.

Para explotacións que desexan integrarse en programas intensivos ou de certificación, será obrigatoria a sinatura do anexo III sinalando o nivel das actuacións a que se acolle, debendo realizar inescusablemente as accións básicas dentro da mesma agrupación.

4D) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de control e mellora e afianzamento. Será indispensable, como parte do programa que se desenvolva, a realización de, polo menos, unha análise da auga utilizada na explotación, para as tarefas de limpeza e desinfección dos equipos, segundo o establecido no punto 4º do artigo 18 do Real decreto 140/2003 do 7 de febreiro.

4E) O sistema de control permitirá avaliar a eficacia dos programas de acordo cos seguintes aspectos:

E.1. Os produtores beneficiarios do programa autorizarán o LIGAL, ou outros laboratorios que estean autorizados, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle faciliten á Consellaría do Medio Rural os resultados das análises mensuais de calidade do leite para o pagamento por calidade das súas explotacións mediante a sinatura do anexo III.

E.2. No caso de control de instalacións de muxidura, estes realizaranos técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias e deberán asumir os compromisos indicados no anexo IV, cubrindo, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII. Será obrigatoria a gravación das testaxes de puntos de muxidura no programa informático facilitado pola dita dirección xeral e as recomendacións que esta emita deberán ser enviadas aos gandeiros e remitiráselle á dita dirección xeral unha relación informatizada da data de entrega ou envío das ditas recomendacións.

E.3. No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberanos realizar técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias ou titulados en FP2, rama frigoristas, e deberán asumir os compromisos indicados no anexo V, cubrindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX. Será obrigatoria a gravación das testaxes de tanques de frío no programa informático facilitado pola dita dirección xeral e as recomendacións que esta emita deberán ser enviadas aos gandeiros remitiráselle á dita dirección xeral unha relación informatizada da data de entrega ou envío das ditas recomendacións.

E.4. No caso de asesoramento técnico de temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes neste deberán asumir os compromisos indicados no anexo VI, cubrir o punto referente á declaración de actividades e partes de visita ás explotacións que reflictan o desenvolvemento do programa. Deberá existir, dentro de cada programa, un responsable con titulación de licenciado en veterinaria que o será da parte sanitaria deste e que, por requirimento do veterinario oficial responsable do programa de control da calidade do leite cru, o acompañará na actuación oficial de control que se realizará nas explotacións en programa que sexan sometidas a control oficial e emitirá, de maneira preceptiva, un informe do estado inicial da explotación e das medidas correctivas e recomendacións ao gandeiro.

4F) Se o solicitante fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.

4G) Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.

4H) Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que serán os laboratorios oficiais de Sanidade e Produción Animal de Galicia ou calquera outro especificamente autorizado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

4I) No caso do establecemento de sistema de manexo e control que permita evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de rutinas axeitadas conforme as guías de prácticas correctas para a produción láctea, memoria descritiva do sistema e os rexistros que se implantarán. O número de visitas mínimas por explotación serán os indicados no anexo IX desta orde coa emisión dun informe por visita de tal xeito que permita a avaliación do grao de cumprimento de cada explotación. Os resultados destas visitas deberán ser gravados nun programa informático facilitado pola dita Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

4J) No caso de programas intensivos, a frecuencia de visitas será trimestral e coa emisión dun informe por visita de tal xeito que permita a avaliación do grao de cumprimento de cada explotación. O resultado destas visitas deberá ser gravado nun programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. Deberá presentarse unha memoria descritiva do programa así como os modelos de revisión para explotacións e implantación de rexistros e a lista das explotacións integrantes.

4K) No caso do establecemento dun programa de certificación externa deberase presentar a seguinte documentación:

1. Memoria do programa.
2. Contrato coa entidade certificadora externa.
3. Identificación e cualificación da entidade certificadora e o seu certificado de estar acreditada por ENAC fronte a ese produto ou proceso e fronte á norma 45.011.

4. Lista de tarifas de la empresa certificadora.
5. Como parte do sistema de control, a Consellaría do Medio Rural porá á disposición dos beneficiarios as ferramentas informáticas necesarias tanto para a gravación de ficheiros para a solicitude, como o control das explotacións, gravación de revisións e visitas a estas, e que xerará os ficheiros necesarios para a xustificación do programa.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables.
1. Serán subvencionables as accións de asesoramento técnico dirixido a todos aqueles factores que incidan na mellora e afianzamento da calidade hixiénica e fisicoquímica do leite cru, sobre os que se desenvolverán os programas que deberán prever aspectos citados no artigo 4º desta orde.

2. Ademais serán subvencionables os investimentos que resulten necesarios para levar a cabo os labores de asesoramento descritos nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 4º que inclúan a adquisición dos seguintes bens e servizos:

a) A prestación de asistencias técnicas ás explotacións.
b) Os gastos derivados dos sistemas de revisión e control do funcionamento das instalacións de muxidura e do tanque de refrixeración.

c) A análise para o control de mamite, que incluirá técnicas de diagnóstico, illamento do xerme causante e sensibilidades antibióticas.

d) A análise da auga que se utiliza na explotación para a limpeza e desinfección dos equipos.

e) Gastos de xestión derivados do programa.
f) Formación do persoal técnico que incluirá cursos e conferencias.
g) Material didáctico de divulgación, como publicacións, folletos e revistas.

h) Formación orientada especificamente á acreditación dos gandeiros produtores como responsables da muxidura.

i) Os gastos asociados á certificación da explotación.
3. Quedan expresamente excluídos os investimentos derivados do funcionamento habitual dunha explotación láctea e os medios de transporte.

Artigo 6º.-Importe das axudas.
O importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán superar o 50 por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa. Os gastos derivados das accións descritas no punto 3 do artigo 4º, poderán ser, como máximo, de 1.000 euros por explotación na fase de implantación e de 500 euros na fase de mantemento. Os gastos derivados das accións descritas no punto 2 do artigo 4º poderán ser como máximo de 500 euros por explotación.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural e presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

3. A presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para obter os certificados que emitirán a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a comunidade autónoma para os efectos de acreditar que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto ningún, coa Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Documentación.
As solicitudes presentaranse acompañadas da seguinte documentación:
A. CIF da entidade solicitante e documentación adicional de acreditación da personalidade xurídica desta.

B. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa.

C. Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo X, co formato facilitado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, antes de iniciar a execución do programa, en que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

D. Relación informatizada da totalidade dos socios ou provedores vinculados á agrupación que conterá, polo menos, o nome do titular e o seu NIF ou CIF.

E. Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

F. Memoria descritiva do programa ou programas establecidos no punto 2 do artigo 3º desta orde, indicando a relación de explotacións en que se aplicará este.

G. Relación dos técnicos que participen na execución do programa e a súa titulación.

H. Fotocopia cotexada do título profesional do técnico, de ser o caso.
I. Factura proforma dos equipos que se adquiran, de ser o caso.
J. Relación de gastos derivados das accións de formación, tanto do persoal técnico, como dos produtores integrantes do programa.

K. Anexos II, III, IV, V e VI totalmente cubertos.
L. Fotocopia do CIF ou NIF da/do titular da explotación.
M. Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo VII.
N. No caso de que o solicitante sexa un primeiro comprador, o compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite.

O. De acordo co artigo 31.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto supere a contía de 12.000 no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

P. No caso de programas de certificación externa da calidade hixiénico sanitaria do leite producido na explotación deberase achegar a seguinte documentación:

a. Contrato coa empresa certificadora.
b. Certificado da empresa certificadora de estar acreditada por ENAC fronte a este proceso e fronte á norma 45.011, ou compromiso de achegalo antes dun ano.

Q. No caso de programas intensivos ou de certificación externa, compromiso específico asinado polo gandeiro. A inclusión nun destes programas implicará a inclusión desta explotación no programa básico da dita entidade.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.
1. Se as solicitudes non están debidamente cubertas, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias requirirá o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As axudas recollidas nesta orde tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva. A ordenación e instrución realizaraas a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias e a súa avaliación levaraa a cabo, segundo os criterios establecidos no punto 6 deste artigo, unha comisión de valoración presidida polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias ou a persoa que este designe para o efecto e 3 vogais que serán o xefe de Servizo de Axudas Estruturais, o xefe de Área do Servizo de Axudas Estruturais e o xefe de Servizo de Medidas Complementarias, exercendo un deles de secretario.

3. A comisión de valoración formulará un informe de outorgamento ao director xeral que, pola súa vez, proporá a aprobación das axudas ao conselleiro do Medio Rural.

4. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de 6 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Na avaliación dos programas considerarase o número de gandeiros incluído no programa e a idoneidade destes, téndose en conta o volume de leite que represente cada programa. Dentro destes criterios terán preferencia:

a) Cooperativas de produción láctea: 10 puntos.
b) Primeiros compradores autorizados: 8 puntos.
c) Outras fórmulas xurídicas: 5 puntos.
Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.
1. O programa ten unha duración de 12 meses contados a partir do 1 de maio de 2007, rematados os cales os seus beneficiarios comunicarán a súa finalización á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización, resultado da avaliación en cada unha das explotacións e a incidencia na mellora e afianzamento da calidade do leite.

2. Xunto coa xustificación final do programa achegarase a seguinte documentación.

a) No caso de control de equipos de muxidura e equipos refrixerantes, resultados da testaxe de todas as instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo VIII (control de instalación de muxiduza) e anexo IX en que, obrigatoriamente, se fará constar o nome do controlador autorizado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. Toda esta información recollerase no programa informático de control de instalación de muxidura facilitado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias ou calquera outro medio válido.

b) Partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico.

c) En canto á información das alíneas a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presentar a información gravada. Remitirase o ficheiro informático coas revisións e visitas realizadas.

d) Relación de explotacións que executaron os programas así como o volume pormenorizado do leite que representan.

e) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens e/ou servizos adquiridos para levar a cabo o programa. Ademais deberase achegar xustificación documental do aboamento dos pagamentos correspondentes.

f) Copia cotexada das nóminas e os TC do persoal contratado para a execución do programa.

3. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Será de obrigado cumprimento a presentación, ao cabo de seis meses do programa, da primeira visita obrigatoria informatizada no caso de programas básicos. Esta será comparada coa segunda visita realizada nos 6 seguintes meses e coa evolución da analítica da explotación. O reiterado incumprimento dos parámetros analíticos da explotación e do verificado polos técnicos nas dúas visitas de control, levará a que a explotación quede excluída dos programas de mellora da calidade do leite no futuro.


No caso de accións intensivas, será de obrigado cumprimento a presentación trimestral das visitas informatizadas. O tempo máximo de permanencia no programa será de 2 anos. Ao final destas dúas campañas, a explotación deberá integrarse nun programa de certificación ou volver ao nivel básico. Neste último caso non poderá percibir a axuda do programa intensivo durante un prazo de 5 anos.

As accións que se vaian desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxidura e aos labores de asesoramento nas explotacións.

4. Para poder percibir a axuda, o beneficiario deberá acreditar que se atopa ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Quedan exentos desta acreditación os beneficiarios cuxo importe de axuda sexa inferior a 1.500 euros segundo o artigo 41 do proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Efectuadas as comprobacións oportunas, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias procederá ao pagamento das axudas.

6. Esta dirección remitirá á Dirección Xeral de Gandaría do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), de acordo co artigo 10 do Real decreto 460/2002, do 24 de maio, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como un informe global da eficacia e grao de consecución dos obxectivos pretendidos coa aplicación dos programas.

Artigo 11º.-Financiamento das axudas.
O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2007 nos que existe crédito adecuado suficiente na aplicación 11.02.712B.772.3, por importe dun millón e medio de euros (1.500.000 euros) para o ano 2007 e de dous millóns de euros (2.000.000 euros) para o ano 2008. Estas dotacións poderán verse incrementadas con achegas desta ou doutras administracións.

Artigo 12º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.
1. Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

2. Ademais, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. O importe total das axudas públicas por beneficiario non superará, en ningún caso, a cantidade de 100.000 euros nun período de 3 exercicios fiscais de acordo co disposto na directriz comunitaria (2000/C28/02) sobre axudas estatais ao sector agrario.

Artigo 13º.-Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Reintegro da axuda.
Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 13 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 16º.-Recursos administrativos.
As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Disposicións adicionais
Primeira.-Infraccións e sancións.
Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-Normativa subsidiaria.
En todo o non previsto nesta orde observarase ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Publicidade das axudas.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"
Ver referencia pdf "13100D008P019.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es