Diario Oficial de Galicia
martes, 10 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

133


Páxina do Dog:

11.872


Data da Disposición:

3 de xullo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLO DA CULTURA GALEGA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 3 de xullo de 2007 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.



Resolución do 3 de xullo de 2007 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.


Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2007 figura a convocatoria pública de bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.


O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.


Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na que se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes.


Segunda.-Duración.

A data de incorporación ao Consello da Cultura Galega será dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da adxudicación. Os bolseiros comezarán a súa actividade a partir do día 1 de setembro de 2007. A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro.


Os bolseiros que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.


Terceira.-Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

O importe de cada unha das bolsas non excederá de tres mil euros (3.000 €) polo total dos catro meses.


As persoas seleccionadas como bolseiros terán un seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.


O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, coa correspondente retención do IRPF, na conta bancaria indicada polo interesado, logo do informe do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.


Para o gasto que se proxecta existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe de trinta e oito mil oitocentos oitenta euros (38.880 €) dos que 36.000 € corresponden ao pagamento das mensualidades a partir do 1 de setembro ata o 31 de decembro e 2.880 € ao pagamento da asistencia sanitaria.


Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.


b) Estar en posesión da titulación académica requirida no anexo correspondente sen que transcorresen máis de 5 anos desde a súa obtención.


c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Consello da Cultura Galega.

e) Non ter sido separado do servizo de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.


f) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.


Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ao presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse na sede desta institución (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


Entregarase unha solicitude por cada proxecto ao que a persoa queira presentarse. Só será necesaria unha única documentación.


O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, estas irán acompañadas da documentación seguinte:


-Certificación académica persoal completa na que figure a nota media numérica do expediente.


-Curriculum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e na que conste que o solicitante non foi separado do servizo de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.


-Declaración do solicitante das axudas solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.


Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas todas as solicitudes darase un prazo de dez días para corrixir a falta de documentación, unha vez transcorridos estes días sen a devandita corrección arquivaranse os expedientes.


Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de valoración.

A comisión de valoración será nomeada pola comisión executiva do Consello da Cultura Galega.


Esta comisión estará formada por dous membros da comisión executiva e o coordinador da sección ou o director do arquivo ou proxecto que solicite a bolsa. Este último pode, pola súa vez, delegar nun membro da sección ou comisión técnica correspondente.


O presidente da comisión elevaralle ao presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados e suplentes, se é o caso, para a adxudicación da bolsa.


Finalmente, o presidente do Consello da Cultura Galega fará pública a relación dos candidatos seleccionados (titulares e suplentes) por orde de puntuación e as bolsas adxudicaranse por resolución do presidente do Consello da Cultura Galega, que será debidamente notificada aos solicitantes. Esta resolución porá fin á vía administrativa e, contra ela, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que o ditou ou poderá ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.


O presidente do Consello da Cultura Galega poderá declarar deserta a convocatoria se estima que ningún dos candidatos resulta idóneo.


A resolución do presidente do Consello da Cultura Galega adoptarase no prazo de tres meses, contados desde a data de remate de presentación de solicitudes das bolsas, e a falta de resolución producirá efectos desestimatorios.


No caso de que, adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias, concederase automaticamente a axuda ao seguinte aspirante en puntuación e procederase do mesmo modo nas renuncias consecutivas.


Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Curriculum vitae do solicitante, experiencia investigadora e colaboración en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.


A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.


En caso de empate terase en conta en primeiro lugar o expediente académico e en segundo lugar o curriculum vitae.


Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez que os beneficiarios reciban as notificacións de concesión das bolsas, comunicaranlle por escrito ao presidente do Consello da Cultura Galega a aceptación ou renuncia a elas nun prazo de cinco días. Se transcorrido ese prazo non se fixese manifestación expresa en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa e procederase automaticamente á adxudicación da axuda ao seguinte aspirante en puntuación.


Novena.-Obrigas dos beneficiarios.

Para xustificar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a bolsa e a aplicación dos fondos percibidos, os beneficiarios presentarán, dentro do mes seguinte ao remate da bolsa, unha memoria descritiva sobre o proxecto de investigación que están realizando.


Os beneficiarios están obrigados a facilitar a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control de destino das bolsas.


No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.


Décima.-Réxime de colaboración.

Os bolseiros permanecerán no Consello da Cultura Galega, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde.



A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.


Décimo primeira.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunhas das tarefas estipuladas, o Consello da Cultura Galega instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá anular os beneficios concedidos e solicitar a devolución das cantidades percibidas, se as houber, no prazo que establece o Regulamento xeral de recadación.


A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.


Décimo segunda.-Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


Décimo terceira.-Para o non regulado expresamente no presente texto rexerá o disposto no art. 78 do Decreto lexislativo 1/1999, Decreto 287/2000, Lei 38/2003 e demais normativa aplicable.


Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2007.

Ramón Villares Paz
Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.


Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, que se está a desenvolver no Consello da Cultura Galega.


Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de servizos lingüísticos ou de normalización lingüística, ou de actividades de dinamización lingüística e estudos ou traballos de sociolingüística galega.


-Posuír coñecementos de Access e Excel.

-Posuír coñecementos da internet.

ANEXO II

Unha bolsa para participar no Proxecto Sarmiento.

Esta bolsa ten como finalidade participar no proxecto para a edición da obra de Martín Sarmiento, que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega.


Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír experiencia en edición e revisión de textos.

-Ter coñecementos de informática.

ANEXO III

Dúas bolsas para participar no programa Arquivo de Comunicación.

Estas bolsas teñen como finalidade participar no programa Arquivo de Comunicación, que se está a desenvolver no Consello da Cultura Galega.


Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en xornalismo, publicidade e relacións públicas ou comunicación audiovisual.


Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos informáticos e de xornalismo dixital.

-Posuír coñecementos en estudos de comunicación.

-Ter coñecementos de idiomas.

ANEXO IV

Dúas bolsas para colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia, que se está a desenvolver no Consello da Cultura Galega.


Bolsa 1.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ter estudos específicos de técnico de son (grao superior de técnico de son-FP ou outra titulación similar).


Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de programas de edición e de gravación de audio-dixital.

Bolsa 2.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser diplomado en biblioteconomía e documentación ou licenciado en documentación.


Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de biblioteconomía e documentación.

-Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc con materiais especiais.

-Posuír coñecementos de informática.

ANEXO V

Dúas bolsas para colaborar no web corporativo do Consello da Cultura Galega.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na elaboración, planificación, xestión e produción dos sitios web do Consello da Cultura Galega.


Bolsa 1.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en xornalismo, publicidade e relacións públicas ou comunicación audiovisual.


Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de edición de web, tratamento de imaxes dixitais e vídeo dixital.


-Posuír coñecementos de informática.

-Ter coñecementos de xornalismo dixital.

-Ter coñecementos de idiomas.

Bolsa 2.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ter a titulación de FP2-Informática.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de redes corporativas, servidores e mantemento de equipos.

-Posuír coñecementos de xestión de intranets, aplicacións de bancos de datos e linguaxe QSL.


ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar na Área de Publicacións.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega.


Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de tradución e corrección.

-Posuír coñecementos de edición de textos.

-Posuír coñecementos de informática.

ANEXO VII

Dúas bolsas para colaborar nas actividades de Xestión Cultural.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar nas actividades de xestión cultural que se están levando a cabo no Consello da Cultura Galega.


Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:


-Ser licenciado en humanidades, ciencias sociais ou ciencias da información.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de xestión cultural.

-Posuír coñecementos de informática.

-Ter coñecementos de idiomas.
Ver referencia pdf "13300D013P068.PDF"
Ver referencia pdf "13300D014P073.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es