Diario Oficial de Galicia
xoves, 12 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
135
Páxina do Dog:
11.971
Data da Disposición:
4 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde 
Título:
Orde do 4 de xullo de 2007 pola que se convocan axudas á 
conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da 
corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa 
xornada de traballo.
Orde do 4 de xullo de 2007 pola 
que se convocan axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de 
fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución 
da súa xornada de traballo.
A incorporación da muller ao mundo laboral e 
académico é un feito indubidable que supuxo unha transformación social. A 
evolución que tivo lugar durante o século XX e principios do XXI deixa patente 
que cómpre un cambio no contexto social, xa que os roles de xénero asignado 
póñense en cuestión posto que sufriron unha importante evolución ata o momento 
actual. Polo tanto son necesarios novos elementos que axuden nesta 
transformación, proporcionando un desenvolvemento axeitado, coherente e sostible 
no tempo.
Por este motivo, a Vicepresidencia da Igualdade e 
do Benestar, consciente de que a responsabilidade é un aspecto que, polo seu 
impacto social, require abordarse a través de accións concretas a nivel 
particular e coherentes no seu conxunto, promoveu a elaboración dun Plan de 
fomento da corresponsabilidade coa vontade de proporcionar respostas ás novas 
demandas, no ámbito da promoción da corresponsabilidade. Sen dúbida o plan trata 
de enfocar os esforzos na dirección dunha política de igualdade que incremente a 
corresponsabilidade das galegas e galegos e impulse a implantación de mecanismos 
que a fomenten.
É ben sabido que existe, en xeral, unha 
percepción de que resulta difícil compatibilizar a vida familiar e laboral, 
sendo ademais concebidas as responsabilidades familiares, na maior parte dos 
casos como propias das mulleres o cal actúa unha vez máis como factor de 
desigualdade. Os poderes públicos deben adoptar medidas que favorezan o desfrute 
de permisos familiares sen que isto afecte negativamente as posibilidades de 
acceso ao emprego e as condicións de traballo das mulleres promocionando que os 
homes asuman tamén estas responsabilidades.
Deste xeito, a 
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, como unha medida de fomentar a 
corresponsabilidade e de impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre 
mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e coidado dos seus 
fillos e fillas, establece unha axuda económica destinada a aqueles 
traballadores que se acollan a unha redución da súa xornada de traballo motivada 
pola atención e coidado dos seus fillos e fillas menores de tres anos, 
comprendendo tamén a situación das familias monoparentais, que neste primeiro 
ano ten, en certo modo, un carácter experimental.
En consecuencia, a través desta orde establécense as bases reguladoras do 
procedemento a través de convocatoria pública para a concesión destas axudas, a 
través da modalidade de pagamento único. As axudas que se establecen no 
articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 
05.20.312G.480.0, recollida na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos 
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. O importe destinado ás 
axudas ascenderá como máximo a 400.000 euros.
No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o 
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, 
modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de 
réxime administrativo; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se 
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas pola Comunidade Autónoma de 
Galicia, establécense os réximes para as concesións de axudas e subvencións 
públicas pola Comunidade Autónoma de Galicia, a cuxa normativa se adaptará a 
presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade e 
obxectividade, agás o réxime xeral de concorrencia competitiva establecido no 
artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Así mesmo, seralle 
de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de 
subvencións.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño 
atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é a regulación do réxime de 
concesión de axudas económicas a aqueles traballadores que se acollan á redución 
da súa xornada de traballo así como a convocatoria destas para o ano 
2007.
Artigo 2º.-Actuacións 
subvencionables.
As axudas, na modalidade de pagamento único, serán concedidas aos 
traballadores que, a partir do día 1 de xaneiro de 2007, se acollan a unha 
redución da xornada de traballo de ata un máximo da metade da duración daquela 
para o coidado dun/dunha fillo/a menor de 3 anos.
Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.
Poderán ser beneficiarios das axudas previstas 
nesta orde:
a) Homes traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das 
administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito 
privado e empresas públicas dependentes destas, con independencia de que o seu 
vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades 
cooperativas, que se acollan á redución de xornada á que se alude no artigo 2º 
desta orde.
b) Familias monoparentais nas que a persoa 
solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á 
redución de xornada á que se alude no artigo 2º desta orde.
En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da 
patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por 
unha institución pública.
Artigo 
4º.-Requisitos.
Para poder acollerse ás axudas previstas na presente orde deberán 
cumprirse os seguintes requisitos:
a) As persoas que desexen 
solicitar a axuda económica regulada nesta orde deberán estar inscritas no 
padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma 
galega, polo menos cun ano de antelación á presentación da solicitude de 
subvención.
b) No caso das familias non monoparentais, o 
outro membro da unidade familiar deberá ser traballadora por conta allea ou ben 
autónoma.
c) Que na data da solicitude o/a fillo/a conviva 
coa persoa solicitante.
d) Que o período solicitado non coincida co 
permiso por maternidade.
Artigo 5º.-Contía das axudas.
A contía desta axuda 
concederase a través dun pagamento único e estará en función da porcentaxe de 
redución de xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como 
máximo de 8 meses. Deste xeito, as contías son as seguintes:
1. Cando a redución de xornada sexa de ata o 33% da xornada laboral e a 
súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
a) 2.400 euros se é a/o primeira/o filla/o.
b) 2.700 euros se é a/o 
segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
c) 3.000 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se 
son trillizas/os.
2. Cando a redución de xornada sexa superior ao 33% e ata o 40% da 
xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
a) 2.700 euros se é a/o primeira/o filla/o.
b) 3.000 euros se é a/o 
segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
c) 3.300 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se 
son trillizas/os.
3. Cando a redución de xornada sexa superior ao 40% e ata o 50% da 
xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
a) 3.000 euros se é a/o primeira/o filla/o.
b) 3.300 euros se é a/o 
segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
c) 3.600 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se 
son trillizas/os.
As contías citadas nos puntos anteriores son as máximas aplicables aos 
casos en que a redución de xornada corresponda a unha persoa contratada a 
xornada completa. Cando a persoa que solicita a redución estivese contratada 
para unha xornada laboral de duración inferior, as contías das axudas 
diminuiranse proporcionalmente.
Do mesmo xeito, cando a 
redución de xornada non se solicite polo período máximo de 8 meses, as contías 
antes citadas reduciranse proporcionalmente.
Artigo 6º.-Duración das 
axudas.
A 
concesión da axuda terá efecto dende o día do inicio do período de redución de 
xornada.
O tempo máximo polo que se poderá conceder a 
axuda á redución de xornada para fomento da corresponsabilidade será de 8 
meses.
O tempo mínimo de duración da redución de xornada 
deberá ser de 60 días naturais.
Artigo 7º.-Solicitudes: 
prazo de presentación, documentación preceptiva e lugar de 
presentación.
1. As solicitudes de axuda á redución de xornada 
poderán presentarse dende o día seguinte ao da publicación da presente orde no 
Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de outubro de 2007.
2. As solicitudes de axuda debidamente cubertas deberán achegarse xunto 
coa seguinte documentación:
a) Solicitude oficial 
segundo modelo anexo I.
b) Fotocopia do DNI ou NIE.
c) Fotocopia do libro de 
familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil do/a fillo/a 
menor de tres anos.
d) Copia da sentenza de nulidade, separación ou 
divorcio e do convenio regulador, se é o caso.
e) Nos supostos de adopción ou tutela, copia do auto xudicial de adopción 
ou da resolución xudicial de constitución da tutela.
f) No caso de 
proxenitores solteiros con fillo/a recoñecido polo outro proxenitor pero sen que 
exista convivencia entre pai e nai, declaración xurada que recolla este extremo 
(anexo II).
g) Certificación de empadroamento en que se 
acredite a data de empadroamento da persoa solicitante dentro do territorio da 
Comunidade Autónoma galega.
h) Fotocopia da folla da 
libreta de aforros en que conste o número de conta no que desexa percibir o 
ingreso e na que deberá figurar como titular a persoa solicitante da axuda. No 
caso de non dispoñer de libreta de aforros, presentarase unha certificación 
bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta a 
que se refire.
i) Unha declaración do conxunto de todas as 
axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera 
Administración pública, ou calquera dos seus organismos autónomos, entes ou 
sociedades (anexo III).
j) Declaración de que o 
período de redución solicitado non coincide co permiso por maternidade (anexo 
III).
k) Certificación da empresa acreditativa da 
redución de xornada, ou, se é o caso, da Administración pública correspondente 
(anexo IV).
l) Fotocopia de TA 2/R (variación de datos na 
Seguridade Social).
m) Certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da 
Seguridade Social relativa ao cónxuxe ou parella, no caso das familias non 
monoparentais.
n) Anexo V relativo a recollida de datos para a 
análise de resultados.
3. As solicitudes, xunto coa documentación 
requirida, deberán presentarse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do 
Benestar, mediante instancia normalizada debidamente cuberta, ben directamente 
ou ben a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, 
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo 
común.
4. Se as solicitudes non están debidamente 
cubertas ou non se achega a documentación preceptiva relacionada nos anexos, 
requirirase á persoa solicitante para que, no prazo de 10 días, emende a falta 
ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o 
fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá 
ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, 
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo 
común.
Artigo 8º.-Xestión, resolución, recursos, prazo 
para resolver e procedemento de publicidade.
1. O órgano competente 
para a xestión da axuda á redución de xornada será a Secretaría Xeral da 
Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
2. A concesión e, se é o caso, a denegación da axuda por redución de 
xornada realizarase mediante resolución expresa e individualizada do 
vicepresidente da Igualdade e do Benestar. Este proceso efectuarase de forma 
continuada segundo a orde de recepción de solicitudes das axudas.
3. A resolución á que se refire o punto anterior esgota a vía 
administrativa e contra esta as persoas interesadas poderán interpoñer recurso 
contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no 
prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, 
de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da 
xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con 
anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, 
poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no 
prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución. 
Neste caso non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que 
sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de 
reposición.
4. O prazo máximo para resolver e notificar as 
solicitudes de axudas será de dous meses, transcorrido o cal se entenderá 
desestimada a petición de subvención se non recae resolución 
expresa.
5. Para dar cumprimento ao principio de 
publicidade, e sen prexuízo da notificación expresa e individualizada das 
resolucións de concesión, mediante resolución da Vicepresidencia da Igualdade e 
do Benestar publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das persoas 
beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde, con expresión das 
contías percibidas.
Artigo 9º.-Forma de pagamento e xustificación da 
axuda.
1. A 
contía da axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que 
corresponda segundo as contías determinadas no artigo 5º da presente orde, unha 
vez notificada a resolución de concesión. O pagamento farase unicamente na conta 
que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I.
2. No prazo dun mes desde a data na que remate o período acollido á 
subvención deberase xustificar o mantemento da situación subvencionada mediante 
remisión á Secretaría Xeral da Igualdade dunha certificación da empresa ou da 
Administración pública correspondente, se é o caso, na que se acredite que se 
permaneceu coa redución de xornada que deu dereito á axuda durante o período 
solicitado, debendo ser expedida esa certificación con data igual ou posterior á 
do período que se certifica, e unha certificación de vida laboral emitida pola 
Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Así mesmo poderán requirirse outros 
documentos que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considere 
necesarios.
3. O incumprimento pola persoa beneficiaria do 
establecido no artigo 9º.2 dará lugar ao reintegro da axuda 
percibida.
Artigo 10º.-Modificación da axuda.
1. Se unha vez concedida 
a axuda, a persoa solicitante que exercita o dereito da redución de xornada 
amplía o período polo que solicitou a subvención, dentro do límite dos 8 meses 
establecido no artigo 6º, para que poida acollerse á axuda por un novo período, 
deberá presentar outra solicitude no prazo de dous meses desde a data na que se 
producise esta modificación.
2. Se antes do remate do 
período subvencionado a persoa que está exercitando o dereito á redución de 
xornada decide renunciar ao exercicio dese dereito deberá comunicalo á 
Secretaría Xeral da Igualdade debendo achegar una certificación da empresa que 
acredite os termos exactos nos que se realizou a redución da xornada, en 
relación coa súa duración e a porcentaxe de redución. A Secretaría Xeral da 
Igualdade, logo da comprobación da dita documentación procederá a iniciar o 
expediente de reintegro regulamentado no artigo 15º no suposto de que derivase a 
devolución de parte da subvención concedida.
3. No suposto de que, 
durante o período que tivese sido subvencionado, a persoa que se acollerase a 
unha redución de xornada diminúa ou amplíe a porcentaxe da dita redución, dentro 
dos límites exixidos nesta orde, entenderase que na data en que se produciu o 
cambio ten finalizado a actuación subvencionada e comeza un novo período 
subvencionable, debendo comunicalo a Secretaría Xeral da Igualdade e achegando 
una certificación da empresa que acredite os termos exactos nos que se realizou 
a redución da xornada, en relación coa súa duración e a porcentaxe de redución. 
A Secretaría Xeral da Igualdade, revisada a documentación, procederá a liquidar 
as axudas anteriormente concedidas mediante unha nova resolución ou a iniciar o 
correspondente expediente de reintegro regulado no artigo 15º, no suposto de que 
derivase a devolución de parte da subvención concedida. Para poder acollerse á 
subvención polo período correspondente á nova redución de xornada deberán 
presentar outra solicitude, no prazo de dous meses desde a data na que se 
producise esta modificación.
Artigo 11º.-Obrigas das 
persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan 
obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade 
concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da 
Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas 
e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e 
control do destino destas axudas.
2. Así mesmo están 
obrigadas as persoas beneficiarias desta axuda á comunicarlle ao órgano 
concedente calquera eventualidade que altere substancialmente o obxecto ou 
natureza da actividade subvencionable.
Artigo 
12º.-Compatibilidades con outras subvencións ou axudas.
A axuda por redución de 
xornada prevista nesta orde será compatible con calquera outra que, coa mesma 
finalidade, teñan establecidas ou puidesen establecer calquera das 
administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, 
así como por calquera entidade privada.
Artigo 13º.-Modificación 
da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta 
para a concesión da axuda, sempre que se entenda cumprido o obxecto desta, dará 
lugar á modificación da resolución e concesión da axuda, sempre que se cumpran 
os requisitos mínimos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria. Para 
estes efectos a Secretaría Xeral da Igualdade ditará resolución de liquidación, 
na que se axustarán os importes das axudas concedidas, aplicándose os criterios 
e límites establecidos para a o seu outorgamento, quedando obrigadas as persoas 
beneficiarias á devolución dos importes percibidos en exceso. No suposto de que 
de tal alteración das condicións puidese derivar a devolución da totalidade ou 
parte da subvención concedida, iniciarase o correspondente expediente de 
reintegro regulado no artigo 15º.
Artigo 14º.-Recursos 
económicos.
1. Os recursos económicos destinados ao cumprimento do obxecto da 
presente orde procederán dos correspondentes créditos orzamentarios establecidos 
para estes efectos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. O 
importe total das axudas a conceder dentro deste exercicio orzamentario non 
superará a dita consignación orzamentaria ou a que se resulte da súa 
actualización, no caso de que se aproben modificacións orzamentarias de 
conformidade coa lexislación vixente.
2. No caso de que neste 
exercicio económico se esgote o crédito orzamentario consignado para a concesión 
da axuda por redución de xornada, e para os efectos de dar publicidade a esta 
circunstancia, pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ditarase 
resolución administrativa na que se sinalará a data na que se produciu o 
esgotamento do crédito, publicándose no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 15º.-Revogación da axuda e procedemento do reintegro.
Procederá o reintegro, 
total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida e dos xuros de 
mora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a 
procedencia do reintegro nos seguintes casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente 
nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de 
subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.
b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa 
concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación 
daquelas que o impedisen.
c) Incumprimento total ou 
parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do 
comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e ás 
persoas beneficiarias con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, 
así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao 
modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o 
proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou 
daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de 
verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a 
realidade e a regularidade das actividades subvencionadas.
e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no 
apartado 8º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e 
orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de 
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.
f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de 
comprobación e control financeiro previstas nos números 4º e 6º do artigo 78 do 
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a 
redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de 
réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables, 
rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade 
de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, 
a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de 
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedente de 
calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea 
ou de organismos internacionais.
g) A adopción, en virtude 
do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión 
da cal derive unha necesidade de reintegro.
h) Nos demais supostos 
previstos na normativa reguladora da subvención.
Disposicións 
adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito 
consignado no orzamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para este 
fin.
Segunda.-As persoas beneficiarias atópanse 
suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións 
establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e 
orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de 
outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias 
e de réxime administrativo.
Terceira.-De conformidade 
co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas 
prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do 
Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades 
beneficiarias e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da 
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos 
das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina 
web.
Cuarta.-De acordo co establecido no Decreto 
132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos 
artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da 
Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a persoa beneficiaria autoriza 
aá Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público, nos 
rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes ás axudas e subvencións 
recibidas así como ás sancións impostas.
Disposicións 
derradeiras
Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación 
no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.-Facúltase a 
secretaria xeral da Igualdade para ditar cantas disposicións sexan precisas en 
relación coa presente norma.
Santiago de Compostela, 4 
de xullo de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf 
"13500D002P007.PDF"
Ver referencia 
pdf "13500D002P007.PDF"
Ver 
referencia pdf "13500D002P007.PDF"
Ver referencia pdf "13500D002P007.PDF"
Ver referencia pdf 
"13500D002P007.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de 
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e 
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es