Diario Oficial de Galicia
martes, 17 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
138
Páxina do Dog:
12.327
Data da Disposición:
4 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE
Rango:
Orde
Título:
Orde do 4 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases e se
procede á convocatoria de bolsas para investigación en materia de patrimonio de
arte contemporánea galega.
Orde do 4 de xullo de 2007
pola que se establecen as bases e se procede á convocatoria de bolsas para
investigación en materia de patrimonio de arte contemporánea
galega.
O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, regula
o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 8/1995,
do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia establece a rede de museos
galegos, en que está integrado o Centro Galego de Arte Contemporánea creado polo
Decreto 308/1989, do 28 de decembro.
E o Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de
regulamento do CGAC estipula no seu artigo 2º como un dos seus obxectivos e
fins, entre outros, o de contribuír á formación e perfeccionamento, do persoal
especializado en arte contemporánea, museoloxía e museografía, tanto para
atender as propias necesidades como para satisfacer as demandas doutros
sectores. E desenvolverá programas de investigación no seu ámbito de
actuación.
Por outra banda, a Consellería de Cultura e Deporte, en aplicación das
súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, das facultades de
regulamento, protección e difusión dos museos e do patrimonio moble de Galicia,
así como as de fomentar a investigación do persoal técnico dos museos, colabora
na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento por
estes das funcións que lles son propias.
É polo que se fai preciso establecer as bases e
proceder a unha convocatoria de bolsas dirixidas a completar a investigación en
arte contemporánea nas áreas da documentación, publicacións, historia e a
educación.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
a) Convócanse por esta orde 8 bolsas para a
investigación en materia de arte contemporánea nas áreas do espazo documental do
proxecto edición (www.espazodocumental.net e www.proxecto-edicion.net),
publicacións, historia da arte nos anos 70 en Galicia e novas formas de
educación artística.
b) As bolsas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria:
1202432B4800 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega para os anos
2007 e 2008 sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente para ao seu
financiamento. O importe de cada bolsa non excederá a cantidade de 6.000
€.
c) Os
bolseiros realizarán a súa actividade no Centro Galego de Arte Contemporánea e
serán dirixidos polos coordinadores ou titores do proxecto.
d) As bolsas terán unha
duración de 12 meses a partir da data de inicio que estableza a Dirección Xeral
de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte.
e) Os bolseiros
seleccionados quedarán obrigados a:
-Desenvolver durante 5 horas diarias no Centro Galego de Arte
Contemporánea o obxecto da bolsa concedida.
-Seguir as indicacións técnicas dos coordinadores
ou titores do proxecto.
-Entregarlles
aos coordinadores ou titores do proxecto mensualmente informe da súa actividade
e ao finalizar a bolsa a memoria explicativa do resultado desta.
Artigo 2º
1. Requisitos dos solicitantes.
-Licenciados universitarios con formación
académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:
-Informática.
-Biblioteconomía.
-Historia da arte contemporánea.
-Diplomados en:
-Informática.
-Biblioteconomía.
1.1
Solicitantes de bolsas de investigación para a área de publicacións.
-Ser licenciado universitarios en: filoloxía,
ciencias da comunicación ou historia da arte.
-Ter formación específica
no eido da edición.
-Ter experiencia
en corrección de textos e revisión de probas de imprenta.
-Posuír coñecementos de informática.
-Posuír coñecementos de idiomas.
1.2. Solicitantes de bolsas de investigación
sobre os materiais documentais do espazo documental.
-Ser licenciado
universitarios en: belas artes, documentación ou historia da arte.
-Posuír coñecementos en
xestión de sistemas de bibliotecas o centros de documentación.
-Posuír coñecementos de
informática.
-Posuír coñecementos
relacionados co ámbito audiovisual.
1.3. Solicitantes de bolsas de investigación sobre historia da arte en
relación coa actividade cultural e artística en Galicia na década dos anos 70 do
século pasado.
-Ser licenciados universitarios en: belas artes, documentación,
comunicación audiovisual ou historia da arte, con prioridade na especialidade de
patrimonio artístico.
-Posuír coñecementos relacionados co ámbito
audiovisual.
-Posuír coñecementos de
idiomas.
-Posuír coñecementos de
informática.
-Experiencia de
traballos en museos.
-Ter o curso de
actitude pedagóxica CAP.
-Experiencia
en publicacións sobre a arte contemporánea.
1.4. Solicitantes de bolsas de investigación sobre novas formas e
ferramentas educativas en relación coa arte contemporánea.
-Ser licenciados
universitarios en: belas artes, ciencias da educación ou historia da arte
contemporánea.
-Ter experiencia no eido da educación artística.
-Ter formación específica no ámbito da educación
nos museos.
-Posuír coñecementos de
informática.
-Posuír coñecementos
relacionados co ámbito audiovisual.
2. Non ter concedidas anteriormente, 3 ou máis bolsas completas das
convocadas pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
2.1. Non ter emprego
remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.
3. Os solicitantes deberán optar só por un das áreas que se relacionan no
anexo I.
4.
Presentación das solicitudes.
4.1. As
solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I
desta orde e na páina web da Consellería de Cultura e Deporte, no rexistro xeral
da Consellería de Cultura e Deporte ou nas súas delegacións provinciais. O prazo
de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación
desta orde no Diario Oficial de Galicia.
4.2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo
anterior, as solicitudes poderán, así mesmo, presentarse de calquera das formas
previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4.3. Ao abeiro do
establecido no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para
o ano 2007, na presentación de solicitudes polo interesado quedan exentos de
achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias estatais, coa
comunidade autónoma e coa Seguridade Social.
5. Documentación que hai que
presentar:
-Solicitude: anexo I
debidamente cuberta.
-Méritos:
fotocopia dos méritos alegados, só contabilizarán aqueles méritos dos cales se
achegue proba documental.
-Fotocopia do DNI.
-Declaración responsable de non ter emprego
remunerado nin ter outra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que
producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se
convoca.
-Fotocopia compulsada do expediente académico.
6. A Dirección Xeral de Creación e Difusión
Cultural poderá solicitar dos seleccionados a presentación do orixinal ou
fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán ser presentados nun prazo
non superior a tres días, contados a partir do momento do seu requirimento
público.
7.
En caso de renunciar á bolsa, os interesados deberán comunicalo por escrito á
Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, no prazo de tres días despois
da notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Deporte e
nas súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no prazo
estipulado, quedará sen efecto o seu nomeamento e será motivo de exclusión na
próxima convocatoria.
A renuncia durante o desfrute da bolsa
inhabilitará o seu adxudicatario/a para efectos de presentación na próxima
convocatoria.
8. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a
non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación
presentada.
Artigo 3º
O importe de cada
bolsa non excederá a cantidade de 6.000 €.
Artigo 4º
1. A comisión de
avaliación correspondente poderá reclamar, se fose necesario, os solicitantes
para que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación
exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
outorgándose un prazo de 10 días hábiles, desde a notificación do requirimento;
no caso de non contestar o requirimento entenderase que o interesado renuncia á
súa solicitude.
2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde a unha comisión
técnica composta polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea que a
presidirá, actuando como vogais: o/a titular do Servizo de Archivos Museos da
Consellería de Cultura e Deporte, e dous técnicos dos servicios do CGAC.
Exercerá as funcións de secretaria o a/o titular da Xerencia do CGAC. En caso de
ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao director xeral de Creación e
Difusión Cultural nomear un suplente.
3. Para a valoración das solicitudes terase en
conta o seguinte baremo:
a)
Especialización:
-Pola especialidade
nos estudos académicos relacionados con cada bolsa: 3 puntos.
-Pola especialidade en
áreas académicas semellantes consideradas axeitadas para o desenvolvemento do
bolsa: 2 puntos.
b) Experiencia de traballo:
-Traballo remunerado nalgunha das áreas descritas no punto 1.1. Por cada
mes: 1 punto. Ata un máximo de 15 puntos.
c) Cursos relacionados coa especialidade do campo
ao cal opta:
-Por cursos con
acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1
punto.
-Por
cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,30 puntos. Ata un máximo
de 2 puntos.
-Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,70 puntos.
Ata un máximo de 2,40 puntos.
-Por cursos con acreditación expresa de 250 ou
máis horas: 1 punto. Ata un máximo de 2,50 puntos.
-Por cursos con
acreditación expresa de 500 ou máis horas: 1,50 puntos. Ata un máximo de 4
puntos.
d)
Congresos relacionados coa especialidade do campo ao cal opta:
-Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un
máximo de 1 punto.
-Presentación de
comunicacións en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.
-Presentación de
relatorios en congresos: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.
e) Publicacións relacionadas coa especialidade do
campo ao cal opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de
solicitudes:
-Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3
puntos.
-Pola publicación de
inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.
-Por cada artigo en
revistas especializada: 0,5 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.
O mesmo mérito só se
valorará unha vez: como comunicación, publicación, asistencia a congresos, ou
traballo realizado.
f) Doutoramento:
-Pola
realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 0,5
puntos.
g)
Cursos de galego:
-Iniciación: 0,5
puntos.
-Perfeccionamento: 1
punto.
Elaborase unha listaxe por
cada unha das áreas ou especialidades, tendo en conta que só se valorarán os
méritos alegados os relacionados co campo ao cal opte o solicitante.
4. As listaxes
provisionais dos bolseiros faranse públicas nos taboleiros de anuncios da
Consellería de Cultura e Deporte, nos das súas delegacións provinciais e no
CGAC. O prazo de exposición das listaxes será de 10 días naturais contados a
partir do día seguinte ao da súa publicación, e durante os cales se poderán
facer as alegación pertinentes.
5. A resolución da convocatoria, correspóndelle á
conselleira de Cultura e Deporte por proposta do director xeral de Creación e
Difusión Cultural, que terá en conta a proposta da comisión de avaliación dos
candidatos/as. O acordo farase público, para efectos de notificación aos
interesadas/os no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura e Deporte, nos
das súas delegacións provinciais, e no CGAC.
Calquera notificación ou requirimento aos
interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura
e Deporte, nos das súas delegacións provinciais e no CGAC dando así cumprimento
ao disposto nos artigos 59.5º b) e 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. E para
os efectos informativos a través da páxina web da Consellería de Cultura e
Deporte.
6.
No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo de catro
meses, o sentido do silencio será negativo.
7. A resolución de adxudicación pon fin á vía
administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e
contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes
contado a partir da data de notificación dos interesados, ou recurso contencioso
-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de
dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.
8. Unha vez rematado o
período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a
devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á
eliminación da documentación non recollida.
Artigo 5º
O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.
Poderá ter unha periodicidade mensual segundo as fases do proxecto adxudicado ao
beneficiario sempre que conte co informe favorable do coordinador ou titor de
cada proxecto, quedando os bolseiros adxudicatarios obrigados a xustificar cunha
memoria de cada fase do proxecto a súa realización, así como con calquera
xustificante con referencia ao traballo realizado, dentro do prazo de dez días
hábiles da súa finalización.
Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles
requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa. E
antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración
complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou
concedidas, como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das
distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas
ou dependentes.
Os beneficiados terán a obriga de facilitar toda a información que lles
sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia polo
Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de
fiscalización e control do destino das bolsas.
Artigo 6º
1. Tal como indica o artigo 78.9º do texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, toda alteración
das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
2. No caso de que os
beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas
estipuladas nesta orde, a Consellería de Cultura e Deporte iniciará o expediente
de reintegro para solicitar a devolución das cantidades percibidas, se as
houber, e os xuros de demora, nos termos establecidos no artigo 78 do texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Se cometesen
algunha das infraccións contidas no artigo 79 do texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Consellería de Cultura e Deporte
iniciará o correspondente expediente sancionador.
3. Os coordinadores ou
titores que dirixan os bolseiros poderán propoñerlle á Dirección do CGAC e á
Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e
Deporte a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das
condicións sinaladas. Nese caso perderase o dereito a seguir percibindo o
aboamento da bolsa concedida, e iniciarase o correspondente expediente de
reintegro nos termos previstos no artigo 78 antes citado.
4. A Dirección do Centro
Galego de Arte Contemporánea expedirá, ao rematar a bolsa, logo do informe
favorable dos coordinadores ou titores do proxecto, certificación acreditativa
desta.
5. As
bolsas no implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura
e Deporte, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de
duración.
6.
Para a utilización do material resultante da actividade, os bolseiros deberán
contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura e Deporte e
da dirección do CGAC.
Artigo 7º
A Consellería de Cultura e Deporte poderá facer pública unha nova
convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións
acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.
Artigo 8º
Para todos os extremos non previstos nestas
bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se publicou
a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común e ademais normativa vixente que resulte de
aplicación.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o director xeral de Creación e Difusión Cultural
para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o
desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4
de xullo de 2007.
Ánxela Bugallo
Rodríguez
Conselleira de Cultura e
Deporte
Ver referencia pdf
"13800D009P011.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es