Diario Oficial de Galicia
mércores, 18 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
139
Páxina do Dog:
12.407
Data da Disposición:
16 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 16 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de
Emigración, pola que se establecen subvencións para o desenvolvemento de accións
formativas ligadas á inserción laboral destinadas a persoas retornadas e
inmigrantes e se procede á súa convocatoria.
Resolución do 16 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración,
pola que se establecen subvencións para o desenvolvemento de accións formativas
ligadas á inserción laboral destinadas a persoas retornadas e inmigrantes e se
procede á súa convocatoria.
A Secretaría Xeral de Emigración é o órgano
superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle
corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria
e de retorno en Galicia, competencias que asume en virtude do Decreto 231/2005,
do 11 de agosto, que establece a citada secretaría xeral como centro directivo
dependente funcionalmente da Presidencia, e organicamente da Consellería de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e do Decreto 44/2006, do 2 de
marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia
da Xunta de Galicia (DOG nº 53, do 16 de marzo de 2006). Así ten atribuídas,
entre outras competencias, a ordenación e planificación dos programas de
atención dirixidos á integración tanto das persoas inmigrantes como das
emigrantes retornadas, así como a xestión das axudas e subvencións destinadas a
estes colectivos.
O importante fluxo de retornados e o incremento actual da inmigración en
Galicia representan un dos fenómenos socioeconómicos, con perfís específicos,
que precisarán de especial atención por parte da comunidade. A promoción de
políticas de integración social e laboral constitúe un dos piares básicos dunha
política integral de inmigración, na que a cooperación entre as distintas
administracións e outras institucións interesadas se converte en elemento clave
para acordar obxectivos e desenvolver programas e actuacións coherentes que,
doutra banda, poden contribuír positivamente ao desenvolvemento social e
económico dunha Galicia moderna, plural, emprendedora, dinámica e
creativa.
Nas
políticas de inmigración e retorno a inserción laboral é un factor clave de
integración social das persoas inmigrantes e retornadas. Neste eido, a formación
ligada ao emprego é unha ferramenta especialmente eficaz na procura da
adaptación ao mercado de traballo galego e da mellora das condicións de
empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras migrantes. Neste
sentido, na convocatoria do ano 2007 contémplase unha nova orientación dos
programas de integración laboral centrada no apoio a proxectos formativos con
impacto no mercado de traballo, de xeito que se establecen axudas para o
desenvolvemento de accións no eido da formación para o emprego que prevexan
obxectivos certos de inserción laboral para as persoas que participan
nelas.
As
bases reguladoras e a convocatoria das subvencións previstas nesta resolución
axústanse ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei 4/2006, do
30 de xuño, de transparencia e boas prácticas, na Lei 14/2006, do 28 de
decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2007, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de
axudas e subvencións publicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao
establecido nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións e do seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto
887/2006, do 21 de xullo.
O financiamento das axudas previstas nesta
resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito do programa
04.50.312C.481.0 que figura na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.
Por todo o exposto, e no
exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do
Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores
dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.
1. O obxecto desta resolución é regular os
requisitos e condicións da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de
subvencións ás organizacións e entidades sinaladas no artigo seguinte para o
desenvolvemento de accións formativas ligadas á inserción laboral, que permitan
a mellora da cualificación profesional e faciliten a incorporación ao mercado de
traballo das persoas retornadas e inmigrantes en Galicia, e proceder á súa
convocatoria para o ano 2007.
2. A xestión destas subvencións realizarase de
acordo cos seguintes principios:
a)
Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non
discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración
outorgante.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos
públicos.
Artigo 2º.-Entidades
beneficiarias.
1. Poderán acceder á
condición de beneficiarias e solicitar as subvencións reguladas nesta resolución
as organizacións empresariais, profesionais e sindicais, así como as entidades
sen ánimo de lucro que teñan como finalidade instituída por norma estatutaria ou
regulamentaria o desenvolvemento de actividades de integración laboral que
abarque o colectivo de persoas retornadas e inmigrantes, que cumpran os
seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e dotadas de
personalidade xurídica propia na data de publicación desta resolución no Diario
Oficial de Galicia.
b) Ter o seu enderezo social ou delegación na Comunidade Autónoma de
Galicia.
c) Desenvolver actuacións
que favorezan a integración laboral das persoas retornadas e inmigrantes na
Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Dispoñer de experiencia e capacidade
suficiente para garantir a realización das accións obxecto de
subvención.
e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter
a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 13 da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. Non poderán ser
beneficiarias das subvencións as entidades de dereito público, as universidades,
os partidos políticos, as sociedades civís, os colexios profesionais e outras
entidades con análogos fins e natureza que as citadas.
Artigo 3º.-Accións
subvencionables.
1. Serán
subvencionables a través desta convocatoria as accións formativas que teñan unha
clara conexión co emprego, desenvolvidas polas organizacións e entidades citadas
no artigo 2º, dirixidas, exclusiva ou conxuntamente, a persoas retornadas e
inmigrantes, e que consistan na realización de cursos de formación para a
mellora da cualificación profesional e da empregabilidade que contemplen
obxectivos cuantitativos de inserción laboral en ocupacións relacionadas coa
formación impartida.
2. Cando as beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberan
cumprir as previsións que establece o artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións e o artigo 68 do seu regulamento. Está
subcontratación poderá chegar ata o 50% da actividade subvencionada e deberá
xustificarse adecuadamente á súa necesidade.
Artigo 4º.-Orzamento, gastos subvencionables e
contía da axuda.
1. A concesión das
subvencións previstas nesta resolución realizarase con cargo ao crédito
orzamentario 04.50.312C.481.0, por un importe total inicial de douscentos mil
euros (200.000 €). A citada cantidade poderá incrementarse conforme as
disposicións orzamentarias da Secretaría Xeral de Emigración.
2. Poderán subvencionarse
con cargo a esta resolución os gastos correntes que se lles orixinen ás
entidades beneficiarias ás que se lles conceda a subvención para a realización
das accións formativas previstas no artigo 3º e que se realicen ao longo do
exercicio 2007, con anterioridade á finalización do prazo de xustificación
establecido no artigo 12.6º desta resolución.
3. O importe máximo da
subvención será de trinta mil euros (30.000 €) por entidade beneficiaria e, en
ningún caso, poderá acadar o 100% do custo total da actividade
subvencionada.
A súa contía concreta e certa determinarase en cada caso en función do
custo da acción formativa obxecto da subvención e da aplicación dos criterios de
valoración previstos no artigo seguinte, tendo en conta o número de entidades
beneficiarias e as dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 5º.-Criterios de
valoración.
1. Para a determinación
das entidades beneficiarias e da contía da subvención que se concederá a cada
unha delas, as solicitudes valoraranse tendo en conta os seguintes
criterios:
a)
Experiencia e implantación da entidade: valorarase a experiencia e
especialización da beneficiaria na realización de programas de integración
sociolaboral de persoas emigrantes retornadas e inmigrantes, en particular, de
accións formativas de mellora da ocupabilidade e, no seu caso, os resultados de
inserción laboral de persoas inmigrantes e retornadas acadados no ano 2006.
Tamén se terá en conta a súa implantación territorial en Galicia a través de
delegacións propias, o seu nivel asociativo no ámbito galego en relación coa súa
pertenza a sectores de actividade relacionados coa acción formativa, e no caso
de organizacións profesionais e sindicais o seu nivel de representatividade no
ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata 10 puntos.
b) Calidade técnica do
proxecto formativo: valorarase o contido técnico das accións formativas e o seu
axuste aos obxectivos que se pretenden acadar, o programa formativo e a súa
metodoloxía, a duración e calendario de realización, a concordancia da
especialidade formativa cos perfís máis demandados no mercado de traballo ou que
xere máis posibilidades de colocación para os participantes, a previsión dun
sistema e indicadores de control e avaliación das actividades, así como a
idoneidade dos recursos humanos, dos medios técnicos e materiais con que conta a
entidade para o desenvolvemento e impartición da acción formativa. Ata 25
puntos.
c) Ámbito da actuación e destinatarios: valorarase o ámbito territorial e
de impacto das accións formativas, o número e perfil dos destinatarios delas, as
situacións de vulnerabilidade e de especiais dificultades para a súa integración
laboral, así como a incorporación da perspectiva de xénero e de igualdade de
trato nas súas actuacións. Ata 25 puntos.
d) Obxectivos cuantitativos de inserción laboral
en ocupacións relacionadas coa formación impartida: valorarase o grao e
xustificación da previsión de obxectivos presentada, así como a existencia de
mecanismos de mediación, instrumentos de colaboración ou compromisos adquiridos
en materia de inserción que garantan o cumprimento do obxectivo previsto. Ata 25
puntos.
e)
Orzamento e financiamento: valorarase a adecuación do orzamento presentado aos
fins e obxectivos das accións formativas, o custo medio por participante, a
existencia doutras fontes de financiamento público ou privado, e a porcentaxe da
achega de fondos que faga a entidade solicitante para a realización da
actividade. Ata 15 puntos.
2. Para poder ser obxecto de subvención deberán
acadarse como mínimo 40 puntos, como suma dos puntos obtidos na valoración dos
cinco criterios expostos.
Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral
de Emigración (rúa dos Basquiños, 2; 15704 Santiago de Compostela) e
presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. O prazo de presentación será de trinta e un
días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución
no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día coincida en sábado ou
día inhábil, o prazo de presentación de solicitudes rematará o día hábil
seguinte.
Artigo 7º.-Documentación.
1.
As solicitudes presentaranse no modelo publicado como anexo I desta resolución.
A devandita solicitude, única para as accións formativas que realice unha mesma
entidade ao abeiro desta convocatoria, deberá ir acompañada da seguinte
documentación orixinal ou copia debidamente compulsada:
a) Acreditación da
identidade e representación do solicitante:
a.1. Acreditación da identidade da persoa asinante da
solicitude.
a.2. Acreditación da
capacidade de representación do asinante da solicitude en relación coa
entidade.
b)
Estatutos da entidade debidamente legalizados.
c) Acreditación do requisito de inscrición da
entidade no rexistro correspondente ou, no seu caso, certificación do depósito
dos estatutos e de adquisición de personalidade xurídica expedida pola oficina
pública correspondente.
d) Tarxeta de identificación fiscal.
e) Declaración expresa de non estar incursos nas
circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral
de subvencións, no modelo de solicitude.
f) Declaración de axudas solicitadas e/ou
concedidas para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións
públicas, Unión Europea ou calquera outro ente público ou privado ou, de ser o
caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou
subvencións segundo modelo recollido no anexo III.
g) Ficha de solicitude de
transferencia bancaria segundo o modelo do anexo IV.
h) Memoria da entidade xustificativa da súa
implantación, experiencia e especialización, debidamente asinada e coa estrutura
e contido mínimo que se recolle no modelo anexo V.
i) Memoria explicativa do
proxecto formativo para o que se solicita subvención, con indicación do
orzamento desagregado de gastos e fontes de financiamento e con expresión dos
fondos achegados pola entidade, debidamente asinada e de acordo coa estrutura e
contido mínimo que se recolle no modelo anexo VI, acompañada, no seu caso, dos
documentos xustificativos da previsión de obxectivos de inserción laboral
presentada para os efectos do sinalado no apartado d) do artigo 5º.
2. Mediante a
presentación da solicitude a entidade interesada presta o seu consentimento para
incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios
e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do
29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así
como ás sancións impostas.
Os datos referidos integrarán un ficheiro do que
será responsable a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán
exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e
oposición.
Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da
Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa
publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter
a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe
concedido.
De
conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de
Emigración publicará, na súa páxina web: www.galiciaaberta.com, a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que, a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
das beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
3. Se a solicitude non
estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a
Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que, no prazo máximo
de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos con
indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición de
conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei
30/1992.
Artigo 8º.-Procedemento de concesión da subvención.
1. O procedemento para a tramitación e concesión
das axudas que se convocan con esta resolución axustarase ao previsto no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia
competitiva tal como recolle a devandita Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia no seu artigo 78º.
2. Correspóndelle á Secretaría Xeral de
Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de
acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha
comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida polo
subdirector xeral de Planificación das Políticas do Retorno e da Inmigración ou
persoa na que delegue e composta, ademais, polo xefe de servizo de Planificación
e Formación e por un funcionario da Secretaría Xeral de Emigración, que actuará
como secretario.
3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios
establecidos no artigo 5º. Posteriormente a comisión formulará unha proposta de
concesión, a través da Subdirección Xeral de Planificación das Políticas do
Retorno e da Inmigración, que se presentará ao órgano competente para a súa
resolución.
4. O órgano competente para resolver as solicitudes de subvencións
presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral de
Emigración.
Artigo 9º.-Resolución.
1. As
resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas aos
interesados. Pola súa vez, a Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario
Oficial de Galicia as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria,
indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputa o gasto, así como
os beneficiarios, cantidades concedidas e finalidade da subvención. Ademais,
publicará na súa páxina web: www.galiciaaberta.com a relación das beneficiarias
e o importe das axudas concedidas.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será
de catro meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta
resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se
ditase e notificase a resolución expresa poderá entenderse desestimada a
solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de
xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999,
do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
3. As
resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e
contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo
órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da
recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no
prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda
producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio
administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Así
mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día
seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións
expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en
que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas
por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de
xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 10º.-Aceptación da
subvención.
No suposto de que
entidade non acepte a subvención concedida, deberá comunicarllo á Secretaría
Xeral de Emigración no prazo máximo de 10 días contados a partir da notificación
da resolución, expresando as circunstancias que determinan a súa
decisión.
Artigo 11º.-Obrigas das entidades subvencionadas.
Son obrigas das entidades beneficiarias destas
subvencións:
a) Realizar o programa
ou proxecto que fundamenta a concesión da subvención.
b) Acreditar ante a entidade concedente a
realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que
determinen a concesión da axuda ou subvención.
c) Facer constar, en todo
tipo de publicidade e información, a condición de actividade subvencionada pola
Secretaría Xeral de Emigración, así como o seu correspondente
logotipo.
d)
Someterse ás actuacións de comprobación que a Secretaría Xeral de Emigración
considere necesarias para o axeitado seguimento da actividade e ás de control
financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao
Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia segundo a lexislación
vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e
control.
e)
As entidades beneficiarias de axudas deberán informar, inmediatamente, á
Subdirección Xeral de Planificación das Políticas de Retorno e da Inmigración
sobre calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da
actividade subvencionada.
Os beneficiarios quedan obrigados a facilitarlle
á Secretaría Xeral de Emigración o exame das actividades tanto na súa execución
como con posterioridade ao seu remate, así como toda aquela información que lles
sexa requirida, para o que garantirá o acceso dos representantes da secretaría
xeral ao lugar das accións, ás contas e demais documentación que se estime
oportuna.
No
caso de existir variacións respecto do programa presentado coa solicitude de
subvención as entidades con catro días de antelación, como mínimo, ao de comenzo
da acción formativa, deberán comunicar: a data definitiva de inicio e remate das
actividades formativas; o enderezo e horario de realización, a relación nominal
dos docentes e o número de alumnos inscritos.
Artigo 12º.-Forma de
xustificación e pagamento das subvencións.
1. As entidades subvencionadas quedan obrigadas a xustificar os gastos
correspondentes ao custo total das actividades formativas.
2. Poderán xustificarse
con cargo á subvención recibida os gastos que se realicen desde o 1 de xaneiro
de 2007 e antes da finalización do prazo de xustificación recollido no apartado
6 deste artigo e que estean de acordo coas actividades e accións reflectidas na
memoria e na documentación presentada.
3. Poderán realizarse pagamentos parciais, logo
da xustificación, por conta da liquidación definitiva, de ata o máximo do 80% do
importe da subvención concedida.
Para a xustificación parcial as entidades deberán
presentar a seguinte documentación:
a) Certificación do secretario da entidade
beneficiaria, co visto e prace do seu presidente, na cal conste a denominación
das actividades realizadas, contía do gasto, así como a imputación para os fins
para os que se concedeu a subvención.
b) Relación numerada de facturas segundo o modelo
recollido no anexo VII, acompañada da factura ou facturas acreditativas dos
gastos e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no
tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa.
Estes documentos deberán
presentarse ben en documento orixinal ou ben en fotocopia debidamente
compulsada.
En cada xustificación o representante da entidade deberá achegar un
escrito onde mencione os documentos presentados ante o órgano xestor e onde
indique a xustificación parcial ou final á que estes corresponden.
4. A xustificación final
da subvención deberá ir acompañada, ademais do establecido no punto anterior, da
seguinte documentación debidamente asinada polo representante da
entidade:
a)
Memoria técnica xustificativa da aplicación da subvención concedida e
explicativa da execución das accións formativa subvencionadas, asinada polo
representante da entidade, cunha descrición detallada das actuacións
desenvolvidas, metodoloxía e instrumentos utilizados, período de execución e
ámbito territorial da actuación, colectivo destinatario final das accións,
resultados acadados e valoración do grao de consecución dos obxectivos
previstos, así como as conclusións que se estime oportuno realizar. A memoria
deberá presentarse seguindo a estrutura e contido mínimo que se recolle no anexo
V.
b) Memoria
económica con indicación do custo das actividades subvencionados, e estado de
liquidación do programa, desagregado por conceptos de gasto, con indicación das
fontes de financiamento, e con expresión do importe e porcentaxe da achega de
fondos que aporte a entidade, que, en ningún caso, poderá ser inferior á tida en
conta para a concesión da subvención en atención á sinalada na solicitude de
axuda.
c)
Relación nominal dos participantes en cada unha das accións formativas, con
indicación da condición de persoa retornada ou inmigrante, e na que se reflicte,
cando menos, os seguintes datos: idade, sexo, nacionalidade e, no caso de
retornados, país da emigración. E na que se recollan, de ser o caso, os datos
referentes á súa inserción laboral, en concreto, data efectiva ou prevista,
posto de traballo ou ocupación, e sector onde vai desenvolvela.
d) Declaración
complementaria e actualizada do conxunto das subvencións solicitadas para a
mesma actividade, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de
resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera
dos seus organismos, entes ou sociedades, ou, de ser o caso, unha declaración de
que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (segundo o
modelo correspondente publicado como anexo II).
5. De conformidade co
establecido no artigo 41.1º.f) da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, as institucións sen fins de
lucro quedan exentas de acreditar que se atopan ao día das súas obrigas
tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen
pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa
Administración da comunidade autónoma.
6. O prazo de xustificación e entrega da
totalidade da documentación será ata o 1 de decembro de 2007.
7. A Secretaría Xeral de
Emigración poderá solicitar, en todo momento, calquera outra documentación que
considere necesaria para a correcta xustificación da execución das
actividades.
8. O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria da
que sexa titular a entidade beneficiaria e así se acredite mediante ficha de
transferencia bancaria segundo o modelo establecido no correspondente anexo
desta resolución.
Artigo 13º.-Compatibilidade das axudas.
As axudas concedidas en virtude desta resolución
serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, administración
ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo
total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste
requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao
longo do ano 2007 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba
de calquera entidade pública ou privada.
Artigo 14º.-Modificación da resolución de
concesión.
As entidades beneficiarias
das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no
momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na
convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a
execución das actividades, e poderá a Secretaría Xeral adoptar a resolución de
modificación da concesión que corresponda de acordo co disposto no artigo 78º do
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo
15º.-Reintegro.
De conformidade co
disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non se
poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total
ou parcial da subvención e dos xuros de demora rendidos desde o momento do seu
pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes
casos:
a)
Incumprimento da obriga de xustificación.
b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa
concesión.
c)
Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas ao
beneficiario pola concesión da axuda.
e) Incumprimento da obriga de xustificación na
forma e prazos establecidos na resolución de concesión.
f) Modificación
substancial das actividades subvencionadas sen autorización expresa do órgano
competente.
g) Exceso do percibido sobre o custo da actividade
desenvolvida.
h) Nos demais supostos
previstos no citado artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro.
Artigo 16º.-Instrucións e aclaracións.
A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as
instrucións e aclaracións necesarias para o cumprimento e desenvolvemento desta
resolución.
Artigo 17º.-Recursos.
Contra
esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o
mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderá
interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido na Lei
29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela,
16 de xullo de 2007.
Manuel Luis
Rodríguez González
Secretario xeral
de Emigración
Ver referencia pdf
"13900D002P011.PDF"
Ver referencia
pdf "13900D002P011.PDF"
Ver
referencia pdf "13900D002P011.PDF"
ANEXO II
ANEXO III
Ver referencia pdf
"13900D002P011.PDF"
Ver referencia
pdf "13900D002P011.PDF"
ANEXO
IV
ANEXO V
Ver referencia pdf
"13900D002P011.PDF"
Ver referencia
pdf "13900D002P011.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es