Diario Oficial de Galicia
xoves, 19 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

140


Páxina do Dog:

12.488


Data da Disposición:

12 de xullo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 12 de xullo de 2007 pola que se convocan subvencións destinadas a fomentar o desenvolvemento das mulleres no medio rural.



Orde do 12 de xullo de 2007 pola que se convocan subvencións destinadas a fomentar o desenvolvemento das mulleres no medio rural.

A Consellería do Medio Rural, de acordo co previsto no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, ten as competencias en materia agraria e de desenvolvemento rural, sendo de especial interese a adopción de políticas que aborden con rigor e realismo a situación da muller no ámbito rural, erradicando as desigualdades existentes e impulsando o seu protagonismo a través da participación activa nas actividades que se desenvolven no medio rural, fundamentalmente as agrarias, e procurando a equiparación dos dereitos da muller no ámbito agrario.

As entidades asociativas de mulleres rurais desempeñan unha función vertebradora do tecido social do medio rural, polo que cómpre artellar medidas de apoio institucional a estas e a adopción dunha política de fomento daquelas iniciativas, actividades e proxectos que redunden en beneficio da mellora da situación sociolaboral das mulleres rurais e favorezan a integración das mulleres nas políticas de desenvolvemento rural en condicións de igualdade.

Os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificados polos artigos 12º e 13º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (TRLRFO), e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde adáptase a esa normativa, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade, transparencia e concorrencia.

Xa que logo, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer o réxime de subvencións que conceda, en réxime de concorrencia competitiva, a Consellería do Medio Rural con cargo aos seus orzamentos ás entidades representativas das mulleres rurais para actividades de fomento que redunden en beneficio da mellora da situación sociolaboral das mulleres rurais durante 2007.

2. Serán beneficiarias as asociacións, federacións e outras agrupacións sen ánimo de lucro de ámbito provincial ou autonómico legalmente constituídas en Galicia que teñan por obxecto social específico a promoción, fomento e a atención da problemática relacionadas coas mulleres rurais, que realicen proxectos para a promoción das mulleres rurais e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Finalidade.
A finalidade das axudas concedidas ao abeiro desta orde é a realización de accións orientadas a:

a) Fomentar o desenvolvemento das mulleres no medio rural, mellorando a súa situación e o seu contorno social, laboral e económico e incentivando unha maior presenza en todos os ámbitos da sociedade.

b) Potenciar o papel da mulleres como protagonistas do tecido produtivo e social galego.

c) Reducir desigualdades e facilitar a plena integración das mulleres en todas as actuacións de desenvolvemento rural, especialmente nas relativas ao sostemento da actividade agraria como principal recurso económico no medio rural, á mobilidade das terras agrarias e á diversificación produtiva con criterios de sustentabilidade.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.
1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das actividades relacionadas coa finalidade descrita no artigo 2º desta orde que se relacionan a seguir, que desenvolvan as entidades beneficiarias entre o 1 de xaneiro de 2007 e a data de xustificación das actuacións establecida no artigo 12º desta orde no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A promoción e o asesoramento na participación das mulleres na creación de iniciativas innovadoras con vocación de permanencia no territorio, valorizando os recursos de cada zona.

b) A realización e difusión de estudos, informes e campañas divulgativas con enfoque de xénero no medio rural.

c) A organización, participación, asistencia ou colaboración de xornadas, seminarios ou conferencias que se vaian realizar no territorio galego en materia de perspectiva de xénero que aborden a situación da muller no medio rural galego e a súa integración en todas as actuacións de desenvolvemento rural.

2. De acordo co previsto no artigo 5.3º, do Estatuto de autonomía de Galicia, nas actividades subvencionables pola Consellería do Medio Rural reguladas no punto anterior empregarase de xeito preferente a lingua galega, tanto a nivel oral como na documentación escrita que se xere.

Artigo 4º.-Gastos subvencionables.
1. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. O imposto sobre o valor engadido (IVE) considerarase gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria acredite mediante a correspondente certificación que está acollida ao réxime de exención do IVE.

3. Non terán carácter subvencionable:
-Os gastos correntes de persoal nin calquera outro derivado da actividade habitual da entidade solicitante.

-Os gastos relativos aos regalos promocionais, ás celebracións de cócteles, comidas e actos análogos.

Artigo 5º.-Subcontratación das actividades subvencionadas polas entidades beneficiarias

A subcontratación das actividades subvencionadas polas entidades beneficiarias axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 68 do Regulamento de aplicación da dita lei, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e poderá acadar o custo total da actividade proposta.

Artigo 6º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
As entidades beneficiarias das axudas asumen as obrigas establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (TRLRFO).

Así mesmo, as entidades beneficiarias comprométense a dar publicidade do financiamento da Consellería do Medio Rural en todos os eventos, no material promocional ao que dean lugar estes e en cada un dos informes ou manuais xerados.

Capítulo II
Da convocatoria pública.
Artigo 7º.-Solicitudes e prazo de presentación.
1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cubertas e asinadas pola presidenta, secretaria xeral ou representante legal da entidade peticionaria, xunto coa documentación que se detalla no artigo 8º desta orde.

2. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano xestor nos termos do parágrafo 2º do artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007.

5. A presentación das solicitudes leva implícito o consentimento á Consellería do Medio Rural para incluír e facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións de Xunta de Galicia, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, e para publicalos na súa páxina web oficial , consonte o artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 8º.-Documentación.
Á solicitude de axuda deberaselle xuntar a seguinte documentación:
1. Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicitar a subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.

2. Memoria explicativa dos proxectos que se van desenvolver, comprensiva e suficientemente detallada, das actividades que teña previsto desenvolver cada entidade durante o ano 2007, en especial cos aspectos que se valorarán para a concesión da axuda, incluíndose un orzamento detallado ao máximo dos gastos necesarios para a execución dos proxectos presentados.

3. Relación detallada dos proxectos ou actividades realizadas durante o último ano.

4. Copias compulsadas da acta fundacional e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, así como do CIF da entidade solicitante e do documento de identidade da súa representante.

5. Certificación bancaria do número de conta en que conste a razón social e CIF da entidade solicitante.


6. No caso de estar exenta do IVE, documentación acreditativa da mencionada exención.

7. Certificación sobre os seguintes aspectos:
-Cumprimento xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.
-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os cales se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

-Declaración expresa de non estar incursa nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 9º.-Tramitación.
1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

2. No suposto en que se aprecie algún defecto ou sexa incompleta a documentación, requirirase a interesada para que, conforme o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nun prazo de dez días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación ademais de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, e logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na devandita lei.

3. A Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural efectuará a valoración das solicitudes, constituíndose para estes efectos unha comisión de valoración presidida polo subdirector xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria, e integrada ademais por dous funcionarios ou funcionarias da consellería con categoría de xefe de sección ou superior. Actuará como secretario ou secretaria un funcionario ou funcionaria, con categoría de xefe de negociado ou superior, dependente da secretaría xeral, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe o subdirector xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria cun rango equivalente ao substituído.

A comisión elaborará un informe que elevará ao secretario xeral da Consellería do Medio Rural, quen redactará a oportuna proposta de resolución.

Artigo 10º.-Valoración.
1. As subvencións concederanse de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia e igualdade.

2. As súa distribución efectuarase do seguinte xeito:
a) Grao de adecuación dos proxectos ás finalidades descritas no artigo 2 desta orde: até un máximo de 6 puntos.

b) Mulleres beneficiarias dos proxectos: até un máximo de 3 puntos.
c) Valoración do orzamento presentado para a realización dos proxectos e custo medio por muller beneficiaria: até un máximo de 2 puntos.

d) Dimensión social, estrutura das entidades, e capacidade organizativa e de xestión en relación co proxecto presentado: até un máximo de 2 puntos.

e) Experiencia acreditada na organización de actividades dirixidas ás mulleres no medio rural en Galicia: até un máximo de 2 puntos.

3. Para efectos da concesión da subvención, a comisión de valoración poderá considerar que non sexan tidas en conta aquelas solicitudes que non obteñan unha puntuación superior ao 50% da puntuación media.

Artigo 11º.-Resolución.
1. A resolución das axudas, logo da proposta elaborada pola comisión de valoración e fiscalización da Intervención Delegada, compételle ao conselleiro do Medio Rural, e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se ditase a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de seis meses desde a publicación desta orde.

3. De transcorrer o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, as entidades peticionarias poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

Capítulo III
Da xustificación, pagamento e control.
Artigo 12º.-Xustificación e pagamento das subvencións.
1. O pagamento total da subvención xustificarase por medio dunha memoria en que se detallen as accións e actividades desenvolvidas durante 2007, acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación que acredite, de xeito desagregado, os gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención. Os gastos poderán referirse aos custos de persoal propio ou externo que participase directamente nos proxectos ou actividades, aos custos de alugamento de instalacións, locais ou equipos, ás adquisicións de materiais e bens correntes necesarios para a súa realización, así como ás axudas de custo que teñan relación directa con elas. En todo caso, estes gastos serán imputados polas entidades beneficiarias á actividade subvencionada na medida en que tales gastos ser destinen á dita actividade.

b) Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da entidade que desenvolveu actividades subvencionables consonte o artigo 3º desta orde.

c) Facturas orixinais dos gastos, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas pola presidenta, secretaria xeral ou representante legal da entidade beneficiaria, ocasionados pola execución do proxecto ou actividade. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

d) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada pola presidenta, secretaria xeral ou representante legal da organización.

e) Declaración responsable de que a entidade está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

f) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento da Xunta de Galicia segundo o sinalado no artigo 6º desta orde.

2. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

3. A documentación e xustificantes presentaranse antes do 30 de novembro de 2007.

Transcorrido o prazo de xustificación indicado anteriormente sen que se presentase a documentación ante a Consellería do Medio Rural, esta requirirá á beneficiaria para que no prazo improrrogable de quince días presente a dita xustificación. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto no eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a citada norma, correspondan.

4. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente perante a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela.

5. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas, documentación e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nesta orde e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos, sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase e redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

6. Consonte o previsto no artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve os réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia: poderán concederse anticipos de até o 80% da subvención concedida cando esta non supere os 6.010 euros, logo de solicitude da entidade beneficiaria unha vez notificada a resolución de concesión da axuda.

No caso de que a subvención supere a cantidade reflectida no parágrafo anterior, poderá autorizarse un anticipo do 10% da subvención no momento da concesión.

Poderán, así mesmo, acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, ata a porcentaxe do 80% da subvención concedida.

Artigo 13º.-Importe máximo das subvencións.
1. O importe das subvencións reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo das actividades que van desenvolver as entidades beneficiarias.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polo fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 14º.-Alteración das condicións e incumprimentos.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.


2. No suposto de incumprimento das condicións exixidas para a concesión das subvencións, procederá o reintegro das cantidades percibidas de xeito total ou parcial, así como cando concorra calquera das demais circunstancias previstas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (TRLRFO).

3. En caso de incumprimento parcial, a fixación da contía que deba ser reintegrada determinarase en aplicación do principio de proporcionalidade.

Artigo 15º.-Incompatibilidade.
1. As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.
Artigo 16º.-Financiamento.
1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.711A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e por un importe máximo de 120.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. O crédito previsto neste artigo poderá ser ampliable.
Artigo 17º.-Seguimento e control.
1. As entidades beneficiarias deberán comunicarlle obrigatoriamente á Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da subvención concedida.

Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afectar para a concesión desta axuda será causa suficiente para a súa denegación ou posterior devolución.

2. Así mesmo, deberán permitir que a citada secretaría xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Réxime de recursos.
1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición perante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 19º.-Réxime de infraccións e sancións.
O réxime de infraccións e sancións aplicables será o regulado no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polo artigo 13º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (TRLRFO).

Disposición adicional
Única.-Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado polos artigos 12º e 13º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (TRLRFO); na Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non contradiga a normativa aplicable de rango superior.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "14000D008P028.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es