Diario Oficial de Galicia
xoves, 19 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
140
Páxina do Dog:
12.470
Data da Disposición:
16 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 16 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de
Emigración, pola que se convocan e regulan, para o ano 2007, diversos premios
para o recoñecemento daqueles traballos que en diversos ámbitos culturais
contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio
galego.
Resolución do 16 de xullo de 2007, da
Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convocan e regulan, para o ano 2007,
diversos premios para o recoñecemento daqueles traballos que en diversos ámbitos
culturais contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio
galego.
Após a publicación do Decreto 211/2005, do 3
de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto
231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos
dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e o Decreto 44/2006, do 2 de
marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia
da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano
superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre
outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de
xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no
exterior así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión
da cultura galega así como ao coñecemento da realidade actual de Galicia no
exterior.
O
apoio á creatividade galega nos eidos da produción artística, literaria e da
comunicación é un compromiso da Secretaría Xeral de Emigración que se reflicte
no programa de premios convocados para este efecto. Que este apoio se concrete
nesta convocatoria de premios, para os galegos residentes no exterior e para o
recoñecemento daqueles traballos que no ámbito da comunicación e noutros ámbitos
artísticos contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio galego no
presente e ao longo da historia, contribúe a unha afirmación da nosa presenza
cultural no mundo, da cal, os principais axentes son as comunidades galegas
espalladas por todos os continentes. Estas comunidades representan un valor
fundamental e un mecanismo irrenunciable a través dos cales Galicia faise
visible nun mundo crecentemente globalizado e que contribúe de xeito notable a
unha dobre función: a transcendencia internacional das manifestacións culturais
galegas e o fortalecemento das nosas comunidades da diáspora.
DISPOÑO:
Artigo 1º
Convócanse os premios para o ano 2007, para o recoñecemento daqueles
traballos que, en diversos ámbitos culturais, contribúan a un mellor coñecemento
do fenómeno migratorio galego, e apróbanse as súas bases, que se publican como
anexo I a esta resolución.
Artigo 2º
Para as actuacións derivadas desta convocatoria resérvase un crédito
inicial de 28.000 euros, con cargo á partida orzamentaria
04.50.312C.640.0.
Os premios quedarán sometidos á correspondente retención en concepto de
IRPF de acordo co disposto na normativa vixente. O número total de premios son
dezaoito, cos importes para cada tipo e modalidade que se establecen no anexo I
adxunto.
Artigo 3º
Contra esta
resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo
órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderá interpoñerse recurso
contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no
prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de
acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición
contencioso-administrativa.
ANEXO I
Bases que rexen os premios convocados pola Secretaría Xeral de Emigración
para o ano 2007.
Bases xerais da convocatoria.
1. Obxecto:
Esta convocatoria
de premios ten como obxecto a promoción da realización de actividades culturais
e artísticas no seo das comunidades de galegos residentes no exterior,
contribuíndo á súa dinamización cultural e á súa integración na vida social,
artística e cultural de Galicia, e premiar aqueles traballos que no ámbito da
comunicación e noutros ámbitos artísticos contribúan a un mellor coñecemento do
fenómeno migratorio galego neste e ao longo da historia.
2.
Características:
A temática dos
traballos presentados será o fenómeno migratorio ao longo da historia e, de
xeito específico, o mundo da emigración galega considerado desde calquera
perspectiva, agás que as bases específicas de cada concurso admitan temática
libre.
3.
Modalidades e premios:
Esta
convocatoria abrangue os seguintes premios e modalidades:
3.1. Premio de fotografía.
3.1.1. Modalidade analóxica.
-Primeiro premio: 1.500 €.
-Segundo premio: 1.000 €.
3.1.2. Modalidade dixital.
-Primeiro premio: 1.500 €.
-Segundo premio: 1.000 €.
3.2. Premio belas artes.
3.2.1. Modalidade de pintura.
-Primeiro premio: 1.500 €.
-Segundo premio: 1.000 €.
3.2.2. Modalidade de debuxo.
-Primeiro premio: 1.500 €.
-Segundo premio: 1.000 €.
3.3. Premio de comunicación.
3.3.1. Modalidade prensa escrita e
dixital.
-Primeiro premio: 1.500
€.
-Segundo premio: 1.000
€.
3.3.2. Modalidade radio e
televisión.
-Primeiro premio: 3.000
€.
-Segundo premio: 2.000
€.
3.4. Premio de deseño de
carteis.
-Primeiro premio: 1.500
€.
-Segundo premio: 1.000
€.
3.5. Premio á mellor páxina web
creada polas entidades galegas no exterior.
-Primeiro premio: 2.500 €.
-Segundo premio: 1.500 €.
3.6.
Premio á mellor revista editada polas entidades galegas no exterior.
-Primeiro premio: 2.500 €.
-Segundo premio: 1.500 €.
4. Participantes en cada modalidade:
4.1. Nos premios de fotografía e belas artes
poderán participar os galegos, as persoas de orixe galega e os seus
descendentes, así como os socios das entidades galegas que, sendo residentes
fóra de Galicia, sexan autores de calquera traballo nas modalidades enumeradas
nesta base.
4.2. Nos premios de comunicación e deseño de carteis poderá participar
calquera autor ou entidade.
4.3. Nos premios de creación da mellor páxina web
e de edición revistas poderán participar todas as entidades galegas no
exterior.
5.
Condicións para a presentación das obras e documentación que hai que
achegar:
5.1. Poderán optar aos
premios os traballos orixinais e inéditos que non fosen premiados anteriormente
noutros concursos, agás as excepcións que para cada premio se
establezan.
5.2. Os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Secretaría Xeral
de Emigración a concesión de calquera outro premio que obteña a obra presentada
no momento en que esta situación se produza. A obtención doutro premio durante o
proceso de resolución dará lugar á exclusión da obra desta convocatoria, para o
que deberá presentar unha declaración de non ter recibido ningún outro premio ou
axuda para esta finalidade.
5.3. Cada autor poderá presentar un máximo de
dous traballos por modalidade, agás que expresamente se estableza o
contrario.
5.4. As obras deberán enviarse debidamente protexidas, sendo responsable
o concursante da súa posible deterioración, se esta producise con anterioridade
á recepción do envío por parte da administración.
As bases específicas de
cada premio establecerán os requisitos e formas de presentación dos
traballos.
5.5. Con carácter xeral, o orixinal de cada traballo presentado deberá
ser remitido polo seu autor sen que figure a súa identidade en lugar visible.
Constarán soamente no sobre ou envoltorio da obra ou traballo a expresión:
«Premios Secretaría Xeral de Emigración 2007», a modalidade do premio a que se
opta, o título da obra ou traballo e o lema baixo o que o presenta.
Achegarase, no interior
do sobre ou envoltorio da obra ou traballo, un sobre pechado facendo constancia
no exterior destes mesmos datos e incluíndo no interior a seguinte
documentación:
a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento
acreditativo da personalidade e nacionalidade do participante. No caso sinalado
no punto 4.1 deberase achegar a documentación xustificativa que acredite a súa
orixe ou ascendencia galega ou a súa condición de socio de centro
galego.
b)
Declaración xurada de que os traballos que presentan son orixinais, inéditos e
se presentan por primeira vez a un concurso ou certame, agás as excepcións
establecidas.
c) Ficha segundo modelo que figura como anexo a esta resolución (anexo
II).
6. Lugar e prazo de
presentación.
Os participantes
remitirán os seus traballos á Secretaría Xeral de Emigración (rúa dos Basquiños,
nº 2, 15704 Santiago de Compostela. A Coruña).
O prazo de presentación
de traballos rematará o 15 de outubro de 2007.
A Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa
páxina web: www.galiciaaberta.com o texto íntegro desta convocatoria de premios,
a composición de xurado e a relación de persoas ou entidades que resulten
premiadas.
7.
Ditame e resolución.
A Secretaría
Xeral de Emigración nomeará para o efecto un xurado integrado por tres
especialistas nas materias obxecto dos premios. Actuará como secretario, con voz
pero sen voto, un funcionario da Subdirección Xeral de Comunidades
Galegas.
O
xurado elevará, na correspondente acta, unha proposta de concesión de premios
para cada modalidade á Secretaría Xeral. Esta resolverá conceder os premios, non
podendo un mesmo autor acadar máis dun premio por modalidade.
Calquera premio poderá
declararse deserto atendendo ao conxunto da calidade dos traballos
presentados.
8. Difusión das obras premiadas:
8.1. A Secretaría Xeral de Emigración reservará para si o dereito de
reproducir as obras premiadas, que quedarán na súa propiedade, para a súa
utilización en actividades non comerciais. Os traballos e obras premiados serán
obxecto de difusión a través da páxina web oficial da Secretaría Xeral de
Emigración como medio para acadar a sensibilización sobre o fenómeno migratorio
galego.
8.2.
Os autores da obras presentadas e non premiadas poderán retiralas na Secretaría
Xeral de Emigración, na rúa Os Basquiños nº 2, en Santiago de Compostela, antes
do 31 de decembro de 2007.
8.3. A participación nesta convocatoria de
premios supón a aceptación total das normas contidas nas bases xerais e nas
específicas de cada premio.
Bases específicas da convocatoria para as
distintas modalidades de concurso público cultural.
1. Premio de
fotografía.
1.1. Modalidade
analóxica.
Poderán presentarse un
máximo de tres fotografías por participante. As fotografías poderán compoñer
unha mesma unidade (reportaxe) ou ser presentadas por separado.
1.2. Modalidade
dixital.
Poderán presentarse un
máximo de tres fotografías por participante, en calquera formato. Aceptarase
todo tipo de tratamento dixital, retoques ou fotomontaxes.
Os traballos poderán
presentarse en CD ou mediante o seu envío por correo electrónico ao enderezo
entidadesgalegas@xunta.es, no que figuren como arquivo anexo as fotografías
presentadas a concurso, indicando no Asunto da mensaxe «Premios SXE
2007-fotografía dixital». O resto da documentación exixida no punto 5 será
presentada consonte ao establecido no dito apartado.
2. Premio belas
artes.
2.1. Modalidade de
pintura.
A temática, tamaño, soporte,
técnica ou procedemento empregado na elaboración das obras presentadas será
libre.
2.2.
Modalidade de debuxo.
A temática,
tamaño, soporte, técnica ou procedemento empregado na elaboración das obras
presentadas será libre.
3. Premio de comunicación.
Poderanse presentar a este premio aqueles artigos
xornalísticos publicados durante este ano 2007, tanto en prensa escrita como
dixital, así como aqueles programas de radio ou televisión emitidos durante este
ano.
3.1.
Modalidade prensa escrita e dixital.
De cada traballo publicado en prensa presentaranse dúas copias do
orixinal en papel tamaño DIN A4, mecanografados a dobre espazo, incluíndo un
exemplar do medio no que se publicou o artigo.
3.2. Modalidade radio e
televisión.
Para os programas de
radio ou televisión achegarase dúas copias en formato DVD que recollan a
gravación do espazo presentado a concurso. Na portada respectiva sinalarase o
medio e a data no que foi emitido o programa.
4. Premio de deseño de
carteis.
Os carteis poderán ser
executados mediante calquera técnica ou procedemento, sempre que sexa
susceptible a súa reprodución por medios técnicos normais.
As dimensións non poderán
superar os 50×70 cm, en calquera disposición. Os traballos deberán ser
presentados sobre un soporte ríxido que faga factible a súa
exposición.
Nos carteis deberá figurar espazo libre suficiente para inserir os
logotipos oficiais.
Unha selección dos traballos presentados ao concurso poderá ser exposta
ao público, se así se considera conveniente, nas datas que se especificarán, sen
necesidade de autorización expresa dos autores.
5. Premio a mellor páxina
web creada polas entidades galegos no exterior.
5.1. Neste premio terán cabida os portais e
páxinas web creadas ou editadas polas entidades galegas no exterior que non
supoñan unha actividade de comercio electrónico.
5.2. O xurado valorará a
calidade da páxina presentada a concurso así como o seu contido, deseño,
orixinalidade e funcionalidade.
6. Premio á mellor revista editada polos
entidades galegos no exterior.
6.1.
Neste premio terán cabida as revistas editadas polas entidades galegas no
exterior, calquera que sexa a súa periodicidade.
6.2. O xurado valorará a
calidade da revista presentada a concurso así como o seu contido, deseño e
orixinalidade.
6.3. As revistas deberán de ser publicadas durante os anos
2006-2007.
Santiago de Compostela, 16
de xullo de 2007.
Manuel Luis
Rodríguez González
Secretario xeral
de Emigración
Ver referencia pdf
"14000D003P010.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es