Diario Oficial de Galicia
venres, 20 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
141
Páxina do Dog:
12.563
Data da Disposición:
11 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 11 de xullo de 2007 pola que se aproban as bases que
rexerán a convocatoria de bolsas destinadas á realización de prácticas nos
centros de atención a menores dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar.
Orde do 11 de xullo de 2007 pola que se
aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas destinadas á realización
de prácticas nos centros de atención a menores dependentes da Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar.
O Estatuto de autonomía de Galicia no seu
artigo 27.23º atribúelle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en
materia de asistencia social.
O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se
establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, no
seu artigo 1 atribúelle á devandita Vicepresidencia a competencia en materia de
benestar social, inclusión social e servizos comunitarios, de acordo co
establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.
Coa realización da
presente convocatoria preténdese favorecer os estudantes con dificultades
económicas durante o desenvolvemento dos seus estudos universitarios, de
formación profesional de grao superior e os licenciados universitarios que
estean a realizar estudos de doutoramento, así como os técnicos superiores de
formación profesional, ao mesmo tempo que acadan experiencia no eido educativo e
asistencial nos centros de atención de menores que se relacionan no anexo II
desta orde.
No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,
modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e a Lei 14/2004, do 29 de
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo; no Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións, e na Lei 14/2006, do 28 de decembro, do
orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2007, establécense os
requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade
económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde,
tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e
concorrencia.
Na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade
autónoma para o ano 2007, destínase para este fin un crédito de 26.910 € con
cargo á aplicación orzamentaria 05.31.312B.481.0, que figura cunha dotación
económica de 96.261 € nos estados de gastos do orzamento para o ano 2007 (DOG nº
249, do 29 de decembro). O compromiso plurianual adquirido para os exercicios
2007-2008 ascende a un total de 54.990 €, distribuídos no exercicio corrente
26.910 € e no exercicio 2008, 28.080 €.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño
atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o
que foron establecidos,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.
Proceder á convocatoria de 39 bolsas para a realización de prácticas
durante o curso escolar 2007-2008 nos centros de internado de menores
dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, segundo o número e
distribución que figura no anexo II desta orde, mediante o procedemento de
concorrencia competitiva.
Artigo 2º.-Condicións dos
solicitantes.
Son requisitos para
participar na convocatoria os seguintes:
a) Ser español/a ou nacional de calquera país membro da Unión Europea,
legalmente establecido en España e con residencia na Comunidade Autónoma de
Galicia.
b)
Non ter cumpridos os 25 anos, na data de finalización do prazo de presentación
de solicitudes.
c) Estar cursando estudos universitarios ou de formación profesional de
grao superior ou ter finalizados estes estudos.
d) Non ter aproveitado en
anteriores convocatorias estas bolsas ou outras similares durante un período de
máis dun ano.
e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da
actividade do centro.
Artigo 3º.-Solicitudes.
1. Os interesados deberán cubrir a solicitude que
figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia,
remitila e presentala na delegación provincial da Vicepresidencia da Igualdade e
do Benestar que corresponda ou ben en calquera dos centros previstos no artigo
38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
2. A presentación da
solicitude de axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor
para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da
Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a
Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, para acreditar o
cumprimento dalgún dos requisitos establecidos nesta orde.
Xunto coa solicitude
presentarán así mesmo os seguintes documentos:
a) Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente
académico.
b) Xustificación de
ingresos da unidade familiar: dúas últimas nóminas, certificación positiva ou
negativa de percepción da prestación económica do Inem e xustificación doutros
ingresos familiares, se é o caso.
c) Proxecto sobre un obradoiro para realizar cos
menores dos centros que o soliciten.
d) Fotocopia compulsada dos certificados que
acrediten os coñecementos e habilidades en traballo e intervención educativa cos
menores na correspondente área, animación sociocultural e coñecementos
específicos en materia físico-deportiva.
e) Fotocopia compulsada da matrícula en
facultades, escolas universitarias ou centros de formación profesional e/ou do
título que acredite os estudos realizados.
f) Acreditación, se é o caso, da concesión destas
ou similares bolsas en anos anteriores de acordo co disposto no artigo 2, letra
d) desta orde.
g) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do
solicitante ou da tarxeta de residencia en réxime comunitario no suposto de
nacionais da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo legalmente
establecidos en España.
h) Certificado médico que acredite non padecer
defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do
centro.
i)
Declaración de non realizar actividades profesionais remuneradas por conta
propia ou allea, nin recibir bolsas equiparables ás da presente
convocatoria.
3. O prazo de presentación de solicitudes será un mes, contado a partir
do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Non obstante, os interesados disporán dun prazo de dez días para emendar
calquera falta ou acompañar os documentos preceptivos nos termos que establece o
artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Artigo 4º.-Dereitos dos
adxudicatarios.
A concesión da bolsa
comporta para o/a bolseiro/a:
a)
Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o comezo das prácticas. O
aloxamento será de tal xeito que lle permita o/a bolseiro/a a normal realización
dos seus estudos.
b) A asunción pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dos gastos
seguintes:
-Custos de matrícula de estudos universitarios ou de formación
profesional, ou nun curso de doutoramento, posgrao ou mestrado, ata un importe
de 210 euros, logo de xustificación.
-Custos pola adquisición de libros relacionados
cos estudos cursados, ata un importe de 120 euros, logo de
xustificación.
c) A asunción pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de ata 120
euros/mes durante nove meses en concepto de bolsa, logo de xustificación polo
director do centro da realización das prácticas nos meses
correspondentes.
d) A obtención, unha vez rematada a estadía no centro, dun diploma
acreditativo das prácticas realizadas, que lles será entregado polo/a delegado/a
provincial da Vicepresidencia, logo do informe favorable do director do
centro.
e) A
solicitude ás universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no caso
de ser alumnos delas, do recoñecemento de 2 créditos de libre elección
curricular.
Para o recoñecemento destes créditos, os alumnos deberán presentar nas
universidades que lles correspondan a seguinte documentación:
-Diploma ou certificación
acreditativa da superación das prácticas realizadas.
-Unha memoria da actividade realizada no
centro.
Estes créditos recoñeceranse
como de libre configuración curricular, sen que sexa posible superar os límites
que para estes efectos establecen os correspondentes plans de
estudos.
Artigo 5º.-Obrigas dos adxudicatarios.
A condición de bolseiro obriga o adxudicatario o
seguinte:
a) A realizar as tarefas
encomendadas pola dirección do centro e que esta considere acordes coa natureza
da bolsa en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal
xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.
Estes contarán co asesoramento e orientación dun titor encargado de coordinar,
definir e dirixir as tarefas do bolseiro, papel que será desempeñado polo
director do centro onde estean a realizar as ditas prácticas.
b) A gardar absoluta
confidencialidade sobre a documentación, datos persoais e familiares a que teñan
acceso como consecuencia das actividades levadas a cabo nas unidades en que
realicen as prácticas.
c) Non facer públicos de ningún xeito e, por
suposto, en ningún medio de comunicación público ou privado, agás que a
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar o autorice expresamente, os datos
obtidos ou observados de que se teña constancia por medio das prácticas
realizadas, relativos ás diferentes materias xurídico-administrativas referentes
aos centros (funcionamento, actividades, programas, persoal, etc.) que se
puidesen coñecer e utilizar en traballos de natureza académica.
d) A presentar unha
memoria da actividade realizada no centro ao término do período de prácticas e
estadía no centro, a cal lle será remitida á delegación provincial da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da provincia onde radique o centro en
que o bolseiro teña desenvolvido as prácticas.
e) Realizar unha
declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou
concedidas, polo mesmo concepto, das distintas administracións públicas
competentes.
f) Todas as demais obrigas que se establecen no artigo 78.4º do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no artigo 14.1º da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
A concesión e
aproveitamento dunha bolsa non suporá ningunha vinculación contractual ou
estatutaria entre o bolseiro e o centro a que quede adscrito, nin implica por
parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación
do interesado ao cadro de persoal deste, aínda que si a necesaria e natural
coordinación co horario, coas normas e coa disciplina do centro onde realiza a
súa formación.
Artigo 6º.-Duración das prácticas.
A duración das prácticas, e polo tanto as estadías nos centros dos
adxudicatarios das bolsas, será do 1 de outubro de 2007 ao 30 de xuño de
2008.
Artigo
7º.-Procedemento para a avaliación das solicitudes.
Para a adxudicación das bolsas procederase da
seguinte maneira:
1. Constituirase
unha comisión por cada provincia onde se sitúen os centros, presidida polo
respectivo xefe do Servizo de Persoas Maiores, Persoas con Discapacidade e
Menores e actuarán como vogais un funcionario designado polo delegado provincial
e os directores dos centros que deban recibir os bolseiros.
2. A dita comisión
examinará as solicitudes presentadas e valorará no seu conxunto os seguintes
datos:
a)
Expediente académico relativo á formación exixida (de 0 a 5 puntos).
b) Coñecementos específicos en animación
sociocultural e actividades deportivas (de 0 a 2 puntos).
c) Nocións e habilidades
en traballo e intervención educativa de menores (de 0 a 2 puntos)
d) Situación económica da
unidade familiar (de 0 a 6 puntos).
e) Entrevista persoal na cal se terán en conta as aptitudes e actitudes
persoais do solicitante (de 0 a 10 puntos).
A puntuación máxima será de 25
puntos.
3. Terán prioridade os
solicitantes que estean cursando ou teñan rematado os estudos de psicoloxía,
pedagoxía, psicopedagoxía, mestres de educación primaria ou educación física,
traballo social, educación social, técnicos superiores en animación
sociocultural, animación de actividades físicas e deportivas e integración
social.
4. A
comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das
solicitudes recibidas para cada centro e elevaralle a correspondente proposta de
resolución ao delegado provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de
presentación das instancias.
Se algún solicitante fose seleccionado para máis
dun centro, seralle comunicada tal circunstancia, para que, nun prazo non
superior a 10 días desde a data de comunicación, opte por un dos centros nos
cales foi seleccionado.
Artigo 8º.-Resolución.
1. Por delegación da competencia do
vicepresidente da Igualdade e do Benestar, a resolución correspóndelle ao
delegado provincial da Vicepresidencia que a ditará logo da fiscalización da
Intervención, comunicándollela tanto aos centros como a todos os solicitantes. O
prazo máximo para resolver será de 3 meses contado a partir do día seguinte ao
da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de non existir
resolución expresa, transcorrido o prazo, as solicitudes poderán entenderse
desestimadas.
Esta resolución ponlle fin á vía administrativa e contra ela poderá
interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a
partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ante o mesmo órgano
que a ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional
contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a
data da notificación.
A resolución establecerá os bolseiros
adxudicatarios e suplentes por orde de puntuación. Estes últimos serán chamados
automaticamente e pola orde establecida, cando por algunha circunstancia algún
dos adxudicatarios non reunise os requisitos e condicións exixidas, non puidese
formalizar a aceptación da bolsa ou, unha vez iniciadas as actividades, non
continuase na execución delas.
Excepcionalmente, e por causas de índole
académica debidamente xustificadas e que serán ponderadas pola Comisión
Provincial de Valoración, como pode ser o traslado de matrícula a outra
universidade, o aspirante poderá solicitar, en caso de que sexa posible, a
realización das prácticas en centros doutras provincias.
2. Os seleccionados terán
un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da bolsa para acreditar a
domiciliación bancaria, para efectos do pagamento, así como calquera outra
documentación alegada na solicitude que lle fose requirida pola delegación
provincial correspondente.
A non-presentación en prazo da acreditación
referida ou a non suficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude
suporá a perda do dereito á bolsa, procederase a adxudicarlla ao seguinte
solicitante que figure por orde de puntuación na lista confeccionada
inicialmente.
3. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se
produza algunha renuncia ou baixa nas bolsas ofertadas.
4. No caso de non haber
solicitudes para determinado centro ou as que houbera fosen valoradas
negativamente, a bolsa quedará sen adxudicar.
5. Unha vez lle sexa
asignada a bolsa para a realización das prácticas nun centro determinado,
deberase por en marcha o proxecto presentado para ese centro.
Artigo 9º.-Concorrencia
con outras axudas.
A achega prevista
nesta orde é compatible con outra que poida acadar o beneficiario, sempre que a
suma de todas elas non supere o custo total de actividade.
Artigo 10º.-Natureza da
relación entre o bolseiro e a Xunta de Galicia.
A concesión da bolsa non xera ningún tipo de
vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Xunta de
Galicia e o adxudicatario.
Artigo 11º.-Perda da condición de
bolseiro.
1. A condición de bolseiro
extínguese ao rematar o curso académico na data fixada no artigo 6º desta
convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.
Así mesmo, o
incumprimento por parte do bolseiro das obrigas a que se refire a presente orde,
a ausencia inxustificada, ou o non-cumprimento da disciplina do centro, a
obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou a
non utilización coa finalidade para a que foi concedida, serán causas da perda
da condición de bolseiro para todos os efectos.
2. A resolución pola que
se acorde esta decisión correspóndelle aos delegados provinciais desta
Vicepresidencia, logo da instrución do oportuno expediente de conformidade coa
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
Artigo 12º.-Reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da
subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de mora xerados desde o
momento do seu pagamento, nos casos establecidos no artigo 78.10º do texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a
redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no previsto no Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do
parágrafo anterior, entenderase como causa de reintegro o non-cumprimento
dalgunha das obrigas establecidas no artigo 5º desta orde.
Artigo 13º.-Actuacións de
comprobación.
As persoas que teñan a
condición de bolseiro, como receptores das axudas ou subvencións, estarán
sometidas ás actuacións de comprobación que acorde a Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar. Así mesmo, quedarán obrigados a facilitar toda a
información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas
funcións de fiscalización e control no destino das axudas.
Artigo
14º.-Alteración.
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención
concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou
entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á
modificación da resolución da concesión.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como
límite global o crédito consignado na aplicación orzamentaria 05.31.312B.481.0,
sempre que, en función das solicitudes presentadas ou outras circunstancias, se
incremente a cantidade inicialmente asignada para estes fins nesta orde,
mediante as oportunas modificacións orzamentarias e sen que afecte o prazo de
presentación de solicitudes previsto no artigo 3.3º desta orde.
Segunda.-Apróbase a
delegación de competencias nos delegados provinciais da Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do
29 de decembro, co obxecto de resolver a concesión, denegación, modificación ou
outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar
os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos e o recoñecemento das obrigas
e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto o artigo 73.a) do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Terceira.-As persoas que
teñan a condición de bolseiro, como receptores das axudas ou subvencións,
estarán sometidos ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre
infraccións nesta materia establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos
sociais; o artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se
aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,
e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de
axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Cuarta.-De conformidade
cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia
e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto
132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos
artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no
Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde; e incluirá
igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas
puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a
presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida
publicidade.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral do Benestar para ditar as normas
necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do
Benestar
Ver referencia pdf
"14100D002P007.PDF"
Ver referencia
pdf "14100D003P012.PDF"
Ver
referencia pdf "14100D003P012.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es