Diario Oficial de Galicia
venres, 22 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

120


Páxina do Dog:

10.842


Data da Disposición:

13 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 13 de xuño de 2007 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia a través do cheque infantil en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos e se procede a súa convocatoria.



Orde do 13 de xuño de 2007 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia a través do cheque infantil en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos e se procede a súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a educación infantil ten carácter voluntario e a súa finalidade é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual dos nenos. Por outra parte, establece esta lei orgánica que as Administracións públicas promoverán un incremento progresivo da oferta de prazas públicas no primeiro ciclo. Así mesmo, coordinarán as políticas de cooperación entre elas e con outras entidades para asegurar a oferta educativa neste ciclo.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo), así mesmo, adaptase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o Decreto 287/2000 do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.312A.470.0, recollida na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. Dado que este programa se estende na súa execución a parte do ano 2008 trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá a 602.812,00 euros na anualidade de 2007 e 1.053.409,00 euros na anualidade de 2008, correspondente ao curso 2007/2008.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto a convocatoria e regulación do proceso de concesión de axudas económicas para a atención de nenos/as de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos mediante o programa do cheque infantil.

Artigo 2º.-Tipo de axuda.
1. A axuda convocada consiste na provisión e cobertura total ou parcial do custo da praza adxudicada nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos ás persoas solicitantes con nenas/os entre 0 e 3 anos a cargo que desexen acollerse aos beneficios do programa cheque infantil.

2. Para os efectos desta axuda establécese o custo máximo da praza segundo o horario e servizos nas seguintes contías:

a) Praza ofertada durante un horario mínimo de 8 horas diarias: 130 €/mes.
b) Praza ofertada durante un mínimo de 8 horas diarias con servizo de comedor: 215 €/mes.

c) Praza ofertada en horario de tarde: 90 €/mes. Entendendo prazas con horario a partir das 15.00 horas un mínimo de catro horas.

No custo máximo da praza, exclúese o prezo de transporte, actividades extraescolares, material escolar, matrículas e outros análogos, que deberán ser aboadas, cando proceda, pola persoa usuaria.

3. A persoa beneficiaria participará, se é o caso, no pagamento da contía da praza segundo os prezos e tramos de renda fixados no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A contía máxima subvencionable será a diferenza resultante entre o importe máximo por praza segundo a modalidade e a achega que, se é o caso, corresponda aboar á persoa beneficiaria.

4. Como anexo I a esta orde especifícanse as achegas que lles corresponde aboar ás persoas beneficiarias así como a contía máxima mensual da axuda por praza segundo a renda per cápita e circunstancias familiares.

5. Para os efectos desta orde, considerase que as/os nenas/os de integración ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo incrementarase na contía correspondente ao custo dunha praza (130 €/mes para prazas con só asistencia, 215 €/mes para prazas con servizo de comedor e 90 €/mes para prazas en horario de tarde). A unidade familiar aboará ao centro a achega que corresponda segundo o establecido no anexo I.

6. A dispoñibilidade horaria das prazas correspondentes á prestación do cheque infantil estará nas mesmas condicións que o resto de prazas que oferte o centro.

Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.
1. Co obxecto de dar continuidade ás prazas adxudicadas no curso 2006/2007, terán preferencia para a concesión das axudas previstas nesta orde as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos que no curso 2006/2007 tivesen recoñecida esta axuda. En todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria e solicitar a reserva da praza adxudicada no ano anterior.

2. Poderán ser beneficiarias do programa cheque infantil galego, as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos:

a) Solicitantes de prazas, nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que non resultasen adxudicatarias/os dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Consideraranse solicitantes de oficio sempre que exercesen a opción polo programa cheque infantil na solicitude da praza. Neste caso, estas persoas solicitantes en lista de espera, non terán que presentar a solicitude da axuda regulada nesta orde.

b) Solicitantes residentes en localidades onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e desexen obter praza nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, nalgún centro partícipe do programa existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen as/os nais/pais ou titores legais.

c) Solicitantes de prazas en horario de tarde.
3. As persoas beneficiarias só poderán recibir a axuda correspondente a unha das modalidades establecidas.

Artigo 4º.-Requisitos das persoas beneficiarias.
As/os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ter unha/un nena/o a cargo nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2004.

b) Ter cumpridos a/o nena/o a cargo 3 meses na data de ingreso.
c) Non obter praza nunha escola infantil 0-3 sostida con fondos públicos.
d) Que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 1.000 euros.
e) Que existan prazas correspondentes ao grupo de idade da/do nena/o nos centros partícipes do programa no concello de residencia da persoa beneficiaria, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.

f) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.

Artigo 5º.-Renda per cápita mensual
1. Para efectos desta orde, entendese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, entendese por unidade familiar a formada polas/polos nais/pais e fillas/os menores de dezaoito anos ou fillas/os maiores de dezaoito anos, cunha minusvalía superior o 33%. No caso de familias monoparentais, e os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral mais a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.
1. Reserva de praza.
Aquelas/es beneficiarias/os que no curso 2006/2007 gozasen da axuda do programa Cheque infantil e continúen interesados na praza adxudicada no ano anterior ou, si e é o caso, noutra do mesmo centro, deberán presentar a solicitude simplificada que figura como anexo II a esta orde.


A esta solicitude xuntarase a documentación a que se refiren os puntos 6.2º c) e 6.2º d), así como a demais documentación no caso de se producir cambios nas circunstancias familiares.

2. No caso das/dos interesadas/os que se atopen no suposto do artigo 3º.2.B), así como aquelas/es interesadas/os que soliciten prazas en horario de tarde (art. 3º.2.C), as solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo oficial (anexo III) subscrita polas/os nais/pais ou representantes legais das/os nenas/os, na que se elixirá ata un máximo de cinco centros da lista de centros partícipes que figuran como anexo VII a esta orde, detallándose por orde de preferencia. Xunto á solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia simple do documento nacional de identidade ou outro documento acreditativo da identidade das/dos nais/pais ou representantes legais, segundo proceda.

b) Fotocopia cotexada do libro de familia, ou no seu defecto outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Declaración xurada de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas ou, de ser o caso, relación das solicitadas (anexo IV).

d) Xustificación de ingresos:
A presentación de solicitude comportará a autorización á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar tal e como se establece no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. Para estes efectos todos os membros con ingresos, que compoñen a unidade familiar, deberán asinar o anexo V desta orde.

Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica.

Naqueles casos en que por distintas razóns non se poidan acreditar as rendas de as/os nais/pais con escasos recursos, será preciso un informe da traballadora ou traballador social do concello.

e) En caso de nenas/os de integración: informe do equipo de valoración e orientación das delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar.

f) Certificado de minusvalía, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Outros documentos, se procede, en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Responsabilidades familiares.
-Certificado de invalidez ou minusvalidez da nai, pai, titora ou titor legal e ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

-Enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar.

-Certificación de ser demandante de emprego, da nai, pai, titora ou titor legal.
-Condición de familia monoparental, entendida como a formada pola nai ou pai solteira/o que non manteñan relación de convivencia ou situacións de separación, divorcio ou viuvez (acreditada mediante fotocopia compulsada do libro de familia e certificado de convivencia).

-Ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.
-Familia numerosa.
h) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

-Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuña ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

-Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia.

-Certificación dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

-Certificación dos servizos de acollida.
-Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
-Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
i) De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas na letra g), poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a delegación correspondente requiriralle á/ao solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase que desistiu da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termo previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7º.-Lugar e prazo das solicitudes.
1. As solicitudes coa documentación requirida presentarase na Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a/o solicitante, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes de reserva de praza, así como para as/os posibles beneficiarias/os do artigo 3.2º b) e 3.2º c), será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso das/dos posibles beneficiarias/os do artigo 3.2º a) non será precisa a presentación de solicitudes, considerándose de oficio como interesadas/os desde o momento en que, formando parte das listas de espera definitivas en centros sostidos con fondos públicos, exercesen a opción polo programa cheque infantil.

3. Con carácter excepcional, poderase presentar solicitudes fora do prazo establecido no punto 2 deste artigo cando se produza algunha das circunstancias que se indican a seguir:

a) Nacemento da/do nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Fillas/os de mulleres vítimas de violencia de xénero.
c) Cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente aprecien as delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas da xustificación acreditativa da circunstancia que a motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/do nena/o e de orzamento suficiente para esta finalidade.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.
1. A avaliación das solicitudes e a correspondente proposta de resolución será efectuada pola comisión de avaliación de solicitudes, que se constituirá en cada delegación provincial.

2. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:
-Presidencia: a/o xefa/e do servizo de Igualdade.
-Vogais: tres funcionarias/os da respectiva delegación designados pola/o delegada/o provincial, un dos cales actuará como secretaria/o.

-ÁEsta comisión poderá asistir tamén, con voz per sen voto, un/unha representante da intervención competente.

Artigo 9º.-Criterios de valoración das solicitudes.
1. A comisión de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado para este programa e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes, propoñerá a relación priorizada de persoas beneficiarias segundo os seguintes criterios:

a) Terán prioridade as persoas beneficiarias que no ano anterior gozasen desta axuda e pola súa vez optasen por reservar a praza adxudicada no curso 2006/2007. Naqueles casos en que non fose posible adxudicarlles a mesma praza, adxudicaráselle outra de similares características no mesmo centro ou noutro, o máis próximo ao da praza do curso 2006/2007.

b) O resto das peticións que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4º, seleccionaranse de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola/o interesada/o, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Na proposta de resolución figurarán por separado a relación de beneficiarias/os que reservan a praza adxudicada no ano anterior e as/os novas/os beneficiarias/os. Esta relación de persoas beneficiarias deberá indicar a correspondente puntuación e a asignación do centro no que se lle adxudica unha das prazas do programa do cheque infantil, con especificación, se é o caso, da axuda e da achega que lle corresponda. Na relación de persoas beneficiarias que reservan a praza non figurará a puntuación. No caso de que a demanda de axudas superase a oferta dispoñible, elaborarase unha lista de espera coa puntuación obtida en aplicación do baremo por cada unha delas.

A/o solicitante que rexeite unha praza adxudicada polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluído da lista de espera a que se refire o parágrafo anterior.

3. Con posterioridade á primeira comisión de avaliación de axudas, a dita comisión poderase reunir tantas veces como sexa preciso ao longo do curso 2007/2008 para realizar novas propostas de adxudicación de prazas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e prazas ofertadas polos centros partícipes.


Artigo 10º.-Resolución.
1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de avaliación, e despois da súa fiscalización pola intervención territorial, correspóndelles por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, ás/aos delegadas/os provinciais da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

2. As/os delegadas/os provinciais da Igualdade e do Benestar, á vista da proposta da comisión de avaliación, ditarán a resolución pertinente, na que se fixará a praza correspondente nun centro partícipe e os termos da axuda, especificando, se é o caso, a parte de pagamento correspondente á persoa beneficiaria. O seu contido seralles notificado ás/aos interesadas/os de acordo co establecido no art. 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As persoas beneficiarias do programa disporán dun prazo de 10 días a partir da notificación da resolución para confirmar a praza no centro asignado, doutro xeito consideraranse decaídos no seu dereito.

4. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da data da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

5. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Procedemento de materialización da axuda.
1. As persoas beneficiarias recibirán cheques infantís mensuais que entregarán ao centro partícipe xunto coa achega, se é o caso, nos dez primeiros días do mes das prestacións. O centro entregaralle á persoa beneficiaria o correspondente xustificante de pagamento e factura polo total do servizo, con especificación da achega que lle corresponde aboar.

2. Os cheques serán efectivos a partir da data que se fixe na resolución de concesión da axuda, podendo ser esta data anterior da data da resolución, sempre que a persoa beneficiaria comezase a gozar do servizo. En todo caso, o primeiro mes en que se realice a prestación, as/os beneficiarias/os non recibirán o cheque infantil que lles puidese corresponder senón que este será aboado de oficio pola Administración ao centro partícipe.

O prazo máximo que se lle concede á persoa beneficiaria para comezar a gozar do servizo é de quince días contados desde a data en que o cheque comeza a ser operativo, salvo prórroga excepcional proposta pola comisión de avaliación cando se acredite causa xustificada de demora.

3. Unha vez realizada a prestación do servizo, o centro enviará á delegación provincial correspondente unha relación certificada das persoas beneficiarias segundo os servizos prestados, xunto aos cheques infantís correspondentes.

Os centros partícipes, antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 12º.-Cambio de centro partícipe.
Durante o curso 2007/2008 as delegacións provinciais, dentro do ámbito provincial, poderán autorizar a persoa beneficiaria o cambio de centro partícipe cando existan motivos excepcionais debidamente xustificados non previsibles no momento da solicitude. En todo caso estas autorizacións estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/do nena/o.

As solicitudes para cambio de centro partícipe dirixiranse á delegación provincial que corresponda acompañadas da xustificación acreditativa da circunstancia que motiva o cambio.

Artigo 13º.-Baixas.
Serán causas de baixa no programa do cheque infantil e na praza asignada no centro partícipe do dito programa, algunha das circunstancias seguintes:

1. Non acudir ao centro asignado dentro dos 15 días seguintes á data que figura na resolución para ser efectivo o cheque ou ben non poñerse en contacto co centro nese período.

2. A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

3. Incumprimento do deber establecido no artigo 11.1º respecto da entrega do cheque infantil ao centro e pagamento, se é o caso, da achega correspondente.

Artigo 14º.-Obrigas das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 78.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e ademais especificamente a:

a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar o cheque infantil á finalidade para a que se concede.
c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 15º.-Reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no art. 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas á persoa beneficiaria con motivo da concesión da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 8 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos puntos 4 e 6 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidade orzamentarias consignadas para esta finalidade e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes do programa nas localidades en que se solicitan.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nas/os delegadas/os provincias da Igualdade e do Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 78.3 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artículo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Cuarta.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a secretaria Xeral da Igualdade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar


ANEXO VI
Baremo de aplicación ás solicitudes de axudas de atención á primeira infancia no programa cheque infantil

1º. Situación socio-familiar.
1.1. Por cada membro da unidade familiar 2 puntos
1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea a cargo dela 1 puntos.

1.3. No caso de que a nena/o para a/o que se solicita praza nacera nun parto múltiple 1 puntos.

1.4. Por cada membro da unidade familiar, afectado por minusvalidez física, psíquica ou sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental 3 puntos.
1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais 6 puntos.
1.7. Por irmá/án, ás/ns con praza renovada no centro para o que se solicita a praza: 3 puntos.

1.8. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.
1.9. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.
2º. Situación laboral familiar.
2.1. Situación laboral de ocupación:
-Nai: 3 puntos.
-Pai: 3 puntos.
2.2. Situación laboral de desemprego (1):
-Nai: 2 puntos.
-Pai: 2 puntos.
(1)Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día 28 de marzo de 2007.

No caso de familias monoparentais, adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

3º. Situación económica.
R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente :

-Inferior ao 25% do IPREM: +4 puntos.
-Entre o 25% e o 50 % do IPREM: +3 puntos.
-Superior ao 50 % e inferior ó 75% do IPREM: +2 puntos.
-Entre o 75 % e o 100 % do IPREM: +1 puntos.
-Superior ao 100% e inferior ao 125% do IPREM: -1 punto.
-Entre o 125 % e o 150 % do IPREM: -2 puntos.
-Superior ó 150% e inferior ao 200 % do IPREM: -3 puntos.
-Igual ou superior ao 200% do IPREM: -4 puntos.
En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa, e tras a aplicación deste criterio, terán preferencias as solicitudes de atención con servizo de comedor.

Para efectos desta orde estan a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.






[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es