Diario Oficial de Galicia
luns, 25 de xuño de 2007
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Número do Dog:
121
Páxina do Dog:
10.919
Data da Disposición:
13 de xuño de 2007
Sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:
PRESIDENCIA
Rango:
Lei
Título:
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Exposición de motivos
I A concesión de subvencións constitúe hoxe un
instrumento básico e indispensable para a consecución dos obxectivos fixados na
política social e económica do Goberno da Comunidade Autónoma. A súa
complexidade e variación, así como a importancia dos recursos afectados, require
a súa consideración desde varias perspectivas, como actividade administrativa,
como modalidade de gasto público e incluso como instrumento de planificación
económica, pero con trazos propios desta área que sosteñen a súa regulación nun
marco xurídico único, cuxas características xerais se establezan mediante lei do
Parlamento de Galicia.
A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, incide na regulación autonómica existente coa vocación de lle
outorgar un tratamento homoxéneo á relación xurídica subvencional nas diferentes
administracións públicas, o que fundamentou a dotación de carácter básico de
gran parte dos seus preceptos. Pero a ordenación dun réxime xurídico común desta
relación, como finalidade nuclear da citada lei, debe conciliarse, dentro do
respecto á regulación básica, co desenvolvemento do réxime xurídico propio
correspondente ao ámbito competencial autonómico. Neste sentido, é obxecto desta
lei o establecemento dunha regulación congruente coas peculiaridades da
organización da Administración da Comunidade Autónoma e dos seus mecanismos de
financiamento, impulsora da xestión eficaz e eficiente dos seus recursos, pero
que, ao tempo, profunde na salvagarda do interese público.
Esta lei é tamén
aplicable ás entidades locais de Galicia, aínda que cunha previsión de
adaptación regulamentaria que atende ás específicas condicións de organización e
funcionamento delas.
A lei procura, ao longo do seu articulado, a aplicación de principios
xurídicos básicos na materia subvencional, mediante a adopción de medidas
concretas axeitadas aos seus enunciados. A transparencia, eficacia e eficiencia
na xestión fundamentan, entre outras, as obrigas de publicidade en distintos
momentos dos procedementos, a asunción a nivel legal das directrices básicas dos
rexistros de subvencións, o fomento do uso intensivo das tecnoloxías da
información e das comunicacións na tramitación administrativa e a implantación
do procedemento abreviado de concesión.
II
A
lei divide o seu articulado en cinco títulos, integrados por sesenta e oito
artigos, oito disposicións adicionais, tres disposicións transitorias e unha
derrogatoria.
O título preliminar recolle a definición do ámbito de aplicación da
norma, o concepto de subvención, as figuras do beneficiario e as entidades
colaboradoras e as obrigas derivadas de tal condición, a forma de aprobación das
bases reguladoras e o seu contido, así como a publicidade das subvencións
concedidas. Neste título establécense os principios reitores da xestión das
subvencións, cuxas manifestacións aparecen ao longo do texto legal.
No que respecta ao órgano
concedente para a concesión das subvencións no ámbito da Administración da Xunta
de Galicia, a competencia atribúeselles con carácter xeral aos titulares das
consellarías, aínda que será necesaria a autorización do Consello da Xunta cando
se supere determinado límite cuantitativo.
A extensa enumeración dos extremos integrantes
das bases reguladoras responde á necesidade de configuralas como o elemento
básico definitorio da relación que se constitúa entre a administración xestora e
o beneficiario da subvención, para o que se procurará o pleno coñecemento dos
dereitos e deberes que lle corresponden e a instauración da relación con plena
seguridade xurídica.
Co fin de avanzar nos obxectivos de transparencia mediante a transición
dos procedementos tradicionais da chamada administración electrónica, prevese o
establecemento nas bases reguladoras da tramitación telemática dos procedementos
administrativos.
III
O título I destínase a
regular os procedementos de concesión e xestión das subvencións.
O procedemento ordinario
de concesión será o de concorrencia competitiva. Non obstante, a lei flexibiliza
a aplicación do réxime naqueles supostos nos que a propia natureza da subvención
fai innecesaria a comparación nun único procedemento das solicitudes presentadas
e cuxa concesión se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos
requisitos establecidos nas bases reguladoras, permitindo o establecemento de
prazos de solicitude abertos de forma continuada ata o esgotamento do crédito
orzamentario.
O procedemento de concesión directa, excluído das previsións da lei no
referente á aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, só será
aplicable nos supostos nos que exista dotación nominativa nos orzamentos xerais
da Comunidade, nos que se impoñan por norma de rango legal ou cando, con
carácter excepcional, se acrediten razóns de interese público, social, económico
ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa
convocatoria pública.
Este título ocúpase finalmente da regulación da
xustificación e xestión orzamentaria das subvencións.
IV
O título II aborda o réxime xurídico da
invalidez, a revogación e o reintegro de subvencións e establece as súas causas.
A iniciación e resolución dos procedementos correspóndelle ao órgano xestor das
subvencións.
O prazo de prescrición en materia de reintegro regúlase especificamente
na lei, e redúcese, de xeito equiparable ao establecido en materia sancionadora,
a catro anos para lograr unha maior coherencia entre ambos os dous
procedementos.
A lei regula expresamente as figuras da compensación e retención de
pagamentos para unha máis áxil recuperación dos recursos públicos.
V
O título III dedícase ao control financeiro sobre
a concesión e aplicación das subvencións, e esta modalidade de control prima
sobre os previos que se establecen nas anteriores fases de xestión. O control da
concesión e aplicación das subvencións cobra plena substantividade como
procedemento administrativo, ao se constituír unha relación administrativa
funcional de carácter singular entre o órgano que controla, pertencente á esfera
administrativa, e o beneficiario ou a entidade suxeitos ao control. Neste
sentido, refórzanse as facultades do persoal controlador e o deber de
colaboración nas actuacións, ao tempo que se manteñen as garantías de
procedemento establecidas en defensa dos dereitos dos beneficiarios. Trátase, en
definitiva, de conciliar os seus lexítimos intereses particulares coa axilidade
nos procedementos de control e reintegro para velar pola recuperación ou polo
resarcimento dos intereses públicos.
Para finalizar, o título IV regula a potestade
sancionadora no ámbito subvencional, no que se establecen as enumeracións de
infraccións e sancións consonte a normativa básica estatal. A lei reforza o
principio de tipicidade que rexe no dereito sancionador coa delimitación máis
precisa da ponderación dos criterios de graduación en relación co importe da
sanción, e reduce as marxes de discrecionalidade do órgano competente para
sancionar a prol dunha maior seguridade xurídica.
A lei establece a
publicidade das resolucións sancionadoras graves ou moi graves, firmes na vía
xudicial, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, e así mesmo todas as
sancións administrativas firmes figurarán no Rexistro Público de Subvencións con
expresión das persoas físicas ou xurídicas afectadas, da normativa infrinxida e
do importe da sanción.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia
aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo
24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
promulgo en nome de El-Rei a Lei de subvencións de Galicia.
Título
preliminar
Disposicións
xerais
Capítulo I
Do ámbito de aplicación da lei
Artigo 1.-Obxecto.
Esta lei ten por obxecto a regulación do réxime
xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lles corresponde á
Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades
vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia,
incluídos os organismos e entidades dependentes delas.
Artigo
2.-Concepto.
1. Enténdese por
subvención, para os efectos desta lei, toda disposición dineraria realizada pola
Administración da Comunidade Autónoma, ou por unha entidade vinculada ou
dependente dela, a favor de persoas públicas ou privadas, e que cumpra os
seguintes requisitos:
a) Que a entrega se realice sen contraprestación
directa dos beneficiarios.
b) Que a
entrega estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, á execución dun
proxecto, á realización dunha actividade, á adopción dun comportamento singular,
xa realizados ou por desenvolver, ou á concorrencia dunha situación, e o
beneficiario debe cumprir as obrigas materiais e formais que se
establecesen.
c) Que o proxecto, a acción, a conduta ou a situación financiada teña por
obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou a
promoción dunha finalidade pública.
2. Non teñen o carácter de
subvencións:
a) As prestacións
previstas no artigo 2.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións,
destinadas a persoas físicas, e as prestacións autonómicas de natureza similar a
estas ou de carácter asistencial.
b) Os beneficios fiscais a favor dos usuarios de
bens e de servizos públicos aplicables nos prezos
correspondentes.
c) As achegas
dinerarias a favor doutras administracións e a favor dos organismos e das
entidades dependentes da Administración da Comunidade Autónoma sometidos ao
ordenamento autonómico destinadas a financiar global ou parcialmente a súa
actividade con carácter indiferenciado.
d) As achegas dinerarias a favor doutras
administracións públicas ou das súas entidades dependentes, establecidas
mediante norma legal ou regulamentaria e destinadas a financiar actividades da
súa competencia ou impostas por unha norma emanada da administración
outorgante.
3. Serán aplicables os preceptos desta lei aos actos ou negocios
xurídicos que de acordo coa súa verdadeira natureza impliquen a concesión de
subvencións consonte o disposto no apartado primeiro deste artigo, con
independencia da forma ou denominación que lle desen as partes.
Artigo 3.-Ámbito de
aplicación.
1. A lei é aplicable ás
subvencións establecidas ou xestionadas por:
a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Os organismos autónomos e as entidades de
dereito público do artigo 12. 1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia.
c) As entidades locais de Galicia, incluídos os
organismos e entes dependentes delas.
2. Serán aplicables os principios de xestión
contidos no artigo 5.2 desta lei e os de información aos que fai referencia o
artigo 16 ás achegas dinerarias sen contraprestación que realicen os demais
entes vinculados ou dependentes da Xunta de Galicia e das entidades locais
galegas. En todo caso, as achegas gratuítas terán relación directa co obxecto da
actividade contido na norma de creación ou nos seus estatutos. A concesión
destas achegas deberá axustarse ás normas de procedementos elaboradas polas
entidades en aplicación dos citados principios.
3. As subvencións
establecidas pola Unión Europea, o Estado ou outro ente público, cuxa xestión
lle corresponda, total ou parcialmente, á Administración da Comunidade Autónoma,
así como o financiamento complementario das ditas subvencións que poida outorgar
esta administración, rexeranse polo réxime xurídico do ente que as estableza,
sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento propios da
Administración da Comunidade Autónoma. En calquera caso, esta lei aplicarase con
carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas
pola Unión Europea.
Artigo 4.-Exclusións do ámbito material de aplicación.
1. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta
lei os seguintes supostos:
a) Os
premios que se outorguen sen previa solicitude do beneficiario.
b) As subvencións previstas na lexislación de
réxime electoral e na lexislación de financiamento dos partidos políticos, as
subvencións aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e as achegas
percibidas polos grupos políticos das entidades locais, que se rexerán pola súa
normativa específica.
2. Os créditos concedidos a particulares sen xuro
ou con xuro inferior ao do mercado así como as subvencións aos xuros dos
créditos concedidos a particulares rexeranse pola súa normativa específica e no
seu defecto polas prescricións desta lei que sexan axeitadas á natureza de tales
operacións, en particular, os principios xerais, os requisitos e as obrigas de
beneficiarios e entidades colaboradoras e o procedemento de
concesión.
Capítulo II
Disposicións
comúns ás subvencións públicas
Artigo
5.-Principios xerais.
1. Os órganos
da administración que propoñan o establecemento de subvencións, con carácter
previo, deberán concretar nun plan estratéxico de subvencións os obxectivos e
efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo necesario para a súa
consecución, os custos previsibles e as súas fontes de financiamento, e
supeditaranse, en todo caso, ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade
orzamentaria.
2. A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de
acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia,
obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no
cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.
c) Eficiencia na
asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 6.-Requisitos para o outorgamento das
subvencións.
1. Naqueles casos nos
que, de acordo co disposto nos artigos 87 a 89 do Tratado constitutivo da Unión
Europea, deban comunicarse os proxectos para o establecemento, a concesión ou a
modificación dunha subvención deberán notificárselle á Comisión Europea de
acordo co disposto no artigo 10 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
nos termos que se establezan regulamentariamente.
2. Con carácter previo ao
outorgamento das subvencións, deberán aprobarse as bases reguladoras de
concesión nos termos establecidos nesta lei.
3. As bases reguladoras de cada tipo de
subvención publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do órgano
concedente.
4. Adicionalmente, o outorgamento dunha subvención debe cumprir os
seguintes requisitos:
a) A competencia para outorgala do órgano
administrativo concedente.
b) A
existencia de crédito axeitado e suficiente para atender as obrigas de contido
económico que derivan da concesión da subvención.
c) A tramitación do
procedemento de concesión de acordo coas normas que resulten
aplicables.
d) A fiscalización previa dos actos de contido económico, nos termos
previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
e) A
aprobación do gasto polo órgano competente.
Artigo 7.-Órganos competentes para a concesión de
subvencións.
1. Os conselleiros, os
presidentes ou directores dos organismos autónomos e os órganos reitores dos
demais entes, de acordo coas súas leis de creación ou normativa específica
dentro do seu ámbito de competencia, serán competentes para conceder
subvencións.
2. Non obstante, requirirá autorización do Consello da Xunta a concesión
de subvencións que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario. A
autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo
caso ao órgano competente para a concesión da subvención.
3. As facultades dos
órganos competentes para a concesión de subvencións poderán ser desconcentradas
ou delegadas nos termos fixados nas normas sobre a atribución e o exercicio de
competencias.
4. A competencia para conceder subvencións nas entidades locais
correspóndelles aos órganos que a teñan atribuída na súa normativa
específica.
Artigo 8.-Beneficiarios.
1.
Terá a consideración de beneficiario de subvencións a persoa que deba realizar a
actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación que
lexitima a súa concesión.
2. Cando o beneficiario sexa unha persoa
xurídica, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras, os membros
asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte
das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do
primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.
3. Cando se prevexa
expresamente nas bases reguladoras, poderán acceder á condición de beneficiario
as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as
comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio
separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os
proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que
motiva a concesión da subvención.
Cando se trate de agrupacións de persoas físicas
ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar
expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os
compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o
importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente
a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un
representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para
cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non
poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición
previsto nos artigos 35 e 63 desta lei.
Artigo 9.-Entidades colaboradoras.
1. Será entidade colaboradora aquela que,
actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos
relacionados coa subvención, lles entregue e distribúa os fondos públicos aos
beneficiarios cando así se estableza nas bases reguladoras, ou colabore na
xestión da subvención sen que se produza a previa entrega e distribución dos
fondos recibidos. Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu
patrimonio.
Igualmente terán esta condición os que sendo denominados beneficiarios
conforme a normativa comunitaria teñan encomendadas, exclusivamente, as funcións
enumeradas no parágrafo anterior.
2. Poderán ser consideradas entidades
colaboradoras os organismos e demais entes públicos, as sociedades mercantís
participadas íntegra ou maioritariamente polas administracións públicas, os
organismos ou entes de dereito público e as asociacións ás que se refire a
disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases
do réxime local, así como as demais persoas xurídicas públicas ou privadas que
reúnan as condicións de solvencia e eficacia que se establezan.
3. A Administración xeral
do Estado, outras comunidades autónomas e as corporacións locais poderán actuar
como entidades colaboradoras das subvencións concedidas pola Comunidade Autónoma
de Galicia ou os seus organismos públicos e demais entes que teñan que axustar a
súa actividade ao dereito público. De igual forma, e nos mesmos termos, a
Comunidade Autónoma e os seus organismos públicos poderán actuar como entidades
colaboradoras respecto das subvencións concedidas pola Administración xeral do
Estado, outras comunidades autónomas e as corporacións locais.
Artigo 10.-Requisitos
para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora.
1. Poderán obter a
condición de beneficiario ou entidade colaboradora as persoas ou entidades que
se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención ou nas que
concorran as circunstancias previstas nas bases reguladoras e na
convocatoria.
2. Non poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora
das subvencións reguladas nesta lei as persoas ou entidades nas que concorra
algunha das circunstancias seguintes, salvo que pola natureza da subvención se
exceptúe pola súa normativa reguladora:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena
de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a
declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento,
acharse declarados en concurso, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser
inhabilitados conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de
inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa
da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato
subscrito coa administración.
d) Estar incursa a persoa física, os
administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación
legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que
estableza a normativa vixente.
e) Non acharse ao corrente no cumprimento das
obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento
algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos
termos que regulamentariamente se determinen.
f) Ter a residencia
fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso
fiscal.
g)
Non acharse ao corrente de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos
termos que regulamentariamente se determine.
h) Ser sancionado mediante resolución firme coa
perda da posibilidade de obter subvencións segundo esta lei ou a Lei xeral
tributaria.
Non poderán acceder á condición de beneficiarios as agrupacións previstas
no segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei cando concorra algunha
das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
3. En ningún caso poderán
obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora das subvencións
reguladas nesta lei as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas
nos apartados 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo,
reguladora do dereito de asociación.
Tampouco poderán obter a condición de
beneficiario ou entidade colaboradora as asociacións respecto das que se
suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios
racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei
orgánica 1/2002, en tanto non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude
poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
4. As prohibicións
contidas nas letras b), d), e), f) e g) do apartado 2 e no apartado 3 deste
artigo apreciaranse de forma automática e subsistirán mentres concorran as
circunstancias que, en cada caso, as determinen.
5. As prohibicións
contidas nas letras a) e h) do apartado 2 deste artigo apreciaranse de forma
automática. O alcance da prohibición será o que determine a sentenza ou
resolución firme. Na súa falta, o alcance fixarase de acordo co procedemento
determinado regulamentariamente, sen que poida exceder de cinco anos no caso de
que a prohibición non derive de sentenza firme.
6. A apreciación e o
alcance da prohibición contida na letra c) do apartado 2 deste artigo
determinaranse de acordo co establecido no artigo 21, en relación co artigo
20.c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas,
aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.
7. A xustificación por
parte das persoas ou entidades de non estar incursos nas prohibicións para obter
a condición de beneficiario ou entidade colaboradora, sinaladas nos apartados 2
e 3 deste artigo, poderá realizarse mediante testemuño xudicial, certificados
telemáticos ou transmisións de datos, de acordo co establecido na normativa
correspondente ou mediante certificación administrativa, segundo os casos. O
dito documento poderá ser substituído por unha declaración
responsable.
Artigo 11.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas do beneficiario:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou
adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
b) Xustificar ante o
órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos
requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o
cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da
subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano
concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra
actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os
órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios,
para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das
actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á
entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou
recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación
das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá
efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á
xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Acreditar con
anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se
encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á
Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa
Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine
regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional
décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
f) Dispoñer dos libros
contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos
termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario
en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan
esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o
axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
g) Conservar os
documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os
documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de
comprobación e control.
h) Adoptar as medidas de difusión contidas no
apartado 3 do artigo 15 desta lei.
i)
Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33
desta lei.
Artigo 12.-Obrigas das entidades colaboradoras.
Son obrigas da entidade colaboradora:
a) Entregarlles aos beneficiarios os fondos
recibidos de acordo cos criterios establecidos nas bases reguladoras da
subvención e no convenio subscrito coa entidade concedente.
b) Comprobar, se é o
caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos
determinantes para o seu outorgamento, así como a realización da actividade e o
cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da
subvención.
c) Xustificar a entrega dos fondos percibidos ante o órgano concedente da
subvención e, se é o caso, entregar a xustificación presentada polos
beneficiarios.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos
devanditos fondos poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra de
comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control
competentes, tanto estatais coma comunitarios, para o que se achegará canta
información lle sexa requirida no exercicio das actuacións
anteriores.
Artigo 13.-Convenio de colaboración con entidades
colaboradoras.
1. Formalizarase un
convenio de colaboración entre o órgano administrativo concedente e a entidade
colaboradora no que se regularán as condicións e obrigas asumidas por
esta.
2. O
convenio de colaboración deberá conter, como mínimo, os seguintes
extremos:
a) Definición do obxecto da
colaboración e da entidade colaboradora.
b) Identificación da normativa reguladora especial das subvencións que
van ser xestionadas pola entidade colaboradora.
c) Prazo de duración do
convenio de colaboración.
d) Medidas
de garantía que sexa preciso constituír a favor do órgano administrativo
concedente, medios de constitución e procedemento de cancelación.
e) Requisitos que debe
cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do
procedemento de xestión das subvencións.
f) En caso de colaboración na distribución dos
fondos públicos, determinación do período de entrega dos fondos á entidade
colaboradora e das condicións de depósito dos fondos recibidos ata a súa entrega
posterior aos beneficiarios.
g) En caso de colaboración na distribución dos
fondos públicos, condicións de entrega aos beneficiarios das subvencións
concedidas polo órgano administrativo concedente.
h) Forma de xustificación
por parte dos beneficiarios do cumprimento das condicións para o outorgamento
das subvencións e dos requisitos para a verificación desta.
i) Prazo e forma da
presentación da xustificación das subvencións achegada polos beneficiarios e, en
caso de colaboración na distribución dos fondos públicos, de acreditación por
parte da entidade colaboradora da entrega dos fondos aos
beneficiarios.
j) Determinación dos libros e rexistros contables específicos que debe
levar a entidade colaboradora para facilitar a axeitada xustificación da
subvención e a comprobación do cumprimento das condicións
establecidas.
k) Obriga de reintegro dos fondos no suposto de incumprimento dos
requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo
caso, nos supostos regulados no artigo 33 desta lei.
l) Obriga da entidade
colaboradora de someterse ás actuacións de comprobación e control previstas na
letra d) do artigo 12 desta lei.
m) Compensación económica que, se é o caso, se
fixe a favor da entidade colaboradora.
3. Cando a Administración xeral do Estado, a
administración doutras comunidades autónomas ou as corporacións locais actúen
como entidades colaboradoras, a Administración da Comunidade Autónoma ou os
organismos públicos vinculados ou dependentes dela subscribirán con aquelas os
correspondentes convenios nos que se determinen os requisitos para a
distribución e entrega dos fondos e os criterios de xustificación e de rendición
de contas.
4.
Cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado,
seleccionaranse previamente mediante un procedemento sometido aos principios de
publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración
formalizarase mediante convenio, salvo que por obxecto da colaboración resulte
de aplicación plena o texto refundido da Lei de contratos das administracións
públicas aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de
xuño.
O
contrato, que incluirá necesariamente o contido mínimo previsto no apartado 2
deste artigo, así como o que resulte preceptivo de acordo coa normativa
reguladora dos contratos administrativos, deberá facer mención expresa ao
sometemento do contratista ao resto das obrigas impostas ás entidades
colaboradoras por esta lei.
Artigo 14.-Bases reguladoras da concesión das
subvencións.
1. Sen prexuízo de que o
Consello da Xunta determine os criterios básicos, os órganos concedentes
establecerán con carácter previo á disposición dos créditos as bases reguladoras
aplicables á concesión.
As citadas bases serán obxecto de publicación no
Diario Oficial de Galicia e na páxina web do órgano concedente, e conterán, como
mínimo, os seguintes extremos:
a) Definición precisa do obxecto da
subvención.
b) Requisitos que deberán
reunir os beneficiarios para a obtención da subvención e, se é o caso, dos
membros das entidades previstas no apartado 2 e segundo parágrafo do apartado 3
do artigo 8, prazo e forma de acreditalos e prazo e forma nos que deben
presentarse as solicitudes.
c) Criterios obxectivos de adxudicación da
subvención e, se é o caso, ponderación deles.
d) Contía individualizada
da subvención ou criterios para a súa determinación.
e) Procedemento de concesión da
subvención.
f) Órganos competentes
para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión e prazo
no que será notificada a resolución.
g) Composición, se é o caso, do órgano colexiado
avaliador previsto no artigo 21 desta lei.
h) Prazo e forma de xustificación por parte do
beneficiario do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención ou
a axuda pública e da aplicación dos fondos percibidos.
i) No suposto de prever a
posibilidade de realizar aboamentos á conta e anticipados, prazos, modo de
pagamento e réxime particular de garantías que, se é o caso, deban achegar os
beneficiarios, así como aqueloutras medidas de garantía a favor dos intereses
públicos que poidan considerarse precisas.
j) Obriga do reintegro, total ou parcial, da
subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das
condicións establecidas para a súa concesión.
k) Obriga do beneficiario
de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das
subvencións.
l) Se é o caso, condicións de solvencia e eficacia que teñan que reunir
as entidades colaboradoras.
m) Circunstancias que, como consecuencia da
alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderán
dar lugar á modificación da resolución.
n) Criterios de graduación dos posibles
incumprimentos de condicións impostas con motivo da concesión das subvencións.
Estes criterios resultarán aplicables para determinar a cantidade que finalmente
teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar,
e deberán responder ao principio de proporcionalidade.
ñ) Información aos
interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos
previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección
de datos de carácter persoal. Así mesmo, deberán prever a posibilidade de que os
interesados fagan constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus
datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do apartado 2 do
artigo 15 desta lei.
o) Expresión dos recursos que procedan contra a resolución da concesión,
con indicación do órgano administrativo ou xudicial perante o que teñan que
presentarse, prazo para interpoñelos e demais requisitos esixidos pola normativa
xeral aplicable.
p) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións ou axudas
para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de
entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
2. As bases reguladoras deberán prever o uso e a aplicación de medios
telemáticos nos procedementos de concesión e xustificación das axudas e
subvencións e de presentación e resolución de recursos sobre elas. Nestes
supostos deberán indicar os trámites que poden ser cumpridos por esta vía e os
medios electrónicos e sistemas de comunicación utilizables, que deberán
axustarse ás especificacións establecidas pola consellaría competente en materia
de economía e facenda.
Artigo 15.-Publicidade das subvencións
concedidas.
1. Os órganos
administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as
subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito
orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a
finalidade ou as finalidades da subvención.
Igualmente, farano na correspondente páxina web
oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
2. Non será necesaria a
publicación nos seguintes supostos:
a) Cando as subvencións públicas teñan asignación nominativa nos
orzamentos.
b) Cando o seu
outorgamento e a súa contía, a favor de beneficiario concreto, resulten impostos
en virtude de norma de rango legal.
c) Cando os importes das subvencións concedidas,
individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros. Neste
suposto, as bases reguladoras deberán prever a utilización doutros procedementos
que, de acordo coas súas especiais características, contía e número, aseguren a
publicidade dos beneficiarios destas e deberán, en todo caso, publicarse na
páxina web oficial do órgano administrativo concedente nos termos establecidos
na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na
Administración pública galega.
d) Cando a publicación dos datos do beneficiario
en razón do obxecto da subvención poida ser contraria ao respecto e salvagarda
do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do
establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito
ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e sexa previsto na
súa normativa reguladora.
3. Os beneficiarios deberán dar a axeitada
publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades,
investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención,
nos termos regulamentariamente establecidos.
Artigo 16.-Rexistro Público de
Subvencións
1. O Rexistro de Axudas,
Subvencións e Convenios, e mais o de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da
Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para
o ano 2006, terán o contido e a forma que regulamentariamente se
determinen.
2. O Rexistro Público de Subvencións haberá de servir, polo menos, aos
seguintes fins:
a) A ordenación e o coñecemento da actividade subvencional da Comunidade
Autónoma.
b) A coordinación coas bases de datos establecidas pola Unión Europea, a
Administración xeral do Estado e outras entidades públicas.
c) A elaboración de
estudos e análise sobre a actividade subvencional da Comunidade
Autónoma.
d)
A colaboración cos órganos e institucións de control deste tipo de
actividade.
3. Os suxeitos previstos no artigo 3 desta lei deberán facilitarlle á
consellaría competente en materia de economía e facenda información sobre as
subvencións por eles xestionadas nos termos previstos
regulamentariamente.
Artigo 17.-Financiamento das actividades subvencionadas.
1. A normativa reguladora da subvención poderá
esixir un importe de financiamento propio para cubrir a actividade
subvencionada. A achega de fondos propios ao proxecto ou acción subvencionada
terá que ser acreditada nos termos previstos no artigo 28 desta lei.
2. A normativa reguladora
da subvención determinará o réxime de compatibilidade ou incompatibilidade para
a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma
finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou
privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen
prexuízo do disposto no apartado seguinte.
3. O importe das subvencións en ningún caso
poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras
subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade
subvencionada.
4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da
subvención, e en todo caso a obtención concorrente doutras achegas fóra dos
casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da
subvención.
5. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos
beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse
igualmente á actividade subvencionada, salvo que, por razóns debidamente
motivadas, se dispoña o contrario nas bases reguladoras da
subvención.
Este apartado non será aplicable nos supostos nos que o beneficiario sexa
unha administración pública.
Artigo 18.-Réxime de garantías.
O réxime das garantías, os medios de
constitución, o depósito e a cancelación que teñan que constituír os
beneficiarios ou as entidades colaboradoras estableceranse
regulamentariamente.
Título I
Procedementos de
concesión e xestión das subvencións
Capítulo I
Do procedemento de
concesión
Artigo 19.-Procedementos de
concesión.
1. O procedemento
ordinario de concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia
competitiva.
Para efectos desta lei, terá a consideración de concorrencia competitiva
o procedemento mediante o cal a concesión das subvencións se realiza a través da
comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación
entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases
reguladoras e na convocatoria e adxudicar, co límite fixado na convocatoria
dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en
aplicación dos citados criterios.
2. As bases reguladoras poderán excepcionar do
requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que
reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da
subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das
solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito
orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.
3. Excepcionalmente,
sempre que así se prevexa nas bases reguladoras, o órgano competente procederá
ao rateo, entre os beneficiarios da subvención, do importe global máximo
destinado ás subvencións.
4. Poderán concederse de forma directa as
seguintes subvencións:
a) As
previstas nominativamente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma nos
termos recollidos nos convenios e na normativa reguladora destas
subvencións.
b) Aquelas cuxo outorgamento ou contía lles veñan impostos á
administración por unha norma de rango legal, que seguirán o procedemento de
concesión que lles resulte aplicable de acordo coa súa propia
normativa.
c)
Con carácter excepcional, aqueloutras subvencións nas que se acrediten razóns de
interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente
xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
Capítulo II
Dos procedementos de concesión en réxime de
concorrencia competitiva
Artigo
20.-Iniciación.
1. O procedemento
para a concesión de subvencións iníciase de oficio, no caso de concesión en
réxime de concorrencia competitiva, agás nos supostos que regula o artigo 19.2
desta lei.
2.
A iniciación de oficio realizarase sempre mediante convocatoria aprobada polo
órgano competente, que desenvolverá o procedemento para a concesión das
subvencións convocadas segundo o establecido neste capítulo e de acordo cos
principios da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terá
necesariamente o seguinte contido:
a) Indicación da disposición que estableza, se é
o caso, as bases reguladoras e do diario oficial no que está publicada, salvo
que en atención á súa especificidade estas se inclúan na propia
convocatoria.
b) Créditos orzamentarios aos que se lles imputa a subvención e contía
total máxima das subvencións convocadas dentro dos créditos dispoñibles ou, no
seu defecto, contía estimada das subvencións.
c) Obxecto, condicións e
finalidade da concesión da subvención.
d) Expresión do réxime no que se efectuará a concesión.
e) Requisitos para solicitar a subvención e forma
de acreditalos.
f) Indicación dos
órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.
g) Prazo de presentación
de solicitudes, ás que lles serán aplicables as previsións contidas no apartado
3 deste artigo.
h) Prazo de resolución e notificación.
i) Documentos e informacións que deben achegarse
á petición.
j) Se é o caso,
posibilidade de reformulación de solicitudes de conformidade co disposto no
artigo 25 desta lei.
k) Indicación de se a resolución pon fin á vía administrativa e, no caso
contrario, órgano ante o que se interpoñerá recurso de alzada.
l) Criterios de
valoración das solicitudes, se é o caso. Avaliarase, en todo caso, o emprego da
lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita
a axuda.
m)
Prazo de xustificación da subvención.
n) Medio de notificación ou publicación, de conformidade co previsto no
artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As solicitudes dos
interesados acompañarán os documentos e as informacións determinados na norma ou
convocatoria, salvo que os documentos esixidos xa estivesen en poder de calquera
órgano da administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao
establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que
foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de
cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de
imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá
requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a
acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con
anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A presentación da
solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización
ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia
Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e
a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia,
cando así se prevexa nas bases reguladoras.
Non obstante, o solicitante poderá denegar
expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos
previstos regulamentariamente.
4. Para efectos do disposto nos apartados
anteriores, a normativa reguladora da subvención poderá admitir a substitución
da presentación de determinados documentos por unha declaración responsable do
solicitante. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución de concesión
da subvención deberase requirir a presentación da documentación que acredite a
realidade dos datos contidos na citada declaración, nun prazo non superior a
quince días.
5. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de
convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a repare no
prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que se non o fixese se
lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser
ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
21.-Instrución.
1. A instrución do
procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao órgano que se indique
na convocatoria.
2. O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas
actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a
comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de
resolución.
3. As actividades de instrución comprenderán:
a) Petición de cantos informes estime necesarios
para resolver ou que sexan esixidos polas normas que regulan a subvención. Na
petición farase constar, se é o caso, o carácter determinante daqueles informes
que sexan preceptivos. O prazo para a súa emisión será de dez días, salvo que o
órgano instrutor, atendendo ás características do informe solicitado ou do
propio procedemento, solicite a súa emisión nun prazo menor ou maior, sen que
neste último caso poida exceder de dous meses.
b) Cando no prazo
sinalado non se emitise o informe cualificado por disposición legal expresa como
preceptivo e determinante, ou, se é o caso, vinculante, poderá interromperse o
prazo dos trámites sucesivos.
c) Avaliación das solicitudes ou peticións,
efectuada conforme os criterios, as formas e as prioridades de valoración
establecidos na norma reguladora da subvención ou, se é o caso, na
convocatoria.
A norma reguladora da subvención poderá prever a posibilidade de
establecer unha fase de preavaliación na que se verificará o cumprimento das
condicións impostas para adquirir a condición de beneficiario da
subvención.
4. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor deberá emitir
informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
No suposto de que as
bases previsen a existencia dun órgano avaliador diferente do instrutor, será
este o competente para emitir o informe previsto no parágrafo anterior. O órgano
instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano de
resolución.
Cando as bases reguladoras así o establezan, o órgano instrutor, á vista
do expediente e, se é o caso, do informe do órgano avaliador, formulará a
proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se lles deberá
notificar aos interesados na forma que estableza a convocatoria, e concederase
un prazo de dez días para presentar alegacións.
Poderase prescindir do
trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta
outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados.
Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de
definitiva.
Examinadas as alegacións aducidas se é o caso polos interesados,
formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o
solicitante ou a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da
subvención, e a súa contía, e especificaranse a súa avaliación e, se é o caso,
os criterios de valoración seguidos para efectuala.
O expediente de concesión
de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no que conste que da
información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos
os requisitos necesarios para acceder a elas.
5. A proposta de
resolución definitiva notificaráselles aos interesados que fosen propostos como
beneficiarios na fase de instrución unicamente cando a dita notificación sexa
obrigada segundo o previsto nas bases reguladoras.
Notificada a resolución
definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios
dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen
que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente
aceptada.
6.
As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún a
favor do beneficiario proposto fronte á administración mentres non se lle
notificase a resolución de concesión.
Artigo 22.-Procedemento abreviado.
As subvencións cuxa concesión se realice polo
procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei poderán tramitarse por un
procedemento abreviado no que a proposta de concesión lla formulará ao órgano
concedente directamente o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a
concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, polo que non
intervirá en ningún caso o órgano avaliador ao que se refire o artigo
anterior.
Artigo 23.-Resolución.
1. Unha
vez aprobada a proposta de resolución definitiva, e de acordo co previsto no
artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, se é o caso,
na correspondente norma ou convocatoria, o órgano competente resolverá o
procedemento.
2. A resolución motivarase de conformidade co que dispoñan as bases
reguladoras da subvención, polo que deben, en todo caso, quedar acreditados no
procedemento os fundamentos da resolución que se adopte.
3. A resolución, ademais
de conter o solicitante ou a relación de solicitantes aos que se lles concede a
subvención, fará constar, se é o caso, de maneira expresa, a desestimación do
resto das solicitudes.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a
resolución do procedemento non poderá exceder de nove meses, salvo que unha
norma con rango de lei estableza un prazo máximo ou así veña previsto na
normativa da Unión Europea. O prazo computarase a partir da publicación da
correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data
posterior.
No
suposto de subvencións tramitadas por outras administracións públicas nas que
lles corresponda a resolución á Administración da Xunta de Galicia ou ás
entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta, este prazo
computarase a partir do momento no que o órgano outorgante dispoña da proposta
ou da documentación que a norma reguladora da subvención determine.
5. O vencemento do prazo
máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para
entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da
subvención.
Artigo 24.-Notificación da resolución.
A resolución do procedemento notificaráselles aos
interesados de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común. A práctica da dita notificación ou publicación axustarase
ás disposicións contidas no artigo 59 da citada lei.
Artigo 25.-Reformulación
das solicitudes.
1. Cando a
subvención teña por obxecto o financiamento de actividades que vaia desenvolver
o solicitante e o importe da subvención da proposta de resolución provisional
sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do
beneficiario, se así se prevé nas bases reguladoras, a reformulación da súa
solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención
outorgable.
2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da
comisión de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que
dite a resolución.
3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o
obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de
valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.
Capítulo III
Do procedemento de concesión directa
Artigo 26.-Concesión directa.
1. A resolución de concesión e, se é o caso, os
convenios a través dos cales se canalicen estas subvencións establecerán as
condicións e os compromisos aplicables de conformidade co disposto nesta
lei.
Os
convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións previstas
nominativamente.
2. As propostas de acordo ou resolución de concesión, ou o instrumento do
convenio que se autorice a subscribir, deberán axustarse ás previsións contidas
nesta lei, salvo no que afecte a aplicación dos principios de publicidade e
concorrencia, e conterán como mínimo os seguintes extremos:
a) Definición do obxecto
das subvencións, con indicación do carácter singular delas e as razóns que
acreditan o interese público, social, económico ou humanitario e aquelas que
xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.
b) Réxime xurídico
aplicable.
c) Beneficiarios e
modalidades de axuda.
d) Réxime de
xustificación da aplicación dada ás subvencións polos beneficiarios e, se é o
caso, polas entidades colaboradoras.
3. A concesión de subvencións por importe
superior a 150.000 euros, ou o que determinen as leis anuais de orzamentos,
requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.
Capítulo IV
Do procedemento de xestión e xustificación de
subvencións
Artigo
27.-Subcontratación das actividades subvencionadas polos
beneficiarios.
1. Para os efectos
desta lei, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con
terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da
subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que
teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade
subvencionada.
2. O beneficiario unicamente poderá subcontratar, total ou parcialmente,
a actividade cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa. A
actividade subvencionada que o beneficiario subcontrate con terceiros non
excederá da porcentaxe que se fixe nas bases reguladoras da subvención. No
suposto de que tal previsión non figure, o beneficiario poderá subcontratar ata
unha porcentaxe que non exceda do 50 por cento do importe da actividade
subvencionada.
En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo
da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu
contido.
3.
Cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 por cento do importe da
subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación
estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que o contrato se
subscriba por escrito.
b) Que a súa
subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma
que se determine nas bases reguladoras.
4. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto
de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos esixidos no
apartado anterior.
5. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que
asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte
á administración.
6. Para efectos do previsto no apartado anterior, os beneficiarios serán
responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con
terceiros se respecten os límites que se establezan na normativa reguladora da
subvención en canto á natureza e contía de gastos subvencionables, e os
contratistas estarán suxeitos ao deber de colaboración previsto no artigo 45
desta lei para permitir a axeitada verificación do cumprimento dos ditos
límites.
7.
En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das
actividades subvencionadas con:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das
prohibicións do artigo 10 desta lei.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras
subvencións para a realización da actividade obxecto de
contratación.
c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha
porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea
xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos
servizos prestados.
d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran
as seguintes circunstancias:
1.ª) Que a contratación se realice de acordo coas
condicións normais de mercado.
2.ª)
Que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen
nas bases reguladoras.
e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou
subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non
reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
Artigo 28.-Xustificación
das subvencións.
1. A xustificación
do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos
no acto de concesión da subvención documentarase da maneira que se determine
regulamentariamente, podendo revestir a forma de conta xustificativa do gasto
realizado ou acreditarse o dito gasto por módulos ou mediante a presentación de
estados contables, segundo se dispoña na normativa reguladora.
2. O rendemento da conta
xustificativa constitúe un acto obrigatorio do beneficiario ou da entidade
colaboradora, na que se deben incluír, baixo responsabilidade do declarante, os
xustificantes de gasto ou calquera outro documento con validez xurídica que
permitan acreditar o cumprimento do obxecto da subvención pública. A forma da
conta xustificativa e o seu prazo de rendemento virán determinados polas
correspondentes bases reguladoras das subvencións públicas.
A falta de previsión das
bases reguladoras, a conta deberá incluír declaración das actividades realizadas
que foron financiadas coa subvención e o seu custo, co detalle de cada un dos
gastos incorridos, e a súa presentación realizarase, como máximo, no prazo de
tres meses desde a finalización do prazo para a realización da
actividade.
3. Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor
probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia
administrativa, nos termos establecidos regulamentariamente.
A acreditación dos gastos
tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os
requisitos esixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.
Regulamentariamente,
establecerase un sistema de validación e estampillado de xustificantes de gasto
que permita o control da concorrencia de subvencións.
4. Cando o beneficiario
estea suxeito ao réxime de contabilidade empresarial, a presentación das contas
do exercicio onde se reflictan as operacións relacionadas coa subvención
concedida, elaboradas segundo normas de contabilidade recollidas nas
disposicións aplicables, constituirán un medio de xustificación.
5. Nas subvencións
concedidas a outras administracións públicas ou entidades vinculadas ou
dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na
certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de
control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a
que foi concedida.
6. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con
fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na
xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás
actividades subvencionadas.
7. No suposto de adquisición de bens inmobles,
ademais dos xustificantes establecidos no apartado 3 deste artigo, debe
achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito
no correspondente rexistro oficial.
8. Os membros das entidades previstas no apartado
2 e segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei virán obrigados a
cumprir os requisitos de xustificación respecto das actividades realizadas en
nome e por conta do beneficiario, do modo que se determina nos apartados
anteriores. Esta documentación formará parte da xustificación que vén obrigado a
render o beneficiario que solicitou a subvención.
9. As subvencións que se
concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor non
requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible
en dereito da dita situación previamente á concesión, sen prexuízo dos controis
que puidesen establecerse para verificar a súa existencia.
10. O incumprimento da
obriga de xustificación da subvención nos termos establecidos neste capítulo ou
a súa xustificación insuficiente levará aparellado o reintegro nas condicións
previstas no artigo 33 desta lei.
Artigo 29.-Gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos subvencionables, para os
efectos previstos nesta lei, aqueles que de xeito indubidable respondan á
natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas
diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de
adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de
mercado.
2.
Salvo disposición expresa en contrario nas bases reguladoras das subvencións,
considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á
finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora
da subvención.
3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000
euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto
de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de
consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo
tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do
compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas
especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado
suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o
gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as
ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na
solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de
eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a
elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
4. No suposto de
adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables,
seguiranse as seguintes regras:
a) As bases reguladoras fixarán o período durante
o cal a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que
se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de
bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de
bens.
No caso
de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura
esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser
obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público
correspondente.
b) O incumprimento da obriga de destino referida na letra anterior, que
se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de
reintegro, nos termos establecidos no artigo 33, quedando o ben afecto ao
pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser
un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición
dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial,
en caso de bens mobles non inscritibles.
5. Non se considerará incumprida a obriga de
destino referida no anterior apartado cando:
a) Tratándose de bens non inscritibles nun
rexistro público, fosen substituídos por outros que sirvan en condicións
análogas ao fin para o que se concedeu a subvención e este uso se manteña ata
completar o período establecido, sempre que a substitución fose autorizada pola
administración concedente.
b) Tratándose de bens inscritibles nun rexistro
público, o cambio de destino, alleamento ou gravame sexa autorizado pola
administración concedente. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de
destino dos bens polo período restante e, no suposto de incumprimento desta, do
reintegro da subvención.
6. As bases reguladoras das subvencións
establecerán, se é o caso, as regras especiais que se consideren oportunas en
materia de amortización dos bens inventariables. Non obstante, o carácter
subvencionable do gasto de amortización estará suxeito ás seguintes
condicións:
a) Que as subvencións non contribuísen á compra dos bens.
b) Que a amortización se calcule de conformidade
coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas.
c) Que o custo se refira
exclusivamente ao período subvencionable.
7. Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira,
os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do
proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se
están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son
indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, e sempre que así
se prevexa nas bases reguladoras. Con carácter excepcional, os gastos de
garantía bancaria poderán ser subvencionados cando así o prevexa a normativa
reguladora da subvención.
En ningún caso serán gastos
subvencionables:
a) Os xuros
debedores das contas bancarias.
b) Os
xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais.
c) Os gastos de procedementos
xudiciais.
8. Os tributos son gasto
subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboa efectivamente.
En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando
sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais
sobre a renda.
9. Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención,
sempre que as bases reguladoras así o prevexan, sempre que se imputasen polo
beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda
de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en
todo caso, na medida na que tales custos correspondan ao período no que
efectivamente se realiza a actividade.
Artigo 30.-Comprobación de
subvencións.
1. O órgano concedente
comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da
actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da
subvención.
2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo
individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito
imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e
quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto
polo representante da administración coma polo beneficiario.
A comprobación material
definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do
que concedeu a subvención.
3. Excepcionalmente, a comprobación material
poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma
razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.
4. A entidade
colaboradora, se é o caso, realizará, en nome e por conta do órgano concedente,
as comprobacións previstas.
5. A administración concedente poderá comprobar o
valor de mercado dos gastos subvencionables por un ou varios dos seguintes
medios:
a)
Prezos de mercado.
b) Cotizacións de
mercados nacionais e estranxeiros.
c)
Estimación por referencia aos valores recollidos nos rexistros oficiais de
carácter fiscal.
d) Ditame de peritos da administración.
e) Taxación pericial contraditoria.
f) Calquera outro medio de proba admitido en
dereito.
Capítulo V
Do procedemento de xestión
orzamentaria
Artigo 31.-Procedemento
de aprobación do gasto e pagamento.
1. Con carácter previo á convocatoria da subvención ou á súa concesión
directa, deberá efectuarse a aprobación do gasto nos termos previstos no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. Non poderán outorgarse
subvencións por contía superior á que se determine na convocatoria sen que se
realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos
derivado de:
a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) A existencia de remanentes doutras
convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no
mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
3. A resolución de
concesión da subvención levará aparellada a aprobación do compromiso do gasto
correspondente.
4. Cando o procedemento administrativo establecido non leve aparellado o
esgotamento do crédito nun só acto de concesión, senón que a súa disposición se
realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, na forma que
regulamentariamente se estableza, o esgotamento da partida orzamentaria asignada
e a inadmisión de posteriores solicitudes destinadas a participar del, salvo que
proceda o previsto no apartado 2 deste artigo.
5. O pagamento da
subvención realizarase logo de xustificación, polo beneficiario, da realización
da actividade, do proxecto, do obxectivo ou da adopción do comportamento para o
que se concedeu nos termos establecidos na normativa reguladora da
subvención.
Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da
subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das
causas previstas no artigo 33 desta lei.
6. Cando a natureza da subvención así o
xustifique, poderán realizarse pagamentos a conta. Os devanditos pagamentos a
conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán
ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía
equivalente á xustificación presentada.
Tamén se poderán realizar pagamentos anticipados
que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como
financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á
subvención. Sen prexuízo do seu desenvolvemento regulamentario, a devandita
posibilidade e o réxime de garantías deberán establecerse, se é o caso,
expresamente nas bases reguladoras da subvención.
En ningún caso poderán
realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a
declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento,
se atopen declarados en concurso, estean suxeitos a intervención xudicial ou
fosen inhabilitados conforme a Lei concursal 22/2003, do 9 de xullo, sen que
concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do
concurso, fosen declarados en quebra, en concurso de acredores, insolvente
fallido en calquera procedemento ou suxeito a intervención xudicial, se iniciase
expediente de quitación e espera ou de suspensión de pagamentos ou se presentase
solicitude xudicial de quebra ou de concurso de acredores, mentres, se é o caso,
non fosen rehabilitados. A realización de pagamentos a conta ou pagamentos
anticipados, así como o réxime de garantías, deberán preverse expresamente na
normativa reguladora da subvención.
7. Non poderá realizarse o pagamento da
subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das
súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de
pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade
Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.
As normas reguladoras das
subvencións poderán establecer un réxime simplificado de acreditación destas
circunstancias nos seguintes casos:
a) As outorgadas a favor da Comunidade Autónoma e
das súas sociedades públicas e fundacións do sector público autonómico, así como
dos órganos estatutarios de Galicia.
b) As outorgadas a favor das
universidades.
c) As outorgadas a
favor das corporacións locais e dos seus organismos autónomos.
d) As bolsas e axudas
destinadas expresamente a financiar estudos en centros de formación públicos ou
privados, cando as perciban directamente as persoas individuais
beneficiarias.
e) As subvencións con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo IV,
"Transferencias correntes", destinadas a familias e institucións sen fins de
lucro.
f) As
que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos
créditos orzamentarios do capítulo VII, "Transferencias de capital", destinadas
a familias e institucións sen fins de lucro.
g) As que se concedan con cargo aos programas
orzamentarios nos que así se sinale na correspondente lei de
orzamentos.
h) Aquelas axudas ou subvencións nas que, por concorrer circunstancias
debidamente xustificadas, derivadas da natureza, do réxime ou da contía da
subvención, así se estableza mediante orde da consellaría competente en materia
de economía e facenda.
i) As subvencións destinadas a financiar
proxectos ou programas de acción social e cooperación internacional que se
concedan a entidades sen fins lucrativos, así como a federacións, confederacións
ou agrupacións delas.
Título II
Do reintegro de subvencións
Capítulo IDo reintegro
Artigo 32.-Invalidez da resolución de
concesión.
1. Son causas de nulidade
da resolución de concesión:
a) As
indicadas no artigo 62.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
b) A carencia ou
insuficiencia de crédito, de conformidade co establecido no artigo 57 do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. Son causas de
anulabilidade da resolución de concesión as demais infraccións do ordenamento
xurídico e, en especial, das regras contidas nesta lei, de conformidade co
disposto no artigo 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Cando o acto de
concesión incorrese nalgún dos supostos mencionados nos apartados anteriores, o
órgano concedente procederá á súa revisión de oficio ou, se é o caso, á
declaración de lesividade e ulterior impugnación, de conformidade co establecido
nos artigos 102 e 103 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. A declaración xudicial
ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de
devolver as cantidades percibidas.
5. Non procederá a revisión de oficio do acto de
concesión cando concorra algunha das causas de reintegro previstas no artigo
seguinte.
Artigo 33.-Causas de reintegro.
1. Tamén procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do
xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a
data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes
casos:
a)
Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando
aquelas que o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo,
da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a
concesión da subvención.
c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a
xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 desta lei, e se
é o caso nas normas reguladoras da subvención.
d) Incumprimento da
obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3 do artigo 15
desta lei.
e)
Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e
control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 desta lei, así como o
incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos
cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos
percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das
actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos
ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou
entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
f) Incumprimento das obrigas impostas pola administración ás entidades
colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos,
con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo
no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o
proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da
subvención.
g) Incumprimento das obrigas impostas pola administración ás entidades
colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos,
con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso
derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o
cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades
subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos
para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes
públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da
Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de
reintegro.
i)
Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
2. Cando o cumprimento polo beneficiario ou, se é
o caso, pola entidade colaboradora se aproxime de modo significativo ao
cumprimento total e acrediten estes unha actuación inequivocamente tendente á
satisfacción dos seus compromisos, a cantidade que se vai reintegrar virá
determinada pola aplicación dos criterios enunciados na letra l) do apartado 1
do artigo 14 desta lei.
3. Igualmente, no suposto previsto no apartado 3
do artigo 17 desta lei procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da
actividade subvencionada, así como a esixencia do xuro de demora
correspondente.
Artigo 34.-Natureza dos créditos que se van reintegrar e dos
procedementos para a súa esixencia.
1. As cantidades que se van reintegrar terán a
consideración de ingresos de dereito público, e resultará aplicable para o seu
cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que
se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
2. O
xuro de demora aplicable en materia de subvencións será o xuro legal do diñeiro
incrementado nun 25 por cento, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado
estableza outro diferente e do previsto para os fondos procedentes da Unión
Europea na súa lexislación específica.
3. O destino dos reintegros dos fondos da Unión
Europea terá o tratamento que se é o caso determine a normativa
comunitaria.
4. Os procedementos para a esixencia do reintegro das subvencións terán
sempre carácter administrativo.
Artigo 35.-Prescrición.
1. Prescribirá aos catro anos o dereito da
administración a recoñecer ou liquidar o reintegro.
2. Este prazo
computarase, en cada caso:
a) Desde o
momento no que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do
beneficiario ou da entidade colaboradora.
b) Desde o momento da concesión, no suposto
previsto no apartado 9 do artigo 28.
c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen
ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora
durante un período determinado de tempo, desde o momento no que venceu o dito
prazo.
3. O
cómputo do prazo de prescrición interromperase:
a) Por calquera acción da administración,
realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora,
que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de
reintegro.
b)
Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de
culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o ministerio
fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do
beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos
recursos.
c)
Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora
conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.
Artigo 36.-Obrigados ao
reintegro.
1. Os beneficiarios e as
entidades colaboradoras, nos casos previstos no artigo 33 desta lei, deberán
reintegrar a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os
correspondentes xuros de demora, sen prexuízo do disposto na letra b) do
apartado 5 do artigo 29 desta lei. Esta obriga será independente das sancións
que, se é o caso, resulten esixibles.
2. Os membros das persoas e entidades previstas
no apartado 2 e no segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei
responderán solidariamente da obriga de reintegro do beneficiario en relación
coas actividades subvencionadas que se comprometesen a efectuar.
Responderán
solidariamente da obriga de reintegro os representantes legais do beneficiario
cando este carecese de capacidade de obrar.
Responderán solidariamente os membros, partícipes
ou cotitulares das entidades ás que se refire o apartado 3 do artigo 8 en
proporción ás súas respectivas participacións, cando se trate de comunidades de
bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio
separado.
3.
Responderán subsidiariamente da obriga de reintegro os administradores das
sociedades mercantís, ou aqueles que exerzan a representación legal doutras
persoas xurídicas, que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa
incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, adoptasen acordos que
fixesen posibles os incumprimentos ou consentisen os de quen deles
dependan.
Así
mesmo, os que exerzan a representación legal das persoas xurídicas, de acordo
coas disposicións legais ou estatutarias que lles resulten aplicables, que
cesasen nas súas actividades responderán subsidiariamente en todo caso das
obrigas de reintegro destas.
4. No caso das sociedades ou entidades disoltas e
liquidadas, as súas obrigas de reintegro pendentes transmitiránselles aos socios
ou partícipes no capital que responderán delas solidariamente e ata o límite do
valor da cota de liquidación que se lles adxudicase.
5. No caso de falecemento
do obrigado ao reintegro, a obriga de satisfacer as cantidades pendentes de
restitución transmitiráselles aos seus habente-causas, sen prexuízo do que
estableza o dereito civil común, foral ou especial aplicable á sucesión para
determinados supostos, en particular para o caso de aceptación da herdanza a
beneficio de inventario.
Capítulo II
Do procedemento de reintegro
Artigo 37.-Competencia para a resolución do procedemento de
reintegro.
O órgano concedente será o
competente para esixir do beneficiario ou da entidade colaboradora o reintegro
de subvencións mediante a resolución do procedemento regulado neste capítulo,
cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades
percibidas establecidos no artigo 33 desta lei, sen prexuízo das facultades
atribuídas a outros órganos para a execución do acordo.
Artigo 38.-Procedemento
de reintegro.
1. O procedemento de
reintegro de subvencións rexerase polas disposicións xerais sobre procedementos
administrativos contidas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, sen prexuízo das especialidades que se establecen nesta lei e nas súas
disposicións de desenvolvemento.
2. O procedemento de reintegro de subvencións
iniciarase de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa,
ben como consecuencia de orde superior, por petición razoada doutros órganos ou
por denuncia. Tamén se iniciará a consecuencia do informe de control financeiro
emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
3. Na tramitación do
procedemento garantirase, en todo caso, o dereito do interesado á
audiencia.
4.
Cando o procedemento de reintegro se inicie como consecuencia de informe de
control financeiro da intervención xeral e, como consecuencia do trámite de
audiencia, o órgano xestor se vaia separar do ditame do informe de control,
antes de ditar a resolución do procedemento, formulará discrepancia de acordo co
procedemento que se determine regulamentariamente.
5. O prazo máximo para
resolver e notificar a resolución do procedemento de reintegro será de doce
meses desde a data do acordo de iniciación. O dito prazo poderá suspenderse e
ampliarse de acordo co previsto nos apartados 5 e 6 do artigo 42 da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Se transcorre o prazo para resolver sen que se
notificase resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento, sen
prexuízo de continuar as actuacións ata a súa terminación e sen que se considere
interrompida a prescrición polas actuacións realizadas ata a finalización do
citado prazo.
6. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía
administrativa.
Artigo 39.-Retención
de pagamentos.
1. Unha vez acordada a
iniciación do procedemento de reintegro, como medida cautelar, o órgano
concedente pode acordar, por iniciativa propia ou dunha decisión da Comisión
Europea ou por proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a
suspensión dos libramentos de pagamento das cantidades pendentes de lle aboar ao
beneficiario ou á entidade colaboradora, sen superar, en ningún caso, o importe
que fixen na proposta ou resolución de iniciación do expediente de reintegro,
cos xuros de demora devengados ata aquel momento.
2. A imposición desta
medida cautelar debe acordarse por resolución motivada, que se lle debe
notificar ao interesado, con indicación dos recursos pertinentes. Así mesmo,
comunicaráselle ao órgano competente para a ordenación de pagamentos, que fará
efectiva a retención do pagamento ata o importe obxecto de
retención.
3.
En todo caso, procederá a suspensión se existen indicios racionais que permitan
prever a imposibilidade de obter o resarcimento, ou se este pode verse frustrado
ou gravemente dificultado e, en especial, se o perceptor fai actos de
ocultación, gravame ou disposición dos seus bens.
4. A retención de
pagamentos estará suxeita, en calquera dos supostos anteriores, ao seguinte
réxime xurídico:
a) Debe ser proporcional á finalidade que se pretende conseguir e en
ningún caso debe adoptarse se pode producir efectos de difícil ou imposible
reparación.
b) Debe manterse ata que se dite a resolución que pon fin ao expediente
de reintegro, e non pode superar o período máximo que se fixe para a súa
tramitación, incluídas prórrogas.
c) Malia o disposto no parágrafo anterior, debe
levantarse cando desaparezan as circunstancias que a orixinaron ou cando o
interesado propoña a substitución desta medida cautelar pola constitución dunha
garantía que se considere suficiente.
Artigo 40.-Compensación de débedas.
Nos supostos e cos requisitos que se establezan
regulamentariamente, poderán extinguirse total ou parcialmente por compensación
as débedas de natureza pública a favor da facenda da Comunidade Autónoma que se
atopen en fase de xestión recadatoria, tanto voluntaria coma executiva, cos
créditos recoñecidos por aquela en favor do debedor.
Título III
Do control financeiro de subvencións
Artigo 41.-Control financeiro de
subvencións.
O control financeiro de
subvencións exercerase sobre:
a) As
subvencións da Unión Europea percibidas pola Administración da Comunidade
Autónoma de Galicia ou polos organismos ou as entidades vinculadas ou
dependentes daquela.
b) Os beneficiarios e, se é o caso, as entidades colaboradoras por razón
das subvencións outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos
ou as entidades vinculadas ou dependentes daquela con cargo aos orzamentos da
Comunidade Autónoma de Galicia ou aos fondos da Unión Europea.
Artigo 42.-Competencia
para o exercicio do control financeiro de subvencións.
1. A competencia para exercer o control de
subvencións correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, sen
prexuízo das funcións que a Constitución española e as leis lles outorgan ao
Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia e do disposto no artigo 3
desta lei.
2.
Para a realización do control financeiro, a Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma poderá demandar a colaboración de empresas privadas de auditoría, nas
mesmas condicións ca as establecidas no artigo 107.4 do Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, para o control financeiro ordinario, e
correspóndelle á intervención xeral, en todo caso, a realización daquelas
actuacións que supoñan o exercicio de potestades administrativas.
Artigo
43.-Compatibilidade entre controis realizados por diversos órganos.
1. As actuacións de control efectuadas polos
diversos órganos competentes na materia de calquera das administracións
interesadas no procedemento de concesión da subvención serán compatibles entre
si.
2. A
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma promoverá cantas actuacións estean ao
seu alcance para que as actividades que vaian realizar os diversos órganos
competentes, sen menoscabo das actuacións e dos obxectivos do control, se
efectúen da forma máis eficaz, evitando duplicidades e actuacións redundantes,
sen valor engadido.
Artigo 44.-Obxecto do control financeiro de subvencións.
1. O control financeiro de subvencións da Unión
Europea percibidas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou
polos organismos ou as entidades vinculadas ou dependentes daquela verificará o
cumprimento das normas establecidas nas disposicións comunitarias.
No cumprimento da
normativa comunitaria, os órganos de control poderán levar a cabo controis e
verificacións dos procedementos de xestión dos distintos órganos xestores que
interveñan na concesión, xestión e pagamento das axudas cofinanciadas con fondos
comunitarios, que permitan garantir a correcta xestión financeira dos fondos
comunitarios.
2. O control financeiro de subvencións terá como obxecto
verificar:
a) A axeitada e correcta
obtención da subvención por parte do beneficiario.
b) O cumprimento por parte de beneficiarios e
entidades colaboradoras das súas obrigas na xestión e aplicación da
subvención.
c) A axeitada e correcta xustificación da subvención por parte de
beneficiarios e entidades colaboradoras.
d) A realidade e a regularidade das operacións
que, de acordo coa xustificación presentada por beneficiarios e entidades
colaboradoras, foron financiadas coa subvención.
e) O axeitado e correcto
financiamento das actividades subvencionadas, nos termos establecidos no
apartado 3 do artigo 17 desta lei.
f) A existencia de feitos, circunstancias ou
situacións non declaradas á administración por beneficiarios e entidades
colaboradoras e que puidesen afectar o financiamento das actividades
subvencionadas, a axeitada e correcta obtención, utilización, gozo ou
xustificación da subvención, así como a realidade e regularidade das operacións
con ela financiadas.
3. O control financeiro das subvencións poderá abranguer:
a) O exame de rexistros contables, contas ou
estados financeiros e a documentación que os soporte de beneficiarios e
entidades colaboradoras.
b) O exame de operacións individualizadas e
concretas relacionadas ou que puidesen afectar as subvencións
concedidas.
c) A comprobación de aspectos parciais e concretos dunha serie de actos
relacionados ou que puidesen afectar as subvencións concedidas.
d) A comprobación
material dos investimentos financiados.
e) As actuacións concretas de control que deban realizarse conforme o que
en cada caso estableza a normativa reguladora da subvención e, se é o caso, a
resolución de concesión.
f) Calquera outra comprobación que resulte
necesaria en atención ás características especiais das actividades
subvencionadas.
4. O control financeiro poderá estenderse ás persoas físicas ou xurídicas
ás que se atopen asociados os beneficiarios, así como a calquera outra persoa
susceptible de prestar un interese na consecución dos obxectivos, na realización
das actividades, na execución dos proxectos ou na adopción dos
comportamentos.
Artigo 45.-Obriga de colaboración.
1. Os beneficiarios, as entidades colaboradoras e os terceiros
relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados
a prestarlles colaboración e facilitarlles canta documentación sexa requirida,
no exercicio das funcións de control, á Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan
atribuídas funcións de control financeiro, a cuxo fin terán as seguintes
facultades:
a) O libre acceso á documentación obxecto de comprobación, incluídos os
programas e arquivos en soportes informáticos.
b) O libre acceso aos
locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que se desenvolva a
actividade subvencionada ou se permita verificar a realidade e regularidade das
operacións financiadas con cargo á subvención.
c) A obtención de copia
ou a retención das facturas, dos documentos equivalentes ou substitutivos e de
calquera outro documento relativo ás operacións nas que se deduzan indicios da
incorrecta obtención, emprego ou destino da subvención.
d) O libre acceso á
información das contas bancarias nas entidades financeiras onde se poida
efectuar o cobramento das subvencións ou con cargo ás que se poidan realizar as
disposicións dos fondos.
2. A negativa ao cumprimento desta obriga
considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos
previstos no artigo 33 desta lei, sen prexuízo das sancións que, se é o caso,
puidesen corresponder.
3. As autoridades, calquera que sexa a súa
natureza, así como os xefes ou directores de oficinas públicas, organismos
autónomos e outros entes de dereito público e quen, en xeral, exerza funcións
públicas ou desenvolva o seu traballo nas ditas entidades deberán prestarlles a
debida colaboración e apoio aos funcionarios encargados da realización do
control financeiro de subvencións.
4. Os xulgados e tribunais deberán facilitarlle á
administración, de oficio ou por requirimento desta, cantos datos con
transcendencia na aplicación de subvencións se desprendan das actuacións
xudiciais das que teñan coñecemento, respectando, se é o caso, o segredo das
dilixencias sumariais.
Artigo 46.-Do persoal controlador.
1. No exercicio do control financeiro, o
funcionario encargado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de
realizalo será considerado axente da autoridade.
2. A Asesoría Xurídica da
Xunta deberá prestar a asistencia xurídica que, se é o caso, lles corresponda
aos funcionarios que, como consecuencia da súa participación en actuacións de
control financeiro de subvencións, sexan obxecto de citacións por órgano
xurisdicional.
3. O persoal controlador que realice o control financeiro de subvencións
deberá gardar a confidencialidade e o segredo respecto dos asuntos que coñezan
por razón do seu traballo.
4. Os datos, informes ou antecedentes obtidos no
exercicio do dito control soamente poderán utilizarse para os fins asignados a
este, servir de fundamento para a esixencia de reintegro e, se é o caso, para
poñer en coñecemento dos órganos competentes os feitos que poidan ser
constitutivos de infracción administrativa, responsabilidade contable ou
penal.
5.
Cando na práctica dun control financeiro o funcionario encargado aprecie que os
feitos acreditados no expediente puidesen ser susceptibles de constituír unha
infracción administrativa ou de responsabilidades contables ou penais deberao
poñer en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para efectos
de que, se procede, lle remita o actuado ao órgano competente para a iniciación
dos oportunos procedementos.
Artigo 47.-Do procedemento de control
financeiro.
1. O exercicio do control
financeiro de subvencións adecuarase ao plan anual de auditorías e ás súas
modificacións, debidamente motivadas, que aprobe anualmente a Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma.
O plan comprenderá os beneficiarios e, se é o
caso, as entidades colaboradoras sobre as que se realizarán os controis
financeiros, e o seu alcance.
Non obstante, non será necesario incluír no plan
de auditorías e actuacións de control financeiro da Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma as comprobacións precisas que soliciten outros estados
membros en aplicación de regulamentos comunitarios sobre beneficiarios
perceptores de fondos comunitarios.
2. A iniciación das actuacións de control
financeiro efectuarase mediante a súa notificación aos órganos, aos organismos
ou ás entidades obxecto de control e aos beneficiarios e, se é o caso, ás
entidades colaboradoras, na que se indicará a natureza e o alcance das
actuacións que se van desenvolver, a documentación que nun principio debe
poñerse á súa disposición e os demais elementos que se consideren necesarios. Os
beneficiarios e, se é o caso, as entidades colaboradoras deberán ser informados,
á iniciación das actuacións, dos seus dereitos e das súas obrigas no curso
delas. Estas actuacións serán comunicadas, igualmente, aos órganos xestores das
subvencións.
Se durante o transcurso do control se producise unha modificación que
afecte o alcance das actuacións, esta modificación seralles comunicada
igualmente a todos os suxeitos interesados.
3. Cando no desenvolvemento do control financeiro
se determine a existencia de circunstancias que puidesen dar orixe á devolución
das cantidades percibidas por causas distintas ás previstas no artigo 33,
poñeranse os feitos en coñecemento do órgano concedente da subvención, que
deberá informar sobre as medidas adoptadas, e a intervención xeral poderá
acordar a suspensión do procedemento de control financeiro.
A suspensión do
procedemento deberá notificárselle ao beneficiario ou á entidade
colaboradora.
4. A finalización da suspensión, que en todo caso se lle deberá notificar
ao beneficiario ou á entidade colaboradora, producirase cando:
a) Unha vez adoptadas
polo órgano concedente as medidas que, ao seu xuízo, resulten oportunas, estas
serán comunicadas ao órgano de control.
b) Se, transcorridos tres meses desde o acordo de
suspensión, non se comunicase a adopción de medidas por parte do órgano
xestor.
5.
Cando no exercicio das funcións de control financeiro se deduzan indicios da
incorrecta obtención, destino ou xustificación da subvención percibida, a
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá acordar a adopción das medidas
cautelares que se estimen precisas co obxecto de impedir a desaparición,
destrución ou alteración das facturas, documentos equivalentes ou substitutivos
e de calquera outro documento relativo ás operacións nas que tales indicios se
manifesten.
As medidas serán proporcionadas ao fin que se persiga. En ningún caso se
adoptarán aquelas que poidan producir un prexuízo de difícil ou imposible
reparación.
6. O órgano que fixese o control deberá emitir informe escrito
comprensivo dos feitos postos de manifesto e das conclusións que deles deriven.
Este informe terá carácter provisional e remitiráselles tanto ao órgano xestor
coma ao beneficiario da subvención ou á entidade colaboradora co fin de que
poidan formular durante un prazo de quince días as alegacións que estimen
oportunas.
Transcorrido o prazo emitirase informe definitivo, que incluirá as
alegacións recibidas do beneficiario ou da entidade colaboradora e as alegacións
do órgano xestor, así como as observacións do órgano de control sobre
estas.
Se non
se recibiron alegacións, o informe provisional elevarase a
definitivo.
O informe definitivo será
remitido ao órgano xestor e ao beneficiario ou á entidade colaboradora. O
informe enviado ao beneficiario ou á entidade colaboradora non incluirá as
conclusións referentes á xestión realizada polo órgano xestor, nin as
recomendacións que delas deriven.
7. Cando o órgano concedente, en aplicación do
disposto no apartado 4 anterior, comunicase a iniciación de actuacións que
puidesen afectar a validez do acto de concesión, a finalización do procedemento
de control financeiro de subvencións producirase mediante resolución da
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma na que se declarará a improcedencia de
continuar as actuacións de control, sen prexuízo de que, unha vez recaída en
resolución que declara a validez total ou parcial do acto de concesión, se
puidesen volver iniciar as actuacións.
8. As actuacións de control financeiro sobre
beneficiarios e, se é o caso, entidades colaboradoras deberán de concluír no
prazo máximo de doce meses contados desde a data de notificación a aqueles do
inicio delas. O citado prazo poderá ser ampliado, co alcance e os requisitos que
se determinen regulamentariamente, cando nas actuacións concorra algunha das
seguintes circunstancias:
a) Que se trate de actuacións que revistan
especial complexidade.
b) Cando no
transcurso das actuacións se descubra que o beneficiario ou a entidade
colaboradora ocultaron información ou documentación esencial para un adecuado
desenvolvemento do control.
Para os efectos do prazo previsto, non se
computarán as dilacións imputables ao beneficiario ou á entidade colaboradora,
se é o caso, nin os períodos de interrupción xustificada que se especifiquen
regulamentariamente.
c) No suposto do control financeiro sobre axudas
da Unión Europea.
Artigo
48.-Documentación das actuacións de control financeiro.
1. As actuacións de control financeiro
documentaranse en dilixencias, para reflectir feitos relevantes que se poñan de
manifesto no seu exercicio, e en informes que terán o contido e a estrutura e
cumprirán os requisitos que se determinen regulamentariamente.
2. Tanto as dilixencias
coma os informes terán natureza de documentos públicos e farán proba dos feitos
que motiven a súa formalización, salvo que se acredite o contrario.
3. Os informes seranlles
notificados aos beneficiarios ou ás entidades colaboradoras obxecto de control.
Unha copia do informe seralle remitido ao órgano xestor que concedeu a
subvención e sinalarase, se é o caso, a necesidade de iniciar expedientes de
reintegro e sancionador.
Artigo 49.-Efectos dos informes de control
financeiro.
1. Cando no informe
emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma se recolla a procedencia
de reintegrar a totalidade ou parte da subvención, o órgano xestor deberá
comunicarlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no prazo dun mes a
partir da recepción do informe de control financeiro a incoación do expediente
de reintegro ou a discrepancia coa súa incoación, que deberá ser motivada. Neste
último caso, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá emitir informe
de actuación dirixido ao órgano xestor. O procedemento de tramitación dos
informes de actuación será desenvolvido regulamentariamente.
2. No caso de que
manifestase a súa conformidade, deberá acordar, con base no referido informe e
no prazo dun mes, a iniciación do procedemento de reintegro, notificándolla así
ao beneficiario ou á entidade colaboradora.
3. Durante o mes seguinte ao fin de cada
trimestre, o órgano xestor informará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma
das actuacións realizadas durante o trimestre respecto dos procedementos
iniciados, así como daqueles que nese período fosen terminados.
No mesmo prazo, os
órganos de recadación competentes remitiranlles a cada órgano xestor e á
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma información sobre a xestión recadadora
realizada sobre aqueles expedientes de reintegro que se atopasen pendentes de
xestión no devandito período e sobre aqueles expedientes que se
finalizaron.
4. No caso de que nos informes se poña de manifesto a existencia doutras
irregularidades non constitutivas de reintegro, o órgano xestor deberá comunicar
con periodicidade cuadrimestral as actividades desenvolvidas referentes a
estas.
5. Se
nos informes se poñen de manifesto outras conclusións ou recomendacións non
constitutivas de irregularidade, o órgano xestor deberá comunicar con
periodicidade cuadrimestral as actividades desenvolvidas en relación con
estas.
Título
IV
Infraccións e sancións
administrativas en materia de subvencións
Capítulo I
Das infraccións
administrativas
Artigo 50.-Concepto
de infracción.
Constitúen infraccións
administrativas en materia de subvencións as accións e omisións tipificadas
nesta lei e serán sancionables mesmo a título de simple neglixencia.
Artigo
51.-Responsables
Serán responsables
das infraccións administrativas en materia de subvencións as persoas físicas ou
xurídicas, públicas ou privadas, así como os entes sen personalidade aos que se
refire o apartado 3 do artigo 8 desta lei, que por acción ou omisión incorran
nos supostos tipificados como infraccións nesta lei e, en particular, as
seguintes:
a)
Os beneficiarios de subvencións, así como os membros das persoas ou entidades
previstas no apartado 2 e segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei,
en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a
realizar.
b)
As entidades colaboradoras.
c) O
representante legal dos beneficiarios de subvencións que carezan de capacidade
de obrar.
d)
As persoas ou entidades relacionadas co obxecto da subvención ou a súa
xustificación obrigadas a prestar colaboración e a facilitar canta documentación
sexa requirida en cumprimento do disposto no artigo 45 desta lei.
Artigo 52.-Supostos de
exención de responsabilidade.
As
accións ou omisións tipificadas nesta lei non darán lugar a responsabilidade por
infracción administrativa en materia de subvencións nos seguintes
supostos:
a)
Cando as realice quen careza de capacidade de obrar.
b) Cando concorra forza maior.
c) Cando deriven dunha decisión colectiva, para
quen salvase o seu voto ou non asistise á reunión na que se tomou
aquela.
Artigo 53.-Concorrencia de actuacións coa orde xurisdicional
penal.
1. Nos supostos nos que a
conduta puidese ser constitutiva de delito, a administración pasará o tanto de
culpa á xurisdición competente e absterase de seguir o procedemento sancionador
mentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme, teña lugar o sobresemento
ou o arquivo das actuacións ou se produza a devolución do expediente polo
ministerio fiscal.
2. A pena imposta pola autoridade xudicial excluirá a imposición de
sanción administrativa se se lle impuxo ao mesmo suxeito polos mesmos feitos e
idéntico fundamento aos tidos en conta no procedemento sancionador.
3. De non estimarse a
existencia de delito, a administración iniciará ou continuará o expediente
sancionador con base nos feitos que os tribunais considerasen
probados.
Artigo 54.-Infraccións leves.
Constitúen infraccións leves os incumprimentos das obrigas recollidas
nesta lei e nas bases reguladoras de subvencións cando non constitúan
infraccións graves ou moi graves e non operen como elemento de graduación da
sanción. En particular, constitúen infraccións leves as seguintes
condutas:
a)
A presentación fóra de prazo das contas xustificativas da aplicación dada aos
fondos percibidos.
b) A presentación de contas xustificativas inexactas ou
incompletas.
c) O incumprimento das
obrigas formais que, sen estar previstas de forma expresa no resto de parágrafos
deste artigo, sexan asumidas como consecuencia da concesión da subvención, nos
termos establecidos regulamentariamente.
d) O incumprimento de obrigas de índole contable
ou rexistral, en particular:
1. A
inexactitude ou omisión dunha ou varias operacións na contabilidade e nos
rexistros legalmente esixidos.
2. O incumprimento da obriga de levar ou
conservar a contabilidade, os rexistros legalmente establecidos, os programas e
arquivos informáticos que lles sirvan de soporte e os sistemas de codificación
utilizados.
3. A levanza de contabilidades diversas que, referidas a unha mesma
actividade e exercicio económico, non permitan coñecer a verdadeira situación da
entidade.
4.
O emprego de contas con significado distinto do que lles corresponde, segundo a
súa natureza, que dificulte a comprobación da realidade das actividades
subvencionadas.
e) O incumprimento das obrigas de conservación de xustificantes ou
documentos equivalentes.
f) O incumprimento por parte das entidades
colaboradoras das obrigas establecidas nesta lei que non se recollan de forma
expresa no resto de apartados deste artigo.
g) A resistencia, obstrución, escusa ou negativa
ás actuacións de control financeiro.
Enténdese que existen estas circunstancias cando
o responsable das infraccións administrativas en materia de subvencións,
debidamente notificado para o efecto, realizase actuacións tendentes a dilatar,
entorpecer ou impedir as actuacións dos funcionarios da Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma no exercicio das funcións de control financeiro.
Entre outras, constitúen
resistencia, obstrución, escusa ou negativa as seguintes condutas:
1. Non achegar ou non
facilitar o exame de documentos, informes, antecedentes, libros, rexistros,
ficheiros, xustificantes, asentos de contabilidade, programas e arquivos
informáticos, sistemas operativos e de control e calquera outro dato obxecto de
comprobación.
2. Non atender ningún requirimento.
3. A incomparecencia, salvo causa xustificada, no lugar e tempo
sinalados.
4. Negar ou impedir
indebidamente a entrada ou permanencia en locais de negocio e demais
establecementos ou lugares nos que existan indicios probatorios para a correcta
xustificación dos fondos recibidos polo beneficiario ou pola entidade
colaboradora ou da realidade e regularidade da actividade
subvencionada.
5. As coaccións ao persoal controlador que realice o control
financeiro.
h) O incumprimento da
obriga de colaboración por parte das persoas ou entidades ás que se refire o
artigo 45 desta lei, cando diso derive a imposibilidade de contrastar a
información facilitada polo beneficiario ou pola entidade
colaboradora.
i) As demais condutas tipificadas como infraccións leves na normativa da
Unión Europea en materia de subvencións.
Artigo 55.-Infraccións graves.
Constitúen infraccións graves as seguintes
condutas:
a) O incumprimento da
obriga de comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a
obtención de subvencións, axudas públicas, ingresos ou recursos para a mesma
finalidade á que se refire o artigo 11 desta lei.
b) O incumprimento das
condicións establecidas que alteren substancialmente os fins para os que a
subvención foi concedida.
c) A falta de xustificación do emprego dado aos
fondos recibidos unha vez transcorrido o prazo establecido para a súa
presentación.
d) A obtención da condición de entidade colaboradora que falsee os
requisitos requiridos nas bases reguladoras da subvención ou oculte os que a
impedisen.
e)
O incumprimento por parte da entidade colaboradora da obriga de verificar, se é
o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos
determinantes para o outorgamento das subvencións, cando diso derive a obriga de
reintegro.
f)
As demais condutas tipificadas como infraccións graves na normativa da Unión
Europea en materia de subvencións.
Artigo 56.-Infraccións moi graves.
Constitúen infraccións moi graves as seguintes
condutas:
a) A obtención dunha
subvención que falsee as condicións requiridas para a súa concesión ou oculte as
que a impedisen ou limitasen.
b) A non aplicación, en todo ou en parte, das
cantidades recibidas aos fins para os que a subvención foi
concedida.
c)
A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e
control previstas, respectivamente, nos artigos 11 e 12 desta lei, cando diso
derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou o
cumprimento da finalidade e da realidade e regularidade das actividades
subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos
para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público
ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
d) A falta de entrega, por parte das entidades colaboradoras, cando así
se estableza, aos beneficiarios dos fondos recibidos de acordo cos criterios
previstos nas bases reguladoras da subvención.
e) As demais condutas
tipificadas como infraccións moi graves na normativa da Unión Europea en materia
de subvencións.
Capítulo II
Das
sancións
Artigo 57.-Clases de
sancións.
1. As infraccións en
materia de subvencións sancionaranse mediante a imposición de sancións
pecuniarias e, cando proceda, de sancións non pecuniarias.
2. As sancións
pecuniarias poderán consistir en multa fixa ou proporcional. A sanción
pecuniaria proporcional aplicarase sobre a cantidade indebidamente obtida,
aplicada ou non xustificada.
A multa fixa estará comprendida entre 75 e 6.000
euros e a multa proporcional pode ir do tanto ao triplo da cantidade
indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades
colaboradoras, dos fondos indebidamente aplicados ou xustificados.
A multa pecuniaria será
independente da obriga de reintegro prevista no artigo 36 desta lei, así como
das indemnizacións por danos e perdas que puidesen esixirse. Para o seu
cobramento resultará igualmente aplicable o réxime xurídico previsto para os
ingresos de dereito público no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
3.
As sancións non pecuniarias, que se poderán impoñer no caso de infraccións
graves ou moi graves, poderán consistir en:
a) A perda durante un prazo de ata cinco anos da
posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais das administracións
públicas ou doutros entes públicos.
b) A perda durante un prazo de ata cinco anos da
posibilidade de actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións
reguladas nesta lei.
c) A prohibición durante un prazo de ata cinco anos para contratar coas
administracións públicas.
Artigo 58.-Graduación das sancións.
1. As sancións polas infraccións ás que se refire
este capítulo graduaranse atendendo en cada caso concreto a:
a) A comisión repetida de
infraccións en materia de subvencións.
Entenderase producida esta circunstancia cando o suxeito infractor fose
sancionado por unha infracción da mesma natureza, xa sexa grave ou moi grave, en
virtude de resolución firme en vía administrativa dentro dos catro anos
anteriores á comisión da infracción.
Cando concorra esta circunstancia na comisión
dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción mínima
incrementarase en 20 puntos porcentuais por cada infracción anteriormente
sancionada, ata un máximo de 60.
b) A resistencia, negativa ou obstrución ás
actuacións de comprobación e control recollidas na letra c) do apartado 1 do
artigo 11 e na letra d) do apartado 1 do artigo 12 desta lei. Cando concorra
esta circunstancia na comisión dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe
da sanción mínima incrementarase entre 10 e 75 puntos da seguinte
forma:
1.ª)
Por non achegar ou non facilitar o exame de documentos, informes, antecedentes,
libros, rexistros, ficheiros, xustificantes, asentos de contabilidade, programas
e arquivos informáticos, sistemas operativos e de control e calquera outro dato
obxecto de comprobación, 15 puntos porcentuais.
2.ª) Por non atender
requirimentos da administración, 10 puntos por cada requirimento
desatendido.
3.ª) Pola incomparecencia, salvo causa xustificada, no lugar e tempo
sinalados, 10 puntos porcentuais.
4.ª) Por negar ou impedir indebidamente a entrada
ou permanencia en locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que
existan indicios probatorios para a correcta xustificación dos fondos recibidos
polo beneficiario ou pola entidade colaboradora ou da realidade e regularidade
da actividade subvencionada, 15 puntos porcentuais.
5.ª) Por coaccións ao
persoal controlador que desenvolva as actuacións de comprobación e control, 50
puntos porcentuais.
6.ª) Por outras causas establecidas regulamentariamente, ata 20 puntos
porcentuais.
c) A utilización de medios fraudulentos na comisión de infraccións en
materia de subvencións.
Para estes efectos, consideraranse principalmente
medios fraudulentos os seguintes:
1. As anomalías substanciais na contabilidade e
nos rexistros legalmente establecidos.
2. O emprego de facturas, xustificantes ou outros
documentos falsos ou falseados.
3. A utilización de persoas ou entidades
interpostas que dificulten a comprobación da realidade da actividade
subvencionada. Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha infracción
grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción mínima incrementarase entre 20 e 100
puntos.
d) A
ocultación á administración, mediante a falta de presentación da documentación
xustificativa ou a presentación de documentación incompleta, incorrecta ou
inexacta, dos datos necesarios para a verificación da aplicación dada á
subvención recibida. Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha
infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción incrementarase entre 10 e
50 puntos.
e)
O atraso no cumprimento das obrigas formais.
2. Os criterios de graduación son aplicables simultaneamente. O criterio
establecido na letra e) empregarase exclusivamente para a graduación das
sancións por infraccións leves.
3. Os criterios de graduación recollidos nos
apartados anteriores non poderán utilizarse para agravar a infracción cando
estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio
ilícito administrativo.
4. O importe das sancións leves impostas a un
mesmo infractor por cada subvención non excederá no seu conxunto do importe da
subvención inicialmente concedida.
5. O importe das sancións graves e moi graves
impostas a un mesmo infractor por cada subvención non excederá no seu conxunto
do triplo do importe da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non
xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente
aplicados ou xustificados.
Artigo 59.-Sancións por infraccións
leves.
1. Cada infracción leve será
sancionada con multa de 75 a 900 euros, salvo o disposto no apartado
seguinte.
2.
Serán sancionadas en cada caso con multa de 150 a 6.000 euros as seguintes
infraccións:
a) A inexactitude ou omisión dunha ou varias operacións na contabilidade
e nos rexistros legalmente esixidos.
b) O incumprimento da obriga da levanza de
contabilidade ou dos rexistros legalmente establecidos.
c) A levanza de
contabilidades diversas que, referidas a unha mesma actividade, non permita
coñecer a verdadeira situación da entidade.
d) A utilización de contas con significado
distinto do que lles corresponde, segundo a súa natureza, que dificulte a
comprobación da realidade das actividades subvencionadas.
e) A falta de achega de
probas e documentos requiridos polos órganos de control ou a negativa á súa
exhibición.
f) O incumprimento por parte das entidades colaboradoras das obrigas
establecidas no artigo 12 desta lei.
g) O incumprimento por parte das persoas ou
entidades suxeitas á obriga de colaboración e de facilitar a documentación á que
se refire o artigo 45 desta lei, cando diso derive a imposibilidade de
contrastar a información facilitada polo beneficiario ou pola entidade
colaboradora.
Artigo 60.-Sancións por infraccións graves.
1. As infraccións graves serán sancionadas con
multa pecuniaria proporcional do tanto ao dobre da cantidade indebidamente
obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos
fondos indebidamente aplicados ou xustificados.
2. Cando o importe do
prexuízo económico correspondente á infracción grave represente máis do 50% da
subvención concedida ou das cantidades recibidas polas entidades colaboradoras,
e excedese de 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas
letras b) e c) do apartado 1 do artigo 58 desta lei, os infractores poderán ser
sancionados, ademais, con:
a) A perda durante un prazo de ata tres anos da
posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou
doutros entes públicos.
b) A prohibición durante un prazo de ata tres
anos para subscribir contratos coa administración ou con outros entes
públicos.
c)
A perda durante un prazo de ata tres anos da posibilidade de actuar como
entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta
lei.
Artigo
61.-Sancións por infraccións moi graves.
1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa pecuniaria
proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou
non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente
aplicados ou xustificados.
Non obstante, non se sancionarán as infraccións
recollidas nas letras b) e d) do artigo 56 cando os infractores reintegrasen as
cantidades e os correspondentes xuros de demora sen previo
requirimento.
2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción moi
grave exceda de 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas
nas letras b) e c) do apartado 1 do artigo 58 desta lei, os infractores poderán
ser sancionados, ademais, con:
a) A perda durante un prazo de ata cinco anos da
posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou
doutros entes públicos.
b) A prohibición durante un prazo de ata cinco
anos para subscribir contratos coa administración ou con outros entes
públicos.
c)
A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como
entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta
lei.
Artigo
62.-Desenvolvemento regulamentario do réxime de infraccións e
sancións.
As disposicións
regulamentarias de desenvolvemento poderán introducir especificacións ou
graduacións ao cadro das infraccións ou sancións establecidas legalmente que,
sen constituír novas infraccións ou sancións, nin alterar a natureza ou os
límites das que a lei prevé, contribúan á máis correcta identificación das
condutas ou á máis precisa determinación das sancións
correspondentes.
Artigo 63.-Prescrición de infraccións e sancións.
1. As infraccións prescribirán no prazo de catro
anos que se contarán desde o día no que a infracción se cometese.
2. As sancións
prescribirán no prazo de catro anos que se contarán desde o día seguinte a aquel
no que adquirise firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción.
3. O prazo de prescrición
interromperase conforme o establecido no artigo 132 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
4. A prescrición aplicarase de oficio, sen
prexuízo de que poida ser solicitada a súa declaración polo
interesado.
Artigo 64.-Competencia para a imposición de sancións.
As sancións en materia de subvencións serán
acordadas e impostas polos titulares dos departamentos concedentes, salvo en
relación con aquelas que para a súa concesión necesitasen da autorización do
Consello da Xunta, caso no que será competente este último. No caso de
subvencións concedidas polas demais entidades concedentes, as sancións serán
acordadas e impostas polos titulares dos departamentos aos que estivesen
adscritas.
Non obstante, cando a sanción consista na perda da posibilidade de obter
subvencións, axudas públicas e avais da Comunidade Autónoma, na prohibición para
subscribir contratos coa Comunidade Autónoma ou na perda da posibilidade de
actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta
lei, a competencia corresponderalle ao Consello da Xunta.
O titular do departamento
designará o instrutor do procedemento sancionador cando a dita función non estea
previamente atribuída a ningún órgano administrativo.
Artigo 65.-Publicidade
das sancións.
1. As resolucións
sancionadoras impostas por infraccións graves ou moi graves que gañasen firmeza
na vía administrativa publicaranse no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo,
deberán comunicárselles aos rexistros de subvencións e de contratistas da
Administración da Comunidade Autónoma.
2. Todas as sancións administrativas firmes en
materia de subvencións figurarán no Rexistro Público de Sancións con expresión
das persoas físicas ou xurídicas afectadas, da normativa infrinxida e do importe
da sanción.
Artigo 66.-Procedemento sancionador.
1. A imposición das sancións en materia de subvencións efectuarase
mediante expediente administrativo no que, en todo caso, se lle dará audiencia
ao interesado antes de ditarse o acordo correspondente e que será tramitado
conforme o disposto no capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
2. O procedemento iniciarase de oficio, como
consecuencia da actuación de comprobación desenvolvida polo órgano concedente ou
pola entidade colaboradora, así como das actuacións de control financeiro
previstas nesta lei.
3. Os acordos de imposición de sancións poñerán fin á vía
administrativa.
Artigo 67.-Extinción
da responsabilidade derivada da comisión de infraccións.
A responsabilidade derivada das infraccións
extínguese polo pagamento ou cumprimento da sanción ou por prescrición ou por
falecemento.
Artigo 68.-Responsabilidades.
1. Responderán solidariamente da sanción pecuniaria os membros,
partícipes ou cotitulares das entidades ás que se refire o apartado 3 do artigo
8, en proporción ás súas respectivas participacións, cando se trate de
comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio
separado.
2.
Responderán subsidiariamente da sanción pecuniaria os administradores das
sociedades mercantís, ou aqueles que exerzan a representación legal doutras
persoas xurídicas, de acordo coas disposicións legais ou estatutarias que lles
resulten aplicables, que non realicen os actos necesarios que sexan da súa
incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, adopten acordos que
fagan posibles os incumprimentos ou consintan os de quen deles
dependan.
3.
No caso de sociedades ou entidades disoltas e liquidadas nas que a lei limita a
responsabilidade patrimonial dos socios, partícipes ou cotitulares, as sancións
pendentes transmitiranse a estes, que quedarán obrigados solidariamente ata o
límite do valor da cota de liquidación que se lles adxudicase ou se lles debese
adxudicar.
4.
No caso de sociedades ou entidades disoltas e liquidadas nas que a lei non
limita a responsabilidade patrimonial dos socios, partícipes ou cotitulares, as
sancións pendentes transmitiranse a estes, que quedarán obrigados solidariamente
ao seu cumprimento.
Disposición adicionais
Primeira.-Adaptación de procedementos.
Os procedementos establecidos nesta lei
adaptaranse regulamentariamente ás condicións de organización e funcionamento da
Administración local de Galicia.
Segunda.-Réxime especial das axudas en materia de
cooperación exterior.
1. As
subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento reguladas na Lei
3/2003, do 19 de xuño, someteranse na súa concesión aos principios de
publicidade e concorrencia, salvo que proceda a aplicación do réxime previsto no
artigo 19.4 desta lei.
2. Co obxecto de lograr unha maior eficacia e
eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación para o
desenvolvemento, as bases reguladoras poderán establecer sistemas específicos de
pagamentos anticipados de ata o 100% da subvención concedida, sen a obriga de
presentar garantías, así como réximes especiais de xustificación e control cando
a natureza dos proxectos ou as características dos destinatarios o
requiran.
Terceira.-Axudas en especie.
As axudas consistentes na cesión de bens ou dereitos do patrimonio da
Comunidade Autónoma rexeranse pola lexislación do patrimonio. Non obstante, as
entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou
contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os
requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 desta lei terán a
consideración de subvencións en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta
lei, sen prexuízo das especificidades da xestión orzamentaria que
regulamentariamente se determinen.
Cuarta.-Actividade de patrocinio.
A actividade do patrocinio rexerase pola súa
normativa específica e supletoriamente por esta lei.
Quinta.-Universidades.
As
universidades da Comunidade Autónoma de Galicia suxeitaranse ás previsións desta
lei sen prexuízo das peculiaridades derivadas da súa propia
organización.
Sexta.-Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.
1. As entidades locais e as universidades da
Comunidade Autónoma de Galicia deberán crear un Rexistro Público de Axudas,
Subvencións e Convenios, que permita a súa consulta pública e a elaboración da
correspondente información estatística. Este rexistro deberá poñerse en marcha
dentro do prazo dun ano a partir da publicación desta lei.
2. En cada un dos
rexistros creados consignaranse as subvencións concedidas, con expresión da
convocatoria, do programa e do crédito orzamentario ao que se imputan, do
beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou das finalidades da
subvención.
3. Este rexistro é complementario das obrigas de publicidade ás que están
obrigadas as entidades e xestionarase tendo en conta, en todo caso, a necesidade
de preservación do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia
imaxe.
Sétima.-Actualización das contías previstas nesta lei.
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para
que, por proposta do conselleiro competente en materia de economía e facenda,
poida actualizar, mediante decreto, as contías recollidas nesta lei.
Oitava.-Autorización á
consellaría competente en materia de economía e facenda para a regulación de
procedementos en materia de subvencións por medios telemáticos.
Autorízase a consellaría
competente en materia de economía e facenda para que mediante orde estableza as
normas que regulen o emprego de medios electrónicos, informáticos e telématicos
nos procedementos relativos ás subvencións previstos nesta lei.
Disposicións
transitorias
Primeira.-Réxime
transitorio dos procedementos.
1. Aos
procedementos de concesión de subvencións iniciados á entrada en vigor desta lei
seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación.
2. Sen prexuízo do
disposto no parágrafo anterior, os procedementos de control financeiro,
reintegro e revisión de actos previstos nesta lei resultarán aplicables desde a
súa entrada en vigor.
3. O réxime sancionador previsto nesta lei
seralles aplicable ás persoas beneficiarias e ás entidades colaboradoras, nos
supostos previstos nesta disposición, sempre que o réxime xurídico sexa máis
favorable ca o previsto na lexislación anterior.
4. A adaptación
regulamentaria dos procedementos establecidos nesta lei ás condicións de
organización e funcionamento da Administración local de Galicia realizarase no
prazo de nove meses a partir da súa entrada en vigor.
Segunda.-Igape.
Os incentivos
á actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidos ao
abeiro do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, dos que a súa xestión lle
corresponde ao Instituto Galego de Promoción Económica, regularanse polo
disposto nas súas bases reguladoras en tanto non se peche definitivamente o
marco de apoio comunitario establecido para o período 2000-2006 pola Comisión
Europea, excepto no referido ao réxime de control financeiro e ás infraccións e
sancións administrativas en materia de subvencións, que se rexerán polo disposto
nesta lei.
Terceira.-Exoneración da presentación dos xustificantes de acreditación
de obrigas tributarias, coa Seguridade Social e débedas coa Administración da
Comunidade Autónoma.
A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma determinará as axudas e
subvencións nas que se producirá a exoneración da presentación dos xustificantes
de acreditación de obrigas tributarias, coa Seguridade Social e débedas coa
Administración da Comunidade Autónoma en tanto non se aproben as disposicións
regulamentarias previstas para o desenvolvemento e a aplicación desta
lei.
Disposición derrogatoria
Única.-Derrogación normativa.
1. Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que
contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.
2. Quedan derrogadas as
seguintes disposicións:
a) Do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os artigos 78 e 79 e a
disposición adicional cuarta.
b) O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo
que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia, en canto se opoña ao establecido nesta lei.
c) O Decreto 21/1992, do
29 de xaneiro, que desenvolve o artigo 31 da Lei 15/1991, do 28 decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, en materia de subvencións e
axudas.
d) Da
Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, o apartado 5
do artigo 29.
Disposición derradeira
Única.-Desenvolvemento e entrada en vigor.
1. No prazo de seis meses a partir da entrada en
vigor desta lei aprobarase un regulamento xeral para a súa
aplicación.
2. Esta lei entrará en vigor tres meses despois da súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil
sete.
Emilio Pérez
Touriño
Presidente
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es