Diario Oficial de Galicia
mércores, 27 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

123


Páxina do Dog:

11.123


Data da Disposición:

22 de maio de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 22 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para o fomento da propiedade industrial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento: IN525A) para o ano 2007.



Orde do 22 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para o fomento da propiedade industrial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento: IN525A) para o ano 2007.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006 aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (Incite).

O Incite ten como misión impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando, deste xeito, a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. Este plan estrutúrase en tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os programas sectoriais.

Dentro dos programas sectoriais, inclúese o programa de innovación empresarial que comprende todas as accións e instrumentos destinados a incrementar a competitividade das empresas galegas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. Para o desenvolvemento deste programa sectorial no Incite prevese, entre outros, a prestación de apoio financeiro para a protección, a través do sistema de propiedade industrial, dos resultados da actividade innovadora e creativa desenvolvida na Comunidade Autónoma galega.

Nesta convocatoria prevese a concesión de axudas para a protección das invencións desenvolvidas por empresas, institucións sen fin de lucro ou persoas físicas na Comunidade Autónoma galega, así como para a protección dos deseños industriais creados polas empresas galegas ou para o rexistro das marcas que vaian utilizar para a comercialización dos seus produtos.

Con este apoio financeiro procúrase, así mesmo, a equiparación da actividade rexistral do noso tecido empresarial co resto do Estado español e, consecuentemente, unha mellora das nosas condicións de competitividade.

Esta convocatoria dispón dun crédito sensiblemente superior ao da convocatoria do pasado ano, que debería garantir, de acordo coas previsións existentes, a concesión de axuda á totalidade das solicitudes que se presenten.

As solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado polo feito de que os procedementos de obtención de protección xurídica das creacións intelectuais son, en si mesmos, procedementos de concorrencia competitiva.

Así mesmo, co fin de simplificar os trámites administrativos e, en consecuencia, facilitar o acceso ás axudas, optouse por unificar todo o proceso de gasto (realización e pagamento), de tal forma que soamente se presente unha solicitude de subvención unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables.

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para o fomento da propiedade industrial (código de procedemento: IN525A), que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención (anexo II) e os demais anexos que a acompañan (do III ao VI) poderanse obter, formalizar ou imprimir a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.segapi.org/.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro (inclusive), salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 7.4 das bases reguladoras. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través das páxinas web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e do Segapi.

Artigo 4.º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN525A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://www.conselleriaiei.org/), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 95 73 90 e 981 95 73 91 da devandita dirección xeral.
c) O enderezo electrónico info.segapi@xunta.es
d) Presencialmente.
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2007.
Fernando Xabier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión das subvencións para o fomento da propiedade industrial (código de procedemento: IN525A)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.
1. O obxectivo das subvencións reguladas por estas bases é fomentar a protección da propiedade industrial na Comunidade Autónoma galega, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados das nosas innovacións. Trátase de impulsar a protección, non só das innovacións técnicas (invencións), senón tamén das innovacións de forma (deseños industriais) e de imaxe (signos distintivos).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) Nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado das axudas de minimis.

3. Estas subvencións destinaranse a atender os gastos derivados da tramitación de solicitudes de títulos de propiedade industrial e da súa renovación, ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. Dentro destas tramitacións inclúense como subvencionables os seguintes conceptos e gastos:

a) Solicitude de calquera título de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos). Dentro deste concepto inclúense todos os trámites (desde a solicitude ata a expedición do título) correspondentes á obtención de novos títulos, así como á transformación ou á extensión territorial de títulos existentes. Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

* Os importes das taxas aplicadas por estas oficinas para a realización dos trámites citados.

* Os gastos de consultoría externa asociados á preparación e presentación ante estas oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

O solicitante de subvención por este concepto deberá ser o peticionario ou o titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.

b) Mantemento de títulos de propiedade industrial correspondentes a invencións. Dentro deste concepto inclúense todos os trámites correspondentes á renovación e á posta en explotación de patentes e modelos de utilidade. Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

* Os importes das taxas aplicadas por estas oficinas para a realización dos trámites citados.

* Os gastos de consultoría externa asociados á preparación e presentación ante as oficinas da documentación correspondente aos trámites citados.

O solicitante de subvención por este concepto deberá ser o titular dos títulos de propiedade industrial correspondentes.


c) Análises de rexistrabilidade de calquera título de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos). Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

* Os gastos de consultoría externa asociados á realización de buscas de antecedentes rexistrais ou informes de rexistrabilidade, efectuados con carácter previo á solicitude de protección do título de que se trate, sempre que estes servizos sexan prestados por entidades externas, habilitadas ou con recoñecida experiencia para isto.

A subvencionalidade destes gastos está condicionada á presentación, ante a oficina de que se trate, da solicitude do título correspondente. Así mesmo, o solicitante de subvención por este concepto deberá ser o peticionario do título de propiedade industrial correspondente.

4. Con respecto aos gastos descritos no número 3 deste artigo, non serán subvencionables os seguintes:

* O imposto sobre o valor engadido (IVE), agás no caso de estar exento del. Neste caso deberase presentar a documentación acreditativa desta exención.

* Os gastos de intermediación entre o solicitante de subvención e a consultora externa prestadora do servizo para o que se solicita a subvención.

5. Estas subvencións só terán unha única anualidade, polo tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no número 3 deste artigo, que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2007 e a data de presentación da solicitude de subvención. O prazo límite para a presentación de solicitudes de subvención está regulado no artigo 3.2 desta orde.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, expresadas todas en euros, nas que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma galega para o ano 2007, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria. A aplicación orzamentaria 10.02.561A.770.0 está coofinanciada con Fondos Feder e FCI e a aplicación orzamentaria 10.02.561A.781.0 finánciase con fondos propios.

-Aplicación orzamentaria. 10.02.561A.770.0.
Solicitante: empresas.
Crédito anualidade 2007: 750.000.
-Aplicación orzamentaria: 10.02.561A.781.0.
Solicitante: persoas físicas e institucións sen fin de lucro.
Crédito anualidade 2007: 150.000.
Total aplicación orzamentaria: 900.000.
2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será o 70% dos gastos subvencionables, sempre que exista crédito e quedando suxeita ás dúas limitacións seguintes:

* A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta convocatoria, non poderá superar os 36.000 euros.

* Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros, agás para as empresas que operen no sector do transporte por estrada que será de 100.000 euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitario.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada, para os mesmos gastos, por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, e segundo os conceptos e gastos subvencionables descritos no artigo 1.3 destas bases, os seguintes:

a) Para calquera título de propiedade industrial (invencións, deseños industriais e signos distintivos): as microempresas, pequenas e medianas empresas (PEME), calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o seu domicilio social ou algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os que solicitan a subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.

b) Soamente para títulos de propiedade industrial correspondentes a invencións:
* As grandes empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o seu domicilio social ou algún centro produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os conceptos para os que solicitan subvención teñan aplicación directa nestes centros produtivos.

* As persoas físicas empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
* As institucións sen fin de lucro, calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Entenderase como microempresa, pequena ou mediana empresa aquela que ocupe a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede de 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede de 43 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos e importes financeiros haberá que aterse ao disposto na Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE L 124, do 20 de maio).

Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse un exemplar da seguinte documentación:

Documentación administrativa:
a) Se o solicitante é unha persoa xurídica, copia compulsada do CIF ou do NIF en caso de empresario individual, e se é unha persoa física, copia compulsada do seu NIF e do seu certificado de empadroamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Se o solicitante é unha persoa xurídica, copia compulsada do documento público acreditativo do poder co que actúa o seu representante e do seu DNI (en caso de poder mancomunado deberán achegarse copias compulsadas dos DNI de todos os representantes).

c) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas, para os mesmos gastos, en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no Anexo IV desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

d) Declaración de axudas, amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo V desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da resolución de concesión.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na que conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

f) Declaración de cumprimento dos requisitos de beneficiario que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo VI desta orde.

g) Certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non presentarse estes certificados, e en aplicación do establecido no artigo 5.1º destas bases, serán solicitados polo órgano concedente.

Documentación xustificativa dos gastos:
h) Cadro de gastos, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo III desta orde, no que deberán detallarse os gastos conforme as instrucións que figuran no anexo VII.

i) Xustificantes de realización e pagamento dos gastos (para cada un dos gastos que se recollan no anexo III):

* Copia compulsada do documento que acredite a realización do trámite correspondente ante a oficina de propiedade industrial de que se trate e copia compulsada do documento bancario acreditativo do pagamento da taxa, cando se trate de conceptos incluídos nas letras a) e b) do artigo 1.3 destas bases.

* Copia compulsada das facturas dos provedores (que deberán reflectir para cada gasto, o seu importe e a súa descrición, co mesmo detalle que o exixido no anexo VII) e dos documentos bancarios acreditativos do pagamento destas facturas (que permitan identificar a factura e o provedor), cando existan gastos de consultoría.

* Unha copia das buscas ou informes para os que se solicita subvención, cando se trate de conceptos incluídos na letra c) do artigo 1.3 destas bases.

j) Calquera outro documento que se requira, en orde á determinación e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

A solicitude de subvención (anexo II) e os demais anexos que a acompañan (do III ao VI) poderanse obter, cumprimentar ou imprimir a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.segapi.org/.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.


Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.
1. A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi), será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión e pagamento.

2. O Segapi será o órgano encargado de valorar as solicitudes e propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto, desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria adquirirán data de entrada para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible subvención, de acordo co establecido no punto seguinte.

4. Ata o esgotamento do crédito dispoñible, a concesión das subvencións efectuarase respectando a data de entrada adquirida polas solicitudes, con base no establecido no punto anterior, e conforme as seguintes regras:

* A data de entrada, para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible subvención, será a data na que a correspondente solicitude de subvención se presentase, nalgún dos lugares previstos no artigo 3.1º desta orde. Non obstante, en caso de ser requirida a rectificación da solicitude, conforme o previsto no número 1 deste artigo, a data de entrada virá determinada pola data de presentación do escrito de rectificación ou do oficio polo que se acompañen os documentos preceptivos, nalgún dos lugares previstos no artigo 3.1º desta orde.

* Sempre que se cumpran os requisitos determinados nestas bases e na convocatoria, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

* No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de entrada virá determinada polo número e data de entrada no rexistro do Servizo Galego de Propiedade Industrial (egapi).

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Audiencia.
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9º.-Resolución e pagamento.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o Servizo Galego de Propiedade Industrial formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación. En caso de concesión, o conselleiro resolverá así mesmo o ordenamento do pagamento da subvención, que se realizará directamente aos beneficiarios mediante transferencia bancaria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas individualmente de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 12º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde, nas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.


3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 13º.-Control.
1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Publicidade.
Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 15º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nas bases reguladoras atenderase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado das axudas de minimis e no resto de normativa que resulte de aplicación.





[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es