Diario Oficial de Galicia
venres, 29 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

125


Páxina do Dog:

11.276


Data da Disposición:

22 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 22 de xuño de 2007 pola que se modifica a do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, modificada polas ordes do 1 de decembro de 2000, do 26 de novembro de 2002, do 3 de xaneiro de 2006 e do 22 de novembro de 2006, e se establece novo prazo de convocatoria e amplía o abano de posibles beneficiarios.



Orde do 22 de xuño de 2007 pola que se modifica a do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, modificada polas ordes do 1 de decembro de 2000, do 26 de novembro de 2002, do 3 de xaneiro de 2006 e do 22 de novembro de 2006, e se establece novo prazo de convocatoria e amplía o abano de posibles beneficiarios.

A Orde do 22 de novembro de 2006 modifica parcialmente a Orde do 26 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, modificada polas ordes do 1 de decembro de 2000, do 26 de novembro de 2002 e do 3 de xaneiro de 2006, e particulariza para o exercicio 2007 o procedemento para a concesión de axudas no ámbito da acuicultura mariña como expediente anticipado de gasto.

A modificación introducida pola Orde do 22 de novembro de 2006 afecta, entre outros aspectos, o tipo de beneficiarios que poden acceder ás axudas, que se limita a aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de criadeiros ou granxas mariñas cuxas instalacións se localicen en zona terrestre ou marítimo-terrestre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez pechado o segundo período de solicitudes previsto na orde citada, e á vista das presentadas, prevese a existencia dun remanente de crédito o suficientemente amplo como para que se amplíe o abano de posibles beneficiarios e en consecuencia o obxecto das axudas. É así, que se abre un novo prazo de presentación de solicitudes para estes efectos, que rematará en todo caso antes do 31 de agosto de 2007. Estes beneficiarios só poderán acceder ás axudas unha vez avaliadas e resoltas as solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 22 de novembro de 2006, e mentres se produza o remanente de crédito sinalado.

Así mesmo, e dado o carácter plurianual que poden revestir algúns dos proxectos, e existindo a posibilidade de adquirir este tipo de compromiso con cargo ao IFOP no exercicio 2008, convén sinalar a forma en que se vai repartir o importe máximo das axudas en cada ano.

Finalmente, cómpre recoller no articulado, e de conformidade co artigo 17º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime xurídico de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia que, en caso de pagamentos parciais, poderá establecerse a exixencia de garantías segundo o disposto no citado decreto.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Engádense como posibles beneficiarios das axudas convocadas pola Orde do 22 de novembro de 2006 os titulares de establecementos de cultivos mariños en zona marítima, de parques de cultivos mariños e de establecementos de acuicultura en augas continentais inscritos no rexistro de centros de acuicultura, de conformidade co disposto na orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 25 de outubro de 1999, que realicen investimentos materiais nese tipo de instalacións.

Artigo 2º
Ábrese, prazo de presentación de solicitudes para os beneficiarios recollidos no artigo 1º , que se iniciará o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 31 de agosto de 2007.

Artigo 3º
As solicitudes presentadas polos beneficiarios aos que se fai referencia no artigo 1º só terán acceso ás axudas unha vez avaliadas as solicitudes da convocatoria regulada pola Orde do 22 de novembro de 2006 e sempre que exista remanente de crédito.

Artigo 4º
O importe da contía máxima das axudas reguladas na Orde do 22 de novembro de 2006 (DOG nº 229, do 28 de novembro) distribúese do seguinte xeito:

a) Para o exercicio orzamentario 2007 o importe será ata un máximo de 33.804.533,24 € euros con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A 772.0 que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.

b) Para expedientes de gasto que sexan executados en dúas anualidades, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para a anualidade no ano 2008 o importe será como máximo de 27.802.978,70 €. A aplicación orzamentaria correspondente será a 14.03.723A.772.0.

Artigo 5º
Será necesario para o cobramento de cada unha das anualidades, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario, que deberá depositarse na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda, por un importe igual á cantidade que hai que pagar máis os xuros de demora calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión, e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Para a presentación de solicitudes poderán utilizarse os anexos publicados na Orde do 26 de xullo de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia do 3 de agosto de 2000.

Segunda.-De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa utónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2007.
Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es