Diario Oficial de Galicia
luns, 2 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

127


Páxina do Dog:

11.408


Data da Disposición:

25 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural e se modifican parcialmente as bases da convocatoria recollidas na Orde do 6 de xullo de 2006.



Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural e se modifican parcialmente as bases da convocatoria recollidas na Orde do 6 de xullo de 2006.

A conselleira de Vivenda e Solo aprobou, por Orde do 6 de xullo de 2006, publicada no DOG nº 136, do 14 de xullo, as bases reguladoras das subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

A demanda dos concellos e o coñecemento da realidade social indica que é necesario continuar nesta liña de axudas para resolver o problema aínda existente, polo que se considera necesaria a publicación dunha nova orde de convocatoria para o exercicio 2007 de acordo coas citadas bases e a introdución dalgunha modificación delas.

Así, a presente orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural para o ano 2007, modificar o cómputo de ingresos e outras epígrafes, a necesidade dunha periodización da execución de obras polo concello, a posibilidade de realizar pagamentos parciais, actualizar o procedemento relativo á publicidade das subvencións, establecer o prazo de presentación de solicitudes, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias nas que figuran os créditos que amparan a convocatoria.

A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

Logo dos informes preceptivos, e en uso das referidas autorizacións,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural para o ano 2007, modificar o cómputo de ingresos e outras epígrafes, actualizar o procedemento relativo á publicidade das subvencións, a necesidade dunha periodización da execución de obras polo concello, a posibilidade de realizar pagamentos parciais, establecer o prazo de presentación de solicitudes, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan a convocatoria, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 6 de xullo de 2006, publicada no DOG nº 136, do 14 de xullo.

Artigo 2º.-Modificacións da Orde do 6 de xullo de 2006.
Modifícanse como segue os artigos da Orde do 6 de xullo de 2006, publicada no DOG nº 136, do 14 de xullo, que a seguir se citan:

Un.-Modifícase o parágrafo primeiro do número 1 do artigo 6º que quedará redactado da seguinte maneira:

«1. Por ingresos familiares a contía, expresada en número de veces o IPREM que, nesta orde, substitúe como indicador ao salario mínimo interprofesional no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras, da parte xeral e especial da renda reguladas nos artigos 39, 40 e 51 respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, e correspondente á declaración da persoa interesada e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Estes ingresos acreditaranse achegando unha fotocopia compulsada da declaración ou das declaracións efectivamente presentadas».

Dous.-Modifícase o punto 1.4 do artigo 7º que quedará redactado da seguinte maneira:

1.4. «Proxecto técnico con memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 3º desta disposición, orzamento de execución material e calendario de execución coa previsión das porcentaxes anuais de execución».

Tres.-Modifícase o parágrafo oitavo do artigo 9º que quedará redactado da seguinte maneira:

«Serán así mesmo obxecto da denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Catro.-Modifícase o artigo 10º que quedará redactado da seguinte maneira:
Artigo 10º.-Pagamento da subvención.
1. «O concello beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas, así como a acta de recepción e certificación valorada aprobada polo concello da total execución das obras obxecto de concesión da subvención.

A falta de comunicación no dito prazo do concello, salvo causa xustificada, dará lugar á perda da subvención por incumprimento das condicións da concesión.

A persoa titular da delegación da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue.

2. No caso de que as actuacións subvencionadas teñan un prazo de execución superior a un exercicio orzamentario, farase un pagamento parcial correspondente á obra realizada en cada anualidade conforme o plan de execución presentado polo concello e aprobado pola Administración, co procedemento, límites e garantías dos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste suposto, cada concello emitirá certificación pola parte da obra realizada dentro do plan de execución aprobado, e remitiraa á delegación provincial correspondente, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A persoa titular da delegación da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento parcial á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue.

As certificacións de obra realizada deberá remitilas o concello con anterioridade ao 30 de novembro de cada exercicio orzamentario, con independencia da obriga de respectar o prazo de execución que se sinale no acto de concesión.

O incumprimento do prazo total, implicará o incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas.

En todo caso, o importe do derradeiro pagamento non poderá ser inferior ao 20% do importe total da subvención concedida.

3. Os concellos beneficiarios, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. As subvencións serán aboadas aos concellos mediante transferencia bancaria».
Cinco.-Modifícase o artigo 17º que quedará redactado da seguinte maneira:
«Artigo 17º.-Rexistro de axudas e subvencións e publicidade».
«1. De acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o concello solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso».

«2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web».

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 31 de agosto de 2007.

Artigo 4º.-Consignación orzamentaria e importe máximo.
1. Poderán concederse subvencións para as actuacións dos puntos I A) e B) e II D) do artigo 3º da Orde do 6 de xullo de 2006 por un importe de 500.000 € ,con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, 500.000 € con cargo aos orzamentos de 2008, e 400.000 € con cargo aos orzamentos de 2009.

2. Poderán concederse subvencións para as actuacións dos puntos I C) e II E) do artigo 3º da Orde do 6 de xullo de 2006 por un importe de 400.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.760.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, 400.000€ con cargo aos orzamentos de 2008 e 300.000 € con cargo aos orzamentos de 2009.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es