Diario Oficial de Galicia
luns, 2 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
127
Páxina do Dog:
11.379
Data da Disposición:
15 de xuño de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 15 de xuño de 2007 pola que se determinan as bases
reguladoras e se convocan prazas de educadores bolseiros para o centro de
asistencia e educación especial Santiago Apóstolo da Coruña.
Orde do 15 de xuño de 2007 pola que se determinan as bases reguladoras e
se convocan prazas de educadores bolseiros para o centro de asistencia e
educación especial Santiago Apóstolo da Coruña.
O Estatuto de
autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á comunidade autónoma a
competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto
517/2005, do 6 de outubro, é o órgano responsable da dirección e control do
desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais,
lle corresponden á Xunta de Galicia.
Con esta convocatoria preténdense dotar de
bolseiros para a formación sobre persoas con discapacidade e facilitarlles o
estudo no campo educativo e asistencial ao centro de asistencia e educación
especial Santiago Apóstolo, bolseiros que, como contrapartida, gozarán de
aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 2007-2008, así como
de axudas para sufragar os gastos ocasionados polo pagamento de matrícula
académica e material escolar.
Neste marco xeral hai que incardinar esta orde,
que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas
de educadores bolseiros, en réxime de concorrencia competitiva, para o centro de
asistencia e educación especial Santiago Apóstolo, da Coruña, dependente da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido na
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores
modificacións, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas que concede a Administración autonómica,
e na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade galega
para o ano 2007 e na normativa de desenvolvemento, na que se establecen os
requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade
económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde,
tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e
concorrencia.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.
Convocar a cobertura de 8 prazas de educadores bolseiros, polo réxime de
concorrencia competitiva previsto no artigo 22.1º da Lei xeral de subvencións,
para o curso escolar 2007-2008 no centro de asistencia e educación especial
Santiago Apóstolo, dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar.
Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.
Son requisitos para participar na
convocatoria:
a) Idade comprendida
entre os 18 e 28 anos na data en que remate o prazo para ditar
resolución.
b) Estar cursando estudos superiores, medios, de formación profesional
grao superior (FP2) e/ou técnicos superiores de formación profesional, nunha
facultade, colexio universitario ou escola técnica, ou ter rematados estes
estudos.
c)
Non ter perdido con anterioridade a condición de bolseiro por causa imputable ao
solicitante.
d) Non padecer enfermidade ou limitación física e psíquica que impida o
desenvolvemento normal da actividade.
Artigo 3º.-Solicitudes.
Os interesados deberán presentar a súa solicitude
en modelo normalizado (anexo á orde) no rexistro da Delegación Provincial da
Igualdade e do Benestar da Coruña, avenida do Exército, 2, CP 15006, xunto coa
seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI.
b) Certificación académica e, se é o caso, título
académico que capacite para participar ou xustificante de que se solicitou a súa
expedición.
c) Curriculum vitae do solicitante, con xustificación do expediente
académico, actuacións de voluntariado e formación non regrada.
d) Fotocopia da tarxeta
de asistencia sanitaria.
e)
Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por
conta propia ou allea, e de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou
concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou
entidades privadas.
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturales contados
a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de
Galicia.
Se a
solicitude non cumpre os requisitos sinalados, requirirase o interesado para
que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos,
con indicación de que, se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa
petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no
artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 4º.-Dereitos dos
adxudicatarios.
1. A concesión da
bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro
de 2007 ata o 30 de xuño de 2008. O aloxamento será de tal xeito que lle permita
ao bolseiro a normal realización dos seus estudos.
2. O pagamento por parte
da vicepresidencia de ata 170 € para gastos de matrícula, logo da xustificación
do correspondente gasto.
3. O pagamento por parte da vicepresidencia de
ata 100 € para adquisición de libros relacionados cos estudos cursados polos
bolseiros nas condicións fixadas no artigo 2º.
4. O pagamento pola
vicepresidencia da contía de 100 € mensuais, logo da certificación pola
dirección do centro, dos estudos e formación adquirida.
5. Ao rematar a estadía
no centro, seralles entregado un diploma acreditativo pola Dirección Xeral de
Acción Social, logo do informe favorable do director do centro das prácticas
realizadas.
6. A asignación dun profesional como titor que, en coordinación coa
dirección do centro, oriente e asesore o bolseiro nas súas
actividades.
Artigo 5º.-Duración da bolsa.
A duración da bolsa será do 1 de setembro de 2007 ao 30 de xuño de
2008.
Valorarase a colaboración e a
formación adquiridas en temas de discapacidade polo bolseiro mediante informe
emitido polos responsables do centro.
Artigo 6º.-Financiamento.
O gasto financiarase con cargo á aplicación
orzamentaria 05.31.312E.481.1 por un importe máximo de 10.160 €, desagregado por
anualidades do seguinte xeito:
-Ano 2007: 5.360 €.
-Ano 2008: 4.800 €.
Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.
1. A condición de bolseiro obriga a este nos
termos previstos no artigo 14.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, e no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia, coa excepción do cumprimento da obriga de xustificación a que se
refire o artigo 78.4º c), de acordo co disposto na Lei 14/2006, do 28 de
decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007
e, especialmente, a realizar as tarefas de colaboración que a dirección do
centro lle encomende en relación co desenvolvemento de accións formativas e de
convivencia dos residentes, en horas de actividade extraescolar,
fundamentalmente en fins de semana e festivos, de tal xeito que resulten
compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro e redunden na súa
formación adquirindo ou ampliando coñecementos sobre a actuación coas persoas
con discapacidade.
2. Cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do
centro.
3. Os bolseiros teñen a
obriga de facilitar por escrito toda a información que lles sexa requirida pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o tribunal de cuentas e o
consello de contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do
destino das axudas.
4. Antes do último pagamento os bolseiros presentarán unha declaración
complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou
concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das
distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou
dependentes. En todo caso a concesión da bolsa é incompatible con calquera outra
axuda para aloxamento e mantenza.
Artigo 8º.-Procedemento de selección.
1. Unha vez presentadas as solicitudes ou
emendadas, no seu caso, remitiráselle á Comisión de Valoración, presidida polo
secretario provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo
vogais dous funcionarios, designados pola delegada provincial, o director do
centro e o xefe de internado, que se rexerá no seu funcionamento polo disposto
no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, que examinará
as solicitudes, valorando os seguintes datos:
a) Expediente académico,
daráselles prioridade aos solicitantes que estean cursando ou teñan finalizado
os estudos de: psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, profesorado de educación
primaria, enfermaría, educación social, estimuladora, fisioterapia, terapia
ocupacional, logopedia, psicomotricidade, monitor/a ocupacional, técnicos, as
superiores en integración social e educación infantil (FP) (de 0 a 50
puntos).
b)
Actuacións de voluntariado nos campos de integración, animación sociocultural e
deportiva, ou persoas con discapacidade (de 0 a 15 puntos).
c) Formación non regrada
nas áreas sociosanitaria ou educativa (de 0 a 15 puntos).
2. A comisión
confeccionará unha listaxe das solicitudes recibidas e elevaralle a proposta de
adxudicación ou denegación á delegada provincial, antes de que pasen 20 días
naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para
presentar as instancias. A proposta de adxudicación poderá incluír a
adxudicación de todas as bolsas, de parte delas ou de ningunha.
3. Correspóndelle á
delegada provincial da Igualdade e do Benestar, por delegación do vicepresidente
e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das
bolsas, mediante resolución que se comunicará tanto ao centro como a todos os
solicitantes. O prazo para notificar a resolución expresa será ata o 31 de
agosto. Se no devandito prazo non se ditase resolución expresa, entenderase que
quedan desestimadas as solicitudes presentadas.
A resolución establecerá
os bolseiros adxudicatarios e suplentes por orde de puntuación. Estes últimos
serán chamados automaticamente e pola orde establecida cando por algunha
circunstancia algún dos adxudicatarios non acreditara os requisitos e condicións
de adxudicación, non puidera formalizar a aceptación da bolsa ou, unha vez
iniciadas as actividades, non continuara na execución delas.
4. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
5. As resolucións
dictadas en relación con estas prazas poñerán fin á vía administrativa e
poderase interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición, no prazo dun
mes contado a partir da data da notificación da resolución, ante o mesmo órgano
que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional
contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a
data da notificación.
Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de
novembro de 2007 para presentar a documentación requirida para os efectos pola
Delegación Provincial da Coruña (datos da conta e entidade bancaria e
xustificantes da matrícula e libros). A mora motivará que non se proceda ao
aboamento correspondente, agás acreditación suficiente de imposibilidade de
presentación en prazo.
Artigo 9º.-Natureza da relación
bolseiros-Administración.
A
solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación,
implicarán a aceptación do disposto nesta orde.
Os seleccionados
adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación
laboral ou administrativa.
Artigo 10º.-Revogación ou interrupción no goce
das bolsas.
A delegada provincial,
logo dos informes pertinentes, tras a audiencia ao interesado e motivando a
resolución procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos
casos previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, así como cando os adxudicatarios:
a) Incumprisen as condicións, obrigas e
incompatibilidades previstas nos artigos 2º e 7º desta orde.
b) Incorresen en
ausencias reiteradas e inxustificadas.
c) Incumprisen a disciplina do centro.
O suposto de revogación obrigará o adxudicatario
a reintegrarlle ao Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de
acordarse aquela.
No caso de interrupción do goce da bolsa, por vontade do bolseiro, a
delegada provincial, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se
procede exixir a devolución total ou parcial das cantidades aboadas ou suspender
ou anular os pagamentos pendentes.
Os adxudicatarios quedan suxeitos ao réxime de
infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do
29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.
Artigo 11º.-Publicidade
de datos.
Non será necesaria a
publicidade da adxudicación das bolsas ao non superar a axuda, individualmente
considerada, a contía de 1.500 euros (artigo 9 do decreto 132/2006, do 27 de
xullo).
Disposición adicional
Única.-Apróbase a delegación de competencias na delegada provincial da
Igualdade e do Benestar da Coruña, ao abeiro do establecido no artigo 78 do
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola
Lei 14/2004, do 29 de decembro, para resolver a concesión, denegación,
modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde,
autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a
proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposicións
derradeiras
Primeira.-Facúltase o
director xeral de Acción Social para ditar as resolucións necesarias para o
desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
15 de xuño de 2007.
Anxo Manuel
Quintana González
Vicepresidente da
Igualdade e do Benestar
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es