Diario Oficial de Galicia
mércores, 4 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

129


Páxina do Dog:

11.518


Data da Disposición:

8 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 8 de xuño de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros, aprobadas por Orde do 14 de xullo de 2000, e se convocan para o 2007.



Orde do 8 de xuño de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros, aprobadas por Orde do 14 de xullo de 2000, e se convocan para o 2007.

A Orde do 14 de xullo de 2000 (DOG do 2 de agosto), pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros, modificada pola Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG do 5 de xullo) e pola Orde do 4 de abril de 2005 (DOG do 14 de abril), establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do programa operativo IFOP 2000-2006, as axudas se outorgarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Aínda que o Programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto nos anos 2007 e 2008, sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.

Por outra banda, con data do 15 de agosto de 2006 publicouse no DOUE o Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, que define o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro, das zonas de pesca e da pesca interior, cun período de programación entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2013. Entre outras, o FEP poderá financiar medidas de modernización dos buques pesqueiros, configurando así unhas posibilidades de intervención nun ámbito moi similar ao establecido polo artigo 9 do Regulamento (CE) nº 2792/1999.

Considerando que os proxectos subvencionados ao abeiro da Orde do 14 de xullo de 2000 son acordes co espírito e finalidade tanto do IFOP como do novo FEP, cómpre manter esta liña de actuación, polo que mediante esta orde se procede a convocar as ditas axudas para o ano 2007 con cargo aos créditos remanentes do programa operativo IFOP e conforme o seu réxime xurídico.

A Orde do 14 de xullo de 2000, coas súas modificacións posteriores, prevé que as obras deberán estar concluídas dentro do prazo que se sinala na correspondente resolución e, en todo caso, dentro do exercicio orzamentario correspondente á concesión das axudas. Tendo en conta que estamos no peche do Programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP), considérase conveniente modificar este prazo de xeito que na resolución de concesión de axuda será onde se sinale o prazo de execución das obras en función da súa complexidade.

Tamén é conveniente engadir algunha norma contida na Lei xeral de subvencións, do 17 de novembro de 2003, que non está nas bases reguladoras destas axudas ao ser publicadas con anterioridade á dita lei, polo que nesta orde se modifican certos aspectos formais e procedementais das bases reguladoras.

En atención a razóns de celeridade e operatividade, establécese que a documentación da segunda fase ou de concesión das axudas se presente toda coa solicitude nun único prazo, que se establece nesta orde.

Por todo o exposto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.
Para o exercicio orzamentario 2007 convócanse axudas á modernización dos buques pesqueiros, ao abeiro da Orde do 14 de xullo de 2000 (DOG nº 149, do 2 de agosto) na súa vixente redacción, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.
Estas axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións 14.03.723A.770.3 e 14.03.723A.770.5, código do proxecto: 2002 12829, do orzamento do ano 2007 ata o importe máximo de 2.463.135,57 €, e reservarase para o efecto o correspondente crédito.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.
Para a concesión de axudas á modernización de buques pesqueiros, ao abeiro da devandita Orde do 14 de xullo de 2000, con cargo ao exercicio orzamentario 2007, o prazo de presentación de solicitudes e toda a documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Documentación para presentar coa solicitude.
Coa solicitude presentarase, ademais da documentación sinalada no artigo 12º, a indicada no artigo 15º das bases reguladoras desta axudas.

Artigo 5º.-Modificación da Orde do 14 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas.

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 14 de xullo de 2000:
Artigo 10º.-Procedemento de concesión das axudas.
O procedemento consta dunha soa fase co outorgamento efectivo da subvención.
Artigo 11º.-Sen contido.
Artigo 12º.-Solicitudes e prazo de presentación.
Engádese un segundo parágrafo no n.2 co contido seguinte:
«A elección da oferta dos provedores en gastos superiores a 30.000 euros, no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros, no suposto de subministracións de bens de equipo, deberá adaptarse ao contido do punto 3º do artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro). O peticionario solicitará e presentará tres ofertas de diferentes provedores xunto coa solicitude da axuda, tendo en conta os criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa».

Artigo 13º.-Comisión de avaliación.
1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: presidente: director/a xeral de Estruturas e Mercados da Pesca. Vogais: a subdirectora xeral de Estruturas Pesqueiras, un funcionario adscrito á Dirección Xeral de Recursos Mariños e un funcionario por cada unha das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, designados polo presidente.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.
Artigo 17º.-Realización das obras e garantías.
O primeiro parágrafo deste artigo queda redactado como segue: «As obras tanto polo que respecta á renovación coma á modernización deben estar totalmente rematadas dentro do prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión da axuda».

Disposicións adicionais
Primeira.-Conforme o establecido no artigo 78.3 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999 do 7 de outubro, delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Segunda.-De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideran ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento.

Cuarta.
1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.


Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2007.
María Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es