Diario Oficial de Galicia
martes, 19 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
117
Páxina do Dog:
10.456
Data da Disposición:
23 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde 
Título:
Orde do 23 de maio de 2007 pola que se convoca un curso de 
formación básica en información, orientación e asesoramento á 
mocidade.
Orde do 23 de maio de 2007 pola que se 
convoca un curso de formación básica en información, orientación e asesoramento 
á mocidade.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar 
é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de 
benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 517/2005, 
do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
Á Vicepresidencia da 
Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e 
Solidariedade correspóndelle, entre as súas funcións, a promoción e organización 
das actuacións en materia de información e documentación para a 
mocidade.
Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación 
Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e 
actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro 
Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar 
cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información 
xuvenil.
Como 
consecuencia e no uso das atribucións que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta 
disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso 
básico de información, orientación e asesoramento á xuventude.
Artigo 
2º.-Obxectivos.
Formar o persoal da 
Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil a nivel teórico-práctico 
sobre a información e as distintas asesorías que se poden levar a cabo nas 
oficinas de información xuvenil.
Artigo 3º.-Persoal a que vai 
dirixido.
Informadores xuvenís da 
Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.
Artigo 4º.-Criterios de selección.
Terán prioridade os informadores xuvenís das 
OMIX, en función da antiguidade como informador xuvenil.
Artigo 
5º.-Desenvolvemento do curso.
O curso 
terá carácter semipresencial. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas 
as sesións presenciais do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada 
debidamente polo interesado.
5.1. Duración: 60 horas.
Número de edicións: 4.
5.2. Lugar e datas:
Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e 
Vigo.
O curso realizarase no mes de 
setembro 2007. O lugar e as datas cos horarios seranlles comunicados 
individualmente ás alumnas e aos alumnos seleccionados.
5.3. Nº de prazas: 
20.
Artigo 6º.-Contidos.
As políticas de información xuvenil. Orixe e 
evolución dos servizos de información xuvenil. Novas necesidades informativas da 
mocidade e políticas de información. Breve historia da información xuvenil. A 
información xuvenil dentro das políticas de mocidade. A carta europea de 
información xuvenil. A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. 
Antecedentes. Lexislación galega en materia de mocidade. Posta en funcionamento 
dun SIX. Información xuvenil xeneralista e especializada. INXUVE. A coordinadora 
estatal de información xuvenil. Estrutura da Vicepresidencia da Igualdade e do 
Benestar e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Decreto 50/2000, do 
20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de 
mocidade. Estrutura e deseño dun Servizo de Información Xuvenil. Xestión dunha 
oficina de información xuvenil. As ferramentas básicas na elaboración, selección 
e difusión da información. Servizos de orientación e asesoramento nunha oficina 
de información xuvenil. Habilidades sociais e comunicación na información 
xuvenil. Técnicas de animación de grupos xuvenís. A calidade na información 
xuvenil. Fontes de información e documentación. O centro de documentación. 
Técnicas de organización: operacións previas. Fondo documental. Operacións 
documentais: selección, tratamento e difusión documental. Tipos de documentos: 
primarios, secundarios, terciarios. Informatización documental. Análise 
documental. Indización. Resumo. Linguaxe documental: definición e tipos. O 
thesaurus: definición e estrutura. Recuperación e difusión da información. As 
tecnoloxías da información. O uso das novas tecnoloxías como ferramentas da 
información xuvenil. O acceso á internet. O correo electrónico. O portal 
rix.
Artigo 
7º.-Solicitudes.
O prazo de 
presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte 
ao da publicación desta resolución no DOG.
As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse 
ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Dirección Xeral 
de Xuventude e Solidariedade da Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia 
da Igualdade e do Benestar.
Artigo 8º.-Certificacións de 
asistencia.
1. Outorgaráselles o 
correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con 
regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de 
avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, a Vicepresidencia da Igualdade 
e do Benestar poderá fixar a realización das probas que consideren 
oportunas.
2. 
É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos cursos. Toda 
ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de 
asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas 
presenciais programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente 
referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os 
dereitos.
Artigo 9 º.-Modificacións.
A 
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá suspender algunha edición do 
curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento 
e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da 
Administración, así como ás distintas continxencias que poidan 
xurdir.
Artigo 10º.- A asistencia a estes cursos será gratuíta para as alumnas e 
alumnos seleccionados.
Disposición derradeira
Única.-Esta disposición entrará en vigor o día 
seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do 
Benestar
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de 
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e 
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es