Diario Oficial de Galicia
martes, 19 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

117


Páxina do Dog:

10.479


Data da Disposición:

13 de xuño de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 13 de xuño de 2007 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.



Orde do 13 de xuño de 2007 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

O Decreto 64/2006, do 6 de abril, coas modificacións do Decreto 38/2007, do 1 de marzo, regula e establece as bases do réxime de subvencións para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto 64/2006 que regula o réxime de subvencións para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a súa aplicación.

Esta orde convoca as subvencións, detalla o procedemento, establece o prazo de presentación de solicitudes de subvencións, indica o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que amparan esta orde.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que terán vixencia indefinida, e abrir a convocatoria no exercicio económico de 2007, nun procedemento de concorrencia non competitiva, para as subvencións reguladas no Decreto 64/2006, do 6 de abril, DOG nº 79, do 25 de abril, modificado polo Decreto 38/2007, do 1 de marzo, DOG nº 58, do 22 de marzo, destinadas ás persoas físicas promotoras de vivendas unifamiliares rurais, con baixos ingresos, para que poidan rematar os exteriores das súas casas, quedando protexidas da humidade e o clima en condicións de salubridade e seguridade, adecuadas ao medio e á paisaxe e respectuosas coa tipoloxía tradicional da zona.

Artigo 2º.-Actuacións protexibles.
1. En relación co determinado nos artigos 4 e 12 do Decreto 64/2006, o catálogo de traballos que corresponde ás actuacións protexidas enunciadas no anexo I do devandito decreto é o que figura no anexo I desta orde. Así mesmo, establécense como prezos máximos de referencia os das distintas partidas das bases de datos da construción de Galicia publicadas polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e que se poden consultar na súa páxina web, http://www.itg.es/. Para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

2. Os criterios de calidade para as citadas actuacións protexibles son os seguintes:

a) Nas actuacións deberán empregarse as formas e materiais que menor impacto produzan, así como as cores tradicionais na zona ou, en todo caso, as que favorezan en mellor medida a integración na contorna inmediata e na paisaxe.

De conformidade co establecido nos artigos 29 b) e 104 c) e d) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia:

-As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do asentamento. En tal sentido, para o acabamento das edificacións empregarase a pedra ou os materiais tradicionais e propios da zona. En casos xustificados pola calidade arquitectónica da edificación, poderán empregarse outros materiais que harmonicen cos valores naturais, a paisaxe rural e as edificacións tradicionais da contorna.

-A tipoloxía das construcións deberá ser congruente coas características da contorna e os materiais empregados para a renovación e acabamento de fachadas e cubertas das edificacións, e os cerramentos de parcelas deberán harmonizar coa paisaxe na que se vaian levar a cabo.

-As construcións deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente rematados, con emprego neles das formas e os materiais que menor impacto produzan así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, os que favorezan en mellor medida a integración na contorna inmediata e na paisaxe.

b) Quedan excluídos e prohibidos, e poden ser razón de perda da subvención, o uso de materiais inadecuados como bloques de formigón visto, e uralita-fibrocemento de calquera tipo vistos, e morteiros monocapas.

Artigo 3º.-Beneficiarios. Ingresos familiares.
De acordo co artigo 5 do Decreto 64 /2006, do 6 de abril, poderán solicitar as subvencións convocadas por esta orde, as persoas físicas que, sendo promotores de vivendas unifamiliares rurais, obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do correspondente exercicio do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Para os efectos do determinado no artigo 5 e 7 do Decreto 64/2006, do 6 de abril, enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, expresada en número de veces o IPREM, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras, da parte xeral e especial da renda reguladas nos artigos 39, 40 e 51, respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Se o interesado non presentase declaración por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, sen prexuízo do achegamento dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 4º desta disposición.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos ingresos familiares o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

-Familias de 1 membro : 1.
-Familias de 2 membros: 0,95.
-Familias de 3-4 membros: 0,90.
-Familias de 5-6 membros: 0,85.
-Familias de máis de 6 membros: 0,80.
3. Por unidade familiar tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. No caso dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, os ingresos na moeda propia do país no que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en euros, aplicando o primeiro cambio oficial fixado para o comprador no mercado de divisas no ano seguinte ao que se refiran os ingresos.

Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para estas axudas, segundo o determinado no artigo 8 do Decreto 64/2006 presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose aos modelos que figuran no anexo II desta orde.

2. Os documentos que se deben achegar á solicitude son os seguintes:
a) Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante.
b) Certificado emitido por un técnico competente na materia do estado de construción das obras realizadas ate o momento segundo o determinado no artigo 3 do Decreto 64/2006, e de que estas se adecuan á licenza municipal de obras. No mesmo escrito certificarase que as obras propostas para a subvención tamén se adecuan á devandita licenza de obras.

c) Memoria descritiva de todas as obras que se pretenden realizar de entre as incluídas no artigo 4 do Decreto 64/2006, e o artigo 2º.1 desta orde, de modo que os paramentos exteriores e cuberta queden totalmente terminados, o seu orzamento e xustificación de que estas se adaptan ao medio e á paisaxe e axustándose aos criterios do artigo 2º.2 desta orde. A memoria deberá ir asinada por un técnico competente na materia.

d) Licenza municipal de obras.
e) Plano de situación da vivenda en construción no que figure o nome da parroquia, do lugar, da rúa e o número ou denominación da casa.

f) Fotografías actuais de todas as fachadas da vivenda en construción.
g) No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:
-Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria,

-Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do INEM, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

h) Certificado municipal de situación da vivenda segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 64/2006, do 6 de abril.


i) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

j) Acreditación da composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de familia.

3. As citadas solicitudes deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros nas que concorran as citadas circunstancias.

4. As solicitudes asinadas polos galegos residentes no exterior da comunidade autónoma poderán presentarse nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán remitilas, en todo caso, á Secretaría Xeral de Emigración.

Esta secretaría xeral remitirá as solicitudes á Delegación Provincial da Consellería da Vivenda e Solo que corresponda en función da localización da vivenda.

Será preceptivo o informe da Secretaría Xeral de Emigración para toda solicitude presentada polos galegos e galegas residentes no exterior.

Artigo 5º.-Procedemento de concesión das subvencións.
1. As solicitudes presentadas conforme o artigo anterior serán revisadas de acordo co artigo 10 do Decreto 64/2006, do 6 de abril, polos delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo. Unha vez revisadas as solicitudes, os delegados provinciais elevarán as propostas de concesión ou denegación da subvención á persoa titular da consellería de Vivenda e Solo, quen ditará resolución expresa sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de ser o caso, sobre a súa denegación, debidamente motivada, sempre dentro dos límites previamente xustificados.

2. Serán obxecto de denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria.

O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra as ditas resolucións que poñen fin a vía administrativa poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser impugnado directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas solicitantes de subvencións ao abeiro desta orde ás que lles foran denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual.

3. Consonte co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a solicitude de subvencións para remate exterior das vivendas unifamiliares rurais de nova construción comportará a autorización para que a Consellería de Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, a comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.
Para os efectos do disposto no artigo 9 do Decreto 64/2006, o prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor desta disposición e rematará o 31 de agosto de 2007.

Artigo 7º.-Prazo de resolución.
De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro correspondente. Vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Rexistro de axudas e subvencións e publicidade.
1. De acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.
Para os efectos do determinado no artigo 6 do Decreto 64/2006, o importe máximo destas axudas será de 1.500.000 euros, e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 17.02.451A.780.0 do vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
ANEXO I
-Nº de orde: 01.
Catálogo de traballos: limpeza de pedra.
Limpeza de cerrume de pedra existente, consistente: a) na retirada de vexetación manchas e residuos; b) no picado, rascadura e cepilladura de rexuntados deteriorados; c) no chorreo con area, auga ou outros materiais similares .

-Nº de orde: 02.
Catálogo de traballos: revestimento exterior de cachotería.
Revestimento de pechamentos exteriores existentes con cachote de pedra, tomado con morteiro de cal e/ou cemento e area limpa, con preparación de pedras, fixación, rexuntado, limpeza final incluso chorreo con auga, e aplicación, se fose necesaria, dunha imprimación hidrófuga e medios auxiliares, medida deducindo ocos superiores a 1,5 m2.

-Nº de orde: 03.
Catálogo de traballos: rexuntado con argamasa.
Rexuntado de muro de cachotaría de granito ou de lousa, realizado con argamasa de cal e/ou cemento e area limpa cunha dosificación aproximada de ¼, incluso retacada con laxas do mesmo material do muro. Con limpeza por cepilladura previa da xunta empapándose con auga limpa incluso as superficies adxacentes, antes de aplicar a argamasa. Incluso aditivo hidrófugo a engadir os compoñentes da argamasa, no caso necesario para conseguir a impermeabilización das xuntas. Aconséllase que a argamasa sexa de color similar á da pedra ou lousa, imitando os aglomerados usados tradicionalmente, para o que á argamasa terán que engadírselle pigmentos minerais naturais.

-Nº de orde: 04.
Catálogo de traballos: revocadura de argamasa.
Revocadura de argamasa composto por masa de cal e/ou cemento e area limpa, incluso co engadido dalgunha parte de cal ou cemento branco, aplicado en capas sobre cerrumes, sendo a primeira unha salpicadura con area grosa e sobre esta un recebo con area máis fina, non será recomendable un espesura total de non máis de 25 mm, incluso regrado e remate de arestas e esquinas. Medido deducindo ocos maiores de 1,5 m2.

-Nº de orde: 05.
Catálogo de traballos: picado de revocadura.
Picado de revocadura de espesura variable en muros, realizado por medios manuais ou mecánicos, incluso limpeza final.

-Nº de orde: 06.
Catálogo de traballos: saneamento de pinturas exteriores.
Eliminación e saneamento superficial de pintura plástica ou similar existente sobre paredes exteriores, realizado por medios manuais ou mecánicos, así como o tratamento de soportes e limpeza final. Deixando a superficie lista para pintar. Medido deducindo ocos maiores de 1,5 m2.

-Nº de orde: 07.
Catálogo de traballos: pinturas exteriores.
Pintura mineral, ou similar, impermeable á auga, aplicada de acordo coas normas, en paredes exteriores en bo estado e secas, na color que favoreza a integración no medio, primeira man de fixativo en función da absorción da parede e dúas mans de pintura mediante brocha, rolo ou cepillo deixando o tempo de secado axeitado entre man e man. Incluso remate e limpeza final, medido con dedución de ocos maiores de 1,5 m2.

-Nº de orde: 08.
Catálogo de traballos: imprimacion antióxido para metal.
Aplicación de imprimación anticorrosiva para metais, previa rascadura de óxido por medios manuais ou mecánicos, incluso limpeza da superficie, aplicada con brocha ou pistola.

-Nº de orde: 09.
Catálogo de traballos: pintura para metal.
Pintura ao esmalte satinado, coas mans necesarias para un bo acabamento sobre elementos metálicos


-Nº de orde: 10.
Catálogo de traballos: decapado de pintura sobre madeira.
Eliminación de pinturas vellas sobre madeira en carpintarías empregando soprete de ar quente e espátula, ou decapante quita pinturas e raspillado. Incluso extracción de puntas, desmontaxe de vidros con reparación se fosen especiais e limpeza de enmasillados, incluso desmontaxe da porta ou ventá, lixado e limpeza final e reinstalación da peza, medios auxiliares incluídos, a medida sobre a superficie real executada.

-Nº de orde: 11.
Catálogo de traballos: pintura ao aceite para madeira.
Pintura ao aceite, incluso lixado, coas mans necesarias para un bo acabamento. Medida en superficie real executada.

-Nº de orde: 12.
Catálogo de traballos: cuberta de tella.
Cuberta de tella composta por tella cerámica curva tomada con argamasa de cemento e disposta sobre pranchas de fibrocemento gran onda, executada cos seus remates, limas e beirís, incluso medios auxiliares, medida a superficie real.

-Nº de orde: 13.
Catálogo de traballos: cuberta de lousa.
Cuberta de lousa, ancorada con ganchos inoxidables e colocada sobre listóns de madeira tratada, colocada cos seus remates, incluso medios auxiliares, limas e beirís, medida en superficie real.

-Nº de orde: 14.
Catálogo de traballos: canalón.
Canalón de chapa metálica pregada de primeira calidade, con soportes de platinas do mesmo material, coa superposición e xuntas de dilatación necesarias, incluso babeiro, pezas especiais, pequeno material e medios auxiliares, totalmente rematado para a súa posta en funcionamento.

-Nº de orde: 15.
Catálogo de traballos: baixante.
Baixante de tubo metálico, cos empalmes e superposición necesarios, convenientemente apromada sobre muro, con abrazadeiras do mesmo material da consistencia necesaria, cos remates, complementos, medios auxiliares e limpeza final, totalmente rematada para a súa posta en funcionamento.

-Nº de orde: 16.
Catálogo de traballos: varanda de madeira.
Varanda de madeira exterior de alto formada por pasamáns superior e zócolo inferior, pezas verticais torneadas ou cadradas, convenientemente ensambladas, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

-Nº de orde: 17.
Catálogo de traballos: varanda de aceiro.
Varanda exterior resolta con pés de tubo oco de aceiro, con platinas horizontais superior e inferior do mesmo material, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, sen incluír pintura incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

-Nº de orde: 18.
Catálogo de traballos: varanda de ferro forxado.
Varanda exterior de ferro fundido, realizada con redondos macizos e nós reengrosados, con pasamáns e bastidor, pés dereitos tomados con garras de ancoraxe, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

Auxiliares
-Nº de orde: A1.
Catálogo de traballos: contedores de entullo.
Evacuación de entullo en contedor pechado de 5 m3 de capacidade nominal, incluso transporte a pé de obra e a vertedoiro, así como a súa descarga.

-Nº de orde: A2.
Catálogo de traballos: estadas.
Estadas homologadas cumprindo todas as normas de seguridade, con montaxe e desmontaxe, lonas exteriores de seguridade e ornato, plataformas e marquesiñas, cando sexa necesario, de forma que se garanta o paso con seguridade de peóns pola vía pública. Incluso instalación cara o exterior do cartel identificativo da obra. Medios auxiliares e de seguridade, coidando especialmente o aspecto na vía pública das obras.

* Estas partidas son complementarias das actuacións en acabamentos exteriores e só se poderán solicitar conxuntamente con elas.


INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es