Diario Oficial de Galicia
luns, 18 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
116
Páxina do Dog:
10.385
Data da Disposición:
11 de xuño de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 11 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases e se
convocan para o ano 2007 as axudas para o fomento da primeira forestación de
terras non-agrícolas.
Orde do 11 de xuño de 2007 pola
que se establecen as bases e se convocan para o ano 2007 as axudas para o
fomento da primeira forestación de terras non-agrícolas.
O Regulamento
(CE)1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao
desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Rural (Feader), no seu artigo 45 establece a primeira forestación de terras non
agrícolas.
O
Real decreto 2128/2004, do 29 de outubro, polo que se regula o sistema de
información xeográfica de parcelas agrícolas, establece as normas de aplicación
do devandito sistema e a súa utilización como instrumento de xestión no marco do
sistema integrado de xestión e control e resto dos réximes de axuda relacionados
coa superficie da política agrícola común. Así mesmo, a Orde do 24 de xaneiro de
2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro de 2005) da Consellería de Política
Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural establece o sistema de información
xeográfica de parcelas agrícolas en Galicia.
A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas
tributarias e de réxime administrativo, modifica o texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7
de outubro, adaptando este texto ao disposto na Lei estatal 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, a Lei 14/2006, do 28 de decembro, de
orzamentos xerais da comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 aproba os
orzamentos para este ano.
A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no
artigo 27.10º do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de
montes e aproveitamentos forestais.
A Consellería do Medio Rural, segundo o
establecido no Decreto 232/2005, do 11 de agosto (DOG nº 155, do 12 de agosto),
polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e no
Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica
da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, é o
organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os
seguintes:
a)
Fomentar a forestación de especies forestais en terreos non
agrícolas.
b) A diminución das masas
forestais monoespecíficas favorecendo o aumento da diversidade.
c) O aumento da
superficie forestal arborizada.
d) A
diminución do risco de incendios forestais mediante a valorización dos terreos
forestais.
O
Decreto 287/2000, do 21 de novembro, desenvolve o réxime de axudas e subvencións
públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outro lado a Lei 38/2003, do 17
de novembro, xeral de subvencións ten por obxecto a regulación do réxime
xurídico xeral das subvencións outorgadas polas administracións
públicas.
O
Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de
incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación
de aproveitamentos e repoboacións forestais.
En consecuencia, de conformidade co previsto no
artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que
confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
En
consecuencia de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora
da Xunta e do seu presidente e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas e ámbito de
aplicación.
1.1. Esta orde ten por
obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a primeira
forestación de terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano
2007 en réxime de concorrencia competitiva.
1.2. O disposto nesta orde será de aplicación
para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión
de:
-Os
bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración
central ou autonómica.
-Os bosques e outras superficies forestais
propiedade da Coroa.
-Os bosques
propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50% do seu capital pertenza
a algunha das institucións anteriormente citadas.
Artigo 2º.-Tipos de
superficies obxecto de axuda.
1.
Poderán ser obxecto de axuda aqueles terreos que estean identificados no Sistema
de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) como:
-Forestal
(FO).
-Pasteiro con arboredo
(PA).
-Pasteiro arbustivo
(PR).
-Zona concentrada non incluída
na ortofoto (ZC).
Nos terreos en que
existise tradicionalmente arboredo non se poderán solicitar estas
axudas.
En
todo caso será de aplicación o disposto no capítulo II da Orde do 24 de xaneiro
de 2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro de 2005) da Consellería de Política
Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que establece o sistema de información
xeográfica de parcelas agrícolas en Galicia.
2. A superficie de actuación será a suma da
superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.
3. Son terras agrícolas
abandonadas aqueles terreos de ermo, terreo con arbustos e matos ou arboredo
cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 20 %, que tradicionalmente tiveron
un aproveitamento agrícola / gandeiro e que non recibiron ningunha utilización,
nin intervención agraria durante os últimos 10 anos.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
Poderán ser
beneficiarios das axudas expostas nesta orde os propietarios particulares, as
agrupacións dos ditos propietarios, as cooperativas agrarias, os pro indivisos,
as comunidades de bens, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais
en man común.
Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que non
sexan propietarias dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por
parte do propietario do terreo a un terceiro.
Artigo 4º.-Condicións,
tipos, importes e duración das axudas.
Os importes de subvención se corresponderén, como máximo, co 80% do valor
máximo de investimento no caso de forestación en zonas desfavorecidas (ver anexo
XIV) e forestacións en Rede Natura 2000 e co 70% do valor máximo de investimento
no resto dos casos.
1. Gastos de repoboación forestal e de área de defensa contra incendios
forestais.
O
importe desta axuda virá determinado polo orzamento aprobado da actuación, sen
que poida exceder a subvención dos máximos de investimento en euros por hectárea
de actuación que se indican a continuación:
Topes máximos de investimento en € por ha de
actuación:
-Especies do anexo I:
1.700.
(Coníferas).
-Especies do anexo II: 2.200.
(Frondosas).
Estes gastos incluirán os necesarios para a preparación previa do terreo,
adquisición de planta, protección da planta mediante protectores e outros
materiais necesarios, así como os de plantación propiamente dita, área de
defensa contra incendios forestais e labores inmediatamente posteriores a
ela.
2. Prima
de mantemento.
Está destinada ao
coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación que son
necesarios para o logro da plantación realizada en terras agrícolas abandonadas.
A prima de mantemento ten unha duración de cinco anos contados a partir do ano
seguinte ao do pagamento da última comprobación.
Esta prima non se
concederá ás forestacións emprendidas por entidades de dereito público nin en
forestacións en terreos que non sexan terras agrícolas abandonadas.
Aplicaranse os valores
máximos seguintes en euros por hectárea de actuación:
Repoboacións forestais especies.
Anexo I: 220.
Repoboacións forestais especies.
Anexo II: 300.
3.
Infraestruturas de acompañamento ou obras complementarias das novas repoboacións
que se realicen ao abeiro desta orde.
-Ata 7.000 € por km de peche.
-Ata 8.000 € por km de apertura de pista
forestal.
-Ata 3.000 € por km de
arranxo de pista forestal.
-Ata 6.000
€ por punto de auga con capacidade igual ou superior a 50 m3 de
auga.
A repercusión máxima por ha de
actuación será a seguinte:
Peche.
Euros por ha de actuación: 280.
Puntos de auga. Euros por ha de actuación: 240.
Apertura pistas forestais. Euros por ha de
actuación: 320.
Arranxo pistas
forestais. Euros por ha de actuación: 120.
No caso de os pro indivisos, as comunidades de bens, as entidades locais,
as cooperativas agrícolas, CMVMC ou agrupacións de propietarios poderase
subvencionar ademais o peche da plantación realizada, sempre e cando a
superficie de actuación supere as 10 hectáreas e se xustifique a súa necesidade
(gando, fauna cinexética ...). A colocación de protectores poderase subvencionar
independentemente do tipo de beneficiario, sempre e cando se xustifique a súa
necesidade (gando, fauna cinexética ...).
4. O IVE non é subvencionable.
Artigo 5º.-Condicións técnicas dos
investimentos.
1. Todos os documentos
descritivos das actuacións que se presenten deberán incluír un plan de
infraestruturas de defensa da forestación que se vaia efectuar, ou xustificación
técnica motivada de que non é necesario, excepto no caso de propietarios
particulares de xeito individual.
2. Todos os documentos descritivos das actuacións
teñen que incluír como cartografía planos sobre mapas oficiais, preferentemente
a escala 1:5.000, ou no seu defecto a escala 1:10.000. En caso de agrupacións,
incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con
que participa cada membro da agrupación.
3. No caso de que os traballos solicitados no
documento descritivo das actuacións deban someterse a avaliación de impacto
ambiental, segundo o disposto na lexislación vixente, o solicitante deberá
iniciar os trámites para a declaración de impacto ambiental.
4. Os documentos
descritivos das actuacións que se presenten deberán incluír un punto onde se
definan os labores mínimos de mantemento e o orzamento que se investirá en cada
un dos 5 anos de vixencia da prima de mantemento, ben que estas accións quedarán
condicionadas á realidade cambiante das obras forestais.
5. Farase constar nos
documentos descritivos das actuacións se a superficie de actuación comprende
zonas de protección lateral do Camiño de Santiago e solicitarase de forma
interna, antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural.
6.
Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se na superficie de
actuación existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de
Bens de Interese Cultural de Galicia e solicitarase de forma interna, antes da
aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural.
7.
Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se a superficie de
actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000 e solicitarase de forma interna
antes da aprobación da axuda, informe ao Servizo de Conservación da Natureza, en
caso de que o antedito informe sexa desfavorable, non se admitirá a trámite a
solicitude de axuda. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats
prioritarios.
8. Xunto coa solicitude de axuda presentarase un documento descritivo das
actuacións que se levarán a cabo cando a axuda solicitada sexa aprobada,
presentarase un proxecto, cos mesmos datos que o documento descritivo, asinado
por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal e visado polo
correspondente colexio oficial; no caso de enxeñeiro técnico forestal, deberá
estar visado no colexio da Comunidade Autónoma de Galicia e en todo caso
nomearase un director de obra. O documento descritivo das actuacións deberá
conter como mínimo o seguinte:
-Estado legal do predio obxecto de solicitude de
axuda: superficie, localización, estremeiros, accesos ...
-Descrición das
actuacións que se levarán a cabo.
-Especies que se empregarán, densidade final, quenda da especie
...
-Cartografía: planos sobre mapas
oficiais e ficha SIXPAC.
-Indicación
de se os terreos se atopan en Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral
do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen
parte do rexistro de bens de interese cultural de Galicia.
-Orzamento.
A planimetría da memoria técnica visada, que se
presentará no caso de aprobarse a solicitude de axuda, presentarase
xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum de
traballo, en ficheiro DXF (nun CD), obtido a partir dun plano de escala mínima
1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF deberá estar estruturado da
seguinte maneira:
Artigo 6º.-Outras condicións
técnicas.
1. As densidades mínimas de
plantación deberán ser as seguintes:
a) Anexo I: 1.100 plantas/ha, 1.600 plantas/ha en zonas protectoras de
montaña, situadas nas cabeceiras das bacías hidrográficas.
b) Anexo II para madeira:
625 plantas/ha.
c) Anexo II para
froito: 200 plantas/ha
2. Coidados
culturais mínimos:
Durante a vixencia
da prima de mantemento realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da
vexetación de competencia e a reposición de marras e en caso de que o estado da
repoboación o requira:
a) Podas de formación e de calidade.
b) Fertilización cando o estado da planta o
demande.
c) Mantemento das
infraestruturas de defensa da repoboación.
3. Especies utilizar:
Poderán
ser obxecto de axuda as plantacións coas especies comprendidas nos anexos desta
orde.
4.
Características da planta:
-A planta
empregada deberá cumprir os requisitos de procedencia e calidade exterior
exixidos polo Real decreto 289/2003 e sanitarios, regulados polo Real decreto
58/2005, do 21 de xaneiro, e demais lexislación vixente.
-No caso de planta de
frondosa en contedor a planta deberá ser dun ou dúas savias e o tamaño mínimo do
contedor será de 300 cc e de 200 cc para alnus sp. e bétula sp.
-No caso de empregarse
planta de frondosa a raíz núa esta deberá ser de dúas ou máis savias,
preferentemente repicada, excepto no caso de clons híbridos.
-En calquera caso a
planta que se empregue deberá ser de procedencia galega, excepto xustificación
técnica de non dispoñibilidade de planta autóctona, e excepto os
híbridos.
5.
A lonxitude máxima subvencionable suma de arranxo e construción de pista
forestal, que deberá realizarse dentro da superficie obxecto de actuación será
de 40 metros lineais por hectárea de actuación. Excepto no caso de solicitudes
de propietarios particulares de xeito individual en superficies comprendidas
entre 3 e 15 hectáreas que non as poderán solicitar:
6. Os puntos de auga que
se instalen deberán ter xustificada a súa viabilidade e idoneidade, e deberán
ter informe favorable do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais, en caso
de que o dito informe sexa desfavorable, non será obxecto de axuda a dita
unidade nin terá puntos na priorización de expedientes.
7. As condicións técnicas
mínimas e limitacións de uso que deben observarse figuran no anexo
VI.
8.
Quedarán excluídas de reforestación subvencionable as especies do anexo I nas
áreas de valgada, entendendo como tal, aquela superficie ocupada polo contorno
físico inmediato aos cursos permanentes de auga, desde estes ata unha distancia
de 10 metros en sentido perpendicular a ambos os lados da marxe do leito
fluvial. As especies que poden ser atendidas na subvención solicitada nestas
áreas de valgada son as sinaladas cun asterisco no anexo II.
9. Nos terreos obxecto de
subvención, unha vez aprobada a axuda, colocarase en lugar visible desde o
acceso, como mínimo, un cartel identificativo, segundo o modelo indicado no
anexo XV.
10.
No caso de solicitudes de propietarios particulares de xeito individual en
superficies comprendidas entre 3 e 10 hectáreas non será necesaria a realización
de áreas de defensa contra incendios forestais.
11. Nos terreos obxecto
de solicitude de axuda deberá cumprirse, en todo caso, o disposto no Decreto
105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de
incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación
de aproveitamentos e repoboacións forestais.
12. Poderán tramitarse peticións de axuda co
obxecto de realizar traballos forestais en montes que teñan subscrito un
convenio ou consorcio coa Xunta de Galicia, logo de informe de viabilidade do
Servizo Provincial de Montes e Industrias Forestais correspondente.
13. En zonas cun
procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables
as axudas solicitadas para traballos de repoboación, áreas de defensa contra
incendios forestais e infraestruturas de defensa en terreos en que o acordo de
concentración parcelaria sexa firme.
14. Os terreos cun proceso iniciado de
expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas axudas.
15. As monteiras de
rexenerado existentes nas superficies obxecto de actuación quedarán excluídas e
deberán manterse en todo caso, non interrompendo a continuidade do couto redondo
da solicitude.
16. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico,
botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico delimitarase a súa
localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de
actuación.
17.-Nas solicitudes de comunidades de montes veciñais en man común nos
concellos máis afectados pola vaga de lumes será necesario un informe previo do
Servizo Provincial de Montes e Industrias Forestais correspondente de
viabilidade e compatibilidade dos traballos solicitados.
Artigo
7º.-Prioridades.
1. Resérvanse as
seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 16º,
segundo tipo de beneficiario:
-Propietarios particulares de xeito individual:
20 %.
-Agrupacións de propietarios
particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais,
comunidades de bens e outros: 40 %.
-CMVMC: 40 %.
2. Dentro de cada un dos puntos anteriores establecerase unha orde de
prioridade segundo a seguinte prelación:
1. Segundo estea clasificada a superficie no
SIXPAC:
-Forestal (FO):
5puntos/hectárea.
-Pasteiro con
arboredo (PA): 10 puntos/hectárea.
-Pasteiro arbustivo (PR): 10 puntos/hectárea.
-Zona concentrada non incluída na ortofoto (ZC):
7 puntos/hectárea.
2. Por
especie:
-Piñeiro do país (Pinus
pinaster): 10 puntos por hectárea repoboada.
-Piñeiro silvestre (Pinus sylvestris L.): 10 puntos por hectárea
repoboada.
-Piñeiro insigne (Pinus
radiata D. Don.): 10 puntos por hectárea repoboada.
-Pseudotsuga (Pseudotsuga menziesii.): 10 puntos
por hectárea repoboada.
3. Por punto
de auga: 7 puntos por punto de auga con capacidade igual ou superior a 50 m3 de
auga, en forestacións cunha superficie superior a 15 hectáreas e con informe de
viabilidade favorable do Servizo de Defensa Contra Incendios
Forestais.
4. Superficie obxecto dos traballos en zonas desfavorecidas da comunidade
autónoma (ver anexo XIV): 10 puntos.
5. Superficie obxecto dos traballos nos concellos
máis afectados pola vaga de lumes (ver anexo XII): 20 puntos.
6. No caso de montes
veciñais en man común que invistan o 15 % ou máis dos seus ingresos nos últimos
3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) en melloras do monte, aplicarase a
puntuación maior dos tres puntos seguintes:
-Investimentos dun 15 % a un 30 % dos seus
ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais: 10 puntos.
-Investimentos de máis
dun 30 % a un 50 % dos seus ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais: 15
puntos.
-Investimentos de máis dun 50 % dos seus ingresos nos últimos 3
exercicios fiscais: 20 puntos.
7. No caso de montes veciñais en man común que
investisen nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) un mínimo do 15
% dos seus ingresos a outros investimentos, que non sexan no monte pero que
vaian dedicadas aos veciños ou teñan un fin social: 5 puntos.
-No caso de montes
veciñais en man común sen ingresos nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004
e 2005): 10 puntos.
8. No caso de agrupacións de propietarios: 5 puntos por propietario
agrupado.
9. No caso dunha agrupación
de propietarios legalmente constituída: 10 puntos.
10. Zona concentración parcelaria de uso
forestal: 3 puntos.
11. Agrupación de
propietarios en zona concentración parcelaria de uso forestal: 10
puntos.
12.
Monte con instrumento de xestión rexistrado: 10 puntos. (Orde do 12 de xuño de
1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de
Xestión de Montes).
13. Monte veciñal en man común sen convenio ou consorcio: 5
puntos.
De persistir o empate de
maior a menor valor das catro últimas cifras do DNI ou CIF do titular dos
terreos.
No
caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a
totalidade do importe especificado nos distintos puntos, os importes sobrantes
dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes
solicitados.
Artigo 8º.-Superficies mínimas e máximas para solicitar as axudas e
superficies excluídas.
a) Superficie mínima.
1. Para montes veciñais en man común, a
superficie mínima de actuación por solicitude será de 15 hectáreas nun couto
redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do
couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou
artificiais.
2. Para agrupacións de propietarios particulares, as entidades locais,
cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outros, a
superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun couto
redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do
couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou
artificiais.
3. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de
actuación mínima por solicitude será de 3 hectáreas nun couto redondo, non
admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo
non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou
artificiais.
b) Superficie máxima.
1. Para
montes veciñais en man común, agrupacións de propietarios particulares,
cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais, comunidades de bens
e outros: a superficie máxima de actuación por solicitude será de 25
hectáreas.
2.
Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación
máxima por solicitude será de 15 hectáreas nun só couto redondo.
Artigo
9º.-Compromisos.
Os beneficiarios das
axudas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas
nesta orde.
1. Compromisos de mantemento e conservación:
O titular comprométese a manter a forestación
conforme as condicións de comprobación e a conservar a masa creada durante a
quenda da especie e devolver o diñeiro percibido e dos seus xuros legais, se o
bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta
de coidados silvícolas por parte do solicitante. Así mesmo, deberán manterse
operativas as súas infraestruturas de acompañamento e área de defensa da
masa.
-No
caso de agrupacións de propietarios:
A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada
propietario membro da agrupación.
Os integrantes da agrupación comprométense a
levar unha xestión conxunta da forestación durante a quenda da
especie.
2.
Se as superficies forestadas se transmitisen en todo ou en parte durante o
período de compromiso, adecuaranse as primas á situación do novo titular,
debendo, en todo caso, o novo titular cumprir as condicións exixibles para a
percepción das axudas que se lle outorgaron.
3. Poderán ter lugar usos gandeiros
complementarios cando estes xa non prexudiquen a repoboación, logo de
autorización do Servizo de Montes e Industrias Forestais da provincia
correspondente.
4. Se unha vez efectuada a solicitude e antes da forestación, o terreo
fose obxecto dun incendio forestal ou queima do mato, o beneficiario deberá
comunicar o inmediatamente por escrito ao Servizo de Montes e Industrias
Forestais, con obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova
realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.
5. No caso de abandono,
incendio ou destrución da plantación por calquera causa, suspenderanse todas as
axudas pendentes, ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída,
total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das
responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar no
prazo máximo dun mes os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da
totalidade ou de parte da plantación.
6. Os puntos de auga deberán manterse operativos
durante 20 anos e manter o acceso libre para tarefas de extinción de
incendios.
7.
O beneficiario comprométese en todo momento a facilitarlle as tarefas de
inspección persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias
relacionadas con esta orde.
8. Nos montes conveniados ou consorciados que
formen parte do Sistema de Xestión Forestal Sostible da Xunta de Galicia os
beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no Manual de
Boas Prácticas na Xestión Forestal Sostible, que forma parte do Sistema de
Xestión Forestal Sostible da Xunta de Galicia.
9. No caso de agrupacións
de propietarios, pro indivisos, cooperativas agrícolas, comunidades de bens e
comunidades de montes veciñais en man común, os membros da agrupación, os
copropietarios, os membros da comunidade de bens, cooperativa ou os comuneiros
están obrigados a solicitar e realizar un curso de formación en silvicultura
antes de que remate o período de vixencia das primas de mantemento.
Artigo 10º.-Solicitudes e
documentación.
1. As solicitudes das
axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto, segundo
consta no anexo IX adxunto, facilitados polos órganos periféricos e centrais da
Consellería do Medio Rural. Estas solicitudes presentaranse nas súas oficinas,
nas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 4/1999, de
modificación da Lei 30-1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas
ao conselleiro do Medio Rural.
2. Os impresos de solicitude, total e
correctamente cubertos, deberán ir necesariamente acompañados da documentación
abaixo relacionada.
Non serán tidas en conta aquelas solicitudes que non conteñan a
información mínima que lle permita coñecer á Consellería do Medio Rural a
finalidade da solicitude.
2.1. En xeral:
a) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF do
beneficiario.
b) Documento descritivo
das actuacións.
c) Declaración do
beneficiario da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas,
solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda
solicitada ao abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou
doutros entes públicos. Anexo XVI.
d) Ficha SIXPAC das parcelas obxecto de
solicitude de axuda e anexo X debidamente cumberto.
2.2. Para todo tipo de
titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man
común:
-No
caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou
declaración xurada ou baixo a súa responsabilidade do titular da propiedade.
Nesta declaración farase constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos
predios, superficie e lindeiros obxecto dos traballos e localización destes. No
suposto de que o terreo sexa propiedade de varios copropietarios (pro indiviso),
ademais presentarase documento privado en que se acredite o consentimento de
tóodos os propietarios, a designación dun solicitante - representante e que
todos os codóminos asumen todos os compromisos e obrigas desta orde. No caso de
concentracións parcelarias sen títulos, presentarase un certificado do Servizo
Provincial de Infraestruturas Agrarias e no caso de non dispor deste certificado
presentarase unha declaración xurada de propiedade e unha fotocopia da
solicitude deste certificado.
2.3. Para comunidades de montes veciñais en man
común:-Certificado do acordo tomado en asemblea xeral,
asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir
axudas á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da
solicitude.
2.4. Documentación complementaria.
1. Para agrupacións de propietarios particulares:
-Anexo VII desta orde debidamente
cuberto.
-No caso de agrupacións
legalmente constituídas: CIF e documento acreditativo da súa constitución onde
consten as persoas que forman parte da dita agrupación.
2. No caso de
cooperativas agrarias: copia dos estatutos.
3. No caso de comunidades de bens: documentación acreditativa, nomeamento
dun representante e compromiso de todos os membros da comunidade de bens de
aceptar todos os compromisos e obrigas desta orde.
4. No caso de as
entidades locais: acordo tomado en pleno autorizando o alcalde a solicitar as
axudas.
2.5.
Documentación adicional.
1. Montes
veciñais en man común que invistan como mínimo o 15 % dos seus ingresos en
melloras do monte ou noutros investimentos dedicados aos veciños, teñan un fin
social nos últimos 3 exercicios fiscais (2003, 2004 e 2005) ou non teñan
ingresos: anexo XI debidamente cuberto.
2. No caso de agrupacións de propietarios, pro
indivisos, cooperativas agrícolas, comunidades de bens e comunidades de montes
veciñais en man común, os membros da agrupación, os copropietarios, os membros
da comunidade de bens, ou cooperativa: anexo XIII conforme solicitan e se
comprometen a realizar un curso de formación en silvicultura antes de que remate
o período de vixencia das primas de mantemento, no caso de comunidades de montes
veciñais en man común o anexo XIII asinarao o secretario co visto e prace do
presidente. No caso de que se acredite a capacitación técnica e a superación de
actividades formativas relacionadas coa silvicultura non será necesario
solicitar o curso de formación en silvicultura.
3. No caso de
forestacións en terras agrícolas abandonadas: anexo VIII debidamente cuberto,
excepto no caso de entidades locais que non é necesario.
4. No caso de montes
veciñais en man común sen convenio ou consorcio: certificado do secretario da
comunidade de montes co visto e prace do presidente de non ter
convenio.
Artigo 11º.-Prazos.
1. Prazo
de presentación de solicitudes.
O
prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día
seguinte ao da publicación desta orde.
2. Soamente poderá presentarse unha solicitude
por titular e ano para os terreos que se atopen nun mesmo concello, excepto no
caso de que un titular teña terreos en dous ou máis agrupacións forestais. No
caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes
presentadas con posterioridade á primeira. Deberá empregarse un impreso de
solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.
Artigo
12º.-Tramitación.
1. Unha vez
presentada a solicitude revisarase a súa documentación e no caso de que conteña
defectos ou omisións non esenciais, seralle requirida ao solicitante a emenda,
outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co
disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, con indicación
de que se así non o fixese terase por desistido da súa petición arquivándose o
expediente sen máis trámite cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992,
modificada pola Lei 4/1999.
2. O órgano competente para levar a cabo a
tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Montes e Industrias
Forestais. Os servizos provinciais de Montes e Industrias Forestais proporanlle
ao órgano colexiado composto polo subdirector xeral de Recursos Forestais, polo
xefe do Servizo de Produción e Industrias Forestais e por un funcionario da
Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais que actuará como secretario, a
relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde;
o órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios de
prioridade establecidos no artigo 7 e emitiralle un informe ao director xeral de
Montes e Industrias Forestais que, pola súa vez, a elevará a proposta de
concesión ao conselleiro do Medio Rural. O conselleiro do Medio Rural resolverá
sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva
axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade,
transparencia, igualdade e non-discriminación.
3. A Consellería do Medio
Rural comunicará no prazo máximo de 6 meses, podéndose ampliar segundo o
indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, a aprobación e contía das axudas ou a
denegación razoada da solicitude.
4. No caso de non recaer resolución expresa nun
prazo de 6 meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado
poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de
resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Estas resolucións
serán notificadas a cada un dos solicitantes dentro do prazo de 10 días
seguintes á toma do acordo.
Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria,
que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de
reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes que comezará a
contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución,
ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio
administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.
As solicitudes non aprobadas por falta de
orzamento poderán considerarse nas convocatorias de axudas futuras, en iguais
condicións que o resto de solicitudes, por petición dos seus
titulares.
Artigo 13º.-Execución e xustificación.
1. Na resolución indicarase o prazo para a
execución dos traballos que con carácter xeral non será inferior a 2
meses.
2. Nun
prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución de aprobación
deberase presentar o correspondente proxecto e o nomeamento do director de obra
segundo o indicado no artigo 5 desta orde.
En cumprimento do disposto no artigo 31 punto 3
da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, dentro do devandito
prazo dun mes, cando o importe do investimento supere os 30.000 euros o
beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores e
presentar as xunto co proxecto. A elección entre as ofertas presentadas
realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse
expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica
máis favorable.
3. Realizarase unha inspección no campo por dous funcionarios da
Consellería do Medio Rural, para verificar as superficies, comprobar os datos da
solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase
realizar antes da resolución de aprobación
A modificación do investimento deberá ser
xustificada e exixirá autorización previa da Consellería do Medio Rural por
proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais logo da proposta
dos servizos de Montes e Industrias Forestais, de conformidade co disposto no
artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
4. A axuda definitiva
será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da
Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en
campo.
Coa
comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente,
no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das
aprobadas.
Poderán admitirse certificacións parciais, por petición, por escrito, do
solicitante, para importes de certificación superiores a 12.020,24
€.
5. As
prórrogas serán solicitadas motivadamente e cun mes de antelación á terminación
do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de 6 meses e
serán propostas polos servizos de Montes e Industrias Forestais, ao director
xeral de Montes e Industrias Forestais quen elevará proposta ao conselleiro do
Medio Rural que resolverá.
6. Xunto coa notificación de remate dos traballos
achegarase a seguinte documentación:
-Facturas polo importe total do investimento, de
conformidade co disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. No
caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios deberá
presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus
propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do
investimento.
-Facturas da planta empregada que deberá ser preferentemente de
procedencia galega, excepto os híbridos.
-Certificado final de obra emitido polo director
de obra, en que figure unha relación valorada dos traballos executados en todos
os casos, e para calquera tipo de titular excepto os propietarios particulares
que executaron os traballos polos seus propios medios, que o persoal que
executou os traballos está dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social
podéndose solicitar en calquera intre que se cumpre o dito
requisito.
-Certificación bancaria a nome do titular do terreo, no caso de
agrupacións nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que
formen parte da agrupación, excepto agrupacións legalmente constituídas. Nas
agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da
agrupación.
-Declaración doutras axudas solicitadas ou percibidas para os mesmos
fins.
7. Pagamento das primas de
mantemento.
a) Os importes
correspondentes ás primas de mantemento poderán ser aboados, se se solicitan
coas convocatorias anuais da solicitude única, segundo o disposto no Regulamento
1975/2006 no seu artigo 8, en que se xunta factura ou no caso de que o
beneficiario realice os traballos polos seus propios medios deberá presentar un
documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios
e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento, a partir do
ano seguinte ao que se efectuou o aboamento da certificación final dos traballos
da reforestación, durante 5 anos, sempre e cando se axusten ao disposto no
artigo 6º punto 2.
Esta prima non se concederá ás forestacións emprendidas por entidades de
dereito público nin en forestacións en terreos que non sexan terras agrícolas
abandonadas.
b) Os pagamentos correspondentes ás primas de mantemento dos expedientes
solicitados ao abeiro desta orde efectuaranse sempre que o estado da masa sexa
satisfactorio, de acordo co Plan de controis.
Artigo
14º.-Revogacións.
1. A axuda poderá
revogarse, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes
supostos:
a)
Execución de menos do 80% das accións previstas, tanto en superficie coma en
importe do investimento, sen autorización previa ou causa xustificada de forza
maior.
b)
Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na
notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga
concedida.
c)
Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os
obxectivos descritos nesta orde.
d) Por incumprimento das disposicións legais de
aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos
sinalados na solicitude.
e) Obtención da subvención sen reunir os
requisitos exixidos para a súa concesión.
f) Incumprimento do ditado en calquera dos
artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.
g) Incumprimento da
finalidade para a cal foi concedida a subvención.
h) Incumprimento das condicións impostas ás
entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou
axuda pública.
i) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na
Lei 14/2006.
j) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control
financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de
conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o
emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e
regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións,
axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera
Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de
organismos internacionais.
k) A adopción, en virtude do establecido nos
artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha
necesidade de reintegro.
l) Non presentar nun prazo dun mes contado a
partir da notificación da resolución de aprobación o proxecto visado e o
nomeamento do director de obra segundo o especificado no artigo 5º.
Nestes supostos, a
consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en
concepto de axudas e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, sen
prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.
2. Nos casos de anulación
ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as
dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros
peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coa orde
establecida.
3. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo
beneficiario excedan os custos da actividade procederase á solicitar a
devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da
actividade.
4. O réxime sancionador aplicable a esta orde é o disposto no artigo 79
do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia.
Serán casos de forza maior, de conformidade co
disposto no artigo 47 do Regulamento (CE) Nº 1974/2006 da Comisión do 18 de
decembro de 2006:
a) Falecemento do beneficiario.
b) Incapacidade profesional de longa duración do
beneficiario.
c) Expropiación dunha
parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día
en que se subscribiu o compromiso.
d) Calamidades naturais graves que afecten
seriamente a superficie agrícola da plantación.
A notificación dos casos
de forza maior e as probas relativas a estes, deberán realizarse por escrito e
nun prazo de dez días hábiles, contados desde a data en que se produciu o caso
de forza maior.
Nestes casos, excepto nos de forza maior, procederá o reintegro da axuda
percibida e dos xuros de demora devengados desde o seu pagamento de acordo coa
Lei de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia.
Artigo
15º.-Controis.
1. A Consellería do
Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e
inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e
da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas
concedidas.
2. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control
financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio
Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o
Tribunal de Contas.
3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá
efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, de
condicionalidade, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas
no Regulamento (CE) 1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación
do Regulamento 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos
procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda
ao desenvolvemento rural.
Artigo 16º.-Financiamento.
As accións previstas nesta orde financiaranse, no
exercicio do ano 2007 e 2008, con cargo ás seguintes aplicacións
orzamentarias:
Ano 2007: 3.546.501 €.
1. Con
cargo á aplicación orzamentaria 11.06.551C.770.0.
Ano 2008: 4.500.000 €.
1. Con cargo á aplicación orzamentaria
11.06.551C.770.0.
Para facer fronte
ás primas de mantemento destínase unha partida global de 8.000.000 €
distribuídos nas anualidades 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013, 1.600.000 € por
anualidade con cargo á mesma aplicación orzamentaria.
Estes importes poderán
ser incrementados con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade
Autónoma.
Artigo 17º.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no
artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado
polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como o disposto no Decreto
287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia e o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións, ten por obxecto a regulación do réxime xurídico xeral das
subvencións outorgadas polas administracións públicas.
Artigo 18º.-Alteración de
condicións.
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso para a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo
19º.-Obrigas.
1. O beneficiario da
axuda e o solicitante están obrigados a facilitar toda a información que lles
sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de
Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino das axudas.
2. O solicitante e o beneficiario están obrigados
a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da
subvención.
3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan
valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá
comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Deporte de conformidade
coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de
Galicia.
4.
As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago comunicarallas
o solicitante á Consellería de Cultura e Deporte, co obxecto de contar coa súa
autorización previa de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección
dos camiños de Santiago.
Artigo 20º.-Avaliación de impacto
ambiental.
De conformidade co
disposto no artigo 1 punto 2 da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do
Real decreto lexislativo 1320/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto
ambiental, fíxanse os limiares de acordo cos criterios do seu anexo III, por
debaixo dos cales as actuacións que se realicen ao abeiro desta orde non deben
someterse a avaliación de impacto ambiental:
1. Superficie de actuación menor de 50
ha.
2. Superficie de actuación
continua acumulada con outros proxectos realizados ao abeiro de convocatorias de
axudas anteriores do Programa de forestación de terras agrarias menor de 1.000
ha.
Artigo
21º.-Medidas informativas e publicitarias.
Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento(CE)
1974/2006 o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre
información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido
regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo
total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa
na cal figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema
Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas
rurais.
Artigo 22º.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Disposicións adicionais
Primeira.-As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas
para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outro réxime de
axuda comunitaria.
Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a
Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das
axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva
implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e
da súa publicación na citada páxina web.
De acordo co establecido na disposición adicional
primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de
axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa
solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos
relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións
impostas, de ser o caso.
Terceira.-A concesión e pagamento das axudas
quedará condicionada en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Marco
Nacional de Desenvolvemento Rural e do Programa de Desenvolvemento Rural de
Galicia para o período 2007-2013, e as posibles observacións e modificacións
derivadas diso.
Disposición derradeira
Única.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para
ditar todas as disposicións complementarias co obxecto de executar esta
orde.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
ANEXO I
Coníferas
Todas as especies se
consideran de crecemento lento por quenda maior de 20 anos.
A1 Piñeiro do país (altitude menor de 1.000 m
s.n.m) ... Pinus pinaster.
A2 Piñeiro
silvestre ... Pinus sylvestris L.
A3
Piñeiro insigne ... Pinus radiata D. Don.
A4 Pseudotsuga ... Pseudotsuga menziesii.
ANEXO II
Frondosas
Todas as especies se
consideran de crecemento lento por quenda maior de 20 anos.
B1 Ameneiro ... Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
(*).
B2 Bidueiro ... Betula SP.
(*).
B3 Chopo mouro ... Populus
nigra. (*).
B6 Freixo ... Fraxinus
excelsior L. (*).
Fraxinus
angustifolia Vahl. (*).
B7 Castiñeiro
... Castanea sativa Mill.
B8
Castiñeiro híbrido ... Castanea X hybrida (resistente tinta).
B9 Cerdeiras silvestres e híbridos de produción
madereira ... Prunus avium L. (*), Prunus mahaleb L., Prunus padus
L.
B10
Carballo ... Quercus robur L. (*).
B15 Nogueira americana e híbridas de produción madereira ... Juglans
nigra. (*).
B19 Castiñeiro para
froito ... Castanea sativa Mill.
B20
Carballo americano ... Quercus rubra (*).
C2 Nogueira ... Juglans regia L.
B21 Acer pseudoplantanus:
(*)
Especies subvencionables en áreas de vagoada.
Asdo.:
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es