Diario Oficial de Galicia
luns, 18 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
116
Páxina do Dog:
10.404
Data da Disposición:
12 de xuño de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 12 de xuño de 2007 pola que se convocan subvencións a
fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no
medio rural e conxuntos históricos de Galicia.
Orde
do 12 de xuño de 2007 pola que se convocan subvencións a fondo perdido para a
rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos
históricos de Galicia.
O Decreto 157/2006, do 7 de setembro,
establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e
renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos
conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese ademais que as
subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de
convocatoria.
A disposición derradeira primeira do citado Decreto 157/2006, do 7 de
setembro, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas
competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o
desenvolvemento e a súa aplicación.
A Orde do 13 de decembro de 2006 regula o
procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos exixidos e
canto for necesario para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade,
que constitúe un requisito necesario da vivenda para ser beneficiaria das
subvencións en materia de rehabilitación e renovación.
Esta orde aproba as bases
reguladoras das subvencións, con vixencia indefinida, convoca as subvencións
para o exercicio económico 2007, detalla o procedemento, establece o prazo de
presentación de solicitudes de subvencións, indica o seu importe máximo e a
partida orzamentaria en que figuran os créditos que amparan esta
orde.
En
virtude do exposto anteriormente e en uso das facultades que teño atribuídas
pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa
presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005,
do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases
reguladoras, que terán vixencia indefinida, e abrir a convocatoria no exercicio
económico de 2007, nun procedemento de concorrencia non competitiva, das
subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de
rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos
históricos de Galicia, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 157/2006,
do 7 de setembro, publicado no DOG nº 181, do 19 de setembro.
Artigo
2º.-Actuacións.
Serán subvencionables
aquelas actuacións de rehabilitación ou renovación de vivendas unifamiliares
rurais e edificios ou vivendas en núcleos históricos reguladas no artigo 5 da
Orde do 13 de decembro de 2006 e que figuran na resolución de concesión da
cédula de rehabilitación de calidade.
Artigo 3º.-Requisitos das vivendas.
De acordo co establecido no artigo 6 do Decreto
157/2006, do 7 de setembro, as vivendas e locais deberán estar en posesión da
cédula de rehabilitación de calidade concedida durante os dous anos
inmediatamente anteriores ao momento de presentación da solicitude da
subvención.
No caso de non estar en posesión da cédula de rehabilitación de calidade,
deberá presentar a solicitude para a súa concesión ao abeiro da Orde do 13 de
decembro de 2006, publicada no DOG do 22 de decembro de 2006, e unha vez
concedida poderá optar a estas axudas.
Artigo 4º.-Persoas beneficiarias.
De acordo co artigo 5 do Decreto 157/2006, do 7
de setembro, poderán solicitar as subvencións convocadas por esta orde as
persoas promotoras das seguintes actuacións:
1. En ámbito rural:
As persoas físicas que sexan propietarias,
usufrutuarias, inquilinas ou que, conforme a lexislación aplicable, poidan
realizar as obras para unha vivenda unifamiliar rural segundo o ámbito definido
no artigo 2.1º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, promotoras da
rehabilitación ou renovación para uso propio ou para alugamento das vivendas
situadas no ámbito rural, que obteñan uns ingresos familiares ponderados que non
excedan 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples.
As persoas promotoras das
actuacións de rehabilitación para uso propio deberán acreditar a súa residencia
nos últimos cinco anos dentro do termo municipal onde está situada a vivenda que
se vai rehabilitar.
Á poboación galega residente no exterior da comunidade autónoma non se
lle exixirá o requisito de residencia e poderá optar ás subvencións sempre que
cumpra os demais requisitos. A quen retornase nos últimos cinco anos
exixiráselle o requisito de residencia unicamente desde o seu
retorno.
As
persoas físicas que residan, sen pagaren renda ningunha, en vivendas propiedade
de institucións privadas sen fins de lucro, poderanse acoller ás subvencións
achegando o documento de autorización da institución correspondente. Tanto a
vivenda obxecto de rehabilitación como a persoa solicitante das subvencións
deberán reunir os demais requisitos exixidos no Decreto 157/2006, do 7 de
setembro.
2.
En conxuntos ou núcleos históricos:
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou
xurídicas, que sexan as propietarias, usufrutuarias, inquilinas, ou quen,
conforme a lexislación aplicable, poida realizar as obras obxecto desta
convocatoria, das vivendas e locais situados no ámbito previsto no artigo 2.2º
do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, e que pretendan a súa rehabilitación ou
renovación para uso propio ou para destinalas a alugamento.
Artigo 5º.-Ingresos
familiares.
Para os efectos do
disposto no artigo anterior, en relación coas subvencións para vivenda
unifamiliar rural, enténdese:
1. Por ingresos familiares a contía, expresada en
número de veces o IPREM, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras, da
parte xeral e especial da renda reguladas nos artigos 39, 40 e 51,
respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas
físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo,
correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros
da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con
prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.
Estes ingresos
acreditaranse mediante a documentación que figura no artigo 7.2º e) desta
disposición.
2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos
ingresos familiares o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en
función do número de membros da unidade familiar:
Familias de 1 membro:
1.
Familias de 2 membros:
0,95.
Familias de 3-4 membros:
0,90.
Familias de 5-6 membros:
0,85.
Familias de máis de 6 membros:
0,80.
3. Por unidade familiar, tal e
como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das
persoas físicas.
As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse
extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade
familiar.
4.
No caso dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, os ingresos na moeda
propia do país en que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en
euros, aplicando o primeiro cambio oficial fixado para o comprador no mercado de
divisas no ano seguinte ao que se refiran os ingresos.
Artigo 6º.-Importes
máximos das subvencións.
En relación
coas porcentaxes dos orzamentos executados que figuren na cédula de
rehabilitación de calidade, establecidas no artigo 7 do Decreto 157/2006, do 7
de setembro, as subvencións non poderán superar as seguintes cantidades
máximas:
1.
Nos casos de rehabilitación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 40%
sen superar a cantidade de 7.000 euros.
2. Nos casos de renovación en ámbito rural ou en
conxuntos históricos, o 40% sen superar a cantidade de 10.000 euros.
3. Nos casos de
actuacións de rehabilitación cando a vivenda sexa unifamiliar en ámbito rural e
estea nun conxunto ou núcleo histórico, o 50% sen superar a cantidade de 8.000
euros.
4. Nos
casos de actuacións de renovación cando a vivenda sexa unifamiliar en ámbito
rural e estea nun conxunto ou núcleo histórico, o 50% sen superar a cantidade de
12.000 euros.
Artigo 7º.-Solicitudes.
1. As
solicitudes para estas axudas presentaranse nas delegacións provinciais da
Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da
vivenda, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose
aos modelos que figuran no anexo desta orde.
2. Os documentos que se deben achegar á
solicitude son os seguintes:
a)
Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante.
b) Resolución de concesión da cédula de
rehabilitación de calidade.
c)
Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para
as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros
entes públicos.
d) Certificado da titularidade da conta bancaria.
e) Nas solicitudes para vivenda unifamiliar no
ámbito rural:
-Autorización á
Consellería de Vivenda e Solo para solicitar por vía telemática as acreditacións
relativas a ingresos e débedas, ou fotocopia compulsada da declaración do
imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ao exercicio
inmediatamente anterior á data de solicitude, e certificado das rendas expedido
nos termos do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, pola Axencia Estatal
Tributaria, correspondentes ao conxunto dos membros da unidade
familiar.
-No caso de non estar
obrigado a presentar a declaración do IRPF:
Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da
notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración
Tributaria.
Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración
responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes
documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de
retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no
devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións
periódicas, certificado do Inem, e certificados das entidades bancarias de
rendementos do capital mobiliario.
-No suposto dos emigrantes, a xustificación dos
ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a
renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país
onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría
laboral correspondente ou delegación consular de España.
-Acreditación da
composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante
copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a
presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de
familia.
f)
Nas solicitudes para vivenda unifamiliar para uso propio en ámbito rural,
acreditación da súa residencia nos últimos cinco anos dentro do termo municipal
onde estea situada a vivenda rehabililitada, mediante o certificado municipal de
empadroamento.
3. Deberán, así mesmo, acreditar que se atopan ao día das súas obrigas
tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen
pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública
da comunidade autónoma. Consonte o establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do
28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2007, a solicitude de subvencións comportará a autorización para que a
Consellería de Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do
cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, a Comunidade Autónoma e coa
Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
4. As citadas solicitudes
deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal
aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou
arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de
sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros nas que concorran as
citadas circunstancias.
Artigo 8º.-Galegos residentes no
exterior.
As solicitudes asinadas
polos galegos residentes no exterior da comunidade autónoma poderán presentarse
nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a
galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán
remitilas, en todo caso, á Secretaría Xeral de Emigración.
Esta secretaría xeral
remitirá as solicitudes á Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Solo
que corresponda en función da localización da vivenda.
Será preceptivo o informe
da Secretaría Xeral de Emigración para toda solicitude presentada polos galegos
e galegas residentes no exterior.
Artigo 9º.-Prazo de presentación de
solicitudes.
O prazo de presentación
de solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da
presente orde.
Artigo 10º.-Procedemento de concesión das subvencións
1. Á vista da solicitude das subvencións e da
documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se
consideren oportunas, o/a delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo
elevaralle a proposta de concesión e pagamento da subvención, no caso de cumprir
os requisitos exixidos, ou de denegación motivada da subvención, no caso de non
os cumprir, á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, quen, á vista
dela e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que
segundo dereito proceda.
Serán obxecto de denegación as propostas de
concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na
orde de convocatoria.
O criterio que, de ser o caso, se utilizará para
os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o
recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contra as ditas
resolucións, que poñen fin á vía administrativa, poderá presentarse recurso
potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes
contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co
previsto no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá recorrerse
directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses,
consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa.
Artigo 11º.-Prazo de resolución.
De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, o prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de
entrada da solicitude no rexistro correspondente. Vencido o prazo máximo
establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán
entender desestimadas as súas pretensións por silencio
administrativo.
Artigo 12º.-Rexistro de axudas e subvencións e publicidade.
1. De acordo co establecido na disposición
adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de
axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa
solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos
datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito
rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.
2. De conformidade co
artigo 13.4º a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas
na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web
oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que
a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina
web.
Artigo
13º.-Facultade de inspección.
1.
Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as
inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a
exactitude dos datos achegados, ou o destino da subvención
concedida.
2.
As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles
sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de
Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización
e control do destino das axudas.
Artigo 14º.-Reintegro e modificación da
subvención.
1. O incumprimento das
condicións establecidas para a concesión da subvención suporá, ademais das
sancións que puideran corresponder, a obriga do reintegro por parte do
beneficiario dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo,
incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.
2. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das
axudas.
Artigo 15º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.
Para os efectos do determinado no artigo 4 do
Decreto 157/2006, do 7 de setembro, o importe máximo das subvencións para
vivenda unifamiliar en ámbito rural será de 835.742 euros, e instrumentaranse
financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación
17.02.451A.780.0 do vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e
Solo.
O
importe máximo das subvencións en conxuntos históricos, para familias e
institucións sen fin de lucro, será de 1.000.000 de euros, na aplicación
17.02.451A.780.2 e para empresas privadas será de 150.000 euros na aplicación
17.02.451A.770.0.
Disposición derradeira
Esta
orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
Advertidos erros na devandita resolución,
publicada no Diario Oficial de Galicia número 98, do mércores 23 de maio de
2007, cómpre facer a oportuna corrección:
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es