Diario Oficial de Galicia
xoves, 7 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
109
Páxina do Dog:
9.717
Data da Disposición:
22 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E
TRANSPORTES
Rango:
Orde
Título:
Orde do 22 de maio de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras e se convoca para o ano 2007 a concesión de subvencións a entidades
locais e empresas de transporte, para o establecemento de servizos de transporte
público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus.
Orde do 22 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e
se convoca para o ano 2007 a concesión de subvencións a entidades locais e
empresas de transporte, para o establecemento de servizos de transporte público
nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus.
1. Constitúe
unha preocupación constante da sociedade galega a escalada da sinistrabilidade
nas estradas sufrida ao longo de moitos anos sen que se adoptasen medidas
significativas para a atallar.
A dita situación é especialmente lesiva en
relación coa mocidade, sendo recorrentes os accidentes sufridos por xoves con
motivo do exercicio de actividades lúdicas.
Para responder a esta situación, a Xunta de
Galicia ten elaborado o Plan de sinistrabilidade viaria, dentro do cal constitúe
unha medida esencial a dotación dun medio de mobilidade da poboación na franxa
nocturna, alternativo ao coche particular, que satisfaga así unha demanda cada
vez maior da poboación.
A dita demanda non sempre é compatible coa oferta
do servizo público regular permanente de uso xeral, tanto pola súa concentración
en períodos do ano, días da semana ou horas concretas como pola peculiaridade do
servizo e a tipoloxía dos seus usuarios.
2. O Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se
regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer, veu cubrir o
baleiro normativo existente, deseñando un réxime de outorgamento de
autorizacións que supera as rixideces do marco normativo anterior, ao tempo que
respecta plenamente os dereitos legalmente recoñecidos aos concesionarios de
servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral,
prevendo tanto o non establecemento destes servizos cando aqueles servizos
poidan satisfacer adecuadamente a demanda como recoñecendo ao seu favor un
dereito de prioridade sobre os novos servizos que se establezan.
Ao abeiro deste decreto,
regúlase o establecemento de servizos a lugares de lecer e o outorgamento das
correspondentes autorizacións administrativas, establecendo unhas condicións
específicas para iso de acordo coa habilitación efectuada pola Lei 16/1987, do
30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres. Os ditos servizos
vertébranse en dúas modalidades, como servizos de transporte público regular
temporal con cobramento individual a lugares de lecer, e como servizos de
transporte público regular de uso especial a lugares de lecer, introducindo en
ambos os casos a posibilidade do cobramento individual ao usuario.
As actuacións que se
pretendan implantar ao abeiro desta orde de axudas deberán, por tanto, inserirse
nunha das figuras previstas nesta normativa.
3. Por outra parte, a Consellería de Política
Territorial, Obras Públicas e Transportes ten desenvolto unha marca e unha imaxe
desta tipoloxía de servizos, baixo o logo NoiteBus, ao abeiro da que puxo en
marcha no último ano diversas liñas experimentais de transporte
nocturno.
Da
análise dos resultados desta liña de actuación cabe deducir a oportunidade de
implicar a outros interlocutores que, cunha proximidade clara aos destinatarios
das actuacións, contribúan ao seu incentivo. E esta proximidade queda constatada
tanto no caso das entidades locais como no das propias empresas interesadas na
implantación de servizos concretos.
Ao mesmo tempo, e froito das experiencias piloto
realizadas baixo a marca NoiteBus no último ano, a Administración co fin
obxectivar o prezo dos servizos o de evitar ofertas temerarias que unicamente
nos levarían a mingua da calidade do servizo a prestar, ten elaborado uns
estudos de custos para este tipo de servizos, atendendo ao tipo de vehículo
utilizado, que deben servir de referencia.
Os ditos proxectos, enmarcados nunha das figuras
de prestación de servizos habilitantes, deberán poder estar operativos coa maior
prontitude, razón pola que nesta orde se teñen reducido ao máximo os prazos e
facilitado o procedemento de solicitude, sen prexuízo das debidas garantías
tanto cara á avaliación e selección das solicitudes, como na información a
subministrar respecto da efectiva prestación dos servizos
subvencionados.
Por todo iso, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.
1. Constitúe o obxecto desta orde a concesión de axudas para o
financiamento dos gastos de establecemento e explotación de servizos de
transporte nocturno a lugares de lecer, baixo a marca NoiteBus.
Os referidos servizos
deberán ser programados e prestados nalgunha das seguintes modalidades das
previstas no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de
transporte público a lugares de lecer:
-Como servizos de transporte público regular
temporal a lugares de lecer, solicitando o outorgamento da axuda neste caso a
empresa solicitante do establecemento do servizo, xustificando a presentación da
correspondente solicitude de establecemento e autorización administrativa para a
súa prestación;
-Ou como servizos de transporte público regular de uso especial a lugares
de lecer; neste caso, o solicitante deberá xustificar a natureza homoxénea do
grupo de usuarios ao que o servizo vai dirixido, ben mediante a súa previa
determinación, ben mediante criterios obxectivos que xustifiquen que aquel sexa
determinable.
2. Poderán acollerse ás axudas previstas nesta orde:
a) As entidades locais da comunidade autónoma que
contraten servizos de transporte público de uso especial a lugares de
lecer.
b) As
empresas de transporte que soliciten o establecemento de servizos de transporte
público regular temporal a lugares de lecer.
3. Non se estiman subvencionables ao abeiro desta
orde os servizos de carácter urbano prestados en municipios que teñan a obriga
legal de prestar o servizo de transporte público urbano consonte coa lexislación
de réxime local, agás respecto daqueles tráficos que en horario diúrno estean
integrados en servizos de carácter interurbano.
Artigo
2º.-Financiamento.
1. As axudas
outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo ás
seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma
de Galicia para o ano 2007, e importes:
a) Aplicación orzamentaria 2007.08.04.512A.460.0,
para as solicitudes formuladas por entidades locais, cunha dotación de
seiscentos mil euros (600.000 €).
b) Aplicación orzamentaria 2007.08.04.512A.470.0,
para solicitudes formuladas por sociedades privadas, cun importe de douscentos
mil euros (200.000 €).
Todo isto sen prexuízo de ulteriores variacións
que se poidan producir como consecuencia da existencia unha maior
dispoñibilidade orzamentaria, ás que se lles dará a oportuna
publicidade.
2. As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o
caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que a entidade beneficiaria
perciba para destinalas á execución das actuacións que se describen no artigo
1º, pero a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade
subvencionada.
Non obstante, e para o caso de axudas a entidades locais para a
realización de servizos de transporte público de uso especial a lugares de
lecer, a suma total de todas elas xunto cos ingresos procedentes da venda de
títulos de transporte non poderá superar o orzamento total que require a
actuación, aínda que se poderá establecer que os ingresos procedentes da venda
de títulos de transporte se constitúa en beneficio industrial accesorio do
transportista, prestatario material do servizo, tanto en concepto de
compensación como de incentivo por un maior índice de ocupación dos
vehículos.
Artigo 3º.-Contía das axudas.
1. As axudas previstas nesta orde non poderán superar o 90% do importe
total do servizo planificado, calculado consonte co previsto no número
seguinte.
2.
Para o cálculo do importe total do servizo, atendendo ao número de prazas do
vehículo, terase en contan unha compoñente fixa por servizo, mais unha variable
por km percorridos, que pola súa vez, modularase consonte co número de
expedicións a realizar na noite, de acordo cas seguintes cantidades:
a) Compoñente
fixa.
-Servizos prestados con
vehículos de 10 a 25 prazas: 311,52 €.
-Servizos prestados con vehículos de 26 a 38 prazas: 332,51
€.
-Servizos prestados con vehículos
de 39 a 55 prazas: 359,47 €.
-Servizos prestados con vehículos de máis de 55 prazas: 373,52
€
Para os efectos deste punto,
estimarase que un mesmo vehículo só pode prestar un único servizo subvencionado
na noite.
b)
Compoñente variable.
-Servizos
prestados con vehículos de 10 a 25 prazas: 0,30 €/km.
-Servizos prestados con vehículos de 26 a 38
prazas: 0,34 €/km.
-Servizos
prestados con vehículos de 39 a 55 prazas: 0,42 €/km.
-Servizos prestados con vehículos de máis de 55
prazas: 0,50 €/km.
Para os efectos
previstos nesta orde computaranse unicamente os quilómetros de prestación
efectiva dos servizos de transporte subvencionados, quedando expresamente
excluídos os que o vehículo teña que facer en baleiro ao seu comezo e fin ou nos
períodos de espera.
Na solicitude o interesado expresará o importe por quilómetro que
solicita, de entre os comprendidos neste punto, debendo xustificalo na
correspondente memoria do servizo.
c) Atendendo ao número de expedicións que se
presten ao longo da noite con mesmo percorrido, á contía resultante cos cálculos
realizados segundo o punto anterior, aplicaráselle os seguintes coeficientes
correctores:
-Servizos ata tres expedicións: 0,90 (90%).
-Servizos con catro expedicións: 0,95
(95%).
-Servizos con cinco ou máis
expedicións: 1,00 (100%).
Para os
efectos do previsto neste punto estimarase como mesmo percorrido aqueles que se
fagan sobre un mesmo itinerario; ademais, computarase conxuntamente, e unha
única vez, as expedicións de ida e as de volta coas mesmas orixes e destinos,
estimando que, agás nos denominados servizos circulares, todos os servizos teñen
que ofertar un percorrido de ida e outro de volta.
3. O resto de custos do
servizo cubrirase, no caso dos transportes regulares de uso xeral temporal, cos
importe procedentes da venda de títulos de transporte e, nos supostos de
servizos de uso especial, con outras achegas da propia entidade solicitante da
axuda, debendo neste último caso a entidade beneficiaria da axuda achegar unha
contía que complemente esta ata acadar o importe do servizo contratado, co
límite mínimo determinado pola minoración entre o custo que resulte imputable ao
servizo segundo o artigo 3º.2, e a subvención que lle resulte de aplicación
consonte co artigo 3º.1.
Neste sentido, a totalidade de servizos prestados
no ámbito desta orde prestaranse cunha tarifa unificada e obrigatoria tanto para
os contratantes e prestameiros como para os usuarios, de dous euros (2,00 €),
que dará dereito á utilización sen límite de veces dun servizo ao longo dunha
mesma xornada; non se admitirán reducións neste importe nin a venda de títulos
simples de só ida ou só volta.
Excepcionalmente, na solicitude da axuda poderase
instar de xeito motivado a autorización tanto de modalidades de tarifa
diferentes como unha tarifa superior á prevista nas alíneas anteriores,
atendendo en todo caso ás singularidades na tipoloxía do servizo.
4. A tarifa unificada
prevista no número anterior deberá documentarse e constar contablemente o volume
económico xerado por esta.
En todo caso, os usuarios do servizo deberán
dispor dun título de transporte numerado, que deberán levar a bordo do vehículo,
e en que, agás imposibilidade material xustificada e autorizada excepcional e
expresamente pola Dirección Xeral de Transportes coa previsión da súa
substitución por outro medio, se terá que inserir tanto a marca NoiteBus coa súa
imaxe corporativa, así como a lenda «Servizo de transporte subvencionado pola
Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes».
O volume da recadación
obtida por venda de títulos de transporte deberá ser comunicada á Administración
nos termos previstos para a xustificación da actividade establecida nesta orde,
e o seu cómputo xunto co volume da axuda non poderá superar os custos do servizo
contratado; non obstante, poderase prever no contrato formalizado co
transportista que o dito ingreso se configure como beneficio empresarial deste,
compensatorio dos maiores custos e incertezas empresariais que lle xere unha
maior afluencia de usuarios nun servizo desta tipoloxía.
Artigo 4º.-Requisitos
xerais dos beneficiarios.
Non poderán
obter a condición de beneficiario as persoas nas que concorra algunha das
seguintes circunstancias:
a) Teren sido condenadas mediante sentenza firme
á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas
públicas.
b)
Teren solicitado a declaración de concurso, teren sido declarados insolventes en
calquera procedemento, estaren declarados en concurso, estar suxeitos á
intervención xudicial ou teren sido inhabilitados conforme coa Lei concursal sen
que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do
concurso.
c)
Teren dado lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución
firme de calquera contrato celebrado coa Administración.
d) Estar incursa a persoa
física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a
representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos da Lei
5/2006, do 10 de abril, de regulación dos conflitos de intereses dos membros do
Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, da Lei 53/1984, do
26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións
públicas, ou tratarse de calquera dos cargos electivos regulados na Lei orgánica
5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, nos termos nela establecidos
ou na normativa autonómica que regule estas materias.
e) Non se atoparen ao
corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social
impostas polas disposicións vixentes.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio
cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non encontrarse ao
corrente do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos
regulamentariamente determinados.
h) Teren sido sancionadas mediante resolución
firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a lexislación xeral
de subvencións ou de carácter tributario.
Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e
documentación.
1. Establécese un
prazo único de presentación de solicitudes, que rematará o día 29 de xuño de
2007; ou o dun mes que se comezará a contar dende o día seguinte ao de
publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia en caso de rematar o así
computado con posterioridade a aquela data.
As solicitudes presentaranse no rexistro auxiliar
da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes na
Dirección Xeral de Transportes, sito en praza de Europa, 5ª-2ª planta, Área
Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou por calquera das formas
previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común; empregando
para tal fin o modelo que figura como anexo I desta orde; a solicitude deberá
ser asinada polo solicitante ou o seu representante.
Así mesmo, os modelos de
solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden
atoparse na páxina web institucional da Dirección Xeral de Transportes: http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/667.
A presentación da
solicitude, segundo o referido modelo, determinará a autorización expresa á
Dirección Xeral de Transportes, para solicitar de calquera organismo público
cantos documentos sexan precisos para a verificación dos datos indicados polo
solicitante, así como para a tramitación informatizada dos seus datos de
carácter persoal que fosen precisos para os fins desta orde de
axudas.
Para
os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da
Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2006 e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, mediante a
presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I, o solicitante
presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Política Territorial,
Obras Públicas e Transportes para incluír e facer públicos nos referidos
rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións
recibidas, así como as sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica
15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal,
poderanse exercitar os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación
e oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Economía e
Facenda.
2.
Igualmente, na propia solicitude incorpórase declaración responsable referente
aos aspectos seguintes:
a) Cumprimento dos requisitos necesarios para
acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se
establecen.
b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación
presentada.
c) Compromiso de
facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de
permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración
considere oportunas, ou previstas nesta orde.
d) Compromiso de non se
beneficiar nin se ter beneficiado de máis subvencións ou axudas doutras
administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta
Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.
e) Compromiso de
contratar a prestación do servizo de transporte público regular de uso especial
a lugares de lecer coa empresa que deteña un dereito de preferencia consonte co
establecido no artigo 10.2º do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se
regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.
3. Coa solicitude
indicada no punto anterior, xuntarase inescusablemente a seguinte documentación,
orixinal ou cotexada por órgano oficial competente:
a) Para todos os
solicitantes:
a.1. No caso de
servizos de transporte público regular de uso especial a lugares de lecer, terá
que se presentar contrato ou pre-contrato formalizado polo solicitante cunha
empresa de transportes para a prestación do servizo, e copia da solicitude de
autorización administrativa formulada por esta para a súa prestación, presentada
ante o Servizo Provincial de Transportes correspondente.
No caso de servizos de
transporte público regular temporal con cobramento individual a lugares de
lecer, e no lugar da documentación indicada na alínea anterior, terá que se
presentar copia da solicitude de establecemento do servizo formulada nos termos
do artigo 6 do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos
de transporte público a lugares de lecer.
a.2. Memoria, segundo
modelo normalizado incorporado como anexo II a esta orde, na que se efectúe a
definición do servizo, con descrición de itinerario, horarios e paradas; días de
prestación; número de expedicións; previsión de usuarios; quilómetros e
vehículos adscritos para a prestación do servizo, con indicación do número de
prazas e copia das súas fichas técnicas; un mapa ou plano do servizo a escala
1:25.000 coa identificación das paradas e itinerario; e, de ser factible, grao
de coincidencia con servizos públicos regulares permanentes de uso xeral de
transporte de viaxeiros por estrada.
Para tal efecto, a totalidade de vehículos
adscritos a cada servizo deberán ter un número de prazas incluídas nunha mesma
categoría das previstas no artigo 3º.2 desta orde, estimando en caso de
existencia de diferenza que todos eles se inclúen na categoría do que menos
prazas teña.
a.3. Declaración responsable ante autoridade administrativa ou notario de
non estar incurso en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 4º desta
orde.
b) Para
as solicitudes formuladas por entidades privadas: ademais do previsto na letra
a) anterior:
b.1. Documento nacional de identidade do asinante da solicitude e copia
do poder de representación da entidade á que represente.
b.2. Documentación
xustificativa da personalidade xurídica da entidade solicitante, e copia do seu
CIF ou NIF, segundo corresponda;
b.3. Certificación expedida pola Axencia
Tributaria xustificativa de estar ao corrente nas súas obrigas
tributarias;
b.4. Certificación expedida polo órgano competente da Tesourería Xeral da
Seguridade Social, xustificativa da inexistencia de débedas pendentes e
exixibles con esta.
Artigo 6º.-Procedemento, criterios de adxudicación das axudas e
resolución.
1. Delégase na directora
xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos
de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das
axudas obxecto desta orde. O órgano instrutor das axudas será a Subdirección
Xeral de Ordenación do Transporte, sendo de aplicación ao procedemento as normas
de xeral e pertinente aplicación.
2. Revisados os expedientes polo órgano
instrutor, e emendadas, se é o caso, as deficiencias detectadas, remitiránselle
á comisión de valoración para o seu estudo e conseguinte proposta de
resolución.
Para os efectos previstos nesta orde, créase unha comisión de valoración,
que funcionará como órgano colexiado segundo se establece no artigo 78.8º da Lei
1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A dita
comisión estará composta polo subdirector xeral de Ordenación do Transporte, que
a presidirá, e serán vogais os xefes dos servizos de xestión económica; de
estudos e planificación económica; de autorizacións, informes e xunta arbitral;
de concesións; e de estudos e apoio xurídico, da Dirección Xeral de Transportes;
en caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, a directora xeral de
Transportes poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A ou B da
referida dirección xeral.
Efectuada esta, a comisión de valoración
publicará a relación provisional de valoracións na páxina web institucional da
Dirección Xeral de Transportes:
http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/667,
podendo os interesados formular cantas
observacións estimen oportunas, nos termos previstos na lexislación xeral
pertinente.
Examinadas as alegacións, de ser o caso, a comisión de valoración elevará
a proposta de resolución, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados
para tal fin, ao órgano competente, quen ditará resolución definitiva motivada
consonte cos criterios de outorgamento, e porá fin á vía
administrativa.
3. As solicitudes puntuaranse, para cada un dos proxectos para os que se
solicite a axuda, e de xeito separado entre as dúas categorías previstas no
artigo 2º desta orde, de acordo coa xustificación ofrecida polos solicitantes na
súa solicitude e na memoria prevista no artigo 5º.3.a.2, por aplicación dos
seguintes criterios de valoración:
a) Polo número de servizos que se van realizar:
ata 15 puntos.
b) Pola antigüidade
dos vehículos afectos aos servizos: ata 10 puntos, tendo a máxima puntuación os
vehículos de ata de seis anos e cero os de dezaseis anos ou máis; en caso de
adscrición de varios vehículos, tomarase como idade de referencia a do máis
vello.
c)
Pola incidencia social do servizo proposto, segundo a memoria presentada e a
previsión de usuarios xustificada nesta: ata 10 puntos.
Na valoración dos
servizos programados baixo a modalidade de servizos de transporte público
regular de uso especial a lugares de lecer, aos anteriores criterios sumaranse
os seguintes:
d) Diminución porcentual do importe de subvención solicitada en relación
co importe total do servizo, consonte cos puntos 1 e 2 do artigo 3º: ata un
máximo de 15 puntos.
e) Polo grao de coincidencia do itinerario do servizo contratado co dun
servizo público regular permanente de uso xeral de transporte de viaxeiros por
estrada: ata 15 puntos, tendo cero puntos os que presenten unha coincidencia de
itinerarios inferior ao 40% e a máxima puntuación quen presente unha
coincidencia do 100%.
Para o caso de que da aplicación dos criterios
previstos nas alíneas anteriores resultase unha mesma puntuación, darase
preferencia á que tivera maior puntuación segundo a orde de prelación das
epígrafes anteriores.
4. Logo de examinada a documentación presentada,
de ser observado pola comisión de valoración a existencia de coincidencias ou
semellanzas nos tráficos a atender por varios servizos, ou a existencia de
servizos cun escaso ou nulo interese social, porao en coñecemento dos
solicitantes para que, no prazo de cinco días, modifiquen as solicitudes
formuladas ou presenten, de o estimar oportuno, unha solicitude conxunta; pasado
o referido período, a comisión de valoración poderá incorporar á súa proposta de
valoración a de exclusión daquel/es servizo/s que resulten menos satisfactorios
para os intereses públicos atendendo aos custos, á poboación destinataria ou á
existencia doutras alternativas satisfactorias de mobilidade.
5. O prazo para resolver
e notificar as solicitudes, ao abeiro desta orde, será de tres meses, que se
computarán a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, logo
do que, de non se ter ditado resolución expresa, e de acordo co artigo 44.1º da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, os solicitantes poderán entender
desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.
Resolta a convocatoria e
notificada aos beneficiarios, darase publicidade no Diario Oficial de Galicia en
cumprimento do disposto no artigo 18.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral
de subvencións.
Artigo 7º.-Aceptación da subvención.
1. Os beneficiarios das axudas outorgadas consonte co previsto nesta
orde, disporán do prazo de quince días, contados a partir da recepción da
notificación da resolución de concesión, para comunicarlle á Dirección Xeral de
Transportes a súa aceptación. Para o efecto deberá unir a seguinte
documentación:
a) Declaración responsable formulada ante autoridade pública ou notario,
ou certificación do acordo do órgano competente da correspondente entidade polo
que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución
de concesión.
b) Certificación na que se faga constar que non existen outras
subvencións ou achegas solicitadas e/ou concedidas que resulten aplicables para
o mesmo fin ou, de existir, que todas as subvencións ou achegas solicitadas e/ou
concedidas aplicables a este non superan a totalidade do seu
orzamento.
c)
De non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia a conta
bancaria na que se teña que efectuar o ingreso, certificación bancaria co número
de conta.
d)
Proxecto de explotación do servizo para a súa inclusión na páxina web da
Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e para a súa
difusión xeral pola Administración, segundo modelo normalizado que se lle
facilitará pola Dirección Xeral de Transportes.
2. Transcorrido o prazo
indicado no punto anterior sen que se produza a devandita comunicación, e de non
se xustificar suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que
impidan facelo, ditarase resolución deixando sen efecto a concesión da
axuda.
3. Coa
aceptación da subvención o beneficiario asume os seguintes
compromisos:
-Reintegrarlle á
comunidade autónoma, de acordo co artigo 78.10º do texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da
axuda establecida e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu
pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na
resolución de concesión.
-Facilitarlle, se for o caso, toda a información
que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo
Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas
funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto desta
orde.
-Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e
Transportes, se for o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a
concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente
de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos
ou privados, nacionais ou internacionais, para os efectos de propoñer, se
procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión
da axuda.
-Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia todas as
obrigas que, para isto, establece o citado artigo.
-Contratar a prestación
do servizo de transporte público regular de uso especial a lugares de lecer, se
é o caso, coa empresa que deteña un dereito de preferencia consonte co
establecido no artigo 10.2º do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se
regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.
Artigo
8º.-Condicionantes.
1. Os servizos de
transporte desenvoltos consonte co previsto nesta orde deberanse desenvolver
durante a totalidade do prazo previsto na solicitude, e cando menos, durante un
prazo continuado de dous meses ou tres con interrupción, e un mínimo de 16
xornadas efectivas.
A efectividade da propia subvención quedará condicionada a que por parte
da empresa prestameira do servizo se obteña a preceptiva autorización
administrativa especial para a prestación do servizo de transporte segundo o
previsto no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de
transporte público a lugares de lecer.
Serán subvencionables con cargo a esta orde os
servizos de transporte nela previstos para os que se solicite e obteña
finalmente a axuda, e se presten no ano 2007 coa correspondente autorización
administrativa habilitante, aínda que a dita prestación se efectúe dentro da
anualidade con antelación á resolución definitiva do procedemento previsto nesta
orde; en todo caso, o dito adianto na prestación farase a risco dos interesados,
sen que por tanto, supoña a adquisición de dereito ningún respecto do
outorgamento final da axuda.
2. Para contratar os servizos de transporte
público de uso especial, as entidades locais subvencionadas ao abeiro desta orde
ateranse ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da
subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas
outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais
ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección
Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar
substancialmente o destino ou correcta aplicación da axuda
concedida.
4.
Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a
finalidade delas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras
Públicas e Transportes poderá realizar as inspeccións e comprobacións que
considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos
fundamento da concesión.
5. Os solicitantes e beneficiarios das
subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as
comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a
veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento
e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles
sexa requirida por aquela Dirección Xeral de Transportes, así como pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de
Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das
axudas.
6. Os
beneficiarios das subvencións colaborarán nas campañas de promoción do NoiteBus
desenvoltas pola Administración, e farán constar en todo tipo de publicidade e
información ao respecto, tanto a súa inclusión no proxecto NoiteBus, como a
condición de subvencionada pola Dirección Xeral de Transportes da Consellería de
Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, empregando para isto a
normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
Para tal fin, e
concretamente, establécese a obriga dos beneficiarios de inserir e manter
durante a prestación dos servizos, en lugar visible para o usuario, na
totalidade dos vehículos adscritos a este sistema de transporte, e na
información facilitada aos usuarios e público en xeral, a imaxe corporativa
NoiteBus e a súa natureza subvencionada pola Dirección Xeral de Transportes da
Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sen prexuízo
da súa inserción nos propios títulos de transporte nos termos do artigo 3º.4
desta orde.
7. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser
causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o
caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo
isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia; de xeito concreto, terase en consideración
o previsto no punto 9 do referido artigo.
Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.
1. Para o pagamento da subvención prevista nesta
orde o beneficiario da axuda presentará á Subdirección Xeral de Ordenación do
Transporte (Santiago de Compostela, praza de Europa, 5A-2ª planta, Área
Central-As Fontiñas), nos primeiros quince días de cada mes, as correspondentes
liquidacións do mes anterior, xunto coa seguinte documentación referida ao
período de liquidación, en papel e en soporte dixital:
-Breve memoria
explicativa do desenvolvemento do sistema de transporte no referido mes e, de
ser o caso, das incidencias detectadas e das medidas adoptadas para a súa
emenda.
-Datos de prestación do sistema, co desagregamento e formato normalizado
indicado pola Dirección Xeral de Transportes, e comprensivo cando menos do
número de usuarios por servizo, recadación, títulos de transporte vendidos e a
súa tipoloxía (ida e volta, múltiple,...).
-Liquidación comprensiva dos quilómetros
desenvoltos xunto con copia dos discos diagrama de tacógrafo do/s vehículo/s que
prestase o servizo (ou certificación dixital equivalente, se é o caso), así como
liquidación de calquera outra axuda ou subvención, así como copia autenticada da
facturación e pagamento efectuado á empresa de transportes prestameira, de non
ser esta mesma a beneficiaria da axuda.
Logo da comprobación de que a documentación
antedita se axusta ao contido desta orde, procederase ao pagamento das
subvencións mediante transferencia bancaria ao número de conta do beneficiario
de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia. De acordo co disposto no
artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe dos
pagamentos parciais non poderá ser superior ao 80% da subvención
concedida.
2.
Sen prexuízo da información antedita, e para un eficiente seguimento do sistema,
o beneficiario deberá remitir diariamente á dirección de correo electrónico da
Dirección Xeral de Transportes, en modelo normalizado que lle facilitará esta
dirección xeral, a información referente á prestación do servizo que a dita
Dirección Xeral de Transportes estableza para o efecto mediante resolución
administrativa; a información dos servizos prestados en venres, sábado ou
festivos poderanse remitir o primeiro día hábil posterior.
Sen prexuízo da obriga do
beneficiario da axuda no cumprimento do previsto nesta alínea, a información
indicada poderá ser remitida á Dirección Xeral de Transportes directamente pola
empresa de transportes que preste o servizo.
3. No caso de omisión das anteditas
xustificacións nos prazos sinalados, entenderase automaticamente que o
beneficiario renuncia á axuda concedida no correspondente período, e procederase
de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
Artigo 10º.-Réxime xurídico e de
recursos.
1. A convocatoria desta
axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela
poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
2. As resolucións expresas ou desestimacións
presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e
contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o
órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa
notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a
aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte co disposto
polo artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá
ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa,
ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis contados
a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co
previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da
xurisdición contencioso-administrativa.
3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións
reguladas por esta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións
previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que
se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia e ao previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Disposicións adicionais
Primeira.-Pola natureza das actuacións previstas nesta orde e, de acordo
co artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da
comunidade autónoma para 2007, as entidades locais solicitantes de axudas quedan
exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire
o artigo 78.4º c) e 78.8º último parágrafo do texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999,
do 7 de outubro.
Segunda.-De acordo co disposto na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de
ordenación de transportes terrestres, e a súa normativa de desenvolvemento, a
Dirección Xeral de Transportes poderá acordar, mediante resolución
administrativa, o non outorgamento de axudas previstas nesta orde a aqueles
proxectos de servizos que incidan nos que, polo seu elevado interese social,
teña implantado ou acorde implantar de xeito directo.
Santiago de Compostela,
22 de maio de 2007.
María José Caride
Estévez
Conselleira de Política
Territorial, Obras Públicas e Transportes
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es