Diario Oficial de Galicia
mércores, 6 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

108


Páxina do Dog:

9.591


Data da Disposición:

30 de maio de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE TRABALLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 30 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 30 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Impulsado polo novo Goberno o proceso de Diálogo Social de Galicia, e como resultado deste, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia conveñen en subscribir o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego neste período na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán cara á consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais.

No Acordo sobre Obxectivos e Medidas de Emprego en Galicia, no seu número 8, Demandantes en Risco de Exclusión Social, establécense Medidas de fomento do emprego e do emprego indefinido para este colectivo. Así mesmo, considérase que este é o único colectivo en que se pode considerar a incentivación á súa contratación temporal, segundo o recolle o Acordo sobre o Novo Modelo de Servizo Público de Emprego.

Así, no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, e no citado acordo, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas activas de emprego que favorezan a inclusión de colectivos en risco de exclusión e de marxinalidade, algúns deles pertencentes a segmentos de poboación feminina que precisan dunha atención específica para a súa integración e reinserción.

O fenómeno da exclusión nas sociedades desenvoltas é unha realidade complexa e cambiante que na actualidade afecta novos colectivos da poboación. A estratexia de loita contra a exclusión social parte dun enfoque pluridimensional do que participan un amplo abano de políticas: as de emprego, que se consideran prioritarias, as de protección social, as de educación e formación, entre outras.

Desde o ámbito do emprego, a Xunta de Galicia desenvolve unha serie de accións ou medidas para facilitar a reincorporación á sociedade das persoas en situación de risco de exclusión e apoia a súa aplicación práctica na necesidade de coordinación e actuación conxunta dos distintos departamentos da propia Administración autonómica e doutras administracións públicas, así como na colaboración activa e participativa dos axentes sociais e das entidades e organizacións non gobernamentais.

Neste contexto, todas as políticas activas de emprego, en canto favorecen a inserción laboral das persoas desempregadas evitando situacións de desemprego de longa duración e de ocupación inestable ou precaria, afastando a potencialidade de transformarse en situacións verdadeiras de risco persoal, configúranse como as medidas preventivas máis eficaces na loita contra a exclusión social.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dos programas de fomento da contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, coa finalidade de mellorar a empregabilidade de determinados colectivos de traballadoras e traballadores. Regúlanse os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, afastando a potencialidade de que xurdan novas situacións de risco ou desvantaxe social, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para o presente exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, para o exercicio 2007, recóllense na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 8 de marzo de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:
Capítulo I
Finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación
Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.
1. A presente orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2007 dos incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos traballadores e das traballadoras que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea traballadoras ou traballadores pertencentes aos colectivos relacionados no artigo 3º para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 3º.-Colectivos
Para os efectos deste programa e do conxunto de programas de fomento do emprego e de mellora da empregabilidade en vigor á publicación desta orde, entenderase por colectivos en risco de exclusión social os seguintes:

a) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia ou aquelas que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.


c) Persoas internas de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, así como liberados/as condicionais ou ex-reclusos/as que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

e) As persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

f) Mulleres que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

g) Menores internos incluídos/as no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como os/as que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos e ex-reclusas.

h) Mozos e mozas que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

i) Traballadores e traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.

j) Emigrantes retornados/as con graves necesidades persoais ou familiares.
k) Persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
1. Esta orde ten por obxecto fomentar a contratación por conta allea das traballadoras e traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, a través das seguintes axudas:

a) Axudas ás contratacións indefinidas iniciais, a tempo completo e a tempo parcial, que se realicen con persoas traballadoras desempregadas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º desta orde.

b) Axudas ás transformacións en indefinidos de contratos temporais de duración determinada celebrados con traballadoras e traballadores pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º desta orde, calquera que sexa a data de inicio do contrato temporal do que trae causa.

No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

c) Axudas ás contratacións temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, sempre que teñan unha duración mínima de 6 meses, que se realicen con persoas traballadoras desempregadas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, e pertenzan a algún dos colectivos relacionados no artigo 3º desta orde.

2. Para os efectos do cálculo da taxa de estabilidade e do incremento do persoal fixo na empresa, ao persoal contratado con contratos de interinidade consideraráselle a mesma condición de fixo ou temporal que a persoa que substitúe. Se o traballador con contrato de interinidade substitúe un traballador con obriga de cotización, e que consta no TC2, o interino non se computa.

3. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

4. As ditas contratacións e transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida, así como observar os requisitos e prescricións establecidas na normativa de aplicación.

Artigo 5º.-Requisitos das empresas.
Para poder acceder aos beneficios establecidos nesta orde, deberán cumprirse as seguintes condicións e requisitos:

1. No suposto de contratación indefinida, inicial ou transformación:
a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

Para os efectos do anterior, entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

b) Como consecuencia da contratación indefinida, inicial ou transformación, que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral, serán unicamente subvencionables as contratacións que superen esta media.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal fixo, non se terán en conta as baixas dos traballadores e traballadoras que se producisen por propia vontade do traballador ou traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

c) As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.

2. No suposto de contratación temporal:
a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes anterior ao da contratación obxecto de solicitude de subvención deberá ser igual ou superior ao 72,50%.

As empresas de nova creación ou aquelas que non tivesen traballadores no mes anterior ao da contratación poderán acollerse aos incentivos previstos nesta orde sempre e cando teñan unha taxa de estabilidade do 72,50%, excluído o novo contrato temporal, no mes da contratación e cumpran o resto dos requisitos establecidos na orde de convocatoria.

Para os efectos do anterior, entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

b) As contratacións deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.

Artigo 6º.-Axudas.
1. As contratacións indefinidas, sexan iniciais ou por transformación de contratos temporais, realizadas con persoas traballadoras pertencentes a algún dos colectivos en risco de exclusión social relacionados no artigo 3º, incentivaranse cunha axuda, pagadoira dunha soa vez, que consistirá nunha subvención por unha contía equivalente ao importe do 30% da base mínima do grupo de cotización, o que pertenza o traballador contratado, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre 3 anualidades, ata un máximo de 12.000 euros.

2. Os contratos temporais, sempre que teñan unha duración mínima de 6 meses e se realicen con traballadores e traballadoras desempregados/as pertencentes a algún dos colectivos en risco de exclusión social relacionados no artigo 3º, incentivaranse de acordo coa seguinte escala:

Duración do contrato: 6 meses.
Axudas: 2.520 €.
Duración do contrato: 7 meses.
Axudas: 2.940 €.
Duración do contrato: 8 meses.
Axudas: 3.360 €.
Duración do contratato: 9 meses.
Axudas: 3.780 €.
Duración do contrato: 10 meses.
Axudas: 4.200 €.
Duración do contrato: 11 meses.
Axudas: 4.620 €.
Duración do contrato: 12 meses.
Axudas: 5.040 €.
3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos establecidos nos puntos anteriores serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

Artigo 7º.-Exclusións.
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.


No suposto de contratacións indefinidas iniciais, ademais do referido nas letras anteriores, serán tamén causas de exclusión as seguintes:

c) Contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas as que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores e traballadoras que rematasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II
Competencia e procedemento
Artigo 8º.-Competencia.
A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles:

1. Aos delegados e ás delegadas provinciais da Consellería de Traballo cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ao director xeral de Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias ou no suposto de contratación de 15 ou máis persoas traballadoras.

Artigo 9º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais ou, se é o caso, na Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 15 de setembro de 2007, aínda que nesa data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.

3. As solicitudes de axudas polas contratacións indefinidas, iniciais ou transformacións, ou polas contratacións temporais, de persoas traballadoras pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, realizadas dende o 16 de setembro de 2006 e ata a data da publicación da presente orde, que cumpran os requisitos e condicións establecidos nela, deberán presentarse no prazo de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

4. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: www.xunta.es/emprego.

5. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación, segundo o establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 (DOG nº 249, do 29 de decembro de 2006).

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá achegar coas solicitudes as devanditas certificacións.

6. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán 9-15702, Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

8. Para a presentación das solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar coa información e asesoramento dos axentes de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 10º.-Documentación.
As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados (anexos I e II) que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita (anexo III-A, III-B ou III-C).

3. No caso de contratacións indefinidas, declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores á data de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada ou da transformación, así como da taxa de estabilidade no mes da contratación obxecto de solicitude de subvención (anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5º.
4. No caso de contratacións temporais, declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada, así como da taxa de estabilidade no mes anterior ao da contratación obxecto de solicitude de subvención (anexo V).

5. Copia simple do DNI do traballador ou traballadora.
6. No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe de vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

7. No caso de transformacións, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

8. Nómina correspondente ao mes en que se realiza a contratación do traballador obxecto de solicitude de subvención ou, se é o caso, declaración da empresa en que se faga constar os custos salariais totais do dito mes.

9. Documentos acreditativos das características que determinen a súa pertenza aos correspondentes colectivos.

10. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo VI).

11. Declaración da estrutura da empresa e do emprego (anexo VII).
12. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VIII).

13. Documentación acreditativa de que se encontraren ao día das súas obrigas tributarias - estatais e autonómicas - e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Instrución e tramitación.
Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.


Artigo 12º.-Resolución e recursos.
1. Logo da fiscalización pola intervención das propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Xustificación do pagamento.
1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

a) Declaración complementaria da establecida no artigo 10º.10 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo VI).

b) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión ou, se é o caso, certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o número de persoas traballadoras con contrato indefinido, o das persoas traballadoras con contrato de interinidade e das demais persoas traballadoras temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención se o beneficiario non figura ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais ou autonómicas, e da Seguridade Social, é debedor en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro ou ten algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación e reintegro.
Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas
Artigo 16º.-Incompatibilidades e concorrencia.
1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os incentivos á contratación temporal previstos nesta orde complétanse e serán compatibles cos incentivos á súa transformación en indefinidos.

No suposto de que a conversión se produza con anterioridade á duración inicial do contrato obxecto de subvención, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

3. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:
1. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15-2-2007).

4. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Cando se trate de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos. No suposto de contratacións temporais ou de duración determinada, as empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal as persoas traballadoras contratadas polo período mínimo de duración do contrato obxecto de subvención.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador ou da traballadora polo/a que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador ou unha nova traballadora, que deberá estar incluída nos colectivos establecidos no artigo 3º, e deberá reunir os mesmos requisitos do contrato inicial, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante 3 anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención e, no caso de contratacións temporais, durante o período mínimo de duración do contrato subvencionado.

6. Cando se trate de contratacións indefinidas, manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, en cómputo anual, durante polo menos 3 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán manter os postos de traballo durante un período mínimo de 5 anos.


7. Cando se trate de contratacións indefinidas, manter a estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo anual, durante polo menos tres anos desde o mes en que se realice a contratación subvencionada.

Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar nos tres meses seguintes e durante os tres anos posteriores ao de realización das contratacións, unha declaración da media de persoal traballador fixo e temporal no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período de 12 meses contados desde o mes de realización das contratacións, así como o TC2 correspondente ao mes no que se efectuaron as ditas contratacións.

8. Cando se trate de contratacións temporais, manter a estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo anual, durante o tempo de duración do contrato temporal subvencionado. Para os efectos do cumprimento desta obriga, non se terá en conta para o seu cálculo o contrato obxecto da subvención.

Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar nos tres meses seguintes e durante o ano posterior ao de realización das contratacións, unha declaración da media de persoal traballador fixo e temporal no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período igual ao do contrato subvencionado desde o mes de realización das contratacións, así como o TC2 correspondente ao mes en que se efectuaron as ditas contratacións.

9. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 18º.-Seguimento e control.
As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 19º.-Réxime de axudas.
1. As axudas ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformacións, e ás contratacións temporais, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e fosen realizadas entre o 16 de setembro e o 31 de decembro do 2006, excepto as referidas no punto 2 deste artigo, están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2002) 1884 fin do 22-5-2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometimento ao Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, 13-1-2001).

2. As axudas ás transformacións de contratos temporais en indefinidos, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e fosen realizadas entre o 16 de setembro e o 31 de decembro de 2006, no suposto de que a modalidade de contratación temporal non sexa contrato para a formación, en prácticas, de revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis. Polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, de 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de minimis (DOCE nº L379, de 28 de decembro).

3. As axudas ás contratacións indefinidas iniciais e ás contratacións temporais que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e sexan realizadas no ano 2007, están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 2204/2002, da Comisión da Unión Europea, do 12 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais para o emprego (DOCE L337, de 13 de decembro).

4. As axudas polas transformacións en indefinidos dos contratos temporais, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e sexan realizadas no ano 2007, quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis. Polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, de 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de minimis (DOCE nº L379, de 28 de decembro).

Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aqueles que de acordo co artigo 35º.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopan en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-Para os efectos do sinalado no artigo 3º, letra j), terán a consideración de retornados/as aqueles emigrantes que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio económico 2007, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00 675, cun crédito de 4.142.691 euros; 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2007 00 676, cun crédito de 6.300.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 678, cun crédito de 4.000.000 de euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 679, cun crédito de 7.651.519 euros; 16.02.322C.470.6, código de proxecto 2007 00 749, cun crédito de 6.000.000 de euros; e 16.02.322C.480.1, código de proxecto 2007 00 682, cun crédito de 1.200.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde polo que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea para favorecer a inserción dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 322C e 322Z.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.


Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2007.
Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es