Diario Oficial de Galicia
mércores, 6 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
108
Páxina do Dog:
9.581
Data da Disposición:
29 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 29 de maio de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras e se convocan para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos
a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
Orde do 29 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e
se convocan para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a
conciliación da vida laboral e familiar.
No marco
establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de
decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia,
nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, e no primeiro acordo
polo emprego asinado o 5 de febreiro de 2007 entre a Xunta de Galicia e as
organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega
acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego,
de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que
promovan a conciliación da vida profesional e persoal de homes e
mulleres.
Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma
asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado
relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do
traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 211/2005, do 11 de
agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de
Galicia e do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a
estrutura orgánica da Consellería de Traballo, modificado polo Decreto 20/2007,
do 22 de febreiro, asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras
materias, no relativo ás políticas activas de emprego.
O desafío de conseguir
unha mellor conciliación laboral e familiar é fundamental en toda unha serie de
cuestións sociais: novas formas da organización do traballo, avances na
protección social, cambio nas estruturas familiares e na distribución dos
coidados familiares entre mulleres e homes.
Este desafío é, ademais, unha condición necesaria
e indispensable para garantir o principio de igualdade de oportunidades, piar
básico das directrices establecidas na estratexia europea para o emprego, así
como frear a regresión demográfica acaecida no noso país.
Neste contexto, a Xunta
de Galicia, consciente de que a igualdade de oportunidades da muller pasa pola
súa plena incorporación ao mundo laboral seguindo as recomendacións do Consello
Europeo, establece unha serie de medidas destinadas a mellorar o acceso das
mulleres ao mundo laboral, xa sexa considerándoas como colectivo preferente ou a
través de programas específicos para favorecer a conciliación da vida laboral e
familiar.
Nesta estratexia de compromiso co emprego feminino enmárcanse as medidas
activas deseñadas pola Consellería de Traballo non só para evitar os efectos
negativos que sobre a contratación das mulleres ten a baixa por razón da
maternidade, senón tamén co obxecto de promover a corresponsabilidade do home e
da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade/maternidade e o coidado de
familiares.
Nesta orde fíxanse as bases reguladoras e convócanse para o ano 2007 os
incentivos á contratación para favorecer a conciliación da vida laboral e
familiar.
A
Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006,
na súa disposición adicional sexaxésima quinta, establecía as bonificacións a
traballadoras autónomas e socias traballadoras de cooperativas de traballo
asociado cando se produza a súa reincorporación efectiva ao traballo despois da
maternidade, e a Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e
do emprego, recolle no artigo 4.2º as bonificacións a traballadoras por conta
allea cando se produza a súa reincorporación efectiva ao traballo. Co obxecto de
non subvencionar as situacións xa previstas pola normativa estatal, nesta orde
exclúense das axudas as situacións que dean lugar ás bonificacións previstas nas
devanditas normas.
Tamén se contemplan axudas pola substitución de persoas traballadoras en
excedencia para o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo
46.3º do Estatuto dos traballadores.
As bases reguladoras do programa regulado nesta
orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de
concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do
programa, non resulta necesario realizar a comparación de prelación das
solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas
se realiza pola comprobación de concorrencia no solicitante dos requisitos
establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Neste marco de actuación,
as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto no
artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa
redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de
réxime administrativo, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007, e no que resulte de aplicación, a Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de
desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
As axudas recollidas
nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias
que para o exercicio 2007 se recollen na disposición adicional quinta da
orde.
Por
todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité
Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 8 de marzo de 2007, consultado o
Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me
confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei
2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e do seu presidencia,
DISPOÑO:
Capítulo I
Ámbito, réxime das axudas e principios de xestión
Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de
xestión.
1. Coa finalidade de
promover a igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de
homes e mulleres e remover os obstáculos que sobre o emprego pode producir a
maternidade e outras situacións pertencentes ao ámbito da familia, esta orde ten
por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2007 os
incentivos dirixidos directamente a favorecer a conciliación da vida laboral e
familiar, a través das seguintes axudas:
a) Axudas ás empresas que reincorporen
traballadores tras un proceso de maternidade/paternidade.
b) Axudas ás empresas que
substitúan persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou
con redución da xornada de traballo por motivos familiares.
2. As solicitudes,
tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21
de novembro, e nesta orde.
3. A xestión deste programa realizarase de acordo
cos seguintes principios:
a)
Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e
non-discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos
recursos públicos.
Artigo
2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser
beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa
a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e as
comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten
ou reincorporen traballadores e traballadoras para prestaren servizos en centros
de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran
as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas
circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
No caso de sociedades civís e comunidades de bens
deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con
poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle
corresponden á agrupación.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as
administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou
dependentes de calquera delas.
Artigo 3º.-Exclusións.
Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde
as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real
decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido
da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as
persoas traballadoras contratadas para prestaren servizos noutras empresas a
través de contratos de posta á disposición.
Non obstante o anterior, non quedan afectadas por
esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta
dirección, que poderán acollerse aos beneficios previstos nesta
orde.
Non
poderán acollerse á subvención prevista no artigo 4º desta orde as
reincorporacións efectivas ao traballo das mulleres que, segundo o establecido
na disposición adicional sexaxésima quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de
orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, e no artigo 4.2º da Lei 43/2006, do
29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, teñan dereito ás
bonificacións establecidas nas ditas leis.
Artigo 4º.-Axudas ás empresas que reincorporen
persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade.
1. Poderán ser obxecto de
subvencións as reincorporacións ao posto de traballo na empresa dos
traballadores tras períodos de descanso por causa de maternidade/paternidade,
adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en
virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos
traballadores, así como as reincorporacións ao exercicio da actividade
profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das
sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.
Para os efectos das
axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ao posto
de traballo se produce cando finaliza definitivamente o permiso de
maternidade/paternidade, tanto no caso de que se desfrute a xornada completa ou
a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real
decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º do Estatuto
dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo
1/1995, do 24 de marzo.
2. Só serán subvencionables as reincorporacións a
que se refire o nº 1 deste artigo cando, ademais, concorran as seguintes
circunstancias:
a) Que o período de descanso disfrutado polo traballador que se
reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade fose igual ou superior á
metade do período máximo legal.
b) Que durante os períodos de descanso por
maternidade/paternidade se formalizasen contratos de interinidade para a
substitución dos traballadores polos cales se solicita a axuda pola súa
reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ao 80% do período de
descanso do traballador substituído.
c) Que o traballador se reincorpore ao seu posto
de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido ou, no caso
dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal
e directa.
3.
A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía
equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por
continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2007 do grupo de
cotización a que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ao
importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do
correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en
ambos os dous casos calculada sobre 12 mensualidades.
Artigo 5º.-Axudas ás
empresas que substitúan persoas traballadoras en excedencia para o coidado de
familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos
familiares.
1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se
realicen con persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de
emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, para
substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos
supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores- por
un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en
virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con
reserva de posto de traballo, ou con redución da xornada de traballo por motivos
familiares nos supostos e termos previstos no artigo 37.5º do Estatuto dos
traballadores.
2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de persoas
desempregadas aquelas que estean inscritas como demandantes de emprego no
Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o
informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
3. Os contratos de
interinidade, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán cumprir os
requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º c) do Estatuto dos
traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por
escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente
establecida.
4. Os contratos de interinidade para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares, incentivaranse cunha axuda de ata
2.400 euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un
período inferior a un ano, ou a parte proporcional correspondente cando o
contrato de interinidade se celebre a tempo parcial.
Capítulo II
Competencia e procedemento.
Artigo 6º.-Competencia.
A competencia para coñecer e resolver as
solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por
delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles aos delegados/as
provinciais da Consellería de Traballo cando a contratación ou a reincorporación
se produza para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva
provincia.
Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.
1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano
competente para resolver e presentaranse nos rexistros das respectivas
delegacións provinciais da Consellería de Traballo ou por calquera das formas
previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei
4/1999, de 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous
meses seguintes á data en que se produza a reincorporación ao posto de traballo
tras un proceso de maternidade/paternidade ou se inicie a relación laboral en
virtude dun contrato de interinidade.
O prazo para a presentación das solicitudes de
axudas finalizará o 15 de setembro de 2007 aínda que nesta data non
transcorresen dous meses desde a realización do contrato obxecto de
subvención.
3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas pola
reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade que,
cumprindo os requisitos e condicións establecidas na presente orde, se
realizasen entre o 16 de setembro de 2006 e a data de publicación desta orde,
será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta
orde.
4. O
prazo de presentación das solicitudes de axudas polas contratacións de
interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o
coidado de familiares ou con redución de xornada por motivos familiares que,
cumprindo os requisitos e condicións establecidas na presente orde, se
realizasen entre o 16 de setembro de 2006 e a data de publicación desta orde,
será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta
orde.
5. As
solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da
Consellería de Traballo: www.xunta.es/emprego.
6. A presentación da
solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización
do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a
acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa
comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados
telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente
certificación, segundo o establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de
decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007
(DOG nº 249, do 29 de decembro de 2006).
Non obstante, o solicitante poderá denegar
expresamente o consentimento, debendo achegar coas solicitudes as devanditas
certificacións.
7. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado
presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e
facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas,
así como as sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e
convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da
Lei 7/2005, de 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso,
rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal
exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa
Domingo Fontán 9-15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións
da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter
persoal.
8.
Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente
a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3º e 4º
do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas
na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro
desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con
expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.
9. Para a presentación de
solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar coa información e o
asesoramento da rede de axentes de emprego coordinada pola Consellería de
Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).
Artigo
8º.-Documentación.
As solicitudes
deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos
desta orde xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia
compulsada:
1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é
persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en
nome da entidade e NIF da empresa.
2. Declaración comprensiva do conxunto de todas
as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade
perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos
(segundo o modelo do anexo III), ou, de ser o caso, unha declaración de que non
solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de
solicitude).
3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da
entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo
o modelo do anexo IV).
4. Documentación acreditativa de se encontraren
ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade
Social e de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa
Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o
solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar
as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración
Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía
e Facenda da Xunta de Galicia.
5. Nas axudas para os traballadores que se
reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:
-Copia simple do DNI do
traballador que se reincorpora.
-Documentos acreditativos da baixa por maternidade/paternidade, adopción
ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa despois do período de
descanso correspondente.
-Boletíns de cotización do último mes anterior
dispoñible á data en que se produza a baixa e o correspondente ao mes da
reincorporación.
-Contratos de interinidade realizados para substituír os traballadores
que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na
Seguridade Social do traballador substituto.
6. Nas axudas para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares:
-Copia simple do DNI da persoa traballadora
substituta e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante
de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia en situación
de desemprego segundo os datos da Tesouraría Xeral da Seguridade
Social.
-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social.
-Documentación acreditativa da baixa e da
situación de excedencia ou, se for o caso, da redución da xornada, e copia
simple do DNI da persoa traballadora substituída.
Artigo 9º.-Instrución e
tramitación.
Se a solicitude non
estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, as
unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de
conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou
presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer,
se considerará desistido da súa petición, despois de resolución que deberá ser
ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.
Artigo 10º.-Resolución e
recursos.
1. Despois da fiscalización
polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes
servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do
conselleiro de Traballo e deberán serlles notificadas aos interesados. As
resolucións, de concesión ou denegatorias deberán ser sempre
motivadas.
2.
O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a
data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa
tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen se ditar a resolución expresa,
entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e
2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade
Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
3. As resolucións que se diten neste procedemento
esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso
contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da
xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter
potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que
ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13
de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Artigo 11º.-Xustificación do
pagamento.
1. De non se achegar con
anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación no
prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión da
documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a
seguinte:
a)
Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades
económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do
Ministerio de Economía e Facenda.
b) No caso de axudas para os traballadores que se
reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade, o boletín de
cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación, se non se
achegou con anterioridade.
c) Declaración complementaria da establecida no
número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto
aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das
distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de
ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou
subvencións.
2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida na
fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do
interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o
pagamento da axuda.
3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención se o
beneficiario non figura ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias
-estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, é debedor en virtude de
resolución firme declarativa da procedencia de reintegro ou ten algunha débeda
pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade
autónoma.
Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas
Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.
1. As axudas previstas nesta orde para as
contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos
conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de
emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma
de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos da disposición adicional
sexaxésimo quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do
Estado para o ano 2006, e o artigo 4.2º da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para
a mellora do crecemento e do emprego.
2. Os beneficios establecidos nesta orde non
poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade,
superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se
subvenciona.
Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas das empresas
beneficiarias:
a) Estar ao día nas
súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como
non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa
Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a
proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da
subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións
tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e
obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente
de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e
en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos
percibidos.
c) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao
financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de
Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos
termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de
2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº
1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas
ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo
de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do
Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do
15-2-2007).
d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que
efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan,
se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na
lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da
Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle
sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Os traballadores que
se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade deberán
permanecer nela, como mínimo, durante un ano, contado desde a data da
reincorporación. Se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera
causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa
deberá proceder a reintegrar a subvención concedida nos termos sinalados no
artigo 15º desta orde.
A empresa beneficiaria, dentro do primeiro
trimestre do ano seguinte ao da reincorporación, deberá presentar a
documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador
obxecto de subvención.
f) Nas axudas para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares, a empresa beneficiaria ten, ademais,
as seguintes obrigas:
-No suposto de cesamento da persoa traballadora
interina, a cobertura do posto por unha nova persoa traballadora desempregada
terá que se realizar durante o período da substitución, dentro do mes seguinte
ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á
delegación provincial da Consellería de Traballo dentro dos vinte días seguintes
ao da cobertura do posto.
-Comunicar a data de incorporación ao seu posto
de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se
produza ou, se é o caso, da súa reincorporación á xornada
ordinaria.
g) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 78º do texto refundido
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004,
do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime
administrativo.
Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de
subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes
públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á
modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa
revogación.
Artigo 15º.-Revogación e reintegro.
Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro
total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos
casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen
prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde
social.
Artigo 16º.-Seguimento e control.
A Consellería de Traballo poderá comprobar en todo momento a aplicación
das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os
beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta
orde e na resolución de concesión.
Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de
minimis.
Os incentivos establecidos
nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non
poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres
anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión
Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado
da CE ás axudas de minimis (DOCE nº L379, de 28 de decembro).
Disposicións
adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das
facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da
Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de
control, así como de avaliación e seguimento dos programas.
Para realizar as ditas
funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de
Traballo, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e
demais normas vixentes que resulten de aplicación.
Segunda.-A Consellería de
Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se
considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións
exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que, de acordo co
artigo 35º.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se encontren
en poder da Administración actuante.
Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do
conselleiro de Traballo nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas
respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e
subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e
propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos
de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios,
respecto das resolucións concesorias de que traen causa, ditadas por delegación
do conselleiro.
Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará
suxeita á existencia de crédito orzamentario.
Quinta.-No exercicio
2007, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos
créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.2, código de
proxecto 2007 00 675, cun crédito de 4.142.691 euros, 16.02.322C.470.3, código
de proxecto 2007 00 676, cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.322C.470.4,
código de proxecto 2007 00 679, cun crédito de 7.651.519 euros. As anteditas
aplicacións están recollidas na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e constitúen o importe
global para o financiamento desta orde; da orde pola que se establecen as bases
reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de
carácter temporal en indefinidos e se procede a súa convocatoria para o ano
2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a
promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se
procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as
bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas
como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural
(IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria
para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos
programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade,
e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen
as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á
actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos
centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007;
da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e
subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base
tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2007, da orde pola que se establecen as bases
reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como
medida para favorecer a inserción dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo
Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; e das demais
ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á
contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras,
autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 322C e
322Z.
Así
mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da
asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de
fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de
Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo
Fondo Social Europeo.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción
do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e
instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta
orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de maio de
2007.
Ricardo Jacinto Varela
Sánchez
Conselleiro de
Traballo
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es