Diario Oficial de Galicia
mércores, 6 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
108
Páxina do Dog:
9.509
Data da Disposición:
30 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 30 de maio de 2007 pola que se establecen as bases que
rexen as axudas para a realización de programas de apoio a familias
monoparentais, e se procede á súa convocatoria.
Orde
do 30 de maio de 2007 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para a
realización de programas de apoio a familias monoparentais, e se procede á súa
convocatoria.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu
artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia
de asistencia social.
A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos
sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os
servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste
sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto
517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Pola súa banda, o artigo 4º da antedita lei,
configura os servizos sociais como un sistema integrado de protección social,
orientado á prestación programada de atencións e servizos que posibiliten a
mellora na calidade de vida e a participación de persoas ou grupos,
especialmente daqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou
desatención selectiva, así como a prevención e eliminación das causas que estean
na orixe daquelas situacións.
Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da
familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 12 g), como unha
actuación preventiva e asistencial o desenvolvemento de programas de axuda a
domicilio como medio de atender, desde unha perspectiva integral e
normalizadora, as necesidades da familia no seu conxunto ou algún dos seus
membros.
Deste xeito, considérase necesario desenvolver programas específicos de
apoio a familias monoparentais con fillos e fillas menores ao seu cargo, co
obxectivo de favorecer a incorporación ao mundo laboral das persoas responsables
destas familias, posibilitándolles a conciliación da vida familiar e laboral, e
facilitándolles aos menores unha atención especializada, tendo en conta ademais
que as mulleres representan a maior porcentaxe entre estes
proxenitores.
O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,
aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu
artigo 78, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas
tributarias e de réxime administrativo, o réxime xeral de concesión de axudas e
subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e constitúe
a normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en
todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os
demais requisitos exixidos na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.
Na súa virtude, en uso
das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos
orzamentarios para o fin para o que foron establecidos.
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto convocar e aprobar as
bases polas que se rexe, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión das
axudas para o financiamento de programas de apoio a familias monoparentais con
fillos e fillas menores ao seu cargo.
Artigo 2º.-Entidades destinatarias.
Poderán concorrer a esta orde de axudas as
corporacións locais de forma individual ou mancomunadamente.
Artigo 3º.-Definición e
obxectivos do programa
O obxecto
deste programa é a prestación de apoio ás familias formadas por un único
proxenitor con fillos e fillas menores ao seu cargo, mediante o establecemento
de programas específicos que teñan como finalidade os seguintes
obxectivos:
-Potenciar a autonomía das familias monoparentais, eliminando ou
mellorando a súa situación de vulnerabilidade e/ou precariedade.
-Axudar á crianza dos
nenos e nenas e favorecer a súa socialización
-Favorecer a incorporación da persoa responsable
da familia ao mundo laboral, posibilitarlle a asistencia a actividades de
formación laboral ou formación continua e posibilitar o autoemprego.
-Promover a inserción e
permanencia laboral das mulleres soas con responsabilidades familiares e
favorecer a súa promoción profesional.
-Facilitar que estes proxenitores sós poidan
participar en igualdade de oportunidades e dispoñan de tempo para realizar
actividades sociais ou culturais.
-Previr situacións de risco social.
Artigo 4º.-Normas xerais.
1. As entidades locais deberán participar no
financiamento do programa cun mínimo do 20% do orzamento total do proxecto
presentado. Para tales efectos a entidade local presentará certificación
acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente
para esta finalidade. No caso de que a contía subvencionada resulte inferior ao
orzamento presentado, a achega da entidade local poderase reducir en igual
proporción
2.
A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de
organismos públicos ou privados para a execución dos programas, en ningún caso
poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.
Artigo 5º.-Contía e
ámbito.
As subvencións que se
establezan para as actuacións obxecto desta orde, serán con cargo á aplicación
orzamentaria 05.20.312G. 460.2, destinándose 200.000 euros para o seu
financiamento.
A contía establecida no punto anterior poderá ser incrementada en función
das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo
caso as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio
económico de 2007.
Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
Esta documentación presentarase no rexistro xeral
da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou nos rexistros das delegacións
provinciais da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º
da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación
de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación
desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 7º.-Documentación.
As solicitudes das axudas presentaranse segundo o
modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e deberán acompañarse dos
seguintes documentos:
-Proxecto do programa (anexo II).
-Certificación da existencia nos seus orzamentos
de contía suficiente para o cofinanciamento do programa.
-Certificación bancaria
en que figure con 20 díxitos a conta en que se desexe percibir, de ser o caso, a
axuda concedida.
-Unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou
concedidas, para este mesmo fin, das distintas administracións públicas
competentes.
Artigo 8º .-Criterios de selección dos proxectos
Os criterios de avaliación, que servirán de base
para a determinación da concesión e a contía das subvencións serán os
seguintes:
-Pola viabilidade e perspectivas de continuidade do proxecto: ata 5
puntos.
-Por presentar un programa
que inclúa un servizo de atención a fillos e fillas menores: ata 5
puntos.
-Por
ter colaborado anteriormente coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de
programas de apoio a familias monoparentais: ata 4 puntos.
-Por incorporar a
perspectiva de xénero nas actuacións que configuren o obxecto do programa
presentado: ata 4 puntos.
-Pola categoría profesional e titulación do
persoal e pola súa dedicación: ata 4 puntos.
-Por participar no financiamento do programa
presentado nunha porcentaxe superior ao 20% establecido como mínimo: ata 2
puntos.
-Por
potenciar a colaboración con outras entidades públicas ou privadas mediante o
traballo en rede co fin de optimizar recursos e esforzos: ata 1
punto.
Artigo
9º.-Tramitación dos expedientes.
1. A
Secretaría Xeral da Igualdade como órgano responsable da tramitación dos
expedientes comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos
nesta orde e procederá, en caso contrario, a reclamar por escrito aos
interesados/as para que emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos para
poder completar o expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun
prazo de dez días, teranse por desistidos/as da súa petición, de acordo co
artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de
resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita
lei.
2. A
composición da comisión de valoración será a seguinte:
Presidenta: a secretaria xeral de
Igualdade.
Vogais: dous
representantes da secretaría xeral da Igualdade, designados/as pola secretaria
xeral da Igualdade de entre o persoal funcionario ou laboral.
Actuará como secretaria/o
unha/un dos dous representantes anteriormente mencionados.
3. Revisados os
expedientes, e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración
para que unha vez baremados dite a proposta de resolución, propoñéndolle ao
órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das
axudas.
Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no
procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das
aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de
dez días alegue ou presente os documentos e xustificacións que considere
pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 10º.-Resolución.
1. Correspóndelle ao vicepresidente da Igualdade
e do Benestar, por proposta da comisión de valoración e despois da fiscalización
pola intervención das anteditas propostas, a resolución destas axudas de
conformidade co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias
e de réxime administrativo. A antedita resolución terá lugar no prazo de tres
meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as
solicitudes teranse por desestimadas.
2. As resolucións recaídas neste procedemento
esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso
contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no
prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita
resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo,
reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 11º.-Xustificación
e pagamento.
Unha vez ditada a
resolución pola que se concede a subvención, procederase á súa xustificación e
pagamento na forma que se indica a continuación:
1. Para aquelas axudas
que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80% da
contía outorgada, mediante a presentación por parte da entidade beneficiaria da
correspondente certificación de inicio das actividades.
2. No caso de axudas de
contía superior, poderanse facer pagamentos parciais ata completar o 80% da
contía total concedida a medida que se presenten as certificacións de gasto
expedidas polo órgano competente.
3. O 20% restante librarase, unha vez presentada
certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade
e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo
caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da entidade local
exixida no artigo 4º.1 desta orde.
Coa última certificación ou xustificación do
gasto deberán achegar a memoria xustificativa da execución do programa e a súa
memoria financeira de acordo cos modelos que figuran como anexos III e IV,
respectivamente.
Ademais deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto de
axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas, como as pendentes de
resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas
competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Artigo 12º.-Obrigas das
entidades beneficiarias.
As entidades
beneficiarias das axudas obríganse a:
a) Coordinarse cos servizos técnicos da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar.
b)
Observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de
medidas tributarias e de réxime administrativo, exceptuando o recollido na súa
alínea c).
c)
Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar respecto do programa subvencionado.
d) Remitir os informes e
demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar.
e) Facilitar toda a información que lle sexa
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e
o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control
do destino das axudas.
Artigo 13º.-Reintegro das axudas ou
subvencións.
O incumprimento total ou
parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou a concorrencia
dalgunha das causas previstas no artigo 78.10 do Decreto lexislativo 1/1999, do
7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de
medidas tributarias e de réxime administrativo, constituirá causa determinante
da revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou
solicitante, xunto cos xuros de demora.
Artigo 14º.-Fiscalización e control.
1. A concesión das axudas reguladas nesta orde
estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por
parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o
capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, das actuacións de
comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de
Contas.
2. A
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá inspeccionar en calquera
momento as actuacións realizadas.
Artigo 15º.-Réxime sancionador.
As infraccións administrativas cometidas en
relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de
conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004,
do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de
novembro.
Artigo 16.-Publicidade.
De
conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia publicará na
súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas
concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización
para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa
publicación na citada páxina web.
Disposicións derradeiras
Primeira.-En todo o non recollido nesta orde
aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais
normativa de aplicación.
Segunda.-Autorízase a secretaria xeral da
Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta
orde.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de maio de
2007.
Anxo Manuel Quintana
González
Vicepresidente da Igualdade
e do Benestar
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNES PÚBLICAS
E XUSTIZA
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es