Diario Oficial de Galicia
xoves, 31 de maio de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
104
Páxina do Dog:
9.071
Data da Disposición:
25 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 25 de maio de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres
como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo
Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano
2007.
Orde do 25 de maio de 2007 pola que se
establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación
indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo
igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2007.
Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro,
esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola
Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional
de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos
Decretos 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos
departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto 536/2005, do 6 de outubro,
polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007,
do 22 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias
e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de
emprego.
A
urxente necesidade de facer efectiva a igualdade de oportunidades entre homes e
mulleres e de acadar así unha verdadeira integración da muller no mercado
laboral constitúe un dos obxectivos prioritarios desta lexislatura. As
condicións laborais das mulleres galegas é unha preocupación que se reflicte
claramente no acordo polo emprego asinado o pasado 5 de febreiro, froito do
ambicioso proceso de concertación social que se veu desenvolvendo desde novembro
de 2005, entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia
(CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, no cal se
inclúe un amplo abano de medidas para un novo marco de relacións laborais en
Galicia na busca dun mercado de traballo galego máis produtivo, máis estable e
seguro e, o que é fundamental, menos discriminatorio para as mulleres
galegas.
Esta
prioridade responde á convicción de que para lograr unha sociedade harmónica e
máis xusta é necesario que todos os seus membros, e especialmente as mulleres,
poidan ter as mesmas oportunidades de acceder a un posto de traballo que lles
permita o normal desenvolvemento da súa vida profesional e laboral.
No marco establecido no
artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de
emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos
de crecemento e emprego da Unión Europea, e no primeiro acordo polo emprego
asinado o 5 de febreiro de 2007, entre a Xunta de Galicia e as organizacións
sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega acade uns
maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar
social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan
unha sociedade inclusiva.
No acordo sobre obxectivos e medidas de emprego
en Galicia, no seu punto 4, Igualdade, establécense medidas de fomento do
emprego de mulleres inactivas, medidas de fomento do emprego de mulleres en
xeral, medidas de fomento da igualdade no emprego de mulleres e medidas de
fomento da calidade no emprego de mulleres cara a conseguir unha participación
en pé de igualdade da muller no mercado laboral.
No marco das políticas
activas de emprego, desenvolvidas pola Xunta de Galicia, os incentivos á
contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o
acceso e permanencia no emprego de grupos de traballadores con maiores
dificultades e pola súa vez como unha ferramenta para fomentar a estabilidade
laboral das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas
galegas.
Na
programación dos incentivos para o ano 2007, o colectivo feminino segue a ser un
dos especialmente atendidos no conxunto dos incentivos á contratación
indefinida, co obxectivo de poñer a disposición das mulleres gallegas medidas
activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de
traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de
actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de
ocupación, e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de
desemprego entre homes e mulleres.
Con este fin, e para seguir incidindo na mellora
da situación de emprego das mulleres galegas, neste ano os incentivos á
contratación por conta allea plásmanse nunha orde propia dirixida exclusivamente
ao colectivo de mulleres, na súa consideración de colectivo beneficiario,
incidindo en todas aquelas situacións que dificultan o seu acceso ao mercado
laboral.
Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as
actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal cara ao logro da
inserción da muller no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego da
muller establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais
de fomento do emprego aplicable a todo o Estado.
Esta orde ten por obxecto
establecer as bases reguladoras do programa de fomento da contratación por conta
allea das mulleres desempregadas. Regúlanse os incentivos á contratación
indefinida tanto inicial como a transformación de determinados contratos
temporais en indefinidos, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas
empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral
do colectivo feminino.
As bases reguladoras do programa regulado nesta
orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de
concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do
programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das
solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas
realízase pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos
establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Neste marco de actuación,
as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para este
exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21
de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia e, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do
27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento
aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
As axudas recollidas
nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias
que, para o exercicio 2007, se recollen na disposición adicional sexta da
orde.
Por
todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada perante o
Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 8 de marzo de 2007,
consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das
facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
modificada pola Lei 2/2007, de 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa
presidencia,
DISPOÑO:
Capítulo
I
Finalidade, principios de xestión e
ámbito de aplicación
Artigo
1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.
1. Coa finalidade de favorecer o emprego estable
e facilitar a inserción laboral das mulleres traballadoras que presentan
desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de
traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o
ano 2007 dos incentivos a súa contratación indefinida.
2. As solicitudes,
tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21
de novembro, e nesta orde.
3. A xestión deste programa realizarase de acordo
cos seguintes principios:
a)
Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e
non-discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos
recursos públicos.
Artigo
2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser
beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a
forma xurídica que adopten, incluídos autónomos, as sociedades civís e as
comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten
por conta allea traballadoras pertencentes aos colectivos relacionados no artigo
3º para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma
de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos
nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias
previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha
persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes
para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á
agrupación.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións
públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de
calquera delas.
Artigo 3º.-Colectivos.
Para os
efectos dos incentivos regulados nesta orde, defínense como colectivo
beneficiario as mulleres desempregadas maiores de 31 anos nas que concorra
algunha das seguintes circunstancias:
a) Mulleres desempregadas de longa duración: toda
muller que estiver sen traballo 12 dos anteriores 16 meses, ou durante 6 meses
dos anteriores 8, se fo maior de 45 anos.
b) Mulleres desempregadas titulares de familias
monoparentais que teñan cargas familiares ou desempregadas de unidades
familiares nas cales ningún dos seus membros en idade laboral obteña rendas de
calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da
solicitude.
c) Mulleres desempregadas, cando se contraten para prestar servizos en
profesións ou ocupacións en que estean subrepresentadas segundo a Orde do
Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de
setembro) para o fomento do emprego estable de mulleres nas profesións e
ocupacións con menor índice de emprego feminino.
d) Mulleres desempregadas
que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun
mínimo de dous anos.
e) Mulleres desempregadas que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á
data do parto.
f) Mulleres desempregadas demandantes de primeiro emprego.
g) Mulleres desempregadas que non estean
incluídas en ningún dos colectivos anteriores.
Artigo 4º.-Ámbito de
aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
1. Esta orde ten por obxecto fomentar a
contratación por conta allea das traballadoras incluídas no artigo 3º, a través
das seguintes axudas:
a) Axudas ás contratacións indefinidas iniciais,
a tempo completo e a tempo parcial, que se realicen con traballadoras
desempregadas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo
Público de Emprego no momento da contratación, pertencentes a algún dos
colectivos relacionados no artigo 3º desta orde.
b) Axudas ás
transformacións en indefinidos de contratos para a formación, en prácticas, de
revezamento, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de
interinidade, calquera que sexa a data en que tivo lugar, sempre que no momento
da contratación temporal a muller fose maior de 31 anos de idade.
Cando se trate de
contratos de interinidade, a súa transformación en indefinido só poderá ser
obxecto de subvención cando se manteña o posto do traballador substituído, o que
terá que acreditarse.
No caso de transformación de contratos temporais
a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo
completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa
modalidade de fixo-descontinuo.
Nos supostos de transformación de contratos
temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser,
como mínimo, igual á do contrato que se transforma.
Para os efectos desta
orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que
ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación
laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación
laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato
temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de
continuidade na relación laboral.
2. Para os efectos do cálculo da taxa de
estabilidade e do incremento do persoal fixo na empresa, ao persoal contratado
con contratos de interinidade consideraráselle a mesma condición de fixo ou
temporal que a persoa que substitúe. Se o traballador con contrato de
interinidade substitúe a un traballador con obriga de cotización, e que consta
no TC2, o interino non se computa.
3. Para os efectos das axudas recollidas nesta
orde, terán a consideración de mulleres desempregadas aquelas que estean
inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento
da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de
vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
4. Estas contratacións e
transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse
por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma
regulamentariamente establecida, así como observar os requisitos e prescricións
establecidas na normativa de aplicación.
Artigo 5º.-Requisitos das empresas.
Para poder acceder aos beneficios establecidos
nesta orde, as empresas deberán cumprir as seguintes condicións e
requisitos:
a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da
contratación obxecto de solicitude de subvención, deberá ser igual ou superior
ao 72,50%.
Para os efectos do anterior, entenderase por taxa de estabilidade a
porcentaxe de persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no
conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.
b) Como consecuencia da
contratación indefinida, inicial ou por transformación, que se fomenta ten que
incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de
Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data
de inicio da prestación laboral, sendo unicamente subvencionables as
contratacións que superen esta media.
Para os efectos do cómputo do incremento do cadro
de persoal fixo, non se terán en conta as baixas dos traballadores e
traballadoras que se producisen por propia vontade do traballador ou
traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta
ou grande invalidez legalmente recoñecidas.
c) As contratacións indefinidas iniciais deberán
supoñer, incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial
de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á
data de inicio da prestación laboral pola que se solicita,
subvención.
Artigo 6º.-Axudas.
1. As
contratacións indefinidas iniciais, a xornada completa ou a tempo parcial,
incluídos os fixos-descontinuos, incentivaranse cunha axuda de ata 7.500 euros,
cando a muller contratada pertenza a algún dos seguintes colectivos:
a) Mulleres desempregadas
de longa duración: toda muller que estiver sen traballo 12 dos anteriores 16
meses, ou durante 6 meses dos anteriores 8, se fo maior de 45 anos.
b) Mulleres desempregadas
titulares de familias monoparentais que teñan cargas familiares ou desempregadas
de unidades familiares nas cales ningún dos seus membros en idade laboral obteña
rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da
solicitude.
c) Mulleres desempregadas, cando se contraten para prestar servizos en
profesións ou ocupacións nas cales estean subrepresentadas segundo a orde do
Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de
setembro) para o fomento do emprego estable de mulleres nas profesións e
ocupacións con menor índice de emprego feminino.
d) Mulleres desempregadas
que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun
mínimo de dous anos.
e) Mulleres desempregadas que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á
data do parto.
f) Mulleres desempregadas demandantes de primeiro emprego.
2. As contratacións indefinidas iniciais, a
xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, realizadas
con mulleres desempregadas maiores de 31 anos que non estean incluídas en ningún
dos colectivos anteriores, incentivaranse cunha axuda de ata 2.000 euros. Cando
estas mulleres procedan de empresas en crise, as contratacións incentivaranse
cunha axuda de ata 7.500 euros.
3. As transformacións en indefinidos dos
contratos temporais que reúnan os requisitos e condicións establecidos nos
artigos 4º e 5º desta orde incentivaranse cunha contía de ata 3.000
euros.
4.
Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos
establecidos nos puntos anteriores serán proporcionais ao tempo efectivo de
traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio
colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria
legal.
Artigo
7º.-Exclusións.
Exclúense dos
beneficios regulados nesta orde:
a)
As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real
decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido
da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as
contratacións de traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante
contratos de posta á disposición.
b) Os contratos realizados co/a cónxuxe,
ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade,
ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que
teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das
empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan
con estes últimos.
c) Contratacións realizadas con traballadoras que, nos 24 meses
anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo
de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.
O disposto no parágrafo
precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior
da traballadora con empresas ás cales o solicitante dos beneficios sucedese en
virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de
marzo.
d)
Traballadoras que rematasen unha relación laboral de carácter indefinido nun
prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a
subvención, agás que esta relación laboral rematase por causa dun despedimento
recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas
sinaladas no artigo 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.
Capítulo II
Competencia e procedemento
Artigo 8º.-Competencia.
A competencia para coñecer e resolver as
solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por
delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles:
1. Aos delegados e ás
delegadas provinciais da Consellería de Traballo cando a contratación se realice
para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia,
agás nos supostos previstos no punto seguinte.
2. Ao director xeral de
Promoción do Emprego cando as contratacións se realicen para prestar servizos en
centros de traballo radicados en varias provincias ou no suposto de contratación
de 15 ou máis traballadoras.
Artigo 9º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes de axudas e subvencións
dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros
das respectivas delegacións provinciais ou, se é o caso, na Dirección Xeral de
Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas
previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei
4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous
meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a
transformación do contrato temporal en indefinido.
O prazo para a
presentación das solicitudes de axudas rematará o 15 de setembro de 2007, aínda
que nesa data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato
obxecto de subvención.
3. As solicitudes de axudas polas contratacións
indefinidas iniciais de mulleres desempregadas pertencentes aos colectivos
establecidos no artigo 3º e polas transformacións en indefinidos de contratos
temporais, que reúnan os requisitos e condicións establecidos nos artigos 4º e
5º desta orde, realizadas desde o 16 de setembro do 2006 e ata a data da
publicación desta orde, poderán presentarse ata o 30 de xuño do 2007, sempre que
cumpran os requisitos e condicións establecidos nela.
4. As solicitudes e os
anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de
Traballo: www.xunta.es/emprego.
5. A presentación da solicitude de concesión de
subvención polo interesado comportará a autorización do solicitante para que o
órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas
obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social,
a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de
achegar a correspondente certificación, segundo o establecido no artigo 43 da
Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2007 (DOG nº 249, do 29 de decembro).
Non obstante, o
solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar coas
solicitudes as devanditas certificacións.
6. Mediante a presentación da solicitude de
subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de
Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e
subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de
axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no
Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos
creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de
agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición
de datos de carácter persoal exerceranse ante o Cixtec como responsable dos
ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela,
de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de
protección de datos de carácter persoal.
7. Coa presentación da solicitude de subvención o
interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que de acordo co
establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publique as
subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na
súa páxina web oficial, con expresión do beneficiario, a contía e a súa
finalidade.
8. Para a presentación das solicitudes de axudas os beneficiarios poderán
contar coa información e asesoramento dos axentes de emprego da rede coordinada
pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).
Artigo
10º.-Documentación.
As solicitudes
deberán presentarse nos modelos normalizados (anexos I e II) que figuran como
anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou
copia compulsada:
1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e, se é
persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar no
nome da entidade e NIF da empresa.
2. Relación nominal das traballadoras polas que
se solicita a subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se
solicita (anexo III-A ou III-B).
3. Declaración do cadro de persoal de todos os
centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores á
data de inicio da relación laboral da traballadora contratada ou da
transformación, así como da taxa de estabilidade no mes da contratación obxecto
de solicitude de subvención (anexo IV).
Se é o caso, documentos acreditativos das baixas
previstas no artigo 5º.
4. Copia
simple do DNI da traballadora.
5. No
caso de contratacións iniciais: documentos acreditativos dos períodos de
inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do
tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe de vida laboral na
Tesouraría Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas
na Seguridade Social.
6. No caso de transformacións: o contrato
temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación
da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e
a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.
7. Documentos
acreditativos das características que determinen a súa pertenza aos
correspondentes colectivos.
8. Declaración comprensiva do conxunto de todas
as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade
perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de
ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou
subvencións (anexo V).
9. Declaración da estrutura da empresa e do
emprego (anexo VI).
10. Ficha de
solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira
acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VII).
11. Documentación
acreditativa de que están ao día das súas obrigas tributarias -estatais e
autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento
ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no
suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano
xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da
Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a
Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.
12. Nómina correspondente
ao mes en que se realiza a contratación da traballadora obxecto de solicitude de
subvención ou, se é o caso, declaración da empresa na cal se faga constar os
custos salariais totais deste mes.
Artigo 11º.-Instrución e tramitación.
Se a solicitude non estivese debidamente cuberta
ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas
encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo
71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para
que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos,
coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa
petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no
artigo 42 da antedita lei.
Artigo 12º.-Resolución e recursos.
1. Logo da fiscalización pola intervención das
propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas
polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo e deberán
serlles notificadas aos interesados. As resolucións de concesión ou denegación
deberán ser sempre motivadas.
2. O prazo para resolver e notificar será de seis
meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do
órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que
se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co
establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da
normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de
modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As resolucións que se
diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe
interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o
órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá
formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes,
perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co
disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
13º.-Xustificación do pagamento.
1.
De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións
quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se
establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma
expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:
a) Declaración
complementaria da establecida no artigo 10º.8 desta orde, do conxunto das axudas
solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución
para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou
outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras
axudas ou subvencións (anexo V).
b) Documentos TC2 correspondentes ás
mensualidades que se indiquen na resolución de concesión ou, se é o caso,
certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o número de
persoas traballadoras con contrato indefinido, o das persoas traballadoras con
contrato de interinidade e das demais persoas traballadoras temporais en cada
unha destas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en
Galicia.
2.
Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase
de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción do interesado.
Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da
axuda.
3. Non
poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención se o beneficiario non
figura ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais ou
autonómicas, e da Seguridade Social, é debedor en virtude de resolución firme
declarativa de procedencia de reintegro ou ten algunha débeda pendente, por
calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.
Artigo 14º.-Modificación
da resolución de concesión.
Toda
alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou
subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas
por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e
eventualmente á súa revogación.
Artigo 15º.-Revogación e reintegro.
Procederá a revogación das subvencións e axudas,
así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do
xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do
21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas
da Comunidade Autónoma de Galicia.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo
anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo
5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e
sancións na orde social.
Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas
Artigo 16º.-Incompatibilidades e concorrencia.
1. As axudas previstas nesta orde para as
contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos
conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de
emprego. Estas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de
bonificacións á Seguridade Social.
2. Para o caso de que se solicitasen os
incentivos previstos nesta orde pola transformación dun contrato temporal
subvencionado, e a conversión se produza con anterioridade á duración mínima
inicial do contrato temporal, compensarase a parte da subvención concedida
correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo
pola transformación do contrato en indefinido.
3. Os beneficios
establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras
axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual
correspondente ao contrato que se subvenciona.
4. Os incentivos
establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta
finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos
ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con
outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que
establece o artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.
Artigo 17º.-Obrigas dos
beneficiarios.
Son obrigas dos
beneficiarios das axudas e subvencións:
1. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da
Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda,
por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con
anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a
proposta de pagamento da subvención.
2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera
modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así
como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a
obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien a
actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se
coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos
fondos percibidos.
3. Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao
financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de
Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos
termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de
2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº
1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas
ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo
de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do
Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do
15 de febreiro de 2007).
4. O sometemento ás actuacións de control,
comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control
financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade
autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de
Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e
achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións
anteriores.
5. Manter no seu cadro de persoal fixo as traballadoras contratadas ao
abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos.
No suposto de extinción
da relación laboral da traballadora pola que se concedese a subvención, a
cobertura do posto por unha nova traballadora, que deberá estar incluída nos
colectivos establecidos no artigo 3º, e deberá reunir os mesmos requisitos do
contrato inicial, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito
que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que
concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova
contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase
durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de
subvención.
6. Manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de
persoal, en cómputo anual, durante polo menos tres anos, que se contarán desde a
data de realización da contratación. E, cando se trate de empregos ligados a un
investimento, deberán manter os postos de traballo durante un período mínimo de
cinco anos.
7. Manter a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en
Galicia cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 72,50%, no seu cómputo
anual, durante polo menos tres anos desde o mes en que se realice a contratación
subvencionada.
Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias
deberán presentar nos tres meses seguintes e durante os tres anos posteriores ao
de realización das contratacións unha declaración da media de persoal
traballador fixo e temporal no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun
período de 12 meses contados desde o mes de realización das contratacións, así
como o TC2 correspondente ao mes no que se efectuaronestas
contratacións.
8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78º do texto refundido da
Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004,
do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime
administrativo.
Artigo 18º.-Seguimento e control.
As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego
poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para
os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as
obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.
Artigo 19º.-Réxime de
axudas.
As axudas ás contratacións
indefinidas, iniciais e por transformacións en indefinidos dos contratos
temporais, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e
fosen realizadas entre o 16 de setembro e o 31 de decembro do 2006, están
amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión
Europea C (2002) 1884 fin do 22 de maio. E, cando se trate de empregos ligados a
un investimento, polo seu sometimento ao Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión
do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE
ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, do 13 de
xaneiro).
As
axudas ás contratacións indefinidas iniciais que reúnan as condicións e
requisitos establecidos nesta orde, e sexan realizadas no ano 2007, están
amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario polo seu sometemento ao
Regulamento (CE) nº 2204/2002, da Comisión da Unión Europea, do 12 de decembro,
relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais para
o emprego (DOCE L337, do 13 de decembro).
As axudas polas
transformacións en indefinidos dos contratos temporais, que reúnan as condicións
e requisitos establecidos nesta orde, e sexan realizadas no ano 2007, quedan
sometidas ao réxime de axudas de mínimis. Polo tanto, non poderán exceder os
límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no
Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro,
relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de mínimis
(DOCE nº L379, do 28 de decembro).
Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan
atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma,
a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de
avaliación e seguimento dos programas.
Para realizar estas funcións poderanse utilizar
cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o
cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que
resulten de aplicación.
Segunda.-A Consellería de Traballo poderá
requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria
para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde,
agás aqueles que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, xa se atopan en poder da administración actuante.
Terceira.-Apróbase a
delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados/as
provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de
Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e
subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e
propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos
de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios,
respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación
do conselleiro.
Cuarta.-Para os efectos do sinalado no artigo 3º, letra b), terá a
consideración de titular de familia monoparental e con cargas familiares a
muller solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillas ou
fillos menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas e que non obteñan
ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixente no momento da
solicitude.
Para os efectos do sinalado no artigo 6º desta orde terán a consideración
de mulleres desempregadas procedentes de empresas en crise aquelas traballadoras
cuxa relación laboral se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51
e 52 c) do Estatuto dos traballadores.
Quinta.-A concesión das axudas e subvencións
previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito
orzamentario.
Sexta.-No exercicio económico 2007, as axudas recollidas nesta orde,
entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias
16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00 675, cun crédito de 4.142.691
euros; 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2007 00 676, cun crédito de
6.300.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 678, cun crédito
de 4.000.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 679, cun
crédito de 7.651.519 euros; 16.02.322C.470.6, código de proxecto 2007 00 749,
cun crédito de 6.000.000 euros; 16.02.322C.480.1, código de proxecto 2007 00
682, cun crédito de 1.200.000 euros; 16.02.322Z.470.0, código de proxecto 2007
00 690, cun crédito de 963.160 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2007
00 693, cun crédito de 2.228.611 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto
2007 00 694, cun crédito de 2.527.068 euros; 16.02.322Z.470.1, código de
proxecto 2007 00 696, cun crédito de 5.647.605 euros; 16.02.322Z.470.1, código
de proxecto 2007 00 697, cun crédito de 1.133.755 euros; 16.02.322Z.470.2,
código de proxecto 2007 00 672, cun crédito de 1.793.659 euros;
16.02.322Z.470.2, código de proxecto 2007 00 700, cun crédito de 383.283 euros;
16.02.322Z.470.0, código de proxecto 2002 14 105, cun crédito de 255.970,59
euros; e 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2002 14 444, cun crédito de
981.992,36 euros.
Estas contías están recollidas na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e
constitúen o importe global para o financiamento desta orde; da orde pola que se
establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións
dos contratos de carácter temporal en indefinidos e se procede a súa
convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases
reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo
Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde
pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás
empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como
iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e
se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as
bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das
persoas con discapacidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede
á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases
reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade
profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros
especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde
pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións
ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT),
cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o
ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de
incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción
dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases
reguladoras e se convocan para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos
a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; da orde pola que se
establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por
conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de
exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2007; e das demais ordes que establezan as bases das
medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e
actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social,
incluídos nos programas orzamentarios 322C e 322Z.
Así mesmo, estes créditos
poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da
redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do
emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos
Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social
Europeo.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que
dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias
para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2007.
Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es