Diario Oficial de Galicia
xoves, 31 de maio de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

104


Páxina do Dog:

9.052


Data da Disposición:

24 de maio de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE TRABALLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 24 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 24 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mailo Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle agora a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, e no Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia.

Impulsado polo novo Goberno o proceso de Diálogo Social de Galicia, e como resultado deste, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia conveñen en subscribir o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego neste período na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán para a consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais.

Establecidas no mesmo as medidas para acadar os obxectivos de estabilidade, establécese a posta en marcha de programas de promoción e xestión de plans de estabilidade que establezan taxas sectoriais a acadar e analicen a situación dos distintos sectores de actividade.

A Consellería de Traballo, consciente da importancia de que as taxas de estabilidade dos diferentes sectores de actividade se determinen mediante un acordo sectorial consensuado e pactado no ámbito territorial de Galicia, regula para o ano 2007 nunha orde independente, o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade nos diferentes sectores de actividade.

As características e requisitos dos incentivos xerais á contratación indefinida, tanto inicial como por transformación de contratos temporais en indefinidos, que se realicen como consecuencia de plans de estabilidade a nivel de empresa, e para o ano 2007 son regulados nesta orde.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación da solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para este exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, para o exercicio 2007, se recollen na disposición adicional sétima da orde.

Por todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 8 de marzo de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:
Capítulo I
Ámbito e réxime de axudas
Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.
1. Coa finalidade de fomentar a creación e consolidación do emprego fixo e de calidade a través dun programa específico de estímulo e apoio ao cambio estrutural cara a un maior nivel de estabilidade dos cadros de persoal das empresas instaladas en Galicia, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2007 dos incentivos á contratación indefinida inicial ou por transformación de contratos temporais en indefinidos, xa sexan a tempo completo xa a tempo parcial, incluídos os traballos fixos-descontinuos, que se realicen como consecuencia de plans empresariais de estabilidade laboral, segundo a definición establecida no artigo 5º desta orde.

2. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que no momento da súa contratación estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

4. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos, e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.
1. Os plans empresariais de estabilidade, para que poidan acollerse a este programa, deberán axustarse ao seguinte:

a) As empresas pertencentes a sectores de actividade vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade acadados segundo o establecido na orde pola que se establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade, deberán cumprir o establecido no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade do sector a que pertenza a empresa solicitante dos incentivos, de acordo co establecido na dita orde ou na resolución do director xeral de Promoción do Emprego, se non houber acordo.

b) As empresas pertencentes a sectores de actividade non vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 5.2º desta orde.

2. En ambos os dous casos os plans deberán estar elaborados antes do 31 de xullo de 2007, sendo subvencionables ao abeiro desta orde as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007, e sempre que se trate de:

* Contratacións indefinidas iniciais realizadas con persoas traballadoras desempregadas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

* Conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, calquera que sexa a modalidade contractual obxecto de transformación. A limitación temporal anterior non será de aplicación nos seguintes supostos:

-Cando se trate da transformación en indefinidos de contratos formativos, de revezamento, ou de substitución por anticipación da idade de xubilación.

-Cando se trate de contratos de interinidade. En todo caso, a súa transformación en indefinidos só será subvencionable cando se manteña o posto da persoa traballadora substituída, o que terá que acreditarse.

No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo, agás as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao remate da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

A conversión en contratos indefinidos dos contratos temporais ou de duración determinada non será subvencionable cando teña a súa orixe no cumprimento de obrigas legais.

3. As ditas contratacións iniciais e transformacións de contratos temporais en indefinidos, para poderen ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina do Servizo Público de Emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Para os efectos do cálculo da taxa de estabilidade e do incremento do persoal fixo na empresa, ao persoal contratado con contratos de interinidade consideraráselle a mesma condición de fixo ou temporal que a persoa que substitúe. Se o traballador con contrato de interinidade substitúe un traballador con obriga de cotización, e que consta no TC2, o interino non se computa.

Artigo 4º.-Exclusións.
Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadoras ou traballadores para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas últimas persoas.

c) Contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior da traballadora ou do traballador con empresas ás cales o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadoras e traballadores que finalizasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas no artigo 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II
Definición, requisitos e contido dos plans
empresariais de estabilidade laboral
Artigo 5º.-Definición.
Para os efectos desta orde, terán a consideración de plans empresariais de estabilidade laboral:

1. Plans empresariais de estabilidade vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade. Son aqueles, que tendo a súa orixe nun acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade, segundo o establecido na orde que establece o procedemento e os requisitos para acadar os acordos sobre a taxa de estabilidade en sectores de actividade, se elaboren a nivel de empresa e prevexan a realización dun número de contratacións indefinidas iniciais ou por transformación de contratos temporais en indefinidos acadando, cando menos, as taxas de estabilidade previstas no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade de aplicación.

Serán subvencionables ao abeiro destes plans de estabilidade as contratacións realizadas no período comprendido entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007 coas que, no seu conxunto, se acaden, como mínimo os seguintes resultados:

a) Acadar a taxa de estabilidade mínima establecida para o período outubro 2006 a setembro 2007 no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade.

b) Un incremento de emprego fixo, de modo que superen a media aritmética do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia no período comprendido entre o 1 de outubro de 2005 e o 30 de setembro de 2006, ambos inclusive, sendo unicamente subvencionables as contratacións que superen a dita media.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

a) As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer un incremento neto do emprego total respecto da media acadada no período de outubro 2005 a setembro 2006, de modo que superen a media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa en Galicia no período de referencia.

d) En ningún caso as contratacións indefinidas realizadas poderán implicar unha diminución da totalidade das persoas traballadoras no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia na media do período de outubro de 2005 a setembro de 2006.

2. Plans empresariais de estabilidade non vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade. Son aqueles que elaboren as empresas pertencentes a sectores de actividade en que non existe acordo sectorial sobre a taxa de estabilidade e acaden os seguintes resultados:

a) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa que se acade como consecuencia das contratacións, deberá ser igual ou superior ao 72.5%.

b) Un incremento, como mínimo, de 5 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia respecto da media acadada no período comprendido entre os meses de outubro 2005 a setembro 2006, ambos inclusive.

Cando a empresa teña no período de referencia unha taxa de estabilidade igual ou superior ao 80%, non será exixible o incremento de 5 puntos establecido no parágrafo anterior. Non obstante, a empresa deberá acadar coa execución do plan unha taxa de estabilidade superior á do período de referencia.

c) Incremento do emprego fixo, de modo que superen a media aritmética do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia no período de outubro de 2005 a setembro de 2006, sendo unicamente subvencionables as contratacións que superen a dita media.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

d) As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer un incremento neto do emprego total respecto da media do período de outubro de 2005 a setembro de 2006, de modo que superen a media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa en Galicia no período de referencia.

e) En ningún caso as contratacións indefinidas realizadas poderán implicar unha diminución da totalidade das persoas traballadoras no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia na media do período de outubro de 2005 a setembro de 2006.

3. Para os efectos do establecido nos puntos anteriores entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Para o seu cálculo, en cómputo anual, terase en conta a media aritmética do cadro de persoal fixo e temporal nos períodos de referencia establecidos nos puntos anteriores.

4. Os plans empresariais de estabilidade laboral, para os efectos previstos nesta orde, deberán facer referencia expresa, entre outros, aos seguintes extremos:

a) Calendario de execución do plan empresarial con especificación das contratacións que se realizarán no período de execución do plan comprendido entre outubro de 2006 e setembro de 2007, e que poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta orde.

b) Identificación dos centros de traballo que a empresa posúa en Galicia, con indicación do número de persoas traballadoras fixas e temporais empregadas no período comprendido entre o 1 de outubro de 2005 e o 30 de setembro de 2006.

c) Indicación da media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa no conxunto dos centros de traballo en Galicia no dito período, así como a referida ao cadro de persoal fixo e temporal no mesmo período de referencia.

d) Taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia acadada na media do período comprendido entre o 1 de outubro de 2005 e o 30 de setembro de 2006.

e) Estrutura prevista do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de persoas traballadoras fixas e temporais e con expresión da taxa de estabilidade acadada e do incremento que represente respecto da taxa inicial.


5. Estes plans deberán constar por escrito no modelo normalizado que figura como anexo desta orde, asinado polo representante da empresa.

Artigo 6º.-Incentivos.
1. Os incentivos ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, incluídos os fixos descontinuos, determinaranse en atención á taxa de estabilidade que a empresa acade como consecuencia das contratacións realizadas no período de referencia e, segundo se trate, de contratación inicial ou de conversión de contratos temporais en indefinidos.

2. Plans empresariais de estabilidade vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade. Subvencionaranse de acordo coa seguinte escala:

a) Contratacións indefinidas realizadas para acadar a taxa de estabilidade mínima que estableza o acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade e ata a dita taxa incrementada nun 50% da diferenza entre a taxa de estabilidade mínima e a taxa de estabilidade inicial:

a.1) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros, incrementándose ata 3.750 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

a.2) As transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 2.500 euros, incrementándose ata 3.250 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

b) Contratacións indefinidas coas cales se acade una taxa de estabilidade superior á taxa de estabilidade mínima incrementada nun 50% da diferenza entre a taxa de estabilidade mínima e a taxa de estabilidade inicial.

b.1) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 4.500 euros, incrementándose ata 5.500 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

b.2) As transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 3.750 euros, incrementándose ata 4.500 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

3. Plans empresariais de estabilidade non vinculados a acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade:

Os incentivos ás contratacións indefinidas determinaranse en atención ás taxas de estabilidade que a empresa acade como consecuencia das contratacións realizadas no período de referencia e, segundo se trate, de contratación inicial ou de conversión de contratos temporais en indefinidos, de acordo coa seguinte escala:

a) Taxa de estabilidade acadada do 72.5% e ata ao 90%:
a.1) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros, incrementándose ata 3.750 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

a.2) As transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 2.500 euros, incrementándose ata 3.250 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

b) Taxa de estabilidade acadada de máis do 90%:
b.1) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 4.500 euros, incrementándose ata 5.500 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

b.2) As transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde incentivaranse cunha axuda de ata 3.750 euros, incrementándose ata 4.500 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

Cando se trate de contratacións a tempo parcial a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Capítulo III
Competencia e procedemento
Artigo 7º.-Competencia.
A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles:

1. Ás delegadas e delegados provinciais da Consellería de Traballo cando todas as contratacións con orixe no plan empresarial de estabilidade laboral se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ao director xeral de Promoción do Emprego, nos seguintes supostos:
a) Cando as contratacións derivadas do dito plan se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cando os ditos plans prevexan a contratación indefinida de 15 ou máis traballadoras e traballadores no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais ou, se for o caso, na Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos desta orde están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: www.xunta.es/emprego.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 31 de xullo de 2007, debendo estar todas as contratacións iniciais e transformacións de contratos temporais en indefinidos realizadas o 30 de setembro de 2007.

4. O prazo para a presentación de toda a documentación necesaria para a resolución e o pagamento das axudas solicitadas, rematará o 15 de novembro de 2007.

5. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación, segundo o establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 249, do 29 de decembro de 2006).

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo achegar entón as devanditas certificacións coa solicitude.

6. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados noa artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC, como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán 9,15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que de acordo co establecido nos apartados 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

8. Para a presentación das solicitudes de axudas, os beneficiarios poderán contar coa información e asesoramento dos axentes de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 9º.-Documentación.
As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde, xunto coa seguinte documentación orixinal ou copia compulsada:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

2. As previsións de contratacións iniciais e transformacións de contratos temporais en indefinidos coas cales, no seu conxunto, se acaden os requisitos previstos no artigo 5º desta orde, no modelo normalizado (anexo III).

3. Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no período de referencia, no modelo normalizado (anexo IV ou anexo V).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5º desta orde.

4. Relación nominal das persoas traballadoras contratadas polas cales se solicita subvención ata, cando menos, o 31 de xullo de 2007 (anexo VI), e a seguinte documentación:


a) Copia simple do DNI das persoas traballadoras contratadas.
b) No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia como desempregada ou desempregado segundo os datos do informe de vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

c) No caso de transformacións, o contrato temporal de que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

5. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo VII).

6. Declaración da estrutura da empresa e do emprego (anexo VIII).
7. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo IX).

8. Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.
Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.
1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán ditadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º-Xustificación do pagamento.
1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, orixinal ou copia compulsada, entre a cal deberá figurar a seguinte:

a) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras contratadas como consecuencia da execución do plan de estabilidade e, agás que se presentase xunto coa solicitude, a seguinte documentación referente a cada un delas:

* Copia simple do DNI das persoas traballadoras contratadas.
* No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

* No caso de transformacións, o contrato temporal de que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

b) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, agás que xunto coa solicitude se achegasen todos os boletíns correspondentes ao período do cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal ou, se é o caso, certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o número de persoas traballadoras con contrato indefinido, o das persoas traballadores con contrato de interinidade e das demais persoas traballadoras con contratos temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

c) Declaración da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de traballadores fixos e temporais no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia, con expresión da taxa de estabilidade acadada e o incremento que representa respecto do período de referencia.

d) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º desta orde do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (anexo VII).

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude a opción do interesado. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención se o beneficiario non figura ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, é debedor en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro ou ten algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo IV
Incompatibilidades e obrigas
Artigo 13º.-Incompatibilidades e concorrencia.
1. As empresas que soliciten incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de estabilidade laboral, durante o período de execución deste, non poderán solicitar outras axudas ou subvencións á contratación indefinida polas mesmas persoas traballadoras convocada pola Consellería de Traballo.

2. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións con orixe en plans empresariais de estabilidade laboral serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.9ª do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas das empresas beneficiarias:
1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financian a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.


4. Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, e se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007).

5. Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período mínimo de 3 anos.

No suposto de extinción da relación laboral da traballadora ou do traballador polo cal se concedese a subvención, a cobertura do posto por unha nova persoa traballadora, que deberá reunir os requisitos da persoa traballadora substituída, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda de fomento da contratación indefinida.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán manter os postos de traballo durante un período mínimo de 5 anos.

6. Manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, en cómputo anual, durante polo menos tres anos, que se contarán desde o último mes en que se realicen contratacións.

7. Non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, nunha diminución substantiva da taxa de estabilidade acadada, nin minorar a media anual de traballadores fixos, durante, polo menos, 3 anos desde o último mes en que se realicen contratacións.

Para estes efectos, entenderase que se produce unha minoración substantiva da taxa de estabilidade cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Cando a taxa se sitúe nun nivel inferior ao 72,5% ou á prevista no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade de aplicación.

b) Cando a taxa se sitúe no tramo inferior ao que se tivo en conta para a determinación da contía dos incentivos, agás que se produza de xeito ocasional nunha anualidade e non implique unha diminución superior a 5 puntos da taxa inferior á do tramo correspondente.

No suposto de plans empresariais de estabilidade vinculados a acordos sectoriais, a dita obriga de mantemento referirase á taxa de estabilidade mínima prevista no acordo sobre a taxa sectorial de estabilidade de aplicación, ou na resolución do director xeral de Promoción do Emprego, se non houber acordo.

8. Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar nos tres meses seguintes e durante os tres anos posteriores ao de realización das contratacións, unha declaración da media de persoal traballador fixo e temporal no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período de 12 meses contados desde o último mes de realización das contratacións, así como o TC2 correspondente ao último mes en que se efectuaron as ditas contratacións.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 16º.-Revogación.
Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17º.-Seguimento e control.
As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 18º.-Réxime das axudas.
As axudas ás contratacións indefinidas, iniciais e por transformacións en indefinidos dos contratos temporais, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, e fosen realizadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro do 2006, están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2001) 3750 fin de 28-11-2001, e, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometimento ao Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10, do 13 de xaneiro de 2001).

As axudas ás contratacións indefinidas, iniciais e por transformacións en indefinidos dos contratos temporais, que reúnan as condicións e requisitos establecidos nesta orde e sexan realizadas no ano 2007 e ata a autorización por parte da Comisión Europea das axudas notificadas, o pagamento queda sometido ao réxime de axudas de minimis, polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de minimis (DOCE nº L379, do 28 de decembro).

Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común xa se encontre en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nas delegadas e delegados provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Quinta.-Cando se trate de empresas que se acolleron aos incentivos convocados no ano 2006 (Orde do 21 de abril de 2006 pola que se regulan os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade e se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006), para determinar o incremento da taxa de estabilidade e do emprego a que se refiren o artigo 5 e demais artigos concordantes desta orde, non se terán en conta as medias do período comprendido entre os meses de outubro 2005 a setembro 2006, senón que a referencia para determinar os incrementos exixidos serán os resultados acadados coa execución do plan no dito ano.

Sexta.-No caso das empresas que presentasen o seu último plan de incremento da estabilidade laboral no ano 2001, no ano 2002, no ano 2003, no ano 2004 ou no ano 2005 ao abeiro das súas respectivas ordes de convocatoria do 27 de abril de 2001, 5 de xullo de 2002, 30 de xullo de 2003, 11 de marzo de 2004, e 14 de marzo de 2005 para determinar o incremento da taxa de estabilidade e do emprego, as medias serán as do período comprendido entre os meses de outubro de 2005 a setembro de 2006. Non obstante, as ditas medias non poderán ser inferiores aos resultados acadados coa execución do plan do ano 2001, 2002, 2003, 2004 ou 2005.

Sétima.-No exercicio económico 2007, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00 675, cun crédito de 4.142.691 euros; 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2007 00 676, cun crédito de 6.300.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 678, cun crédito de 4.000.000 de euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 679, cun crédito de 7.651.519 euros; 16.02.322C.470.6, código de proxecto 2007 00 749, cun crédito de 6.000.000 de euros; 16.02.322C.480.1, código de proxecto 2007 00 682, cun crédito de 1.200.000 euros; 16.02.322Z.470.0, código de proxecto 2007 00 690, cun crédito de 963.160 euros; 16.02.322Z.470.0, código de proxecto 2007 00 691, cun crédito de 4.965.809 euros; 16.02.322Z.470.0, código de proxecto 2007 00 698, cun crédito de 318.792,03 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2007 00 693, cun crédito de 2.228.611 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2007 00 694, cun crédito de 2.527.068 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2007 00 696, cun crédito de 5.647.605 euros; 16.02.322Z.470.1, código de proxecto 2007 00 697, cun crédito de 1.133.755 euros; 16.02.322Z.470.2, código de proxecto 2007 00 672, cun crédito de 1.793.659 euros; 16.02.322Z.470.2, código de proxecto 2007 00 700, cun crédito de 383.283 euros.


Estas contías están recollidas na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e constitúen o importe global para a financiamento desta orde; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para o fomento das transformacións dos contratos de carácter temporal en indefinidos e se procede a súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo fondo social europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos e mozas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 322C e 322Z.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposición transitoria
Os expedientes de subvención que se encontrasen en tramitación unha vez finalizado o exercicio económico 2006, resolveranse con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o dito fin no ano 2007, en función da normativa que lles era de aplicación no momento de presentación da solicitude, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se acredite o motivo que impediu resolver en prazo.
b) Que o expediente non fose resolto de forma expresa e non fose impugnado o efecto do silencio.

c) Que o solicitante non manifeste expresamente a súa vontade de desistencia da solicitude presentada.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2007.
Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es