Diario Oficial de Galicia
xoves, 31 de maio de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

104


Páxina do Dog:

9.040


Data da Disposición:

28 de maio de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 28 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN201G).



Orde do 28 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN201G).

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con grande capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista moi longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual.

A innovación, o deseño e a calidade son as bazas coas que conta a artesanía para sobrevivir e facerse forte nun contexto de globalización e elevada competitividade. A estes tres factores vincúlase o compromiso da Xunta de Galicia co colectivo artesanal galego, consciente de que o sector debe actuar como un factor de desenvolvemento, de creación de postos de traballo, de asentamento poboacional e xeración de identidade. O obxectivo é facer da artesanía unha actividade de futuro, coa que se poida implicar a mocidade que desexe dedicarse a un dos nosos oficios.

Cómpre, polo tanto, proceder á instrumentación da concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para os obradoiros, co obxecto de modernizar as súas estruturas produtivas, reformar, remodelar ou crear novos obradoiros e introducir as novas tecnoloxías, potenciar a formación especializada e a incorporación de novos traballadores, así como fomentar a divulgación dos produtos e a participación dos artesáns en certames profesionais como expositores.

En relación co exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Innovación e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego (IN201G) que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Información aos interesados.
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201G, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio e nas delegacións provinciais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficinal virtual.

b) Os teléfonos 881 99 91 78 da dita dirección xeral e os teléfonos das delegacións provinciais: A Coruña: 981 18 49 17, Lugo: 982 29 49 38, Ourense: 988 38 67 12 Pontevedra: 986 80 52 27

c) Os correos electrónicos: A Coruña: beatriz.seisdedos.sanchez@xunta.es; Lugo: majose.cortiña.darriba@xunta.es; Ourense: ana.isabel.perez.souto@xunta.es; Pontevedra: inpontevedra@xunta.es, Santiago: dxcmr.artesania@xunta.es

d) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria que é o: 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase a directora xeral de comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2007.
Fernando Xavier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a artesáns titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio ao obradoiros artesanais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de 2006).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as desenvolvidas por obradoiros artesanais que a continuación se especifican, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2007 ata a data límite de xustificación do investimento, establecida no artigo 16º:

a) Obras que se destinen á creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como á mellora, ampliación ou modernización das xa existentes, e dentro desta epígrafe atenderanse ás:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais produtivos e obras de nova construción, que deberán cumprir cos requisitos exixidos legalmente en cada caso. So serán obxecto de subvención as obras realizadas no interior dos obradoiros.

b) Proxectos de innovación no proceso produtivo.
Dentro desta epígrafe subvencionarase a adquisición dos seguintes equipamentos, que deberán ser, en todo caso, de primeiro uso:

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal, que serán de fabricación externa cualificada.

-Equipamentos para procesos de informatización, cun máximo dunha unidade por entidade solicitante, propios das características da actividade artesanal e instalacións de deseño asistido por ordenador.

c) Divulgación e promoción de produtos artesanais, a través do:
-Deseño de imaxes corporativas, logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, en papel, magnéticos, o CD/DVD, a edición de material impreso, audiovisual, sobre produción artesanal, especificamente concibidos e dirixidos ao fomento da actividade e á potenciación dos produtos artesanais.

-Gastos de deseño, creación e contratación de dominio para páxina web do taller.
-Deseño de envases e embalaxes de produtos artesáns.
d) Participación como expositor con caseta propia en feiras de carácter profesional, atenderanse os:

-Gastos que ocasionen os espazos que se contraten, aluguer ou construción da caseta e transporte do material, montaxe e desmontaxe das casetas, seguros, enerxía eléctrica, vixilancia, contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes, gastos de desprazamento e aloxamento de ata dúas persoas, así como de publicidade e publicacións relacionadas con esta participación.

-Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en feiras profesionais.

e) Gastos de inscrición en programas formativos de especialización profesional que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas, número máximo de accións formativas por participante será de dúas.

f) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de produto, mediante a colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan esta actividade a título principal, atenderanse os:

-Custos externos derivados da realización de proxectos de deseño de produto, considerándose os honorarios dos consultores de deseño, así como os custos relativos aos materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.


g) A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servizo Público de Emprego, que non tivesen relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumprir as exixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas nesta epígrafe serán de aplicación aos contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ao 13 de outubro de 2007.

Para que estes contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñer a sucesión de traballadores en prácticas para ocupar o mesmo posto de traballo.

h) Alta na Seguridade Social de novos artesáns: consideraranse as novas altas na Seguridade Social de aqueles artesáns vinculados aos obradoiros artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2007.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Os investimentos destinados a locais para usos non produtivos (comerciais, formación, etc.).

b) Calquera investimento realizado en zonas exteriores ou de acceso.
c) As aplicacións informáticas de xestión.
d) Os gastos en publicidade en medios escritos, radio ou televisión; os investimentos en calquera tipo de formularios ou materiais de uso administrativo e os gastos de impresión e reimpresión de envases e embalaxes de produtos artesanais.

e) Os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto do proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos nos cales non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a súa actividade a título principal.

f) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive do empresario ou dos que desempeñen cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

g) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

De conformidade co establecido no artigo 8º destas bases constituirase, con carácter xeral e para todas as tipoloxías de axudas enumeradas anteriormente, unha comisión de valoración das solicitudes de axudas presentadas, que poderá determinar a exclusión dos investimentos subvencionables daquelas actuacións ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. Para a concesión das subvencións destinarase o crédito correspondente á aplicación orzamentaria 10.05.741-F.770.0 «Apoio ao sector artesanal», destinándose para o seu financiamento un importe de 780.000 euros. Este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

Aplicación orzamentaria: 10.05.741-F.770.0.
Ano 2007: 780.000 euros.
2. As porcentaxes máximas subvencionables dos investimentos obxecto das axudas son as que a continuación se indican e, con carácter xeral, ata o 55% do investimento subvencionable alí onde non estea establecido un límite porcentual de subvención, cun máximo de 30.000 euros por entidade para a suma de todas as tipoloxías de axudas concedidas.

a) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º.a) a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 30%, cun investimento mínimo de 1.800 euros e unha contía máxima de subvención de 12.000 euros.

b) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º.b), o investimento en adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal debe alcanzar unha cantidade mínima subvencionable de 1.200 euros. Nesta mesma tipoloxía, a contía máxima de subvención, na epígrafe de equipamentos informáticos, será de 1.800 euros.

c) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º c), a contía máxima de subvención será de 6.000 euros.

d) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º d), a contía máxima de subvención será de 3.000 euros por entidade participante. Así mesmo, cando o obxecto de subvención se refira á adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización en feiras profesionais, a contía máxima de subvención será de 3.000 euros por entidade solicitante.

e) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º e), a contía máxima de subvención non excederá de 900 euros por acción formativa, cantidades que non será computables para os efectos do 55% que se fixa neste artigo.

f) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º g), a contía a percibir polo concepto de contratación en prácticas poderá alcanzar a cantidade de 3.600 euros por traballador.

g) Para os investimentos considerados no artigo 1.3º h), a contía a percibir polo concepto de alta na Seguridade Social de novos artesáns será dun máximo de 120 euros por cada unha das mensualidades satisfeitas á Seguridade Social, que poderán abranguer desde xaneiro a decembro de 2007, ambos inclusive.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que legalmente se estableza.

4. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os artesáns titulares de obradoiros artesanais que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar establecidos na Comunidade Autónoma galega e atoparse inscritos como artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no momento de presentar a solicitude de axudas, de acordo co disposto no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

-Ter o seu taller artesanal inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso da creación de novos talleres, terán de prazo ata o 15 de setembro de 2007 para solicitar dita inscrición.

Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes conformes co modelo normalizado do anexo II, deberá xuntar a seguinte documentación, por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos una delas.

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de produción artesanal, volume de produción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura pro forma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que hai que realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto, o contrato ou a factura pro forma dirixiranse ao solicitante da axuda e contarán coa sinatura e DNI/NIE ou CIF/NIF do autor do orzamento. Para estes efectos achegarase cuberto o anexo III.

c) NIF/CIF da entidade solicitante.
d) Incluirase, segundo o anexo IV, declaración expresa de cantas axudas se solicitasen ou obtivesen para as mesmas actuacións, doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como declaración do solicitante de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas nos números 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Documento público acreditativo do poder co que actúa o representante da entidade solicitante, e fotocopia do seu DNI/NIE.

f) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria en que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI/NIE de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

g) Para a actuación recollida no punto h) do artigo 1º.3 desta orde, escrito que recolla a previsión ou data de alta na Seguridade Social dos artesáns vinculados cos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que comecen a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2007.


h) De ser o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

i) Certificación acreditativa de estar dado de alta no IAE. No caso de talleres que se constitúan ao longo do ano 2007, o requisito de alta no IAE deberase acreditar con anterioridade á presentación da xustificación do investimento.

j) Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo VI, se é o caso.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar cantos informes técnicos considere oportunos para a valoración técnica dos proxectos.

Artigo 5º.-Consentimento e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, para que o órgano concedente, a Consellería de Innovación e Industria, obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigacións tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude ou procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenio e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, neste rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, corresponderá ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión. Ora ben, cando a competencia estea desconcentrada nos delegados provinciais desta consellería, o órgano instrutor será a secretaría da respectiva delegación provincial.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falla ou acompañe os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao corrente do pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas efectuadas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesarias serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non-admisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.
1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Constituirase unha comisión de avaliación en cada delegación provincial.

A composición da comisión de valoración será a seguinte, o secretario da delegación provincial, que a presidirá, e dous funcionarios nomeados polo delegado.

2. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles ata esgotar o crédito dispoñible.

3. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de avaliación.
Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. A viabilidade técnica, económica e financeira dos proxectos ou actuacións que se presenten.

2. Adecuación técnica, calidade do proxecto que se vai executar, a incidencia deste na mellora da calidade do produto artesanal e a novidade das propostas.

3. Capacidade de xerar actividade económica na empresa, creación de novas unidades produtivas e contribución á potenciación e creación de postos de traballo.

4. Mellora da divulgación e promoción das producións artesanais, así como a comercialización dos produtos artesanais mediante o acceso aos novos mercados e o desenvolvemento de novos produtos.

5. Que o solicitante sexa artesán mozo ou muller.
6. Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, produción de zocos e zocas, tonelaría, sellaría, albardaría, olaría, forxa, latoaría, caldeiraría, afiado, cestaría e labores de palla.

7. Compromiso de emprego da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior emprego da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VI.

Artigo 10º.-Audiencia.
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días podan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de avaliación formulará a proposta de resolución que se elevará a través do órgano instrutor ao conselleiro ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

2. O conselleiro, ou, se é o caso, o delegado provincial, á vista da proposta de resolución, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta e, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións notificaranse de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación e Industria, ou, se é o caso, perante o delegación provincial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, o obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria ou, se é o caso, polo delegado provincial logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado no termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42º.1 da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos interesados.
Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:
a) Realizar o investimento ou actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou a actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

d) Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ao 15 de setembro de 2007, inclusive, ante a Dirección Xeral de Comercio, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) No caso de acollerse ás axudas á contratación, o mantemento dos postos de traballo creados por un período mínimo dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do primeiro e último trimestre do ano 2008, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito, así como o correspondente TC2.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os mesmos requisitos que o traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado polo empresa beneficiaria á Consellería de Innovación e Industria, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención.

f) No caso de que as xestións de comprobación de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario teña débedas dalgún tipo das recollidas nel, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a súa situación e presente por si mesmo o/s correspondente/s certificado/s de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e/ou sociais.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

h) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público, así como calquera alteración producida nas xa comunicadas coa solicitude, co fin de que aquel poida avaliar a súa compatibilidade. Así mesmo, as condicións de manter o investimento de que se trate ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de cinco anos, e a de non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta comunicación efectuarase tan pronto como se coñeza, e, en todo caso, coa presentación da documentación xustificativa da realización do investimento.

i) As entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria, Dirección Xeral de Comercio.

j) Reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.
1. Para cobrar a subvención, o beneficiario presentará na respectiva delegación provincial ou nos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 30 de outubro de 2007, inclusive.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, presentarase por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria en que se describa a realización do investimento, en que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servizos prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Unha relación clasificada da actividade para a que se solicita a axuda, desagregada por epígrafes e dos gastos e investimentos, segundo anexo III.

c) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento)

Toda factura reunirá os seguintes requisitos: nome, razón social e DNI/NIE/NIF ou CIF do emisor, IVE repercutido, número, data de emisión e de vencemento, nome, enderezo e CIF do comprador, así como a forma de pagamento. Deberá quedar claramente descrito o produto o servizo prestado e levarán o selo de seu emisor e sinatura, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica a lexislación do imposto sobre o valor engadido.


d) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudos ou proxectos, entregarase, ademais, un exemplar destes.

e) A xustificación a efectos de asistencia a feiras ou programas formativos farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espazo da feira, tendo que presentar igualmente a documentación mencionada no parágrafo anterior.

f) Para as actuacións acollidas ás alíneas g) ou h) do artigo 1º das bases reguladoras desta orde, presentarase copia dos contratos e dos boletíns de cotización e relación nominal de traballadores da Tesouraría da Seguridade Social. Para aqueles proxectos acollidos á alínea h) desta orde de axudas, o beneficiario achegará os correspondentes recibos das cotas satisfeitas á Seguridade Social. Para o resto das mensualidades recollidas na resolución de concesión de axudas e correspondentes sempre ao ano 2007, o beneficiario presentará compromiso de mantemento do período de cotización, debendo ademais presentar durante o primeiro trimestre do ano 2008, e perante a Consellería de Innovación e Industria, a xustificación de pagamento das mensualidades non xustificadas.

g) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

h) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, en que conste: código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de conta corrente.

i) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

j) No caso de que tras realizar a Consellería de Innovación e Industria de oficio a consulta telemática para solicitar as certificacións de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, dese como resultado que o beneficiario teña débedas dalgún tipo das mencionadas, requirirase a este para que regularice a súa situación e presente por si mesmo o/s correspondente/s certificado/s de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e/ou sociais. A devandita consulta telemática realízase con anterioridade á tramitación da proposta de pagamento das axudas, se é o caso, de acordo co establecido no artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado polo beneficiario.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2º.3.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións regulamentadas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19º.-Control.
1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 21º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.





[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es