Diario Oficial de Galicia
luns, 28 de maio de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
101
Páxina do Dog:
8.789
Data da Disposición:
21 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 21 de maio de 2007 pola que se lle dá publicidade
ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica
(Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas
de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e
investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de
Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto
Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as
entidades financeiras adheridas.
Resolución do 21 de
maio de 2007 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección
do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases
reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado
para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a
mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante
convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica
(Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras
adheridas.
O Consello de Dirección do Igape na súa
xuntanza do 29 de marzo de 2007, acordou por unanimidade dos seus membros
asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas para a habilitación de
liñas de financiamento subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e
investimentos das Pemes para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de
Galicia, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto
Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as
entidades financeiras adheridas.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades
que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro.-Publicar as
bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento
subsidiado para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes
para a mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas
mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción
Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades
financeiras adheridas, as cales se anexan a esta resolución.
Santiago de Compostela,
21 de maio de 2007.
José Antonio
Delgado Arce
Director xeral do
Instituto Galego de Promoción
Económica
Bases reguladoras
das axudas do Igape para a habilitación de liñas de financiamento subsidiado
para microempresas, proxectos emprendedores e investimentos das Pemes para a
mellora competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentadas mediante
convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica
(Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras
adheridas.
Artigo 1º.-Obxecto.
1.1. As
presentes bases regulan o contido e procedemento de tramitación de tres liñas de
financiamento subsidiado para facilitar o acceso ao financiamento nos
investimentos das microempresas, dos emprendedores, e das Pemes que melloren a
súa competitividade:
Liña 1-Microempresas: créditos para financiar investimentos nas
microempresas galegas.
Liña 2-PEME Xove: créditos para financiar
investimentos en proxectos emprendedores galegos.
Liña 3-PEME Competitiva:
créditos para financiar investimentos que permitan mellorar a competitividade
das Pemes galegas.
1.2. Non poderán concorrer no financiamento dun mesmo proxecto préstamos
das distintas liñas de financiamento establecidas nestas bases.
Artigo 2º.-Beneficiarios
das liñas de crédito.
2.1. Poderán
acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases:
2.1.1. Liña 1-Microempresas: aquelas empresas con
domicilio fiscal en Galicia, que teñan a consideración de microempresas segundo
a definición da Comisión Europea, feita pública para efectos do Igape mediante
Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), e
que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de
Galicia.
2.1.2. Liña 2-PEME Xove: aquelas pequenas e medianas empresas segundo a
definición da Comisión Europea, feita pública para efectos do Igape mediante
Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), que
exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia,
sexa en forma de persoa física ou calquera forma de persoa xurídica de obxecto
empresarial e que, ademais, non veñan desenvolvendo a mesma actividade para a
que solicita o financiamento nun prazo superior a dous anos contados desde a
data de presentación no Igape, directamente ou mediante a súa participación no
capital doutra sociedade que desenvolvese a mesma actividade.
2.1.3. Liña 3-PEME
Competitiva: aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición da
Comisión Europea, feita pública para efectos do Igape mediante Resolución do 27
de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), que veñan exercendo
en Galicia por un período superior a dous anos algunha das actividades
recollidas no anexo II destas bases, sexa en forma de persoa física ou calquera
forma de persoa xurídica de obxecto empresarial. Esta liña vai dirixida
preferentemente a aquelas empresas que xa foron beneficiarias dos anteriores
convenios IGAPE-SGR-CERSA-entidades financeiras, e que realicen novos
investimentos para mellorar a súa competitividade ou consolidarse.
2.2. Para efectos de
acreditar a data de inicio de actividades nas liñas 2 e 3, poderá considerarse a
alta no imposto de actividades económicas ou declaración censual.
2.3. Non poderán ser
beneficiarias das liñas de financiamento establecidas nestas bases as empresas
en crise, de acordo coa definición das directrices comunitarias sobre axudas
estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DO C 244 do
1-10-2004).
Artigo 3º.-Actividades obxecto de financiamento.
3.1. Para as operacións das liñas 1 e 2,
establecidas no artigo anterior poderán ser obxecto de financiamento ao abeiro
destas bases todas as actividades económicas, agás:
a) As actividades
relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e
investimentos vinculados a actividade de exportación.
b) As actividades do
sector do carbón.
3.2. Para as
operacións da liña 3 establecidas no artigo anterior, a beneficiaria deberá
desenvolver algunha das actividades recollidas no anexo II a estas
bases.
Artigo
4º.-Características dos proxectos de investimento.
4.1. Obxecto do financiamento. O proxecto
investidor deberá consistir na adquisición de activos a terceiros.
4.2. Conceptos
financiables.
4.2.1. Con carácter
xeral, serán financiables os seguintes conceptos de gasto, que se materialicen
en:
a)
Inmobilizado material, agás a adquisición de terreos e edificacións, de primeiro
uso:
-Reforma
e axeitamento de locais.
-Bens de
equipo e unidades funcionais de explotación independente.
-Elementos de transporte, exclusivamente
vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada
por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea.
-Honorarios facultativos
de proxecto e dirección de obra.
-Outros investimentos en activos fixos materiais.
b) Inmobilizado inmaterial novo adquirido a
terceiros: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial,
propiedade intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de
franquías, e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado e
que queden definitivamente incorporados a aquel.
4.2.2. Non poderán
financiarse os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as
achegas que se realicen ás sociedades de garantía recíproca.
4.2.3. Nas operacións
acollidas á liña 1 serán financiables ademais bens usados.
4.2.4. Nas operacións acollidas á liña 2 poderán
financiarse tamén bens usados, e ademais:
-A adquisición de terreos e
edificacións.
-Os aprovisionamentos e
gastos necesarios para a posta en marcha do proxecto, incluíndo gastos de
establecemento, cun máximo do 20% do importe financiable.
4.2.5. Nas operacións
acollidas á liña 3, poderán financiarse ademais os investimentos en
investigación e desenvolvemento (persoal, materiais, colaboracións externas con
institucións tecnolóxicas e outros centros, custos de materiais para probas e
ensaios, e outros custos indirectos), cun máximo do 25% do importe
financiable.
Artigo 5º.-Importe das operacións. O importe das operacións que se
formalicen ao abeiro destas bases con destino ao financiamento dos conceptos
sinalados no artigo 4º anterior será:
5.1. Nas operacións acollidas á liña 1: máximo de
25.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións
financeiras formalizadas ao abeiro da liña non poderá superar os 25.000
euros.
5.2.
Nas operacións acollidas ás liñas 2 e 3: mínimo de 25.000 euros e máximo de
120.000 €. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións
financeiras formalizadas ao abeiro de cada unha destas liñas non poderá superar
os 120.000 euros.
5.3. O importe dos préstamos subvencionables acollidos a estas bases
poderá acadar:
-Ata o 100% dos investimentos financiables, cando se financien con
operacións da liña 1.
-Ata o 90% dos investimentos financiables, cando
se financien con operacións da liña 2.
-Ata o 75% dos investimentos financiables, cando
se trate de operacións da liña 3.
Artigo 6º.-Prazo e amortización anticipada das
operacións.
6.1. O prazo de reembolso
ás entidades financeiras das operacións acollidas a estas bases será de 5 anos
nas operacións da liña 1, e entre 5 e 7 anos nas liñas 2 e 3, incluído ata 1 ano
de carencia na amortización do principal en todas as liñas, períodos aos que se
poderán engadir os días que transcorran desde a formalización ao último día do
trimestre ou mes en que se produza a amortización.
6.2. A operación
financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou
parcialmente, por vontade do beneficiario. As amortizacións anticipadas parciais
que, se é o caso, realice voluntariamente o beneficiario poderán aplicarse a
reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes ou ben o prazo de
amortización da operación.
Artigo 7º.-Tipo de xuro e comisións das
operacións.
7.1. Liña 1: o tipo de
xuro nominal anual para as operacións acollidas a estas bases será
fixo:
a) Para
aquelas operacións que se formalicen no primeiro semestre de 2007 do
4,25%.
b)
Para as operacións que se formalicen no segundo semestre calcularase como a
media aritmética simple dos tipos diarios do Euríbor a prazo de 12 meses
correspondentes ao mes de maio de 2007, engadíndolle un diferencial de 0,20
puntos. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis
próxima vixésima parte do punto. Este tipo de xuro será comunicado polo Igape ás
entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.
7.2. Liñas 2 e 3: o tipo
de xuro nominal anual variará por semestres naturais e determinarase de acordo
coas seguintes normas:
a) Para o primeiro semestre do ano 2007, o tipo
de xuro nominal será do 4,25%.
b)
Para cada un dos restantes semestres naturais, o tipo de xuro nominal anual dos
préstamos será o resultante de engadirlle ao tipo de referencia definido no
parágrafo seguinte o tipo adicional de 0,40 puntos. Se o tipo de xuro resultase
con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte de
punto.
c)
Para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple
dos tipos diarios do Euríbor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de
novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple
dos tipos diarios do Euríbor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de maio
do mesmo ano.
O tipo de xuro de referencia para cada semestre será comunicado polo
Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de
Galicia.
7.3.
Para os efectos destas bases, enténdese por Euríbor (Euro Interbank Offered Rate
= tipo interbancario ofrecido en euros) a media das cotizacións proporcionadas
polo Grupo Euribor das asociacións internacionais Euríbor FBE e Euribor ACI,
eliminando valores extremos, ás 11.00 da mañá hora de Bruxelas, por operacións
de depósito interbancario a un prazo de 6 ou 12 meses, segundo corresponda, e
publicado na páxina web do Banco de España.
7.4. Se o Euribor ao prazo correspondente deixa
de determinarse, aplicarase, en primeiro lugar, o índice de referencia que
legalmente o substitúa, e en segundo lugar, en defecto de normativa algunha ao
respecto, para as operacións das liñas 2 e 3, o tipo de xuro variará por
semestres naturais de acordo coas seguintes normas:
a) Para o primeiro
semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da
débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España,
correspondente ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de
cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda
pública, de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España,
correspondente ao mes de maio do mesmo ano.
b) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos
será, para cada semestre natural, o resultante de restarlle ao tipo de
referencia 0,25 puntos. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais,
redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.
7.5. Comisións. As
entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas non lles
repercutirán aos prestameiros e avalados ningún tipo de gasto ou comisión
derivados das operacións aprobadas en aplicación destas bases. Para estes
efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de
posicións debedoras.
Artigo 8º.-Axuda do Igape.
8.1. Por cada operación aprobada ao abeiro destas bases reguladoras, o
Igape aboaralles ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca
asinantes do convenio o 8,25% do importe do préstamo subvencionable, dos cales 5
puntos porcentuais serán aboados á entidade financeira e 3,25 á sociedade de
garantía recíproca, en concepto de axuda indirecta ao prestameiro.
8.2. O Igape procederá ao
pagamento das subvencións correspondentes, directamente ás entidades financeiras
e ás sociedades de garantía recíproca dentro da primeira quincena do mes
seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.
Artigo
9º.-Compatibilidade e límite de axuda.
9.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento
da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán
compatibles con calquera outra axuda pública ou privada-agás os límites
establecidos no artigo 1.2. destas bases-, pero en ningún caso, illadamente ou
en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de
axuda establecidos pola Unión Europea.
9.2. As subvencións financeiras que se concedan
ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co
establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de
2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis
(DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se
concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera
período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as
empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen nos
sectores primario pesqueiro e produción primaria dos produtos agrícolas que
figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea, as axudas deste convenio
respectarán o Regulamento 1860/2004 da Comisión, do 6 de outubro, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis nos sectores
agrario e pesqueiro (DOUE L 325/4 do 28 de outubro de 2004), sendo o límite de
axudas totais que se concedan a unha empresa baixo o réxime de minimis de 3.000
€ durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Artigo 10º.-Tramitación
das solicitudes e concesión da axuda financeira.
10.1. Para presentar unha solicitude de axuda o
interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das
circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda
establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es/. A
instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no
citado cuestionario, que serán obxecto de acreditación documental no momento da
aceptación da axuda, de ser o caso, concedida e en calquera caso previamente a
calquera aboamento da subvención.
10.2. A fin de prestar asistencia para cubrir o
cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de
Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado
enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou
os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse
necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios,
tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE)
que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40
caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado
SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda
citada anteriormente.
10.3. A solicitude de axuda presentarase mediante
a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na cal será obrigatoria a
inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A
solicitude que careza do IDE ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un
formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta
sen tramitación. A instancia de solicitude irá acompañada da autorización ás
entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca diante do Banco de
España para os efectos de comprobación de riscos, segundo o anexo III. Deberase
cubrir unha autorización de cada promotor do proxecto por cada entidade
financeira e sociedade de garantía recíproca que se sinale na
solicitude.
10.4. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado
comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións
que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría
Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de
Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non
obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non
puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao
interesado.
10.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no
rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou
a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
10.6. Así mesmo, o interesado poderá asinar
electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro
Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá
reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude
teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta
representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura
abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá
posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como
especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda
pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica
nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa
Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas
(DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos
pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para
efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha
persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da
tramitación do expediente.
c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co
IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao
Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de
Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.
d) No momento da
presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación
telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación,
consonte o citado Decreto 164/2005.
10.7. O solicitante poderá obter en todo momento
un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude
contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no
enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE
e o enderezo de correo electrónico no cal desexa recibir o xustificante. As
modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a
aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de
obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas
aclaracións.
10.8. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren
cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ao
interesado, quen poderá volver a presentala unha vez que se cubra
correctamente.
10.9. Traslado de solicitudes ás entidades financeiras.
O Igape remitirá o cuestionario da solicitude
cursada á entidade financeira designada polo interesado e á sociedade de
garantía recíproca correspondente.
Artigo 11º.-Resolución.
11.1. Unha vez que a entidade financeira e a
sociedade de garantía recíproca formulen a súa posición de conformidade co
establecido no convenio de colaboración que para tal efecto se asine, a
solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos
relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada
a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de
resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello
de Dirección.
11.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do
investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, o seu prazo de
vixencia e carencia e o importe efectivo da subsidiación equivalente para o
beneficiario, que o Igape lle aboará á entidade financeira e á sociedade de
garantía recíproca por esta operación.
11.3. Na resolución denegatoria de axuda farase
constar o motivo da denegación.
11.4.
As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes
completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias
aprobadas.
Artigo 12º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.
12.1. O Igape notificaralle ao solicitante e
comunicaralle á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou
denegación da axuda.
12.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de
tres meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O dito
prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderá
entenderse desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa,
poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do
contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses
contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.
Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director
xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da
notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de
réxime xurídico das administracións públicas.
12.3. Será causa de
denegación da axuda a falta de comunicación pola entidade financeira ou a SGR da
súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas
bases e no convenio asinado para o efecto (15 días para cada entidade), sen
prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa
solicitude.
Artigo 13º.-Publicación.
13.1.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e
boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción
Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario
Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando
beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a
presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos das entidades financeiras e da súa publicación nos citados
medios.
13.2.
De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto
no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos
creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a
Consellería de Economía publicarán no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina
web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao
amparo destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións,
que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros
públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización
para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida
publicidade.
Artigo 14º.-Prazos para a formalización da operación
financeira.
O prazo para a
formalización da operación financeira vencerá aos dous meses desde a data de
notificación da resolución de concesión da axuda do Igape. Transcorrido o dito
prazo sen que se formalizase o préstamo decaerá o expediente de concesión de
axuda.
Artigo
15º.-Liquidación da subsidiación.
15.1. Requisitos previos á solicitude de fondos.
Previamente á utilización dos fondos do préstamo,
a entidade financeira comprobará a documentación (facturas, contratos,
certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento e o seu
pagamento.
15.2. Solicitude de cobramento.
Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural as
entidades financeiras remitiranlle ao Igape:
15.2.1. A través da extranet:
a) Unha relación daquelas operacións formalizadas
ao abeiro destas bases cunha disposición de fondos que conste xustificada
conforme a súa finalidade.
b) A liquidación dos importes que lles
corresponde percibir, segundo o establecido no artigo 8º.1 destas
bases.
15.2.2. En orixinal:
a) A
aceptación do beneficiario da axuda do Igape, segundo o anexo IV. A aceptación
por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na
resolución. A aceptación formalizarase coa póliza de préstamo, incorporándose
como anexo a ela.
b) A solicitude de cobramento asinada polo titular segundo o anexo
V.
15.3. Todo isto sen prexuízo da
información que o Igape puidese requirir das entidades financeiras para os
efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do
exercicio.
15.4. Esta documentación servirá, así mesmo, de base para a liquidación
ás sociedades de garantía recíproca avalistas dos importes que lles correspondan
conforme o artigo 8º.1 destas bases.
15.5. Transferencia de fondos ás entidades
financeiras e ás sociedades de garantía recíproca.
O Igape procederá ao
pagamento das subvencións correspondentes, directamente ás entidades financeiras
e ás sociedades de garantía recíproca dentro da primeira quincena do mes
seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.
Artigo
16º.-Modificacións.
16.1. Toda
alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo
caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación
da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a
modificación afecta un aspecto substancial da concesión.
16.2. O beneficiario
queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade
que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi
concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria
das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada
calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de
cobramento.
16.3. En caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da
axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de
que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir
previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda
na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de
modificación.
16.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da
resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes
requisitos:
a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea
comprendida dentro da finalidade deste convenio.
b) Que a modificación non
cause prexuízo a terceiros.
c) Que os
novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na
concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.
16.5. O acto polo que se
acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa
denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o
correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non
obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no
procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou
probas que as aducidas polo interesado.
Artigo 17º.-Perda da subvención.
17.1. Procederá o reintegro total ou parcial por
parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade financeira e
sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo, xunto
cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes
casos:
a)
Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo
os termos contidos nas presentes bases.
b) Obtención da subvención sen reunir os
requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas
para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.
c) Incumprimento total ou
parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que
fundamentou a concesión da subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas ao
beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como
dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en
que se deben acadar os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou
adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles
distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o
emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou
regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións,
axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera
administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou
organismos internacionais.
e) Incumprimento de adoptar as medidas de
difusión que se impoñan na resolución de concesión.
f) Resistencia, escusa,
obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro
desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o
incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos
cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos
percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das
actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos
ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou
ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos
internacionais.
g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado
da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de
reintegro.
h)
Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.
17.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso
percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia
coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas
ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda
establecido pola normativa comunitaria.
17.3. O alcance do incumprimento determinarase en
función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas
causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.
Se o incumprimento supera
o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa
de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas.
As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de
dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso,
a vía de constrinximento.
17.4. O procedemento para declarar o
incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto no artigo 20 do
Decreto 287/2000, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas
da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo competente para a súa resolución o
director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso
contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de
Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación, e
potestativamente, recurso de reposición perante o director xeral do Igape no mes
seguinte á súa notificación.
17.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos
anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras
sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, desenvolvido no capítulo VII do
Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Artigo 18º.-Modificación das condicións
financeiras e comisións de aval en caso de perda da subvención.
As entidades financeiras
e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas
e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás
estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape non aboe a subvención debido
á súa perda.
Artigo 19º.-Control.
Tanto as
entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas, como
os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás
actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos
internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para
verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras
acollidas a estas bases.
Artigo 20º.-Adhesión mediante convenio de
entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca
colaboradoras.
20.1. Entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca
susceptibles de adherirse ao convenio.
20.1.1. O Igape invitará a adherirse ao convenio
de colaboración en que se regulen os compromisos das partes, a todas aquelas
entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada
unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e
financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo
de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento
financeiro.
20.1.2. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas
aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas
polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en
Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta
tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nos seus
anexos.
20.2.
Formalización da adhesión ao convenio de entidades financeiras e sociedades de
garantía recíproca.
A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con
facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo VI a estas bases. O
Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo
partícipe no convenio.
20.3. As entidades colaboradoras adheridas ao
convenio relaciónanse no anexo VII a estas bases.
Artigo 21º.-Prazo de
presentación de solicitudes.
O prazo
de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación das
presentes bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de
decembro do ano 2007. No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita
circunstancia no Diario Oficial de Galicia a fin de pechar anticipadamente o
prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 22º.-Dotación orzamentaria.
22.1. Importe máximo de operacións.
O importe máximo de operacións que concederán as
entidades financeiras que subscriban este convenio no período de vixencia
elévase a 20.000.000 euros para a liña 1, 10.000.000 euros para a liña 2, e
10.000.000 euros para a liña 3. Tanto o importe global da liña como as
anualidades programadas poderán ser ampliados no caso de existencia de créditos
adecuados e suficientes.
22.2. Dotación orzamentaria.
Os créditos para financiar os compromisos
derivados destas bases financiaranse, con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E1/13/01.656701 cun crédito plurianual de 400.000 € para o exercicio 2007
e de 600.000 € para o exercicio 2008; con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E1/13/01.656702 cun crédito plurianual de 260.000 € para o exercicio 2007
e de 390.000 € para o exercicio 2008; con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E1/13/02.656701 cun crédito plurianual de 200.000 € para o exercicio 2007
e de 300.000 € para o exercicio 2008; con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E1/13/02.656702 cun crédito plurianual de 130.000 € para o exercicio 2007
e de 195.000 € para o exercicio 2008; con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E4/13/01.656701 cun crédito plurianual de 200.000 € para o exercicio 2007
e de 300.000 € para o exercicio 2008, con cargo á aplicación orzamentaria
02.01.E4/13/01.656702 cun crédito plurianual de 130.000 € para o exercicio 2007
e de 195.000 € para o exercicio 2008. Os ditos créditos, á vista das solicitudes
presentadas poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a
correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO III
AUTORIZACIÓN BANCO
DE ESPAÑA
ANEXO III-A
MODELO PARA PERSOAS FÍSICAS
..., ... de ... de
...
Autorizo a entidade ... para que
lle solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España, un informe
dos meus riscos crediticios, autorización que fago extensiva á mencionada
central de información de riscos para que lle facilite os datos
interesados.
Sinatura:
Asinado:...(nome e
apelidos)
DNI:...
Para cubrir pola entidade
declarante:
Garanto a autenticidade
deste documento.
Asinado:
Nome, cargo e
DNI
Selo da entidade
ANEXO III
AUTORIZACIÓN BANCO DE ESPAÑA
ANEXO III-B
MODELO PARA
PERSOAS XURÍDICAS
..., ... de ... de ...
Autorizo a entidade..., para que lle solicite á Central de Información de
Riscos do
Banco de España, un informe dos riscos crediticios da entidade... NIF...,
autorización que fago extensiva á mencionada central de información de riscos
para que lle facilite os datos interesados.
Sinatura:
Nome e cargo do asinante...
DNI:...
Para cubrir pola entidade declarante.
Garanto a autenticidade deste documento.
Asinado:
Nome, cargo e DNI
Selo da
entidade
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es