Diario Oficial de Galicia
mércores, 23 de maio de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

98


Páxina do Dog:

8.531


Data da Disposición:

14 de maio de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 14 de maio de 2007 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade.



Orde do 14 de maio de 2007 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade.

Os artigos 149.1º.23 da Constitución e 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia, facultan a nosa comunidade autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomentar a conciencia de que o medio galego é un patrimonio e un ben no cal todos os estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, recolle entre as súas competencias a promoción das iniciativas sociais relativas á difusión e divulgación ambiental, así como á promoción, deseño, execución e seguimento de programas, accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da poboación.

A Estratexia galega de educación ambiental foi aprobada o 9 de novembro de 1999 no Consello Galego de Medio Ambiente e publicada no DOG nº 205, do 23 de outubro de 2000, froito dos compromisos ambientais adoptados por España nas reunións de Tiblisi e Tesalónica, e seguindo as recomendacións do Libro branco de educación ambiental. O desenvolvemento sustentable establécese como un novo modelo social que asume límites aos recursos e, polo tanto, oposto a un crecemento sen fin, que prioriza a calidade de vida fronte ao benestar material, e baseado na solidariedade social rexional e interxeracional.

Co obxecto de impulsar o concepto de sustentabilidade na sociedade galega, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible promove un réxime de axudas destinadas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a educación para a sustentabilidade.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2006, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A nivel regulamentario, a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas de Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.
Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas para a realización de accións de educación para a sustentabilidade, que se realicen en 2007: obradoiros, foros de participación, campañas de sensibilización e accións de formación.

Nesta convocatoria as áreas de traballo que se considerarán serán con exclusividade as seguintes:

a) Cultura da sustentabilidade.
b) Mobilidade sustentable.
c) Urbanismo sustentable.
d) Cambio climático.
e) Xestión integral da auga.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:
a) Os concellos, as mancomunidades e consorcios que pertenzan ao ámbito dunha Administración local.

b) Universidades.
2. Todos os beneficiarios deberán ter o seu domicilio social ou delegación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Co obxecto de acadar unha maior repartición das axudas, só se admitirá unha solicitude por entidade, salvo para o caso das universidades que poderán presentar máis dunha solicitude para a realización das actividades obxecto destas axudas.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Porcentaxe e importe das axudas.
1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará os gastos que se realicen para levar a cabo accións relacionadas no artigo 1º, cun importe do 70 % do orzamento aprobado, ata un máximo de 10.000 euros (dez mil euros), nos beneficiarios da alínea a) do artigo 2º; e do 100%, ata un máximo de 6.000 euros (seis mil euros), para os da alínea b) do devandito artigo.

2. As axudas serán compatibles con outro tipo de subvencións e axudas doutras administracións públicas, entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras, ou achegas de persoas físicas, sempre e cando a suma de todos os financiamentos non supere o custo da actividade.

3. A cobertura destas axudas estenderase a: gastos xerais da organización; pagamentos a monitores e profesorado, incluso contratación de empresas de educación ambiental; material non inventariable necesario para a actividade, incluso aluguer; transporte de participantes; e outros gastos de atención aos participantes, excluído o material inventariable.

Artigo 4º.-Criterios de selección.
1. As concesións de axuda axustaranse aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, segundo o artigo 3 do Decreto 207/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas de Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes baremaranse conforme os seguintes criterios:
a) Calidade técnica da actividade que se vai realizar (0-30 puntos). Valorarase a adecuación aos obxectivos da Estratexia galega de educación ambiental (EGEA), especialmente no relativo á participación activa dos destinatarios das accións (pódese ver en : http://www.xunta.es/conselle/cma/CMA04d/CMA04df/p04df01c.pdf).

b) Cualificación profesional e experiencia dos medios humanos que executarán a actividade (0-25 puntos). Valorarase a titulación universitaria, formación especializada e a experiencia en educación ambiental e educación para a sustentabilidade.

c) Intensidade da acción (0-20 puntos). Valorarase para iso o número de asistentes, a periodicidade e duración da actividade e o sector da poboación.

d) Orixinalidade do proxecto (0-15 puntos).
3. Aprobaranse soamente as solicitudes que obteñan polo menos 45 puntos sobre os 90 totais.

4. Se algún dos solicitantes aprobados rexeita a axuda, o importe desta poderá ser asignado ás solicitudes de maior puntuación non aprobadas, sempre que acaden os 45 puntos.

Artigo 5º.-Solicitudes: prazo e documentación.
1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas segundo o modelo normalizado que figura como anexo I da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación (que se pode obter na páxina web desta consellería: http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp):

a) Certificación bancaria (salvo se xa se presentou con anterioridade ante a Administración autonómica).

b) Certificado da Axencia Tributaria de estar exonerado da declaración trimestral do IVE (para entes públicos que desexen xustificar gastos de IVE).

c) Declaración xurada doutras axudas por entidades públicas ou financiamento privado, para a mesma actividade (recollida no anexo II desta orde).

d) Memoria explicativa das accións concretas que se quieran emprender, segundo o anexo II.

3. No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal, ou ben pola persoa designada para o efecto como representante dela.

4. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde e, incluirá igualmente as referidas axudas e sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.
Para efectos de valorar os proxectos e solicitudes presentadas constituirase unha comisión de avaliación que, salvo disposición específica que a regule, estará formada polas seguintes persoas, podendo estas delegar noutras:

a) O director/a xeral de Desenvolvemento Sostible.
b) O subdirector/a xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible.
c) O xefe/a do Servizo de Educación para a Sustentabilidade.
d) Un representante do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

e) Un representante da Sociedade Galega de Educación Ambiental.
Artigo 7º.-Tramitación.
1. Recibidas as solicitudes, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible poderá solicitar a ampliación de datos ou informes, en relación coa documentación presentada, que considere necesarios para a súa baremación. Se observase algunha deficiencia, esta seralle notificada ao solicitante, concedéndoselle un prazo de dez días contados desde a recepción da notificación, para emendar as faltas ou presentar os documentos preceptivos, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda, terase o solicitante por desistido da súa petición, tras a oportuna resolución administrativa ditada nos termos do artigo 42 da LRXPAC.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible remitirá os expedientes á comisión avaliadora, que será o órgano que aplique os criterios de selección e elabore o informe para a resolución das axudas. Este informe conterá:

a) Relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de axudas, con indicación do baremo acadado, orzamento aprobado e a contía da axuda.

b) Relación dos solicitantes para os que se propón a denegación da subvención solicitada e a causa de denegación.

3. Recibido o informe da comisión avaliadora, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible formulará a correspondente proposta de resolución ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, quen ditará a pertinente resolución de concesión ou denegación de axuda.

4. No prazo máximo de seis meses desde o remate do prazo de presentación de instancias, comunicaráselles aos solicitantes a aprobación ou denegación da axuda.

Aos solicitantes aos cales se lles aprobe a súa solicitude comunicaráselles o orzamento aprobado para cada actividade e a contía da axuda concedida.

Transcorrido o dito prazo sen que a Administración comunique algo, entenderase denegada a solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolvela expresamente en todo caso, de acordo co establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo de execución das actuacións.
As actividades obxecto destas axudas refírense a accións educativas desenvolvidas a partir do 1 de xaneiro de 2007. O prazo de xustificación das devanditas actuacións finalizará o 30 de novembro de 2007.

Artigo 9º.-Aplicación orzamentaria.
1. As axudas concedidas aos beneficiarios que se inclúan na letra a) do artigo 2º, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.541E.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha dotación inicial de 415.000 euros (catrocentos quince mil euros).

2. As axudas concedidas aos beneficiarios incluídos na letra b) do artigo 2º, terán a súa aplicación orzamentaria na partida 15.04.541E.744.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha dotación inicial de 30.000 euros (trinta mil euros).

3. Estas dotacións orzamentarias poderanse incrementar, logo da correspondente tramitación orzamentaria e logo da publicación no DOG da correspondente orde de modificación desta.

Artigo 10º.-Procedemento de pagamento e xustificación.
1. Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou finais, o beneficiario debera presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento (anexo III).
b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:
i. Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo V).
ii. Facturas orixinais, coa súa aprobación polo organo competente, sobre as que se realizará a oportuna toma de razón. Será tamén medio de xustificación pertinente a certificación do órgano competente segundo se determinan no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

c) Memoria das accións realizadas (anexo IV).
d) Declaración xurada doutras axudas recibidas (incluída no anexo III).
2. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verificar o cumprimento da finalidade da axuda.

Artigo 11º.-Publicidade polos beneficiarios.
En toda a documentación pública relacionada coas actividades obxecto de axuda, farase constar «Esta actividade foi realizada cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible», empregando o logotipo de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, que se pode descargar en: http://www.xunta.es/identidade-corporativa/.

Artigo 12º.-Reintegro.
Procederase ao reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde, e dos xuros de demora producidos desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas na súa concesión e, se é o caso, nos supostos previstos nos artigos 78.5º e 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 13º.-Modificación de resolucións.
1. Se no transcurso do expediente o solicitante precisase introducir modificacións a este, solicitará autorización da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible xustificando as razóns do cambio e actualizando o expediente recollendo as variacións do proxecto orixinal. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran os criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida derivar en criterio discriminatorio respecto a terceiros.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta na concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou anulación da concesión.

3. A modificación de axuda realizarase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo de proposta motivada do director xeral de Desenvolvemento Sostible.

Artigo 14º.-Obriga de informar.
1. Os beneficiarios destas axudas deberán informar a consellería das actividades que se financien, vía electrónica ao correo electrónico educación.sostible@xunta.es, cunha antelación mínima dunha semana á súa execución.

2. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, os beneficiarios teñen a obriga, conforme o previsto no artigo 78.8º j) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15º.-Recursos.
A resolución pola que se outorga a axuda porá fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da LRXPAC, ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Réxime de infraccións.
Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposición derradeira
Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar as instruccións precisas para o desenvolvemento e execución do disposto na presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostible




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es