Diario Oficial de Galicia
mércores, 23 de maio de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
98
Páxina do Dog:
8.506
Data da Disposición:
16 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 16 de maio de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das
subvencións a empresas privadas para a creación e mellora de establecementos
turísticos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007
(IN983G).
Orde do 16 de maio de 2007 pola que se
establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, das subvencións a empresas privadas para a creación e mellora de
establecementos turísticos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007
(IN983G).
Calquera actuación de política turística que
teña como finalidade a modernización das infraestruturas e os servizos, así como
a oferta dun amplo abano de posibilidades de aloxamento, debe apoiarse no sector
hoteleiro como protagonista principal e factor clave deste.
Deste xeito é finalidade
desta orde a creación de establecementos turísticos baseados en proxectos
singulares encamiñados á potenciación de establecementos de aloxamento
singulares e establecementos balnearios, con ou sen oferta de
aloxamento.
Por outra banda, a posta en valor dos núcleos históricos en cidades e
vilas da Comunidade Autónoma de Galicia, considérase unha aposta de grande
interese para a promoción turística das zonas antigas dos contornos urbanos e do
territorio, en xeral. Así, tamén é obxectivo desta orde fomentar a creación de
establecementos turísticos en atención ás súas características arquitectónicas e
patrimoniais, así como a súa localización en núcleos históricos, entendendo o
concepto de núcleo histórico como Área de Rehabilitación Integral
(ARI).
A
Administración turística galega entende esta acción como imprescindible para
incrementar o valor engadido do turismo cultural en Galicia, dada a riqueza
patrimonial de moitos núcleos urbanos hoxe desaproveitados para o turismo por
falla de políticas promocionais axeitadas.
A dinamización turística destes contornos
desenvolverase coordinando accións de rehabilitación de construcións para
establecementos turísticos, co claro obxectivo de converter as zonas urbanas
históricas máis interesantes de Galicia en lugares atractivos para os
visitantes, á vez que se fomenta a habitabilidade de edificios antigos
recuperados e o desenvolvemento económico de tales zonas.
En todo caso, o
acondicionamento destas edificacións debe realizarse a través de proxectos que
respecten a súa localización na cidade histórica, de forma que exista un
perfecto equilibrio entre a edificación e o seu contorno.
Por outra parte, o medio
rural galego caracterízase por paisaxes de grande beleza tanto na costa como no
interior, que en función da súa diversa localización son axeitados para a
práctica de diferentes actividades lúdicas, así como para o desfrute da natureza
en toda a súa magnitude.
Non obstante, a dificultade de manter servizos
eficientes provoca un continuo éxodo da poboación que leva consigo o abandono de
vellas casas e construcións perfectamente integradas no medio e na
paisaxe.
Para
dinamizar as distintas comunidades rurais e revitalizar o turismo neste medio é
preciso fomentar alternativas de investimento, que determinen a creación de
novos postos de traballo, así como un incremento das rendas familiares. Isto
redundará na elevación da calidade de vida das ditas comunidades propiciando,
así mesmo, a permanencia dos moradores con novas oportunidades de
desenvolvemento.
Estes establecementos debidamente integrados no medio e respectuosos coas
estruturas das edificacións garantirán a autenticidade e a calidade nas
actuacións, e procurarán un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo
uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo como do
intervencionismo.
En consecuencia, con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e
Industria asignados para esta finalidade e con base no establecido sobre medidas
de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e
promoción do turismo en Galicia, así como o determinado no Decreto 287/2000, do
21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas
da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á creación e
mellora de establecementos turísticos e, no uso das facultades que me foron
conferidas,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a
concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria, en réxime de
concorrencia competitiva, para a creación e mellora de establecementos
turísticos baseados en proxectos singulares e a mellora de establecementos
hoteleiros en xeral, que se inclúen como anexo I.
2. Así mesmo, por medio
desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.
Artigo
2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser
beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao
modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada
dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases
reguladoras.
2. Os modelos poden obterse a través da internet, na páxina web oficial
da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas.
Artigo 3º.-Lugar e prazo
de presentación das solicitudes.
1.
As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de
Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración
xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a
Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno
convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. As devanditas solicitudes deberán presentarse
no prazo de 35 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación
desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de
concesión.
Unha vez rematado o prazo
para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo
co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha
duración superior a seis meses.
Artigo 5º.-Información aos
interesados.
Sobre este procedemento
administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información
adicional na Dirección Xeral de Turismo, a través dos seguintes
medios:
a)
Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de
axudas e na oficina virtual.
b) Os teléfonos 981 54 01 47 e 981 54 63 79 da
devandita dirección xeral.
c)
Presencialmente.
Así mesmo, para
cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do
teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o
981 54 43 41.
Disposicións adicionais
Primeira.
No caso de empresas
xa constituídas, a condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos
demais requisitos exixidos nesta orde, só poderá adquirirse cando polo menos o
35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo
indefinido.
No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de
beneficiario de subvención cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35%
de estabilidade laboral ao remate do prazo de 5 anos.
A porcentaxe de
estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores
e, para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será
dun 33%.
Non
será preciso dar cumprimento aos anteditos requisitos de estabilidade laboral no
caso de que a subvención concedida sexa inferior a 60.101 €.
Segunda.
As modalidades de contratos aceptados na presente
orde, para os efectos de creación de emprego, son:
I.
Autoemprego.
II.
Indefinidos.
III.
Fixos-descontinuos.
Deberá sinalarse
se a xornada é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.
Todo isto con
independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime
xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores
autónomos.
Se
é o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma
de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este
resultado o número de postos creados.
O cumprimento das condicións relativas á creación
de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral
competente.
Terceira.
De xeito
excepcional, logo de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos
de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou
dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos
Económicos poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego
estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.
Cuarta.
Para os efectos desta orde entenderase como
creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de
traballo fixos.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Turismo para que
dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación
desta orde.
Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2007.
Fernando Xavier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e
Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de
concorrencia competitiva, das subvencións a empresas privadas para a creación e
mellora de establecementos turísticos
Artigo 1º.-Obxecto e réxime das
subvencións.
1. As subvencións
reguladas por estas bases teñen por obxecto a creación e mellora de
establecementos turísticos baseados en proxectos singulares e a mellora de
establecementos hoteleiros, en xeral.
2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao
abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5
de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L
210, 31-7-2006) para o período 2007-2013.
O procedemento de concesión destas subvencións
tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao
Regulamento (CE) 1628/2006 da Comisión, do 24 de outubro de 2006, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento
(DOUE L 302, 1-11-2006)
3. En concreto, consideraranse actuacións
subvencionables as que se citan a continuación, sempre que estas sexan
realizadas e efectivamente pagadas desde a data da solicitude, ata a data límite
de xustificación establecida no artigo 17º.
a) A creación de establecementos turísticos. Non
se admitirán construcións ex novo, sendo subvencionable a rehabilitación e
restauración de:
1. Establecementos para aloxamento:
1.1. Edificios sitos en núcleos históricos dentro dunha zona ARI (área de
rehabilitación integral, así declarada pola Consellería de Vivenda e
Solo).
1.2.
Edificacións de valor patrimonial, principalmente etnográfico [aldeas rurais
(Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural -DOG do
10 de agosto), salga, casas reitorais, outros).
2. Establecementos
balnearios e de talasoterapia con ou sen oferta hoteleira (Decreto 267/1999, do
30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos
turísticos -DOG do 18 de outubro e DOG do 24 de novembro).
b) A mellora de
establecementos turísticos xa existentes definidos na letra a) deste artigo
1º.3, e dos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións) en xeral. Serán
obxecto de subvención as actuacións seguintes:
1. As accións que
permitan a conversión de establecementos de categoría inferior en
establecementos de categoría superior.
2. As accións encamiñadas á modernización das
instalacións existentes nos establecementos, incidindo especialmente no relativo
ás condicións de accesibilidade e supresión de barreiras
arquitectónicas.
3. As actuacións en establecementos dirixidas á implementación de
enerxías renovables.
4. As accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade
específicos para empresas que conduzan á obtención da correspondente
certificación de aseguramento de calidade.
Estas accións abarcan a modernización e
remodelación de todas as instalacións así como a creación ou mellora da oferta
complementaria.
A mellora non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas
autorizadas pola administración turística.
Considérase investimento subvencionable tanto a
execución material das obras que se acometan para a creación, reforma ou mellora
dos establecementos obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do
contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a
cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.
Están comprendidos nos
proxectos de obras e son, polo tanto subvencionables, todos aqueles bens de
equipo que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que
constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas,
instalacións de aire acondicionado etc...). Non se considera subvencionable o
equipamento que non cumpra as ditas condicións.
Antes do comezo da
execución do proxecto, o beneficiario deberá presentar a solicitude de axuda, e
a autoridade responsable da xestión da axuda confirmará por escrito que, suxeito
ao resultado final derivado dunha verificación detallada, o proxecto cumpre as
condicións de subvencionabilidade establecidas no dito réxime de axudas. Se o
traballo comeza antes de que se cumpran as condicións fixadas anteriormente, a
totalidade do proxecto non poderá obter axuda rexional. As actuacións teñen que
ser realizadas e efectivamente pagadas desde a data de verificación anterior e
ata a data límite de xustificación do proxecto establecida no artigo
17º.
4. Queda
expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde, o mobiliario, a
lencería, menaxe, louza e análogos, e a adquisición de terreos. Tampouco é
subvencionable de acordo co disposto no artigo 31.8º da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións, ningún tipo de imposto, taxa ou prezo
público.
Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. As subvencións relativas á creación e mellora
dos establecementos obxecto desta orde imputaranse ás aplicacións orzamentarias
10.06.761A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional,
destinándose un crédito máximo de 2.300.000 €, 10.06.761A.770.4, destinándose un
crédito máximo de 600.000 € e 10.06.761A.770.1 destinándose un crédito máximo de
2.493.229 €. A distribución por anualidades de cada unha destas aplicacións será
a que se indica no cadro adxunto, sen prexuízo de ulteriores variacións
producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade
orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo
coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do
artigo 9º.
Os expedientes que representen gastos plurianuais
deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 58 do Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia.
O importe total da subvención distribuirase en
tres anualidades en relación coa execución do investimento
subvencionado.
2. Os proxectos de creación ou mellora que se recollen nesta orde como
accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o
investimento subvencionable.
Engadiranse seis mil cen euros (6.100 €) por cada
posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe
mínima de contratación estable que, para ser beneficiario da subvención, se
exixe nesta orde, sen que en ningún caso co dito incremento se supere a
porcentaxe do 40% do investimento subvencionable, nas pequenas e medianas
empresas.
Cando se trate de creación de establecementos turísticos (artigo1º.3 a),
para o cálculo do investimento subvencionable, estimarase como orzamento máximo
de execución material o establecido por metro cadrado de superficie construída
no cadro seguinte:
No resto dos establecementos, o orzamento de
execución material non será superior a 690 €/m2 construído.
Para os efectos de
cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de
proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de
execución material subvencionable.
3. Nestas axudas é posible a concorrencia con
calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún
caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas
doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados,
nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento
subvencionable que legalmente estea establecido. Os límites máximos de
subvención que poden recibir as actuacións financiadas con fondos europeos,
incluída a acumulación con outras axudas ou subvencións, sexan fondos
comunitarios ou non, serán o 30% bruto máis 20 puntos porcentuais para as
concedidas a pequenas empresas e 10 puntos porcentuais para as medianas
empresas.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os
requisitos establecidos nestas bases, os titulares das construcións nas cales se
poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no
artigo 1º destas bases.
Os titulares dos establecementos que se
subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles obxecto de actuación ou
ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición sobre eles que
permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá
que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En
calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos
inmobles.
Será requisito imprescindible, para a concesión das subvencións relativas
á mellora de establecementos turísticos, a previa inscrición das empresas
beneficiarias no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de
Galicia.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As
solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións
presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas
solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Anexo II: modelo de
solicitude normalizado.
b) Anexo III:
modelo de declaración xurada.
c)
Anexo IV: anexo técnico.
d) Anexo VII
(artigo 9 g).
e) Copia cotexada do
documento público que acredite que o solicitante da subvención é propietario dos
inmobles obxecto da rehabilitación. No caso de existir propiedade pro indivisa,
deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao
solicitante que deberá ser un deles para actuar neste procedemento e asumir os
compromisos derivados do establecido nesta orde.
No caso de non ser o
propietario dos inmobles que se van restaurar, o solicitante da subvención
achegará copia cotexada do documento que acredite a disposición dos inmobles que
permita realizar o investimento obxecto da subvención, así como a explotación do
establecemento durante un período non inferior a 25 anos, contados desde a data
de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito título de
disposición terá que ser outorgado en escritura pública e estar inscrito nun
rexistro público.
En calquera caso o solicitante da subvención terá pleno uso e desfrute
dos inmobles.
f) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando
corresponda.
g) Proxecto básico,
elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:
* Fotografías do inmoble, exteriores, interiores
e do contorno.
* Memoria explicativa
do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.
* Orzamento do investimento en que se incluirá,
especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo
da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto,
segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na
memoria.
*
Planos de localización do investimento.
* Planos do estado actual se correspondesen e do proxecto.
* Relación exhaustiva (indicando calidades) dos
materiais e acabados propostos.
*
Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades,
localización e número) que se van instalar.
* Prazo previsto para a execución.
* Memoria explicativa de adecuación ao contorno
das actuacións, que de ser o caso corresponda, de recuperación de elementos de
arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e
servizos.
*
Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de
servizos que se van prestar no establecemento.
* Memoria explicativa das
accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para
empresas que conduzan á obtención da correspondente certificación de
aseguramento de calidade.
* Proxecto de decoración de toda a edificación e,
de ser o caso, do contorno.
Teñen a
consideración de edificación e, polo tanto, requiren proxecto básico os
seguintes:
I.
Obras de edificación de nova construción, agás aquelas de escasa entidade e
sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter
residencial nin público e se desenvolvan nun só andar.
II. Obras de ampliación,
modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración
arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de
intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do
sistema estrutural, así como as que teñan por obxeto cambiar os usos turísticos
do edificio.
III. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións
catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou
histórico artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico,
así como aquelas que afecten aos elementos ou partes obxeto de
protección.
IV. Considéranse comprendidas na edificación, as súas instalacións fixas
e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean
adscritos ao edificio.
O dito proxecto deberá estar avaliado polo
Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de
Turismo, que emitirá o informe correspondente.
No caso de tratarse dunha
mellora ou reforma dun establecemento turístico xa existente e cando se trate de
actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución segundo a
normativa vixente, mediante resolución motivada do director xeral de Turismo,
visto o informe técnico correspondente, e tendo en conta a natureza do
investimento, pódese eximir o solicitante, logo de petición razoada deste, de
presentar o proxecto básico. Neste caso deberase presentar memoria explicativa,
orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e os
correspondentes certificados de idoneidade técnica. Así mesmo, achegarase
calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado
cumprimento.
h) De solicitarse subvención para rehabilitación ou restauración de
construcións que proxecten a captación de auga termal, minero-medicinal ou auga
do mar (artigo.1.a.2.3), deberán presentarse ademais:
I. Declaración da auga
mineromedicinal e certificado de autorización de aproveitamento de augas,
outorgados pola Consellería de Innovación e Industria.
II. Certificado de
inscrición no Rexistro de Centros, Servizos ou Establecementos Sanitarios,
emitido pola Consellería de Sanidade.
De non dispor desta documentación no momento da
presentación da solicitude, deberá achegarse acreditación escrita de terse
incoado expediente para acadar a correspondente autorización e certificados
pertinentes.
i) Para a creación de establecementos turísticos (art. 1.a) será
necesario proxecto de explotación do establecemento proxectado.
j) Licenza urbanística,
que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No
caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, bastará
a presentación dun informe urbanístico emitido polo concello, mediante
certificación do secretario, en que se indique que o proxecto para o que se
solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio.
Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita
licenza urbanística.
k) Nas solicitudes relativas á rehabilitación e restauración de edificios
en zonas declaradas ARI (artigo 1.3.a.1.1), certificación do concello de que o
proxecto está nun núcleo histórico dentro dunha zona declarada ARI.
l) Para os proxectos
promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus
estatutos, en que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son
os vixentes.
m) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou
concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións
públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou
sociedades.
n) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por
circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do
sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de
Galicia para Asuntos Económicos, que autorice de xeito excepcional a non
exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de
beneficiario da axuda.
o) Para a creación de establecementos turísticos
(art. 1.a) será necesario achegar o plan de calidade proxectado para o
establecemento, normalizado e recoñecido nos mercados. Débese indicar
expresamente se o dito plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística
Española.
2.
O órgano instrutor poderá requirir a documentación aclaratoria complementaria á
indicada no punto anterior.
Artigo 5º.-Consentimentos e
autorizacións.
1. A presentación da
solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De
conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da
solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante
para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do
cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e
coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
Igualmente, de
conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación
que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a
presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para
acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e
identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o
que foi presentada.
2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto
132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e
convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención
consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos
ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito
rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo
isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de
protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio,
pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e
familiar e á propia imaxe.
3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006,
do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública
galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións
previstas nas leis.
Artigo 6º.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Turismo será o órgano competente para a instrución
do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de
Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.
Artigo 7º.-Instrución dos
procedementos.
1. De conformidade co
establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a
solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou
na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de
dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste
requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se
considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente
resolución.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas
de conformidade co artigo 5.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día de
pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade
autónoma e coa Seguridade Social.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo
anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos,
documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación
e resolución do procedemento.
3. Ás solicitudes achegaráselles un informe
emitido polo Servizo de Turismo da delegación provincial da Consellería de
Innovación e Industria, en que se deberán indicar as faltas de adaptación do
establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a
súa data de autorización así como, se é o caso, a clasificación hoteleira que
lle correspondería.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles
expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación
necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co
establecido no artigo seguinte.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias
contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a
documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que
formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas
desta.
Artigo
8º.-Comisión de valoración.
1. A
comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as
solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así
como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos
interesados.
2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:
a) O/A subdirector/a xeral de Fomento e
Cooperación, que a presidirá.
b)
Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais da
Consellería de Innovación e Industria.
c) O/A xefe/a do Servizo de Fomento e Promoción,
da Dirección Xeral de Turismo, que exercerá as funcións de
secretario/a.
d) O/A xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión
Técnico-Turística, da Dirección Xeral de Turismo.
e) O/A xefe/a do Servizo
de Inspección, da Dirección Xeral de Turismo.
f) O/A xefe/a do Servizo de Ordenación do
Turismo, da Dirección Xeral de Turismo.
g) Un representante do Instituto Enerxético de
Galicia.
h) O/A xefe/a da Área de
Xestión de Calidade de Turgalicia.
i)
O/A xefe/a da Área de Turismo Rural e de Interior de Turgalicia.
3. Na proposta de concesión que formule a
comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter
a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os
criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da
subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.
4. O resto das actuacións
subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que
quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos
inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado
a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de
resolución conforme o sinalado neste artigo.
Artigo 9º.-Criterios de valoración.
Os proxectos ou actuacións que se presenten
deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de
avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión
da subvención serán os seguintes, tendo cada unha delas o peso que se
especifica:
a) As características da rehabilitación, atendendo fundamentalmente á
recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional conforme parámetros
construtivos que permitan a súa utilización turística (25%).
b) Analise do destino en
relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de
servizos de utilización turística (20%).
c) A oferta de servizos proxectada para o
establecemento (15%).
d) A
declaración oficial do municipio como turístico, así como estar localizado o
investimento nun municipio incluído nalgún Plan de dinamización ou excelencia
turística (15%).
e) A inadecuación entre a oferta turística e a demanda destes servizos na
zona (10%).
f) Número de postos de traballo que se crearán e o grao de estabilidade
deles (10%).
g) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o
interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no
artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este
compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo
que se inclúe como anexo VII (5%).
As delegacións provinciais emitirán informe sobre
a localización e o interese turístico do proxecto. Así mesmo, o xefe de Servizo
de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística emitirá informe sobre a
calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto.
Artigo
10º.-Audiencia.
1. Instruído o
procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución,
porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan
formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen
pertinentes.
2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior
cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros
feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo
interesado.
Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a
comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a
través do órgano instrutor, ao conselleiro.
2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a
correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará,
cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención
concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.
En ningún caso o importe
das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá
o beneficiario, ou, no seu caso, a porcentaxe máxima do investimento
subvencionable legalmente establecida.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a
resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da
publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se
transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os
interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio
administrativo.
4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Non obstante, e de conformidade co establecido no
artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase
substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de
Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta
publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade
concedida e a finalidade da subvención outorgada.
As solicitudes
desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da
desestimación.
Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria
poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes
recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que
consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o
conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día
seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres
meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto
presunto.
b)
Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o
día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis
meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto
presunto.
Artigo 13º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión.
2. O acto polo que se acorde a modificación da
resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da
instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao
interesado nos termos previstos no artigo 10º.
Artigo 14º.-Aceptación e
renuncia.
Sen prexuízo dos recursos
que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días
naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado
comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e
desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.
A renuncia á subvención
poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por
calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no
artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No caso de que se
comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución
nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.
Artigo 15º.-Obrigas dos
beneficiarios.
Os beneficiarios das
subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co
establecido no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional
segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime
de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Iniciar a súa
actividade turística, incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto,
provisto da correspondente autorización de apertura da administración turística,
nun prazo máximo de 6 meses contados a partir da data da xustificación final do
investimento.
b) Manter a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de quince
anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida
pola administración turística ou, se é o caso, dende cando se reemprenda a
actividade.
Así mesmo, segundo establece o artigo 4.2º a) do citado Regulamento
1628/2006, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco
anos seguintes, ou durante os tres seguintes no caso das PEME, unha vez
completada a totalidade do investimento.
c) Crear os postos de traballo a que se
compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 5 anos,
contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e
mantelos durante un período de 5 anos.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que
efectúe a Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que
lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas
subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de
Contas e o Consello de Contas.
e) Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da
Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas
para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos
ou privados nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de
acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.
f) A reintegrar, total ou
parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os
correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos
seguintes casos:
* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste
artigo.
* Por incumprimento da obriga
de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos
nesta orde.
*
Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión,
con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que
o impedisen.
* Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto
ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.
* Resistencia, escusa,
obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou
incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de
documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos
fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras
axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente
público ou privado.
g) Adscribirse á central de reservas que, se é o caso, cree a
administración turística galega.
h) Executar o proxecto de total conformidade ao
presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa
autorización da administración turística galega.
i) A facilitar datos, de
forma periódica ou logo de requirimento da administración turística galega,
sobre a ocupación rexistrada no establecemento.
j) Os proxectos que se
subvencionen terán que publicitar a colaboración da Consellería de Innovación e
Industria - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras
como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As
características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán
indicados polos correspondentes servizos de Turismo das delegacións provinciais
da Consellería de Innovación e Industria. Os custos correspondentes á dita
publicidade serán por conta do beneficiario da subvención. Así mesmo, os
beneficiarios de proxectos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional (Feder) deberán publicitar este financiamento mediante un cartel que
mostre a bandeira europea (fondo azul e estrelas amarelas) e as siglas
Feder.
k) Os
proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20
de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de
Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.
Artigo
16º.-Subcontratación.
A
subcontratación de actividades subvencionadas realizarase de acordo co
establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
Artigo 17º.-Xustificación da subvención.
1. No prazo de corenta días naturais desde o día
seguinte ao da notificación da concesión da subvención, os beneficiarios
presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación por duplicado
exemplar:
a)
Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, en que se incluirá
programa de obras que determinará a previsión anual de execución do
investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do
nomeamento de dirección de obra.
b) O dito proxecto e programa, que teñen que ser
conformes ao determinado na resolución de concesión da subvención, e para os
efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá ser avaliado polo
Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de
Turismo.
c)
Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF
do beneficiario.
d) Documento acreditativo ou contrato, do nomeamento do director da obra
e director da execución material da obra.
e) Reportaxe fotográfica do estado actual da
edificación.
2. Para cobrar a
subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no
artigo 3º da convocatoria a documentación que a continuación se indica. Ten os
seguintes prazos para presentala: anualidade 2007 o 30 de outubro de 2007;
anualidade 2008 o 1 de outubro de 2008 e anualidade 2009 o 30 de xuño de
2009.
a)
Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo V.
b) Facturas e certificación por conceptos, modelo
oficial que se compón de carátula, certificación en orixe, por partidas e
capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución,
elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra
executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará
certificado de fin de obra.
c) Xustificantes do pagamento, mediante
transferencia bancaria, das facturas presentadas. O importe reflectido na
certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas
facturas.
En
todo caso, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do
investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha
delas.
d)
Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado.
O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento de ningunha
anualidade mentres non se presente.
e) Certificados expedidos polos organismos
competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas
do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e
de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha
Administración pública.
Non obstante, a presentación da solicitude de
subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as
certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria,
a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da
Xunta de Galicia
f) Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os
compromisos a que se fai referencia no artigo 15º e no anexo III da presente
orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de
pagamento.
g)
Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas
como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das
distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos,
entes ou sociedades.
3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de
concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento
xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a
subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non
xustificado.
De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado
correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a
subvención.
De non xustificarse total ou parcialmente o investimento executado nos
prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade, salvo
que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención; neste
caso quedaría anulada na súa totalidade.
De ter xustificado a totalidade do investimento
subvencionado antes da derradeira anualidade, deberá non obstante solicitarse o
pagamento da subvención coa correspondente documentación exixida na orde nas
datas indicadas.
4. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a
documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste
caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
Artigo 18º.-Pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da
subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu
pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para
verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. Cando se solicite o
pagamento parcial da anualidade de 2007 ou de 2008, ademais da presentación da
documentación indicada no artigo 17, tamén deberán concorrer as seguintes
circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 16.2 do Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 238, do 11 de
decembro):
a)
Deberá solicitalo o interesado.
b)
Deberá xustificarse non só o investimento, senón os pagamentos efectuados, na
mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención
concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento
aprobado.
c)
O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en
ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, nin tampouco
superar o 80% do total da subvención concedida.
d) Os pagamentos parciais
quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da
subvención.
3. En calquera caso os pagamentos parciais teranse que garantir conforme
ao determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de
novembro.
A
garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade
aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de
garantía recíproca, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes o
remate do prazo de xustificación previsto no artigo 17 destas bases
reguladoras.
A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos
fraccionados xunto cos xuros destes, calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro
vixente no momento da concesión e, polo prazo que medie entre a data da
solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do
remate do prazo de xustificación, previsto no artigo 17 destas bases
reguladoras.
Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se
concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.
Artigo
19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na
convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é
o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de
devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de
demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se
refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que
se axustará ao previsto no artigo 78.10 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. Aos beneficiarios das
subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de
infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo
20º.-Control.
1. A Consellería de
Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que
considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Alén do anterior, as
subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro
exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que
establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa
normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de
comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de
Contas.
Artigo 21º.-Publicidade.
No
prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión,
publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas
con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e
finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das
subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a
tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de
Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na
páxina web da Consellería de Innovación e Industria.
Artigo 22º.-Remisión
normativa.
Para todo o non previsto
nestas bases observarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, no Regulamento Comunitario 1628/2006, sobre axudas rexionais ao
investimento e no resto de normativa que resulte de aplicación.
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es