Diario Oficial de Galicia
martes, 5 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
107
Páxina do Dog:
9.392
Data da Disposición:
22 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 22 de maio de 2007 pola que se convocan axudas
económicas destinadas a subvencionar gastos de mantemento e funcionamento das
asociacións e federacións de mulleres de Galicia.
Orde do 22 de maio de 2007 pola que se convocan axudas económicas
destinadas a subvencionar gastos de mantemento e funcionamento das asociacións e
federacións de mulleres de Galicia.
A
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración
autonómica ao que lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e
funcións en materia de igualdade de xénero, tal e como se establece no artigo 1
do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica
da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
A Secretaría Xeral da
Igualdade, tal e como se establece no artigo 5 do dito decreto, é o órgano ao
que lle corresponden, entre outras, as funcións relativas ás políticas da Xunta
de Galicia en materia de xénero, de loita contra a discriminación por razón de
sexo e de promoción da igualdade entre mulleres e homes. Polo tanto, unha das
súas finalidades é promover as condicións para que a igualdade entre mulleres e
homes sexa real e efectiva, fomentando a participación das mulleres na vida
social, superando calquera tipo de discriminación.
A Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, considera
necesario contribuír a estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna
das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e
finalidades destas entidades, de xeito que pon en marcha unha liña de axudas
económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas
federacións.
Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do
29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, no Decreto
287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos
principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e
subvencións e no establecido na Lei 14/2006, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007, así como ás disposicións aplicables da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Na súa virtude e no uso
das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Obxecto.
Esta orde ten por
obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas
económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por
estas, con destino a gastos correntes de mantemento e de funcionamento durante o
ano 2007.
Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.
1. As axudas poderán ser solicitadas polas asociacións de mulleres e
polas federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, legalmente
constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos
Sociais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, na área de actuación de
muller, e domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non se considerarán as
solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus
datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de
solicitudes.
3. As asociacións de mulleres deberán contar como mínimo con 50 mulleres
socias, e as mulleres socias representarán, polo menos, o 90% da totalidade de
persoas asociadas.
4. No caso das federacións, as asociacións de mulleres que as integren
deberán cumprir o requisito establecido no punto anterior.
5. Os fins e obxectivos
das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:
a) Promover a igualdade
de oportunidades entre homes e mulleres.
b) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política,
económica, cultural e social.
Artigo 3º.-Orzamento.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
financiará as axudas obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de
240.000 euros e con cargo ás seguintes partidas orzamentarias: 05.20.313B.480.0,
cunha contía de 165.000 euros e 05.20.313D.481.0 cunha contía de 75.000 euros,
correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2007.
As
axudas económicas que se outorguen ao abeiro desta orde poderá alcanzar como
máximo o 90% do total do orzamento presentado.
Artigo
4º.-Incompatibilidade de axudas e subvencións.
As axudas económicas que se concedan ao abeiro
desta orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou
recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración
pública.
Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.
1. As axudas reguladas nesta orde teñen como finalidade fortalecer e
consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser elemento indispensable na
promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu
mantemento e funcionamento. Por este motivo, concederanse axudas económicas para
compensar os gastos que orixinen o mantemento ou funcionamento destas entidades
no exercicio 2007.
2. O mantemento inclúe o financiamento dos gastos correntes en bens e
servizos derivados do local onde estea situada a sede social da entidade, obras
de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de
inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial do dito
inmoble, así como subministracións, material funxible de oficina e ofimáticos,
correo e outros análogos.
3. O funcionamento ten como obxectivo facilitar o
desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo os
gastos derivados do seu persoal.
4. Todos os gastos serán correntes, polo tanto,
as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de investimento para a
xustificación da axuda concedida.
5. En ningún caso serán subvencionables os gastos
correntes derivados do desenvolvemento de actividades ou programas da entidade
solicitante.
Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e prazo.
1. As entidades que desexen solicitar as axudas
reguladas nesta orde, deberán dirixir a súa solicitude ao vicepresidente da
Igualdade e do Benestar, segundo o modelo que se achega como anexo I desta
orde.
2.
Xunto coa solicitude, que figura como anexo I desta orde, deberá achegarse a
seguinte documentación:
a) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal
da entidade.
b) Fotocopia do DNI da
persoa representante legal que asina a solicitude.
c) Certificación expedida pola secretaría da
entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal, conforme o
modelo que figura como anexo II desta orde.
d) Memoria explicativa segundo o anexo III desta
orde.
e) Certificación do acordo
asembleario en que se aproba participar nesta convocatoria de axudas e do
nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar.
f) Declaración de non estar incursa en causas de
incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir axudas ou
subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria
(anexo IV).
g) Declaración de non ter solicitado nin concedida axudas ou subvencións,
coa mesma finalidade, perante as administracións públicas (anexo
IV).
h) Para
o caso das federacións de asociacións de mulleres, achegarase certificación da
secretaría da federación en que conste a relación nominal de asociacións que a
compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das
asociacións.
A inscrición da entidade no rexistro de entidades será verificada de
oficio por parte dos correspondentes servizos da Vicepresidencia da Igualdade e
do Benestar.
3. As solicitudes xunto coa documentación requirida deberán presentarse
no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, mediante instancia
normalizada debidamente cuberta, ben directamente ou ben a través de calquera
dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. O prazo de
presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día
seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
5. O defecto na
solicitude seralles notificado ás entidades solicitantes pola Secretaría Xeral
da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e daráselles un prazo
de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non
se produce a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
Artigo 7º.-Tramitación e resolución.
1. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, crearase unha comisión
de avaliación para o efecto que estará presidida pola secretaria xeral da
Igualdade ou a persoa en quen delegue, e da que formarán parte ademais: a
subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, a subdirectora xeral para o
Tratamento da Violencia de Xénero, un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral
de Promoción da Igualdade, que actuará como secretario/a, e un/unha
funcionario/a da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de
Xénero.
2. A
comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir das solicitantes das
axudas información ou documentación adicional, que non estando en poder da
Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha
mellor avaliación das solicitudes.
3. Á vista das valoracións efectuadas pola
comisión de avaliación e recollidas na acta da reunión, a secretaria xeral da
Igualdade elevará a proposta de resolución ao vicepresidente da Igualdade e do
Benestar, quen resolverá.
4. O prazo máximo para resolver será de seis
meses, computados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa,
entenderase desestimada.
Artigo 8º.-Réxime de recursos.
As resolucións expresas ou presuntas dos
expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía
administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso
contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día
seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a
partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Potestativamente, e con
anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo,
poderase interpor recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto
administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo
da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a
defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles
interesados.
Artigo 9º.-Criterios de avaliación.
Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias
teranse en conta os seguintes aspectos, e de acordo coas porcentaxes sinaladas
de seguido:
-Número de mulleres asociadas (20%).
-Número de asociacións de mulleres federadas que integran a federación,
así como o seu ámbito de actuación e número total de persoas asociadas
(20%).
-Número e características das actividades realizadas pola entidade
peticionaria nos últimos tres anos, priorizándose as actividades que de xeito
habitual ou periódico se dirixan a mulleres que sofren violencia de xénero
(20%).
-Adecuación das actividades programadas ás políticas de igualdade
(20%).
-Carencia de medios económicos
e imposibilidade ou probada dificultade de obter canles de financiamento por
outros medios (20%).
Artigo 10º.-Aceptación da axuda.
A persoa representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez
días, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar por escrito a
súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación,
entenderase que renuncia á axuda e procederase, logo de resolución, ao arquivo
do expediente.
Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
Son obrigas das entidades beneficiarias das
axudas reguladas nesta orde:
a)
Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a entidade concedente, ás
de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma de Galicia, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas
e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino destas axudas.
b) Comunicar toda alteración das condicións tidas
en conta para a concesión da subvención.
c) Dispoñer de libros contables, rexistros
dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola
lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada
caso, así como os estados contables e rexistros específicos, coa finalidade de
garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e
control.
d)
Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos,
incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións
de comprobación e control.
e) Reintegrar o importe da subvención percibida
nos supostos recollidos no artigo 14º desta orde.
f) Cumprir coas obrigas
de colaboración a que se refire o artigo 46 da Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
Artigo 12º.-Libramento de fondos.
1. As entidades destinatarias das axudas, unha
vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á
finalidade concreta para a que foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade
poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da
axuda.
2.
Para o cobramento da axuda as entidades presentarán a seguinte
documentación:
a) Para a
xustificación dos gastos correntes e de funcionamento presentaranse as facturas
pagadas ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos realizados.
Estes documentos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto
1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as
obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor
engadido. No caso de non presentarse os orixinais dos documentos xustificativos,
estes deberán ser selados pola Secretaría Xeral da Igualdade conforme os gastos
que neses documentos se comprenden son obxecto da subvención por esta
orde.
b)
Certificación dos gastos realizados expedida pola secretaría da entidade co
visto e prace da súa presidencia.
c) No caso de gastos de persoal, achegaranse como
xustificante, tanto as nóminas acreditativas do pagamento, como os documentos
xustificativos de ingreso dos seguros sociais.
d) Declaración
complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou
concedidas, como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade que
establece esta orde das distintas administracións públicas competentes ou de
calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
3. O prazo de remisión
destes xustificantes remata o 30 de novembro de 2007.
4. A Secretaría Xeral da Igualdade, de atopar
conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento de fondos, que en
ningún caso superará o 90% do importe dos xustificantes presentados.
5. A entidade
beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida
pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o
Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do
destino das axudas.
6. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non
presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades
beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar outras entidades que presentaron
solicitude de subvención ao abeiro desta orde.
Transcorrido o prazo
establecido neste artigo sen ter presentadas as correspondentes xustificacións
poderase entender que a entidade renuncia á axuda, podendo ser utilizado o
crédito en beneficio doutras posibles entidades beneficiarias.
Artigo 13º.-Modificación
das resolucións de concesión das axudas.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda
ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas
por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal
e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Artigo 14º.-Reintegro da axuda ou subvención.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da
subvención ou da axuda pública percibida e dos xuros de mora devengados desde o
momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro
nos seguintes casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente
nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.
b) Obtención da
subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con
falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o
impedisen.
c)
Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou
non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da
subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e ás
persoas beneficiarias con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública,
así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao
modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o
proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou
daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de
verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a
realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de
calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea
ou de organismos internacionais.
e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas
de difusión contidas no punto 8º do artigo 78 do texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei
14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime
administrativo.
f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de
comprobación e control financeiro previstas nos puntos 4º e 6º do artigo 78 do
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a
redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de
réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables,
rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade
de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo,
a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedente de
calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea
ou de organismos internacionais.
g) A adopción, en virtude do establecido nos
artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha
necesidade de reintegro.
h) Nos demais supostos previstos na normativa
reguladora da subvención.
Artigo
15º.-Fiscalización e control.
1. A
concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da
función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da
comunidade autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000,
do 21 de novembro, das actuacións de comprobación previstas na lexislación do
Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
2. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
poderá inspeccionar en calquera momento as actuacións realizadas.
Artigo 16º.-Réxime
sancionador.
As infraccións
administrativas cometidas en relacións coas axudas e subvencións reguladas nesta
orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente
pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do
21 de novembro.
Disposicións adicionais
Primeira.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en
materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999,
do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de
decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo ademais do Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte
derrogado pola normativa anteriormente citada.
Segunda.-De conformidade
co establecido no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e
boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade
e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades
beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web.
Terceira.-De acordo coa
disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se
regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29
de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade
solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos
relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións
impostas, de ser o caso, no rexistro público de axudas, subvencións, convenios e
sancións.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para ditar, no ámbito
das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta
orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de maio de
2007.
Anxo Manuel Quintana
González
Vicepresidente da Igualdade
e do Benestar
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es