Diario Oficial de Galicia
venres, 1 de xuño de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
105
Páxina do Dog:
9.161
Data da Disposición:
25 de maio de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 25 de maio de 2007 pola que se aproban as bases
reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das
subvencións ás asociacións profesionais de artesáns cuxo ámbito de actuación se
desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento do sector artesanal
galego, e se procede á súa convocatoria (IN-201F).
Orde do 25 de maio de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras para
a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás
asociacións profesionais de artesáns cuxo ámbito de actuación se desenvolva na
Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento do sector artesanal galego, e se
procede á súa convocatoria (IN-201F).
As actividades
artesáns representan na Galicia de hoxe unha gran reserva desde o punto de vista
cualitativo e tamén cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre
o que se constrúe a sociedade moderna e, moi especialmente no caso do noso
territorio, significan o fío condutor da identidade de toda unha
cultura.
Cada
sector conta coas súas propias redes de comercialización máis ou menos definidas
e adaptadas ás características da produción e ás exixencias do propio mercado.
No caso da artesanía, a diversidade de actividades supón que existan numerosas
canles de comercialización en función de cada produto. Fortalecer estes lazos,
ou crear outros novos, así como fomentar o asociacionismo no sector artesanal é
unha tarefa obrigada para mellorar a artesanía e progresar na súa modernización.
Ademais, este sector, polas súas peculiaridades, non sempre se fai visible alí
onde se exerce, o que representa unha seria dificultade para a súa conservación
e desenvolvemento.
Respondendo ás actuais dimensións e á realidade das asociacións de
artesáns que no contexto actual desenvolven as súas actividades no ámbito desta
comunidade autónoma, e en función do auxe e proliferación no ámbito social dos
diferentes tipos de asociacións profesionais vinculadas ao sector artesán, e o
incremento da súa presenza no tráfico xurídico, faise necesario, polo tanto,
proceder á instrumentación da concesión de axudas, en réxime de concorrencia
competitiva, para as asociacións profesionais de artesáns, co obxecto de
potenciar e desenvolver o asociacionismo profesional no sector.
A teor do exposto, en
virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Innovación e
Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron
conferidas,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a
concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria ás
asociacións profesionais de artesáns, con ámbito de actuación na Comunidade
Autónoma de Galicia, para accións de fomento do sector artesanal galego
(IN-201F), que se inclúen como anexo I.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as
ditas subvencións para o ano 2007.
Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións
deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe
como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican
no artigo 4º das bases reguladoras.
Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das
solicitudes.
1. As solicitudes
presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e
Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do
Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración
local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou
polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
2. O prazo para a presentación de solicitudes
será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no
Diario Oficial de Galicia.
Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de
concesión.
Unha vez rematado o prazo
para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo
co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha
duración superior a seis meses contados a partir do día seguinte ao da
publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 5º.-Información
aos interesados.
Sobre este
procedemento administrativo, que ten o código IN-201F, poderase obter
documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de
Comercio, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da consellería
(www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficinal
virtual.
b) O
teléfono 881 99 91 78 da devandita dirección xeral.
c) O correo electrónico
dxcmrc.artesania@xunta.es.
d)
Presencialmente.
Así mesmo, para
cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do
teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria: 981 54
43 41.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase a directora xeral de Comercio para que
dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta
orde.
Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2007.
Fernando Xavier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, das subvencións para o fomento do sector artesanal galego ás
asociacións profesionais de artesáns cuxo ámbito de actuación se desenvolva na
Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 1º.-Obxecto e réxime das
subvencións.
1. As subvencións
reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento do sector artesanal na
Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio ás asociacións profesionais do
sector.
2. O
procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de
concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo
que non poderán exceder dos límites cuantitativos de 200.000 euros nun período
de tres anos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión
Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do
Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de
2006).
3. En
concreto, considéranse actuacións subvencionables as desenvolvidas por
asociacións profesionais de artesáns cuxo ámbito de actuación se desenvolva na
Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que estas sexan realizadas e
efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2007 ata a data límite de
xustificación do investimento, establecida no artigo 17º, e que a continuación
se especifican:
a) Obras que se destinen á mellora, ampliación ou modernización dos
locais xa existentes. Dentro desta epígrafe atenderanse:
-Obras de reforma,
rehabilitación, acondicionamento de locais asociativos. Só serán obxecto de
subvención as obras realizadas no interior dos locais, que deberán cumprir, en
todo caso, cos requisitos exixidos legalmente.
b) Investimentos en
equipamento, mellora da loxística e das comunicacións. Dentro desta epígrafe
subvencionarase:
1. Adquisición de equipamento para procesos de informatización, que
deberán ser, en todo caso, de primeiro uso, cun máximo dunha unidade por
entidade solicitante.
2. Creación de redes de comunicación que
posibiliten a interconexión en rede das asociacións entre si ou cos seus
artesáns, así como con outros organismos ou centros de xestión directamente
relacionados co sector da distribución comercial, e que fomenten o labor de
asesoramento e a posta en funcionamento de plataformas que faciliten o comercio
electrónico.
3. Proxectos de creación e consolidación de agrupacións e central de
compras e servizos, estudos previos sobre a súa viabilidade e a súa posta en
funcionamento, e plans de accións realizados por empresas especializadas
avaladas polo seu currículo e a experiencia na materia que deberá demostrar
documentalmente.
c) Divulgación e promoción de produtos artesanais, a través
de:
-Deseño de imaxes corporativas,
logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, en
papel, magnéticos ou CD/DVD, a edición de material impreso e audiovisual sobre
produción artesanal, especificamente dirixidos e concibidos ao fomento da
actividade e á potenciación dos produtos artesanais.
-Os gastos de deseño,
creación e contratación de dominio para páxina web.
-O deseño de envases e embalaxes de produtos
artesáns.
d) Participación como
expositor con caseta propia en feiras de carácter profesional. Dentro desta
epígrafe subvencionaranse:
-Os gastos que ocasionen os espazos que se
contraten, alugamento ou construción da caseta e transporte do material, montaxe
e desmontaxe das casetas, seguros, enerxía eléctrica, vixilancia, contratación
de persoal de atención ao público, de intérpretes, gastos de desprazamento e
aloxamento de ata dúas persoas, así como publicidade e publicacións relacionadas
con esta participación.
-A adquisición de elementos ou mobiliario básicos
que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en
feiras profesionais.
e) Incorporación do deseño ás novas liñas de produto, mediante a
colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan a dita actividade
a título principal. Téñense en conta nesta epígrafe:
-Os honorarios dos
consultores de deseño así como os custos relativos aos materiais necesarios para
plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.
f) Actuacións específicas
realizadas polas asociacións de artesáns tales como: actividades de información
e orientación comercial, creación de gabinetes de asistencia técnica,
organización de conferencias, xornadas técnicas, mesas redondas, entre outras
actuacións, orientadas e deseñadas en liña coas características e
especificidades do sector artesanal e encamiñadas ao fomento e desenvolvemento
deste.
4.
Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións
seguintes:
a)
Calquera investimento realizado en zonas exteriores ou de acceso.
b) Os gastos en publicidade en medios escritos,
radio ou televisión, así como os de calquera tipo de formularios ou materiais de
uso administrativo e os gastos de impresión e reimpresión de envases e embalaxes
de produtos artesanais.
c) Custos non vinculados coas ideas de deseño
obxecto do proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos nos cales non se
acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño,
entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título
principal.
d)
As aplicacións informáticas de xestión.
e) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario e os
investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.
De conformidade co
establecido no artigo 8º destas bases, constituirase, con carácter xeral e para
todas as tipoloxías de axudas enumeradas anteriormente, unha comisión de
avaliación das solicitudes de axudas presentadas, que poderá determinar a
exclusión dos investimentos subvencionables daquelas actuacións ou elementos que
se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios
anteriores.
Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. As subvencións que se establezan para as
actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria
10.05.741-F.781.0. «Achegas a asociacións en materia de artesanía, cun importe
máximo de 180.000 euros para o ano 2007, sen prexuízo de ulteriores variacións
producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade
orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvención de acordo
coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do
artigo 9º.
Aplicación orzamentaria: 10.05.741-F.781.0.
Ano 2007: 180.000 euros.
A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o
70% do investimento subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de
Comercio.
2.
O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que,
illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións
ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o
custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a
porcentaxe máxima de investimento subvencionable que legalmente se
estableza.
3.
As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das
reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
Poderán ser
beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos
establecidos nestas bases, as asociacións profesionais de artesáns que acrediten
a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no rexistro xeral de Artesanía de
Galicia, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva integramente na Comunidade
Autónoma de Galicia.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As
solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións
presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.
2. Xunto coas
solicitudes, presentadas de conformidade co modelo normalizado do anexo II,
deberase presentar a seguinte documentación, por duplicado exemplar, en orixinal
ou copia compulsada, polo menos unha delas:
a) Acta e estatutos de constitución e
modificacións posteriores, de ser o caso, e acreditación da súa inscrición no
rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal
(CIF).
b)
Poder suficiente do representante da entidade solicitante, xunto co do documento
nacional de identidade (DNI/NIE).
c) Memoria de cada unha das actividades para as
cales se solicita subvención, que incluirá, como mínimo, a súa descrición,
obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e
características dos participantes e beneficiarios.
d) Orzamento desagregado
de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as
cales se solicita subvención, e/ou factura pro forma da actividade ou
adquisición que subvencionará quen vaia subministrar ou ben prestar o servizo,
así como plan de financiamento do proxecto. Para estes efectos achegarase
cuberto o anexo III.
e) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas para as cales
se solicita a subvención.
f) Certificado expedido polo secretario ou
representante da entidade que acredite o número de socios ou asociados, dos
cales achegará relación pormenorizada e actualizada, en soporte informático, con
inclusión do nome do titular, actividade principal a que se dedica, enderezo
postal e telefónico, concretando, de ser o caso, as empresas ou entidades
participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver. Así mesmo,
documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no rexistro
xeral de Artesanía de Galicia.
g) Declaración expresa sobre a concesión, ou
solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de
calquera Administración ou calquera dos entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, así como de non estar incurso en ningunha das circunstancias
previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións,
segundo o modelo normalizado establecido no anexo IV desta orde.
h) Certificacións
expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no
cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter
pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración
pública da comunidade autónoma; todo isto sen prexuízo do establecido no artigo
43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007.
i) No caso de estar exento do imposto sobre o
valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada
exención.
j)
Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo
normalizado do anexo VI, de ser o caso.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio poderá
solicitar cantos informes técnicos considere oportunos para a avaliación técnica
dos proxectos.
Artigo 5º.-Consentimento e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o
coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De acordo co establecido no
artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión
da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano concedente, a
Consellería de Innovación e Industria, para que obteña de forma directa a
acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa
comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados
telemáticos.
Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que
certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da
Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano
instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse
vixente e identificarse no formulario de solicitude ou procedemento
administrativo para o cal foi presentada.
2. De acordo co establecido na disposición
adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos
rexistros de axudas, subvencións e convenio e de sancións da Xunta de Galicia, a
persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e
publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas,
así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos
supostos legalmente establecidos.
3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006,
do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública
galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións
previstas nas leis.
Artigo 6º.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución
do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle ao conselleiro de
Innovación e Industria ditar a resolución da concesión.
Artigo 7º.-Instrución dos
procedementos.
1. De conformidade co
establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a
solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou
na correspondente convocatoria requirirase do interesado que, nun prazo de dez
días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste
requirimento farase indicación expresa de que, se aí non o fixese, se terá por
desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.
Este requirimento de
emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo
5º.1 resulta que o solicitante non está ao día do pagamento das súas obrigas
tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade
Social.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse do
solicitante que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións
resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
3. Unha vez revisadas as
solicitudes e as emendas efectuadas, aqueles expedientes administrativos que
reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á
comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo
seguinte.
4.
Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na
normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán
á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de
inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
Artigo 8º.-Comisión de
avaliación.
1. A comisión de
avaliación será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo
cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a
concesión ou denegación das subvencións aos interesados.
2. A composición da
comisión de avaliación será a seguinte:
a) Un/unha xefe/a de servizo.
b) Un/unha xefe/a de sección.
c) Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Comercio.
3. Na proposta de concesión que formule a
comisión figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter
a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os
criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da
subvención para cada un deles ata esgotar o crédito dispoñible.
4. O resto das actuacións
subvencionables quedará en reserva para ser atendidas ben co crédito que quedase
libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente
subvencionados, ben co incremento dos créditos destinados a estas subvencións.
Para estes efectos poderase realizar sucesivas propostas de resolución conforme
o sinalado neste artigo.
Artigo 9º.-Criterios de avaliación.
Os criterios de avaliación que servirán de base
para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por
orde decrecente de importancia, serán os seguintes:
1. A viabilidade técnica,
económica e financeira dos proxectos ou actuacións que se presenten.
2. A rigorosidade do
proxecto, coherencia na súa estrutura, adecuación dos obxectivos e implicación
dos asociados no proxecto.
3. O alcance da actuación, atendendo tanto á
difusión como á representatividade da entidade e, de ser o caso, ao número de
membros a que se dirixe o proxecto en cuestión.
4. O grao de execución e,
de ser o caso, o de cumprimento das axudas ou subvencións concedidas en
exercicios anteriores en materia de artesanía, así como a experiencia no
desenvolvemento de actuacións semellantes.
5. A concorrencia doutras administracións ou
institucións públicas e privadas no desenvolvemento do proxecto.
6. Actuacións que se
presenten vinculadas co desenvolvemento, fomento ou potenciación dalgunha das
seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, produción
de zocos e zocas, tonelaría, sellaría, albardaría, olaría, forxa, latoaría,
caldeiraría, afiado, cestaría e labores de palla.
7. O achegamento das
actividades artesanais ás novas xeracións, mediante a introdución no seu
contorno dos valores destas, dando a coñecer os procesos e actitudes que
constitúen as características esenciais das actividades artesanais.
8. Compromiso de emprego
da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa
Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei
3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior
emprego da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso
acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se
inclúe como anexo VI.
Artigo 10º. Audiencia.
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente
antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos
interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e
presentar os documentos e xustificacións que xulguen pertinentes.
2. Porén, poderase
prescindir do trámite ao cal se refire o punto anterior cando non figuren no
procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras
alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
Artigo 11º.-Resolución e
notificación.
1. Unha vez concluído o
trámite de audiencia, a comisión de avaliación formulará a proposta de
resolución que se elevará, a través do órgano instrutor, ao
conselleiro.
2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución
que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que
se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou,
de ser o caso, o motivo de denegación.
En ningún caso o importe da subvención concedida
poderá superar a contía da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, de
ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente
establecida.
3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado
será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde
de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo
para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán
entender desestimadas as súas solicitudes por silencio
administrativo.
4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Non obstante, de conformidade co establecido no
artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase
substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de
Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta
publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade
concedida e a finalidade da subvención outorgada.
As solicitudes
desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da
desestimación.
Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria
porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes
recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que
consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición perante o
conselleiro de Innovación e Industria no, prazo dun mes contado a partir do día
seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do
día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) Recurso
contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día
seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis
meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto
presunto.
Artigo 13º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión das
subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do
beneficiario, para o que se deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que a modificación do
proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases
reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
c) Que os novos elementos ou circunstancias que
motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supoñan a
denegación da subvención.
3. O beneficiario deberá solicitar a modificación
mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria acompañada
da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto
anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de remate do prazo de
xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da
totalidade da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de
que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso
de variación substancial do proxecto aprobado pola Dirección Xeral
Comercio.
4.
O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado
polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en
que se lles dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 10º
destas bases.
Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de
concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou
publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á
subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición
de beneficiario.
A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se
inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa
constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
No caso de que se comunicase a renuncia en prazo,
o conselleiro ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42.1º da
mesma lei.
Artigo 15º.-Obrigas das asociacións.
Os beneficiarios das subvencións quedan obrigados a:
a) Realizar o investimento ou a actividade que
fundamenta a concesión das subvencións.
b) Acreditar ante a entidade concedente a
realización da actividade así como o cumprimento dos requisitos ou condicións
que determinan a concesión ou desfrute das subvencións.
c) Acreditar, con
anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día
das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e
que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto,
coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.
d) Someterse ás
actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera
outra comprobación e control que poidan realizar os órganos de control
competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das
actuacións anteriores. En particular, facilitar toda a información que lles sexa
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e
o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control.
e)
Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos
ou recursos que financie nas actividades subvencionadas. Esta comunicación
deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, coa presentación da
documentación xustificativa da realización do investimento.
f) Conservar os
documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os
documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de
comprobación e control.
g) As entidades beneficiarias de axudas deberán
facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ao
proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia
a través da Consellería de Innovación e Industria, Dirección Xeral de
Comercio.
h)
Reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento
das condicións establecidas para a súa concesión.
Artigo
16º.-Subcontratación.
Permítese a
subcontratación polo beneficiario das actuacións subvencionables, sempre que se
axusten ás previsións dispostas no artigo 29 de la Lei 38/2003, xeral de
subvencións.
Artigo 17º.-Xustificación da subvención.
1. Para cobrar a subvención concedida, o
beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no
artigo 3º da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo
para presentala ata o 30 de outubro de 2007, inclusive.
a) Memoria en que se
describa a realización do investimento, na cal deberán quedar descritos e
identificados os bens adquiridos ou servizos prestados, e os datos e incidencias
máis significativos habidos na súa execución.
b) Unha relación
clasificada da actividade para a cal se solicita a axuda, desagregada por
epígrafes, e dos gastos e investimentos, segundo anexo III.
c) Documentos
acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu
pagamento).
Toda factura deberá reunir os seguintes requisitos: nome, razón social e
DNI/NIE ou CIF do emisor, IVE repercutido, número, data de emisión e de
vencemento, nome, enderezo e CIF do comprador, así como a forma de pagamento.
Deberá quedar expresamente descrito o produto ou servizo prestado e levarán o
selo do seu emisor e sinatura, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 6
do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento
polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica a lexislación do
imposto sobre o valor engadido.
d) Para todas aquelas actuacións intanxibles,
tales como catálogos, soportes publicitarios, estudos ou proxectos, entregarase
ademais un exemplar destes.
e) A xustificación para efectos de asistencia a
feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no
certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora,
así como da factura xustificativa da contratación do espazo da feira, tendo que
presentar igualmente a documentación mencionada na letra anterior.
f) Declaración de axudas
obtidas e solicitadas, para o mesmo investimento, en calquera outra
Administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser
beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberase
entregar a documentación necesaria para a súa avaliación para os efectos da súa
concorrencia coa axuda outorgada.
g) Certificación expedida pola entidade bancaria
de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na cal
conste: código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de
conta corrente.
h) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de
concesión da axuda.
i) No caso de que, tras realizar a Consellería de Innovación e Industria
de oficio a consulta telemática para solicitar as certificacións de estar ao día
nas obrigas tributarias e sociais que deban emitir a Axencia Estatal de
Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a
Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, dese como resultado que o
beneficiario teña débedas dalgún tipo das mencionadas, requirirase do
solicitante que regularice a súa situación e presente por si mesmo o/os
correspondente/s certificado/s de estar ao día nas súas obrigas tributarias e/ou
sociais. A dita consulta telemática realízase con anterioridade á tramitación da
proposta de pagamento das axudas, se é o caso, de acordo co establecido no
artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime
administrativo.
2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a
documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste
caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
3. Os órganos competentes da Consellería de
Innovación e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á
xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non
fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderase
entender que renuncia á axuda.
Artigo 18º.-Pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da
subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu
pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para
verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. O importe anual das
axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade
financeira, ao número de conta designado polo beneficiario.
3. As subvencións
minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao
orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea
garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas,
aplicarase o establecido no artigo 2.3º.
Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e
sancións.
1. O incumprimento das
obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais
normativa, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na
resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a
subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a
devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento
de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de
desenvolvemento.
3. Aos beneficiarios da subvención regulamentadas nestas bases seralles
de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de
desenvolvemento.
Artigo 20º.-Control.
1. A
Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de
inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das
subvencións.
2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función
interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma, no termos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7
de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará
sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de
Contas e do Consello de Contas.
Artigo 21º.-Publicidade.
No prazo máximo de tres meses, contados desde a
data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a
relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora,
beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da
subvención.
Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas,
individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será
necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola
publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de
Innovación e Industria.
Artigo 22º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases observarase
o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no
Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto da normativa
que resulte de aplicación.
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es