Diario Oficial de Galicia
luns, 26 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

60


Páxina do Dog:

4.813


Data da Disposición:

15 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 15 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo, en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 (IN214A).



Orde do 15 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo, en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 (IN214A).

A evolución da sociedade e dos hábitos de consumo obrigan ao pequeno e mediano comercio a un necesario proceso de modernización da súa xestión e a súa adecuación continuada para poder adaptarse ao seu contorno competitivo.

Esta situación fixo necesaria a elaboración dun conxunto de medidas, dentro do marco dunha política de comercio interior, que lle asegure ao sector tradicional do comercio, a posibilidade de adaptarse ás novas necesidades que exixen as actuais circunstancias económicas, non só para garantir a súa supervivencia, senón tamén, para posibilitar que este tipo de comercio lle siga proporcionando á sociedade boa parte dos servizos de abastecemento, proximidade, diversificación de oferta e mantemento dos conxuntos urbanos que desde sempre prestaron, mediante a creación dun Plan de renovación e mellora do comercio galego, que se orienta a lles dar resposta aos problemas actuais do sector, e que ten como obxectivo xeral adoptar os recursos materiais e tecnoloxías ás necesidades do sector, e mellorar o poder de negociación e capacidade de investimento das

pequenas e medianas empresas comerciais establecidas en Galicia.
As axudas establecidas nesta orde non se suxeitan ao trámite de concorrencia competitiva, debido á súa propia natureza e dado que a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos comerciantes dos requisitos establecidos na propia orde, así como a experiencia adquirida na súa tramitación en exercicios anteriores, que permite prever atender todas as solicitudes.

A teor do exposto, e en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Innovación e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria que teñen por finalidade a renovación do comercio retallista galego e a incorporación das novas tecnoloxías da información á xestión dos establecementos comerciais co obxectivo de adaptar as súas estruturas ao seu contorno de maneira máis competitiva, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN 214-A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), no seu enlace de axudas e na oficina virtual.

b) Teléfonos das delegacións provinciais:
Delegación Provincial da Coruña: 981 18 49 05/981 18 49 62.
Delegación Provincial de Lugo: 982 29 46 70.
Delegación Provincial de Ourense: 988 38 67 12.
Delegación Provincial de Pontevedra: 986 81 75 59.
c) Enderezos de correo electrónico:
Delegación Provincial da Coruña:
maria.concepcion.olveira.espinosa*xunta.es
Delegación Provincial de Lugo:
ramon.maria.olano.vela*xunta.es
Delegación Provincial de Ourense:
ana.isabel.perez.souto*xunta.es
Delegación Provincial de Pontevedra:
invigo*xunta.es
d) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facultase a directora xeral de comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2007.
Fernando Xabier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo, en desenvolvemento do plano de renovación e mellora do comercio galego.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a renovación do comercio retallista galego e a incorporación das novas tecnoloxías da información á xestión dos establecementos comerciais co obxectivo de adaptar as súas estruturas ao seu contorno de maneira máis competitiva.

2. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables sempre que sexan realizadas e efectivamente

pagadas desde o 1 de xaneiro de 2007 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 15:

a) Equipos para o proceso de información (ordenadores persoais de sobremesa, servidores, impresoras, equipos multifunción, escáneres e similares) destinados a aplicacións de contabilidade, facturación, almacén e automatización das vendas.

b) Aplicacións informáticas de carácter xenérico ou estándar destinadas aos fins sinalados no punto anterior, debéndose presentar neste caso unha pequena descrición das súas principais funcións e a súa relación coa mellora da xestión da actividade comercial.

c) O deseño e implantación de sistemas de venda non presenciais (comercio electrónico).

d) Paxinas web promocionais do establecemento comercial.
e) Equipos portátiles (ordenadores, axendas electrónicas, PDA e similares), soamente no caso de vendedores ambulantes, ou naqueles casos que se acredite suficientemente a súa necesidade polo tipo que actividade que se realiza, non subvencionándose en ningún caso máis dun equipo por comerciante.

f) Caixas rexistradoras.
g) Terminais punto de venda.
h) Lectores ópticos de códigos de barras.
i) Sistemas de medición e pesaxe de mercadorías.
j) Sistemas de etiquetaxe.
k) Sistemas de alarma, sistemas anti-furto e portas de seguridade.
l) Fotocopiadoras e aparellos de teléfono e fax.
m) Equipamentos para o tratamento de temperatura dos produtos para a exposición e venda ao público exclusivamente.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Cámaras dixitais e teléfonos móbiles.
b) Hardware e software que de forma indubidable non se poida relacionar cunha mellora da xestión comercial, tales como programas de revelado e impresión de fotografías, tratamento da imaxe e son, deseño, programas de lecer, obras de consulta que non correspondan á actividade desenvolvida, etc...

c) Investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento.

d) Os gastos de transporte, instalación e mantemento dos conceptos subvencionables.

e) Calquera dos conceptos subvencionables cando sexan obxecto de comercialización polos comerciantes solicitantes.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. Para a concesión das subvencións destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.1 Renovación e fomento da calidade do comercio retallista, destinándose para o seu financiamento un importe máximo de 1.050.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.


Aplicación orzamentaria: 10.05.751 A770.1.
Ano 2007: 1.050.000 euros.
2. Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.000 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros, salvo no caso de deseño de sistemas de venda non presenciais (art. 1.3º c)) e páxinas web (art. 1.3º d)), nos cales o investimento máximo subvencionable será de 3.000 euros, IVE excluído.

Dentro dos límites establecidos no punto anterior a contía máxima de subvención que se outorgará será do 40% do investimento subvencionable, IVE excluído. Non obstante, a porcentaxe de subvención que se outorgue poderá acadar ata o 50%, IVE excluído, para os investimentos vencellados á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á internet, operacións de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa, centrais de compras e servizos, que deberá ter o visto e prace previo da Consellería de Innovación e Industria. O citado proxecto deberá ser presentado para a súa validación antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 3º.2 da convocatoria.

En ambos os dous casos a porcentaxe de subvención que se aplique sobre o investimento subvencionable incrementarase en dez puntos cando o establecemento comercial se atope en concellos de menos de 5.000 habitantes de acordo co Real decreto 1627/2006, do 29 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas o 1 de xaneiro de 2006.

3. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 70% do investimento subvencionable.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, legalmente constituídas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade en establecementos comerciais ou no comercio ambulante no territorio galego e que, de ser o caso, os investimentos se realicen en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso dos comerciantes ambulantes será requisito necesario que estean inscritos no rexistro de comerciantes ambulantes ou que teñan solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas que figuran no anexo V desta orde. No caso de que o soli

citante estea dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e, se isto non fose posible de determinar, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

c) Que non superen os dez traballadores.
d) Que os seus locais comerciais non superen os 300 m de superficie comercial destinada a exposición e venda ao público. (Quedan excluídos para o cómputo da dita superficie as oficinas, almacén, salas de refrixeración, talleres e outros locais dedicados á elaboración ou manipulación de produtos, aulas, aseos, etc...), salvo no caso dos vendedores ambulantes.

e) Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Os beneficiarios desta mesma orde nas súas convocatorias do ano 2005 e 2006 non poderán ser novamente beneficiarios para os mesmos conceptos xa subvencionados, salvo que se trate de investimentos que sexan destinados a un establecemento comercial de nova apertura.

Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentos acreditativos da personalidade ou identidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades). Nos supostos de representación, documentos acreditativos desta e DNI da persoa representante.

b) No caso das sociedades, copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, en que conste o seu obxecto social que deberá abranguer a actividade para a cal solicita a axuda.

c) Documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, de ser o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante.

e) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto de sociedades do último exercicio. Neste último caso, se o solicitante está dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, deberá acreditar que a súa actividade principal é subvencionable segundo datos de facturación ou, no seu defecto, de superficie de venda.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e declaración de axudas en réxime de minimis, segundo o anexo III desta orde.

g) Breve memoria descritiva do proxecto e obxectivos que se pretenden alcanzar.
h) Orzamentos ou facturas pro forma do investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

i) Certificacións acreditativas de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración publica de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 14/2006 de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007.

j) Certificación acreditativa, expedida pola asociación ou agrupación de comerciantes correspondente, de que os ditos investimentos se enmarcan dentro dun proxecto global promovido por elas, se é o caso.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través das certificacións telemáticas.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.
As delegacións provinciais serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.


Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.
As solicitudes resolveranse por rigorosa orde de entrada, priorizando aquelas que presenten a documentación completa en todos os seus aspectos.

Artigo 9º.-Audiencia.
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, comunicaráselles aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida, a súa contía e o seu carácter de minimis, ou, no seu caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de 6 meses contados a partir

do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, de ser o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9º destas bases.

Artigo 13º.-Aceptación e renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais dende a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV destas bases ou por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas do beneficiario:
a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou subvención.

b) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En particular, facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Todos os investimentos deberán permanecer polo menos tres anos desde a súa concesión no establecemento comercial declarado polo beneficiario na solicitude, salvo petición razoada á Dirección Xeral de Comercio.

g) A obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

No caso de vendedores ambulantes deberán declarar, na solicitude, o lugar en que se localizan os investimentos.

Excepcionalmente, de maneira razoada, poderá presentarse para a súa autorización pola Dirección Xeral de Comercio, solicitude de cambio de localización do investimento.

Artigo 15º.-Xustificación da subvención.
1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 30 de outubro de 2007:

a) Facturas xustificativas da materialización do investimento, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos investimentos realizados.

b) Certificados de atoparse ao día nas súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas baixo ningún concepto coa Xunta de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 14/2006 de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007.

c) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais segundo anexo III desta orde.


2. Os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren adecuados. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda ou subvención concedida.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención farase nun único pagamento mediante transferencia bancaria, unha vez xustificado o investimento, para o cal se lle unirá á documentación de xustificación que se indica no artigo anterior, certificación expedida pola entidade bancaria onde se vai realizar o aboamento, en que conste o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código da conta corrente.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto e o investimento realizado non sexa inferior á contía mínima establecida no artigo 2º.2. En caso de concorrencia

con outras axudas aplicarase o establecido no artigo 2º.3.
Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 18º.-Control.
1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Publicidade.
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente considerados, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 20º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO VI
Epígrafes do IAE subvencionables
641.-Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
642.-Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643.-Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644.-Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645.-Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.
647.1.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3.-Comercio polo miúdo de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se encontre comprendida entre 120 e 399 metros cadrados.

651.-Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2.-Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3.-Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4.-Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.
653.-Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción.
654.2.-Comercio polo miúdo de accesorios e pezas de recambio para vehículos.
654.5.-Comercio polo miúdo de toda clase de maquinaria.
657.-Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2.-Comercio polo miúdo de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3.-Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4.-Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5.-Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutaría.

659.6.-Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestido, calzado e lacado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7.-Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3.-Comercio polo miúdo en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2.-Comercio polo miúdo de toda clase de artigos.
663.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente.



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es