Diario Oficial de Galicia
venres, 16 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

54


Páxina do Dog:

4.180


Data da Disposición:

9 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 9 de marzo de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establece e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2007.



Resolución do 9 de marzo de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establece e regula o programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2007.

A Secretaría Xeral de Emigración, segundo o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior e a política inmigratoria e de retorno en Galicia.

O Real decreto 1612/2005, do 30 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 728/1993, do 14 de maio, polo que se establecen pensións asistenciais por ancianidade a favor dos emigrantes españois, supuxo a universalización das pensións asistenciais e unha mellora substancial dos sistemas de protección social dos españois de orixe residentes no estranxeiro que, chegados á idade de xubilación, carecen de recursos que lles aseguren un mínimo de subsistencia.

A pesar da ampliación dos plans de cobertura sociosanitaria do Estado, existen persoas de orixe galega residentes no exterior en situación de necesidade que precisan de axudas que poidan paliar ou contribuír nalgunha medida á mellora desa situación.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración, está impulsando, nunha actuación coordinada co Estado español, unha nova política de atención e protección aos galegos residentes no exterior coa finalidade de garantirlles a estes cidadáns o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais e estatutarios en termos de igualdade cos españois residentes en Galicia, superando o tradicional concepto da emigración.

Neste contexto enmárcase a presente resolución de convocatoria de axudas económicas individuais a emigrantes galegos para o exercicio de 2007, que van ter un carácter individual, extraordinario e non periódico.

A disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve, logo do informe da

Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,
DISPOÑO:
Programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior.
Artigo 1º.-Obxecto e características.
1.1. O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais a emigrantes galegos nos termos e nas condicións que seguen. Especificamente, regúlase a concesión de axudas económicas, directas, individuais e de carácter social, dirixidas aos emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes no estranxeiro, que se atopen en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

1.2. Estas axudas destinaranse aos residentes nos países iberoamericanos, debido á súa situación actual e a da nosa comunidade alí residente.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
2.1. Os emigrantes de orixe galega e nacionalidade española residentes no exterior. A forma de acreditar esta condición de emigrante sinálase no artigo 14º.

2.2. No caso de falecemento da persoa indicada no punto anterior, poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 8º da presente convocatoria o cónxuxe viúvo, a parella de feito ou relación análoga e os fillos que dependían economicamente do falecido, se non transcorreron dous anos desde o falecemento.

2.3. O/a cónxuxe viúvo/a ou persoa coa que mantivese unha unión de feito ou relación análoga, pai, nai ou orfos de emigrantes que cumprindo os requisitos do punto 2.1 teñan desaparecido ou falecido como consecuencia da represión política realizada polas ditaduras militares en Arxentina, Chile e Uruguai.

Artigo 3º.-Requisitos xerais dos solicitantes.
Poderán solicitar estas axudas as persoas que cumpran e acrediten documentalmente os requisitos xerais que a continuación se sinalan:

3.1. Teren o seu lugar de residencia nos países iberoamericanos.
3.2. Careceren de rendas, ingresos ou patrimonio.
3.2.1.Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña o interesado ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores á base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade establecida polo Estado para o país de residencia (agás o suposto establecido no artigo 5), contías que se recollen no anexo II desta resolución, sen prexuízo do establecido no punto 3.4 deste artigo, computándose todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Malia o disposto no parágrafo anterior, se o solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes, segundo o previsto nese parágrafo, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada

pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente o beneficiario ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outros substitutivos daqueles.

3.2.2. Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles cun valor superior á base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual.

3.3. Non pertenceren a organizacións, comunidades ou institucións que polas súas regras ou estatutos estean obrigados a prestarlles asistencia.

3.4. Non seren beneficiarios no ano 2007 de pensións asistenciais por ancianidade do Estado español, agás nos seguintes supostos:

3.4.1. Que residan en países onde o Estado español non teña posto en funcionamento accións destinadas á cobertura sociosanitaria nin farmacéutica.

3.4.2. Nos casos establecidos nos artigos 6º, 7º, 8º e 9º desta convocatoria.
Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda previstos nos seguintes artigos, os solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que nel se sinalan, tendo en conta que as contabilizacións por idade ou tempo transcorrido se computarán na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.5. Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o primeiro grao sempre que convivan e dependan economicamente do solicitante.

Artigo 4º.-Axudas por invalidez ou enfermidade permanente.
Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

4.1. Seren menores de 65 anos de idade.
4.2. Encontrarse nunha situación de invalidez ou enfermidade permanente que o incapacite para desenvolver calquera tipo de actividade laboral.

Artigo 5º.-Axudas para paliar unha situación de paro.
Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que se atopen en situación legal de desemprego e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3º e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

5.1. Ser maior de 50 anos e menor de 65 anos.
5.2. Os ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar non poderán superar a metade do estipulado no artigo 3.2.1.

Artigo 6º.-Axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado.

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3º e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

6.1. Ter cumpridos 64 anos de idade.
6.2. Padeceren unha enfermidade crónica ou grave que requira dunha medicación ou tratamento de custo elevado e careza da correspondente cobertura. Entenderase que o custo é elevado cando as cantidades destinadas a estes fins ascendan polo menos a un seis por cento das cantidades enumeradas no anexo II, en cómputo mensual. Entre os gastos derivados do tratamento da enfermidade crónica ou grave poderanse engadir, de ser o caso, os de copagamento de actos médicos.


Artigo 7º.-Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante.

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3º e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

7.1. Estar o solicitante nunha das seguintes situacións:
-Atoparse en situación de dependencia por mor de grande invalidez, incapacidade permanente absoluta ou enfermidade conxénita invalidante, que fagan necesarios coidados e asistencia de terceiros e careza da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

-Padecer unha enfermidade grave con necesidade de atención urxente.
Artigo 8º.-Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar.

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3º e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

8.1. Estar o seu cónxuxe ou persoa coa que manteña unha unión de feito ou relación análoga ou os fillos nunha das seguinte situacións:

-Atoparse en situación de dependencia por mor de grande invalidez, incapacidade permanente absoluta ou enfermidade conxénita invalidante, que fagan necesarios coidados e asistencia de terceiros e careza da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

-Padecer unha enfermidade grave con necesidade de atención urxente.
Artigo 9º.-Axudas en casos de afectación da necesidade básica de vivenda.
Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3º e aqueles específicos que se sinalan a continuación:

9.1. Que sucedesen nos últimos doce meses, contados desde a data de remate do prazo de solicitudes, feitos extraordinarios, de carácter puntual, que afecten gravemente a cobertura da necesidade básica de vivenda tales como inundación, incendio, desaloxo e desafiuzamento.

Artigo 10º.-Contía da axuda.
10.1. A contía da axuda poderá variar entre un mínimo de 400 euros e un máximo de 900 euros. Será fixada tendo en conta:

-O número de solicitudes presentadas.
-O importe da axuda estará en función da avaliación obtida en aplicación dos criterios establecidos no artigo 17 e tendo en conta a gravidade do suposto polo que se solicita, ordenándose en orde decrecente segundo os artigos correspondentes a cada suposto tal como se sinala a continuación: 7, 8, 4, 6 , 9, 5.

10.2. Cando nunha mesma unidade económica familiar concorra máis dun beneficiario, a contía das axudas será minorada nun 70 por cento excepto a de maior importe, agás no suposto previsto no artigo 5º, no que só poderá ser beneficiario un membro da unidade económica familiar.

10.3. Cando o solicitante resida nun centro asistencial ou similar, a contía máxima da axuda non superará a diferenza entre o custo do centro e os ingresos acreditados polo solicitante. En todo caso, non superará o importe previsto no artigo 10.1.

Artigo 11º.-Natureza das axudas.
11.1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio orzamentario 2007, previstas para esta finalidade.

11.2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante.
11.3. Cada solicitante soamente poderá pedir unha axuda, por un único suposto.
Artigo 12º.-Competencia.
A competencia para resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta resolución correspóndelle ao secretario xeral de Emigración.

Artigo 13º.-Lugar e prazo de presentación.
13.1. Lugar de presentación.
13.1.1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran as consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante).

13.1.2. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Os interesados que así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación para a presentación telemática das súas solicitudes:

* En Arxentina:
-Centro Gallego de Bos Aires.
* En Brasil:
-Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
-Real Sociedad Española de Beneficencia de Salvador-Bahía
-Sociedad Hispano Brasileña de Socorros Mutuos e Instrucción en Sao Paulo.
-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.
* En Cuba:
-Federación de Sociedades Gallegas en La Habana.
* En Uruguai:
-Unión de Sociedades Gallegas de Montevideo.
* En Venezuela:
-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

13.1.3. As entidades galegas remitirán todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral de Emigración nos seis días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización da secretaría xeral.

13.2. Prazo. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 2 de xullo de 2007, agás as correspondentes ao artigo 9º que poderán presentarse na época do ano en que se produza a continxencia, quedando condicionada a súa concesión á existencia de crédito.

Artigo 14º.-Acreditación da condición de emigrante.
A condición de emigrante de orixe galega e nacionalidade española deberá acreditarse mediante a presentación da seguinte documentación:

14.1 A nacionalidade española mediante o pasaporte español en vigor, o certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

14.2 A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

14.2.1 Ser nado en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España foi en Galicia.

14.2.2 Que se atope vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes e sexa descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no punto 14.2.1.

Artigo 15º.-Documentación.
15.1. Todos os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I desta resolución. No caso de que os solicitantes sexan menores de idade ou incapacitados, asinará a solicitude o pai, nai ou titor daquel.

No modelo da solicitude inclúese unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas, con expresión das que foron concedidas polas distintas administracións públicas competentes.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais, e acreditación documental da condición de emigrante español de orixe galega, de acordo co artigo anterior, do solicitante da axuda ou do seu causante.

c) Documentación que acredite a convivencia familiar, se é o caso.
d) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos en común abondará con acreditar a convivencia, segundo o establecido na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

e) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

f) No suposto dos desaparecidos ou falecidos como consecuencia das ditaduras militares en Arxentina, Chile e Uruguai, achegarase ademais declaración oficial de desaparición ou falecemento e xustificante de terse producido como consecuencia da represión política realizada polas ditaduras militares en Arxentina, Chile e Uruguai.

g) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada. En caso de que o solicitante non estivese obrigado a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar, ou de non percibirse, declaración responsable do solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza.


h) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar, ou de non percibirse, declaración responsable do solicitante de que ningún

membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza.

i) No caso de residir o solicitante nun centro asistencial ou similar, deberá presentar xustificante do custo mensual do devandito centro.

j) Certificado catastral ou documentación similar en que consten os bens inmobles dos que dispoñan os membros da unidade económica familiar.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que consten os bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar.

k) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

15.2. Ademais, para cada caso concreto deberán completar a documentación achegando:

15.2.1. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 4º:

-Documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia. Nos países en que este documento non se expedise, certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo III, realizado polos servizos médicos dunha sociedade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola sociedade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde pública oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares en que estas existan. Podería admitirse un certificado médico nun modelo distinto do anexo III, sempre que cumprise o anteriormente sinalado e del se puidesen extraer obxectivamente os mesmos datos que aparecen no modelo normalizado.

15.2.2. Para os casos de paro xeneralizado na unidade familiar previstos no artigo 5º:

Xustificantes da situación de paro, con indicación de se é subsidiado ou non, do cabeza de familia e do resto dos membros que compoñen a unidade familiar e que estean nesa situación.

15.2.3. Para os casos de cobertura de medicamentos e tratamento de enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 6:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que o descrito na alínea 15.2.1.

b) Xustificación dos gastos mensuais en medicamentos efectivamente aboados polo solicitante, no modelo normalizado do anexo V consonte o indicado no punto anterior, de ser o caso, xustificación dos outros gastos mensuais efectuados no tratamento da enfermidade.

15.2.4. Para os casos de situación de dependencia ou enfermidade grave previstos nos artigos 7º e 8º:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo VI, nos mesmos termos que o descrito no punto 15.2.1 e, de ser o caso, outros xustificantes que poidan servir como comprobantes do grao de dependencia de terceiras persoas para o desenvolvemento da súa vida diaria.

15.2.5. Para os casos de afectación da necesidade básica de vivenda previstos no artigo 9º, deberá presentar xustificantes que poidan servir como comprobantes das devanditas circunstancias.

15.3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992.

15.4. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser beneficiario das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 16º.-Tramitación.
16.1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan pola presente resolución axustarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a devandita Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no seu artigo 78.

16.2. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia das dispoñibilidades orzamentarias. Para isto, crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida pola subdirectora xeral de Programas Sociais, ou persoa en que delegue, e composta polos seguintes membros:

-O xefe do Servizo de Acción Social.
-Un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.
16.3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 17º, podendo establecerse unha distribución por países. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión, a través da Subdirección Xeral de Programas Sociais, que se presentará ao secretario xeral de Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 17º.-Criterios de valoración.
Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os que se sinalan a continuación:

17.1. Para os supostos do artigo 4º:
a) Grao de autonomía: de 1 a 4 puntos.
b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.
c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.
17.2. Para o suposto do artigo 5º:
a) Cargas familiares na unidade económica familiar, considerándose a tal fin os menores de 24 anos ou maiores desta idade discapacitados, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, sempre que dependan economicamente do solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.
c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.
17.3. Para o suposto do artigo 6º:
a) Gasto farmacéutico: de 1 a 4 puntos.
b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.
c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.
17.4. Para os supostos dos artigos 7 º e 8º:
a) Grao de dependencia de terceiros / gravidade da enfermidade: de 1 a 4 puntos.
b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.
c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.
17.5. Para o suposto do artigo 9º:
a) Grao de afectación da vivenda: de 1 a 4 puntos.
b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.
c) Número de membros da unidade económica familiar: de 1 a 2 puntos.
Artigo 18º.-Resolución.
18.1. As resolucións seranlles notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral de Emigración asegurará a publicidade dos beneficiarios das axudas na páxina web www.galiciaaberta.com, de acordo coas súas características, contía e número.

18.2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

18.3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe

interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.


Artigo 19º.-Obrigas dos beneficiarios.
De conformidade co disposto no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, antes do derradeiro pagamento da axuda o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral de aplicación ás axudas de subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro públicos de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo os casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais

da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 20º.-Modificación da resolución de concesión e reintegro.
20.1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as que se solicitou a axuda, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

20.2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Artigo 21º.-Financiamento.
As axudas precisas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.480.0.-Accións política migratoria. O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de un millón trescentos mil euros (1.300.000 A). O citado importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

A concesión das axudas estará sempre condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na referida aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Artigo 22º.-Recursos.
Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2007.
Manuel Luis Rodríguez González
Secretario xeral de Emigración
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS
E TRANSPORTES



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es