Diario Oficial de Galicia
xoves, 15 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

53


Páxina do Dog:

4.092


Data da Disposición:

6 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 6 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais relacionadas coa recuperación da memoria histórica e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 6 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais relacionadas coa recuperación da memoria histórica e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Deporte responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.19º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e no artigo 32, que corresponde á nosa comunidade autónoma, a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Deporte asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión de diferentes tipos de axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos e colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais.

No exercicio destas competencias, a recuperación da nosa memoria histórica é unha obriga institucional que ten que responder á demanda mantida durante décadas pola sociedade galega. Durante moito tempo, o maior esforzo recaeu en asociacións e particulares, que desenvolveron un comprometido traballo de investigación e difusión, e o seu esforzo formou o muro que detivo o esquecemento, descubrindo a verdade e contribuíndo ao seu coñecemento. Grazas a ese esforzo xeneroso e xusto podemos agora tirar do fío da memoria e recoller un testemuño que loitou para que o silencio non fose total.

En todo este tempo, e fundamentalmente nos últimos anos, agromaron asociacións e iniciativas particulares encamiñadas a lembrar os nomes e os espazos da represión, recoller as voces dos represaliados ou abrir os arquivos para atopar a documentación que confirmaba o alcance dos acontecementos ocorridos en Galicia. Maiormente, estes traballos fixéronse sen ningún apoio institucional, coa vontade persoal de quen os executaba, persoas convencidas de que era preciso un esforzo colectivo para un labor do que dependía o noso futuro.

A Consellería de Cultura e Deporte quere agora recoñecer a relevancia deste labor e apoiar as accións de recuperación da memoria histórica que neste ano organicen asociacións e particulares, tanto desde o ámbito da investigación como da homenaxe e a divulgación.

Por todo o exposto e en uso das facultades que lle foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.
1. É obxecto desta orde fixar, para o exercicio 2007, o réxime de concesión de subvencións destinadas ao fomento da organización e realización de actividades relacionadas coa recuperación da memoria histórica, en especial as de investigación, difusión e de homenaxe ás vítimas da represión despois do 1936, levadas a cabo por asociacións, entidades, particulares e fundacións sen ánimo de lucro que sexan solicitadas á Consellería de Cultura e Deporte, conforme o procedemento que a continuación se establece.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural, a difusión e animación sociocultural e a investigación que contribúen ao espallamento do coñecemento da nosa memoria histórica, en especial aos acontecementos acaecidos despois de 1936, e da nosa identidade como pobo.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.
1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02..432B.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.

2. O importe destinado a estas subvencións e de 100.000 A (cen mil euros).
3. A contía de cada subvención non poderá superar a cantidade de 12.000 A ( doce mil euros).

4. Signifícase que estas axudas poderán ser compatibles con outras para o mesmo fin, sempre que o importe total das subvencións non supere o investimento previsto para as actividades obxecto da subvención.

5. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 13.2º da Lei xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, fundacións e asociacións legalmente constituídas, sen ánimo de lucro, con domicilio social en Galicia, así como as que realicen as súas actividades culturais, de interese xeral, en Galicia. Valorarase a súa relevancia cultural, a continuidade no tempo e que o seu obxectivo principal sexa a recuperación da memoria histórica e, en especial, das vítimas da represión franquista.

2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Deporte e fosen sancionados por falta de xustificación do seu investimento.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.
1. Os que desexen acollerse á presente orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á conselleira de Cultura e Deporte segundo modelo que figura como anexo, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nos rexistros das delegacións provinciais desta ou por cal

quera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntarase a documentación seguinte:
a) Fotocopia do NIF ou de ser o caso do CIF da entidade.
b) Declaración do solicitante das subvencións solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.

c) Documentación relativa ao programa ou actividade que se vai desenvolver.
d) Memoria, o máis detallada posible, relativa ao programa ou actividade, que deberá facer mención como mínimo, aos seguintes aspectos:

-Interese do programa ou actividade.
-Emprego do galego no desenvolvemento do programa ou actividade.
-Contribución ao fomento e difusión da nosa memoria histórica.
-Potencial nº de beneficiarios/as.
-Repercusión territorial do programa ou actividade.
e) Orzamento desagregado e polo miúdo da actividade ou programa, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

f) Memoria en que se describan as actividades relacionadas coa recuperación da memoria histórica realizadas ata o ano 2006 polo solicitante.

g) Anexo II coberto.
h) Calendario de execución do programa.
i) Voluntariamente poderá achegarse calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que sexa pertinente para a mellor valoración do programa ou actividade presentada.

3. Os anexos I e II desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique a convocatoria ou ben na páxina da internet: http://culturaedeporte.xunta.es/

4. Ao abeiro do establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social, para as axudas que superen o importe de 1.500 euros. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, punto 4 c) e 8 derradeiro parágrafo, respectivamente.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.
Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia

de que de non o facer se considerará que desistiu da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común, e de acordo ao previsto nos artigo 42 e 92 da citada lei.

Artigo 6º.-Proxectos subvencionables.
a) Aqueles que contribúan á recuperación da nosa memoria histórica e que sexan de interese cultural e social.

b) Investigación e homenaxe arredor das victimas do golpe militar de 1936, así como da represión exercida no franquismo.

c) Recollida de testemuños orais tanto das vítimas como dos seus familiares co fin da reconstrución da historia.

d) A compilación de documentación escrita, en versión orixinal ou en soporte dixital de documentos relativos ao levantamento militar de 1936, a posguerra e a construción da sociedade democrática galega.

e) A organización de cursos, congresos, seminarios ou xornadas, así como a realización de exposicións acerca da recuperación da memoria histórica ou outros temas relacionados coas vítimas deste período.


f) O recoñecemento de intelectuais, artistas e personalidades do mundo da cultura que teñan sido perseguidas, asasinadas ou exiliadas pola defensa das súas ideas.

g) A recuperación da historia das mulleres, da represión exercida sobre elas e dos nomes das que foron asasinadas, perseguidas, apresadas ou se tiveron que exiliar neses duros anos.

h) Investigación arredor dos bens incautados, a súa procedencia e o seu destino, así como a recuperación do patrimonio democrático histórico.

i) Reconstrución a través de distintas expresións artísticas e culturais de episodios históricos de especial relevancia.

j) Investigación de fontes documentais e actuacións xudiciais relativas á represión. Estudo histórico de centros penais, campos de concentración e outros espazos represivos.

k) Estudos realizados arredor da participación dos galegos e galegas na Segunda Guerra Mundial e das vítimas dos campos de concentración nazis.

l) Actividades encamiñadas ao recoñecemento do labor dos exiliados, á recuperación do patrimonio histórico-artístico desenvolvido nos países de destino e á homenaxe a todos e todas os que tiveron que abandonar o país para fuxir da represión.

Artigo 7º.-Instrución e selección de solicitantes.
Correspóndelle á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse proposta de resolución.

Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Creación e Difusión Cultural.
-Vogais: en número de sete, dúas persoas propostas pola Consellería de Cultura e Deporte, o subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural, a xefa do Servizo de Creación e Difusión Cultural e un funcionario que actuará como secretario. A Comisión de Valoración poderá solicitar cantos informes coide necesarios para a elaboración do informe da valoración.

A comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:
a) Calidade, interese, orixinalidade e carácter innovador do programa ou actividade desde o punto de vista cultural, con especial valoración dos proxectos que contribúan ao fomento e difusión da cultura galega: ata 10 puntos.

b) Carácter continuado e non ocasional do proxecto: ata 5 puntos.
c) Potencial número de beneficiarios/as do programa ou actividade: ata 5 puntos.
d) Repercusión territorial do programa ou actividade: ata 5 puntos.
e) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: ata 5 puntos.
f) Capacidade divulgativa e de incidencia nos distintos niveis do ensino e en outros colectivos sociais: ata 5 puntos.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada.

Artigo 8º.-Resolución.
Á vista da proposta de resolución, a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da axuda concedida e a contía desta.

O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará, na súa páxina web oficial, a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Importe máximo das subvencións.
O importe máximo destas subvencións non poderá, en caso ningún, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 10º.-Pagamentos e xustificación.
1. Unha vez concedida a subvención, e aceptada por escrito polo beneficiario no prazo de dez días, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

2. Os beneficiarios quedarán obrigados a xustificar as subvencións, no prazo dos 20 días hábiles posteriores á realización das actividades, e en todo caso, antes do 1 de novembro do ano 2007, mediante a presentación dos xustificantes acreditativos, orixinal e dúas fotocopias de que a actividade foi realizada, xunto coa relación detallada destes, cunha memoria explicativa das actividades desenvolvidas en relación coa finalidade da axuda concedida, así como dous exemplares da publicidade xerada.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.
Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 14 da Lei xeral de subvencións e no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e especialmente as seguintes:

1. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

2. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos, e deberanlle comunicar, se é o caso, á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, o lugar, o día e a hora da actividade subvencionada. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

3. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Deporte -Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural- utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

4. No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Os beneficiarios, co fin de comprobar a realización da actividade, terán que achegar á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, con destino ao Centro da Memoria, unha copia da gravación en soporte axeitado cando o proxecto sexa de recollida de memoria oral das vítimas, testemuñas ou familiares. Tamén deberán entregar o orixinal ou, se é o caso, unha copia en soporte dixital con este mesmo destino cando se trate de documentación escrita ou outros materiais.

Artigo 12º.-Anulación e reintegro da axuda.
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorran calquera das circunstancias previstas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Deporte, instruirá expediente sancionador, de conformidade co previsto no artigo 79 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Notificación e desestimación.
1. A resolución da convocatoria producirase no prazo máximo de tres meses a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

2. No caso daquelas solicitudes que fosen desestimadas, os solicitantes poderán, a partir desta data, retirar a documentación no prazo de 30 días seguintes.

Artigo 14º.-Recursos.
Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a conselleira de Cultura e Deporte.


Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2007.
Ánxela Bugallo Rodríguez
Conselleira de Cultura e Deporte



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es