Diario Oficial de Galicia
martes, 13 de marzo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
51
Páxina do Dog:
3.889
Data da Disposición:
2 de marzo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 2 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de
subvencións a concellos do litoral para o acondicionamento e mellora das zonas
de costa onde se practique asiduamente o baño, e se procede á súa convocatoria
para o ano 2007.
Orde do 2 de marzo de 2007 pola que
se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, de subvencións a concellos do litoral para o acondicionamento e
mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño, e se procede á
súa convocatoria para o ano 2007.
Galicia como
destino turístico conta cun amplo abano de produtos que lle outorgan unha
singulariedade en canto á súa oferta turística, a cal cunha rica e variada
oferta de recursos (patrimoniais, culturais, paisaxísticos...) permite que
Galicia sexa, cada vez máis, un dos principais destinos elixidos polas persoas
interesadas en coñecer novas xentes e lugares.
No marco desta ampla gama
turística que ofrece a comunidade galega, debe destacarse o contorno natural do
seu amplo litoral costeiro (1.300 km de costa) no que se reparten 772 praias,
espalladas nas cinco grandes rías, espazos naturais cunhas condicións óptimas
para o desenvolvemento de actividades turísticas vencelladas ao mar.
A costa é un espazo de
lecer cunha gran demanda na época estival co consecuente impacto económico que o
seu aproveitamento turístico supón. Mellorar e valorizar este contorno no marco
do respecto ao ambiente convértese, polo tanto, nun elemento esencial para
captar e consolidar visitantes.
Así, debe ser obxectivo fundamental levar a cabo
actuacións en toda a franxa costeira principalmente nos seus concellos,
aproveitando basicamente os seus valores paisaxísticos, naturais, culturais e a
súa potencialidade para o uso turístico do litoral.
O obxecto das ditas
actuacións é por un lado darlle resposta á nova demanda de zonas de lecer e goce
en enclaves de maior calidade ambiental e, por outro, potenciar o turismo, tanto
foráneo coma local, que opta por lugares que ofrecen posibilidades diferentes
aos habituais do turismo de masas.
Trátase de realizar unha explotación organizada e
racional do litoral, baseada nas premisas do desenvolvemento sustentable, todo
mediante accións que impliquen a preservación e restauración dos distintos
recursos e a súa explotación causando o mínimo impacto ambiental.
Con isto preténdese
avanzar no proceso de consecución do máis alto grao de calidade nas praias,
tanto desde o punto de vista da mellora na xestión dos recursos coma na xestión
ambiental, mediante a implantación e posterior certificación de sistemas de
xestión de calidade e ambiental, das praias da costa galega.
No desenvolvemento das
actuacións expostas teñen especial relevancia, pola súa importancia e amplas
competencias, os municipios e demais entidades locais onde se localizan as
praias, por ser estas entidades as que asumen a maior participación no proxecto
e a súa execución en cada praia concreta.
Por isto, a Consellería de Innovación e
Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, pretende con esta orde
colaborar coas anteditas entidades co fin de acadar os obxectivos
sinalados.
En
consecuencia, e con cargo aos créditos da Consellería de Innovación e Industria
asignados para esta finalidade, conforme o establecido sobre medidas de fomento
nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do
turismo en Galicia, e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia e conforme a Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións, convócanse axudas destinadas ao acondicionamento e mellora
das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño para o ano
2007.
Por
iso, no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Nesta orde
establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2007 subvencións, en
réxime de concorrencia competitiva, para apoiar aqueles investimentos dirixidos
ao acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o
baño para a obtención de certificados de xestión de calidade e/ou ambiental, nos
termos do artigo seguinte.
Artigo 2º.-Actuacións
subvencionables.
O acondicionamento e
mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño realizarase a
través das seguintes actuacións:
1. Proxectos que teñan como obxectivo a mellora
dos espazos de uso turístico ou dos servizos destinados á mellora do produto
praia, tales como construción de accesos ás praias; creación, mellora e
acondicionamento dos servizos ofertados, embelecemento de praias e zonas
costeiras.
2.
Proxectos que teñan como finalidade actuacións consistentes en obras ou
reparacións destinadas a desenvolver programas que conduzan á obtención da
certificación correspondente de calidade ou de xestión ambiental das praias
turísticas da comunidade galega.
Entenderase tamén obxecto subvencionable, o
investimento nos procesos de certificación de xestión de calidade e ambiental,
orixinados, exclusivamente, durante o proceso de auditoría de certificación de
cada unha das seguintes modalidades:
Sistema de Calidade Turística para Praias
outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e ISO 9001 e
ISO 14001, acreditadas pola Entidade Nacional de Acreditación
(ENAC).
Só se
contemplarán as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación e
posterior, que
dando excluídos os gastos xerados polo persoal (laboral ou funcionario)
dependentes da corporación local ou da sociedade ou organismo municipal de
calquera clase, así como aqueles gastos nos que incorra o solicitante durante o
proceso de implantación do correspondente sistema de xestión.
Só se procederá ao
pagamento da axuda no caso do logro efectivo da certificación correspondente que
se deberá acreditar de xeito fidedigno ante a Dirección Xeral de Turismo, non
considerándose en ningún caso a axuda sen esta condición.
Os certificados de
calidade e xestión ambiental outorgados polo cumprimento dos requisitos das
normas ISO 9001 e ISO 14001 respectivamente, deberán ser extensivos á xestión do
conxunto das praias do municipio, non admitíndose un certificado para cada praia
individualmente considerado. Cada municipio, polo tanto, pode acceder a unha
axuda para a certificación citada da xestión das súas praias, segundo cada
modalidade de certificación anteriormente mencionada.
3. Proxectos que teñan
como finalidade actuacións consistentes na implantación de infraestruturas
adaptadas, así como equipamentos, actividades e servizos que conformen un espazo
turístico accesible.
Todas estas actuacións subvencionables deberán adaptarse á Lei 8/1997, do
20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma
de Galicia e ao Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o
Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión
de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Quedan expresamente
excluídas do obxecto desta orde as actuacións seguintes:
a) Accións dirixidas á limpeza das praias, así
como a adquisición de material para a dita limpeza; tampouco será subvencionable
o equipamento de grellas, mesas de pimpón, etc.
b) Accións de
rehabilitación de estruturas xa existentes, como paseos, camiños, carreiros,
pontes, etc.
Non se considera subvencionable ningún tipo de taxa ou
imposto.
Artigo 3º.-Determinacións
orzamentarias.
A Consellería de
Innovación e Industria concederá as ditas subvencións, que se rexen polos
principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, con cargo
aos créditos previstos para o ano 2007, imputaranse na aplicación orzamentaria
10.06.761A.760.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería e
Innovación e Industria para 2007, na que existe crédito ata un importe máximo de
650.000 euros.
Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o
mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de
tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións
públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea
establecido.
Artigo 4º.-Contía das axudas.
Os proxectos que se recollen nesta orde como actuacións subvencionables
poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40%, cun máximo de 60.000
euros.
No
caso de certificación de sistemas de xestión de calidade e ambiental, a axuda
terá unha contía máxima de 2.000 euros.
Artigo 5º.-Requisitos dos
beneficiarios.
Poderán ser
beneficiarios da subvención, e solicitar a axuda regulada conforme o sinalado
nesta orde, os concellos do litoral galego situados no ámbito da Comunidade
Autónoma de Galicia que conten con zonas de praia ou baño utilizadas por
residentes e foráneos.
Artigo 6º.-Ámbito temporal.
Poderán acollerse a esta orde as actuacións que
se describen no seu artigo 2º, sempre que se realicen no período comprendido
entre o 1 de xaneiro de 2007 e a data de xustificación dos investimentos
establecida no artigo 12º.
Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.
Os beneficiarios da subvención para o
acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o
baño adquiren os seguintes compromisos e obrigas de conformidade co establecido
no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se
aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia:
a) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de
subvención ou, de ser o caso, o modificado coa autorización da administración
turística galega.
b) Asumir todas as responsabilidades que puidesen derivar das actuacións
obxecto da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que
efectúe a Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que
lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas
subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de
Contas e do Consello de Contas.
d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da
Consellería de Innovación e Industria a obtención
doutras subvencións ou
axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente
público, nacional ou internacional.
e) Manter o obxecto da subvención en bo estado de
limpeza e conservación axeitada.
f) Xustificar a subvención concedida nos prazos e
termos previstos nesta orde.
g)
Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida
así como os correspondentes xuros de demora percibidos desde o momento do
pagamento, nos seguintes casos:
* Por incumprimento dos compromisos e obrigas
relacionados neste artigo.
* Por
incumprimento da obriga de xustificación total ou parcial nos prazos e termos
establecidos nesta orde.
* Obtención da subvención sen reunir os
requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións
requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
* Incumprimento total ou
parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do
comportamento que fundamentou a subvención.
* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás
actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas
contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a
imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o
incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma
finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou
privado.
Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.
Primeiro.-As solicitudes de subvención e a
documentación que a continuación se especifica presentaranse por duplicado
exemplar, na delegación da Consellería de Innovación e Industria correspondente
á localización do investimento, ou en calquera das formas previstas na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,
no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no
Diario Oficial de Galicia:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo I,
subscrita polos alcaldes ou presidentes das entidades locais de que se
trate.
b)
Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o
mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.
c) Certificación do
secretario da entidade sobre o acordo adoptado por esta de solicitar a
subvención e compromiso de incluír no orzamento o importe do custo da actuación
que se vai levar a cabo, asu
mindo a parte non subvencionada pola Dirección
Xeral de Turismo, ou certificado de existencia de crédito necesario para
afrontar os gastos asumidos por parte do concello ou entidade local
correspondente.
d) Copia cotexada do DNI do representante do concello ou entidade local,
así como acreditación da súa representación.
e) Copia cotexada do CIF do concello.
f) Autorización da Administración estatal ou
autonómica que proceda segundo establece a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de
costas, e o Decreto 199/2004, do 29 de xullo, polo que se regulan as
competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público
marítimo-terrestre, ou acreditación de que a dita autorización está en
trámite.
De
non ser necesarias as ditas autorizacións pola natureza da actuación que se vai
executar, deberá achegarse certificación acreditativa da súa exención asinada
polo alcalde do concello solicitante.
g) Proxecto ou memoria descritiva da actuación
que se vai subvencionar con pronunciamento expreso de técnico competente sobre
medidas de accesibilidade e seguridade, con inclusión de:
1. Achega de datos, se se
dispón deles, de caracterización turística: frecuentación de turistas, número e
situación de hoteis ou outro tipo de aloxamentos, etc.
2. Situación con respecto
á lexislación en materia de costas e portos do lugar onde se pretenda levar a
cabo a actuación sobre a que se solicita a subvención, así como descrición do
lugar de actuación e os seus parámetros físicos.
3. Orzamento e prazo de
execución da actuación que se vai levar a cabo.
4. Obxectivos da actuación dirixidos ás melloras
e acondicionamento do lugar de que se trate.
5. Autorizacións pertinenentes respecto á
actuación que se vai subvencionar con base no disposto na Lei 22/1988, de
costas, e o seu Regulamento 1471/1989; Lei 62/1997, de portos, modificada pola
Lei 43/2003, e Decreto 199/2004, do 29 de xullo, sobre competencias autonómicas
na zona de servidume de protección do dominio público terrestre.
6. Fotografías da
localización do investimento.
7.
Cando sexa preciso, deberase presentar unha maqueta ou a solución máis completa
do proxecto obxecto de subvención.
Segundo.-Os interesados emendarán os defectos das
solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo
común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro; de non o facer, teranse por desistidos na súa petición logo de
resolución ditada para o efecto.
A Dirección Xeral de Turismo reservará para si a
facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente
para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación do proxecto
presentado.
De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto
132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e
convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención
consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos
ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito
rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente
establecidos.
Artigo 9º.-Instrucións e selección das solicitudes.
Correspóndelle á Dirección Xeral de Turismo a
instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio
cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e
comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de
resolución.
As solicitudes de subvención serán estudadas por unha comisión técnica de
valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e
Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes do Servizo de
Turismo de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e
Industria; os xefes do Servizo de Fomento e Promoción, de Inspección, de
Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, de Ordenación do Turismo e o xefe
da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario
da comisión o mencionado xefe do Servizo de Fomento e Promoción.
Os inspectores de Turismo
das delegacións provinciais emitirán informe sobre a concordancia do proxecto
que se vai realizar e a realidade existente.
Para a valoración das solicitudes teranse en
conta en orde decrecente os seguintes criterios, que terán a seguinte
puntuación:
Primeiro.-Que no concello solicitante exista un plan de dinamización ou
excelencia turística (1,75 puntos).
Segundo.-Estar catalogado como turístico o
concello solicitante (1,5 puntos).
Terceiro.-Dotación existente nas praias e necesidades formuladas para o
seu bo funcionamento (1,25 puntos).
Cuarto.-Grao de investimento efectuado pola
entidade local de que se trate nos últimos exercicios nas praias e no seu
contorno (1 punto).
Quinto.-Actividades de recreo, ocio, esparexemento, educativas ou doutra
índole relacionadas co mar que o concello solicitante leve a cabo na zona onde
se vai intervir (0,75 puntos).
Sexto.-Criterios de calidade da actuación
presentada (0,5 puntos).
Esta
comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, de ser o
caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en
conta as dispoñibilidades orzamentarias, formularalle ao conselleiro de
Innovación e Industria, a través do director xeral de Turismo, as propostas de
concesión ou denegación adoptadas por ela. Das ditas propostas redactarase a
correspondente acta.
A proposta de resolución redactarase de acordo coas determinacións
contidas no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Artigo 10º.-Resolución.
O
conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, de
ser o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que
esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente
recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou
recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os dous prazos desde o día
seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.
A resolución de concesión
determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións
orzamentarias para o ano 2007.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do
30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública
galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
Os interesados poderán
entender desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa
no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.
Artigo 11º.-Modificación
da resolución.
Segundo o artigo 12 do
Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a
obten
ción
concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou
entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de
concesión.
Cando por cincunstancias técnicas se varíe o contido específico dos
investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións
incidan no investimento subvencionable, o órgano competente para a concesión da
axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do
beneficiario/a, debendo cumprirse os seguintes requisitos:
a) Que a actividade,
conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta
orde.
b) Que
se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros e terceiras.
c) Que os novos elementos e as circunstancias que
motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen
a denegación da axuda ou subvención.
Por outra banda, o beneficiario deberá solicitar
a modificación con tempo suficiente para a súa avaliación antes do
desenvolvemento do proxecto.
A conformidade expresa da Consellería de
Innovación e Industria ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable
da Dirección Xeral de Turismo.
Artigo 12º.-Xustificación e pagamento das
subvencións.
1. Os beneficiarios da
subvención deberán:
* Cumprir o
obxectivo e realizar a actuación que fundamenta a subvención.
* Comezar a posta en marcha da actuación
subvencionada durante o ano 2007 e finalizala con tempo suficiente para
xustificar o investimento realizado dentro dos prazos establecidos nesta orde,
aínda que tamén poden ser subvencionadas aquelas accións xa iniciadas ou
executadas con anterioridade á publicación, iniciadas en 2007, sempre e cando os
solicitantes acrediten o dito investimento.
* Achegar á subvención concedida o crédito
necesario para afrontar os gastos asumidos por parte do concello correspondente
para a realización da actuación subvencionada.
* Os proxectos que se
subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de
accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as
normas regulamentarias de desenvolvemento.
2. O pagamento das subvencións realizarase logo
da xustificación do cumprimento da finalidade para a que foi
concedida.
3.
Os beneficiarios das subvencións concedidas en virtude desta orde terán como
data límite para a xustificación do investimento executado, que se
deberá realizar de
conformidade co orzamento presentado, a data do 31 de outubro de
2007.
4. O
investimento xustificado deberá coincidir coa resolución da concesión da
subvención ou coas modificacións ou prórrogas autorizadas. Se o investimento
xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a
subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe
xustificado.
5. Para percibir a subvención, os beneficiarios remitiranlle á Dirección
Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:
a) Solicitude de
cobramento, segundo o modelo do anexo II.
b) Facturas orixinais ou copia cotexada destas, xustificativas dos gastos
subvencionados realizados en función do orzamento e/ou factura pro forma
aceptados para a concesión da subvención.
c) Memoria que detalle as actividades levadas a
cabo derivadas das actuacións subvencionadas.
d) Declaración daquelas
axudas solicitadas ou concedidas para a actividade obxecto desta orde das
distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos ou
sociedades.
e) Certificación acreditativa orixinal da entidade bancaria do número de
conta e CIF do beneficiario.
f) Acta de manifestacións onde se recollan os
compromisos aos que se fai referencia no artigo 7º desta orde.
De non ter presentado as
autorizacións pertinentes relativas á Lei de costas e á Lei de portos (artigo 8º
g)5.) coa solicitude, deberán achegalas coa documentación exposta.
Se a documentación non
reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos
segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no
seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de
resolución ditada para o efecto.
Disposición derradeira
En todo o non recollido nesta orde aplicarase o
disposto para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que
resulte de aplicación.
Santiago de Compostela, 2 de mazo de
2007.
Fernando X. Blanco
Álvarez
Conselleiro de Innovación e
Industria
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es