Diario Oficial de Galicia
martes, 13 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

51


Páxina do Dog:

3.868


Data da Disposición:

1 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 1 de marzo de 2007 pola que se convocan axudas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria para realizar actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.



Orde do 1 de marzo de 2007 pola que se convocan axudas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria para realizar actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.

A integración plena no contexto europeo exíxenos unha intercomunicación, tanto no plano cultural como no laboral, para a que o coñecemento de linguas estranxeiras se fai imprescindible. A Comisión Europea, dentro do seu programa de traballo Educación e Formación 2010, considera que a comunicación nunha lingua estranxeira é unha das competencias clave para a sociedade do coñecemento. O dominio dunha primeira e segunda lingua estranxeira pode considerarse como unha necesidade de primeira orde para o cidadán do século XXI, pois contribúe de xeito esencial á formación integral do alumnado. A consecución destes obxectivos debe igualmente considerarse desde a perspectiva da contribución para reforzar unha cidadanía europea activa. Na procura destes fins, a Administración educativa galega é consciente da súa tarefa na formación do alumnado e no deseño de actividades formativas que lle proporcionen a oportunidade de enriquecer os coñecementos nestas linguas e no seu contorno cultural.

Está recoñecido que a mellor maneira de chegar a esa capacidade de comunicación é nun proceso de inmersión en que a lingua vehicular sexa a lingua en proceso de aprendizaxe. Para posibilitar que as familias galegas teñan a posibilidade de facilitarlles aos seus fillos e fillas o acceso a esta liña de coñecemento ábrese este eixe de actuación, que se basea na cooperación activa entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e institucións e organizacións educativas estranxeiras, e establécese así a oferta de actividades formativas de inmersión lingüística dirixidas ao alumnado da ESO para realizar no Reino Unido, Irlanda e Francia que lle facilite a mellora da competencia lingüística e fomente o interese pola cultura deses países.

Por todo iso, e dentro dun plan máis completo de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:
Primeiro.-Obxecto e ámbito da convocatoria.
O obxecto desta orde é convocar 1.000 axudas dirixidas ao alumnado da ESO que se determina no punto cuarto desta orde para realizar actividades de formación no estranxeiro durante o curso 2006/2007, na última semana de xuño, e nos meses de xullo e agosto de 2007. Destas, 400 realizaranse no Reino Unido, 400 en Irlanda e 200 en Francia.

Segundo.-Actividades a que se dirixen as axudas.
As actividades de formación desta convocatoria teñen como obxecto mellorar a competencia no uso

de linguas estranxeiras, inglés e francés, do alumnado desta comunidade autónoma mediante estadías cunha duración de tres semanas, que se desenvolverán desde finais do mes de xuño e nos meses de xullo e agosto no Reino Unido, Irlanda e Francia. As actividades desenvolveranse segundo as especificacións do anexo VII.

A Administración reserva para si o dereito de adxudicarlles aos solicitantes o centro para o desenvolvemento da actividade de inmersión lingüística, atendendo, na medida do posible, ás preferencias indicadas na solicitude.

Terceiro.-Condicións económicas.
Os gastos da viaxe desde o aeroporto correspondente, os de docencia e actividades complementarias dos cursos no Reino Unido, Irlanda e Francia, así como os de aloxamento e mantenza, serán financiados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, xunto coa achega das familias pola cantidade de 100 A, equivalente ao 5% do importe total da estadía, que será aboada, segundo se indicará no punto noveno desta orde, á entidade colaboradora a cargo da organización técnica da actividade.

Estas axudas son incompatibles co aproveitamento doutro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á realización de actividades formativas de mellora da competencia lingüística no estranxeiro, sen prexuízo do establecido no parágrafo d) do artigo cuarto.

Cuarto.-Beneficiarios e requisitos.
Poderá solicitar a participación en actividades de formación para a mellora da competencia no uso de linguas estranxeiras o alumnado dos cursos 2º 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria dos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os solicitantes destas actividades deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Que as persoas solicitantes ou, de ser o caso os membros da unidade familiar teñan domicilio fiscal no territorio da Comunidade Autónoma galega.

b) Os beneficiarios deberán estar realizando durante o curso 2006-2007 os cursos da ESO requiridos nesta convocatoria.

c) Os beneficiarios deberán ter, no curso 2005-2006, unha avaliación positiva na área de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.

d) As persoas participantes nas estadías non deben ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda para estadías no estranxeiro igual ou similar ás establecidas nesta orde de convocatoria.

e) As persoas participantes nas estadías deberán estar en posesión da documentación necesaria para realizar a viaxe ao estranxeiro: DNI ou pasaporte

en vigor. O alumnado que non teña nacionalidade española deberá contar co correspondente visado, tarxeta de residencia ou calquera outra exixencia requirida polo país a onde se viaxa, segundo corresponda.

Quinto.-Prazo e presentación das solicitudes.
Para poder facilitar e axilizar o trámite de selección, as persoas solicitantes deberán completar, on-line, a solicitude e anexos que como formulario electrónico se atoparán na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, ou ben presentar os anexos desta orde debidamente cubertos.

a) As solicitudes, asinadas polo pai/nai/titor legal, xunto cos anexos e a documentación acreditativa, dirixidos á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, deberán presentarse, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, nas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Faise notar a posibilidade de que a solicitude sexa remitida por correo, para o cal será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.

b) A presentación da solicitude de concesión de axudas polo interesado/a comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Se o representante legal ou os membros da unidade familiar do beneficiario non presentaron declaración, por non estar obrigados a facelo, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante información de carácter tributario ou económico facilitada pola Administración tributaria, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo.

Sexto.-Documentación.
Documentación que deben presentar todas as persoas solicitantes:
1. Solicitude segundo o anexo I desta convocatoria asinada polo pai/nai/titor legal e validados os datos académicos coa sinatura do director/a e selo do centro educativo onde cursa estudos o alumnado solicitante.

2. Autorización do pai/nai/titor legal para participar no programa, segundo o modelo que figura no anexo II.

3. Autorización de todos os membros da unidade familiar declarantes ao órgano xestor para solicitar

as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co requirido nas correspondentes bases reguladoras, segundo o modelo que figura no anexo III. Se o representante legal ou os membros da unidade familiar do beneficiario non presentaron declaración, por non estaren obrigados a facelo, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante información de carácter tributario ou económico facilitada pola Administración tributaria, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo.

4. Declaración de non ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda igual ou similar para esta actividade, segundo o modelo que figura no anexo IV.

Documentación que deben presentar as persoas solicitantes con circunstancias familiares especiais:

1. Declaración de formar parte dunha familia monoparental en que o sustentador principal é viúvo/a, pai, ou nai solteiro/a, divorciado/a ou separado/a legalmente ou de feito, segundo o modelo que figura no anexo V, xunto coa fotocopia compulsada do libro de familia para os casos en que se alegue viuvez ou divorcio do sustentador principal.

2. Fotocopia compulsada do libro de familia para os casos en que se alegue orfandade do solicitante.

3. Fotocopia do carné de familia numerosa, cando proceda.
4. Certificado do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33% acreditado polo equipo de valoración e orientación de minusvalidez (EVO) da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cando proceda.


5. Resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou de pensionistas de clases pasivas que acredite unha pensión de grande invalidez, cando proceda.

6. Fotocopia do DNI ou pasaporte en vigor do/a alumno/a beneficiario/a da axuda.
7. Acreditación da situación de desemprego do pai/nai/titor legal, cando proceda.

Non serán tidos en conta nin valorados os requisitos alegados e non xustificados documentalmente, nin os que se aleguen fóra dos prazos que figuran nesta convocatoria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Todas as fotocopias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa expedidas

polo equipo directivo do centro educativo ou pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado/a para que, nun prazo de dez días, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos no citado artigo.

Sétimo.-Comisión avaliadora.
A selección das persoas beneficiarias desta convocatoria realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidenta: o/a titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidenta da comisión avaliadora, con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membros da Inspección Educativa.

Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Oitavo.-Criterios de valoración.
Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder esta axuda serán:
1. Renda familiar dos pais/nais dos solicitantes. Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos computables obtidos por todos os membros no ano 2005 e entenderase que son ingresos da unidade familiar.

Ao cociente dos ingresos anuais da familia polo número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.904,00 A: 10 puntos.
De 3.904,01 A a 4.429,00 A: 8 puntos.
De 4.429,01 A a 4.961,00 A: 7 puntos.
De 4.961,01 A a 5.484,00 A: 6 puntos.
De 5.484,01 A a 6.060,00 A: 5 puntos.
De 6.060,01 A a 6.540,00 A: 4 puntos.
De 6.540,01 A a 7.072,00 A: 3 puntos.
De 7.072,01 A a 7.596,00 A: 2 puntos
De 7.596,01 A a 8.126,00 A: 1 punto.
Máis de 8.126,00 A: 0 puntos.
2. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata un máximo de 5 puntos. Considéranse neste punto situacións como:

Situación de desemprego do pai/nai ou titor legal: 0,5/1 puntos.
O ser orfos de pai e/ou nai: 1/2 puntos.
Pertencer a familias onde un ou máis membros con que conviva (en primeiro ou segundo grao por consanguinidade ou afinidade) teña unha minusvalidez de grao igual ou superior ao 33% ou sexa pensionista de grande invalidez: 0,5/1 puntos.

Pertencer a familias monoparentais cuxo sustentador principal sexa viúvo/a, pai ou nai solteiro/a, divorciado/a ou separado/a legalmente ou de feito: 0,5 puntos.

Pertencer a familias numerosas (presentarase carné): 0,5 puntos.
Noveno.-Procedemento de adxudicación.
1. Finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a comisión fará pública a relación de admitidos e de excluídos, xunto coas causas de exclusión e coa documentación para emendar, que se exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no edificio administrativo de San Caetano e nos das delegacións provinciais, na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Oficina de Atención ao Cidadán), así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/) na internet, na sección de convocatorias e de alumnado, e nos taboleiros de anuncios dos centros de ensino secundario.

2. Esta exposición abrirá un prazo de dez días para emendar erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias.

3. Transcorrido este prazo, publicarase nos lugares citados no punto 1 a listaxe provisional coas puntuacións obtidas, coa adxudicación de prazas e co importe que deben ingresar nos números de conta bancarios indicados e no prazo que se estableza. Así mesmo, publicarase unha listaxe de suplentes ordenados por puntuación. Faise notar que, nos casos en que se produzan empates na puntuación dos solicitantes, estes resolveranse aplicando o criterio de menor renda por membro da unidade familiar.

4. Abrirase un prazo de 10 días para que os solicitantes remitan á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria -preferentemente ao fax 981 54 64 42- o xustificante bancario do pagamento, que non terá devolución no caso de renuncia posterior. A non xustificación de ingreso da cantidade indicada, 100 A, supón a renuncia á praza adxudicada. Así mesmo, remitirán a declaración de non

ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda igual ou similar para esta actividade no momento de concesión da axuda, segundo o modelo que figura no anexo IV.

As prazas vacantes seranlles ofertadas aos alumnos suplentes por chamamento directo, segundo a relación publicada. Esta xustificación acompañarase da aceptación ou renuncia á axuda, segundo o modelo que figura no anexo VI.

5. A comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá a relación final das persoas seleccionadas.

6. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase nos taboleiros de anuncios e no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.es/ na internet, así como nos taboleiros de anuncios dos centros de ensino secundario.

7. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva, salvo casos debidamente xustificados, poderá supoñer, en aplicación do artigo 37 da Lei de subvencións e do artigo 78.10 da Lei de réxime financeiro de Galicia, o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (coas modificacións da Lei 4/1999), ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo.-Comunicación.
Unha vez efectuada a adxudicación das prazas, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa enviaralles aos pais/nais ou representantes legais dos participantes seleccionados unha comunicación relativa ao centro de inmersión asignado para a súa estandía.

Décimo primeiro-Contía das axudas.
O importe total de 1.900.000,00 A que se distribuirá nesta convocatoria farase con cargo á partida orzamentaria 09.02.423B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Décimo segundo.-Difusión desta convocatoria.
A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralles unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado; así mesmo expoñeranse no taboleiro de anuncios as listaxes provisionais e a definitiva de alumnado seleccionado. O contido desta orde e a información complementaria -acreditación dos centros receptores, póliza de seguros e responsabilidade civil, e os seus respectivos enderezos electrónicos- atoparanse na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, sección convocatorias e alumnado.

Décimo terceiro.-Recursos.
Contra esta orde os interesados poden interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (coas modificacións da Lei 4/1999) ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


Disposición adicional
Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizar expresamente a Administración concedente a incluír e facer públicos nos rexistros regulados no citado decreto os datos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO VII
O obxectivo das actividades de inmersión lingüística é darlle a oportunidade ao alumnado de practicar a lingua inglesa ou o francesa nun país desta fala nun contexto pedagóxico e lúdico, nun marco de actividades escolares e de entretemento favorecendo o dominio da lingua inglesa ou francesa grazas á realización de actividades pracenteiras.

O programa de inmersión lingüística constará de tres quendas de estadías para 3-2 grupos cada unha que terán lugar desde finais do mes de xuño e nos meses de xullo e agosto para grupos dun máximo de 50 alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega.

As persoas seleccionadas serán convocadas no lugar de saída correspondente o día da viaxe, onde serán integradas no grupo que lles corresponda. Cada un destes grupos terá asignados monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado durante a viaxe de ida, a estadía no país estranxeiro e a viaxe de volta.

Durante a participación na actividade, o alumnado e acompañantes estarán asistidos por un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Os lugares de celebración e as datas exactas serán publicados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria logo da resolución da convocatoria pública para entidades ou organismos especializados neste tipo de actuacións; en todo caso, as quendas e grupos serán os seguintes:

-Reino Unido:
1ª quenda: tres grupos de 50 alumnos/as. Total 150 alumnos/as de 4º de ESO.
2ª quenda: tres grupos de 50 alumnos/as. Total 150 alumnos/as de 3º de ESO.
3ª quenda: dous grupos de 50 alumnos/as. Total 100 alumnos/as de 2º de ESO.
-Irlanda:
1ª quenda: tres grupos de 50 alumnos/as. Total 150 alumnos/as de 4º de ESO.
2ª quenda: tres grupos de 50 alumnos/as. Total 150 alumnos/as 3º de ESO.
3ª quenda: dous grupos de 50 alumnos/as. Total 100 alumnos/as 2º de ESO.
-Francia:
1ª quenda: dous grupos de 40 alumnos/as. Total 80 alumnos/as 4º de ESO.
2ª quenda: dous grupos de 40 alumnos/as. Total 80 alumnos/as 3º de ESO.
3ª quenda: un grupo de 40 alumnos/as. Total 40 alumnos/as 2º de ESO.
As datas estarán comprendidas entre finais do mes de xuño e finais do mes de agosto. Cada estadía durará tres semanas.

* Programa das actividades en Irlanda e Reino Unido:
Aloxamento en familias seleccionadas da localidade en réxime de pensión completa, a comida de mediodía nos días lectivos será de tipo pícnic.

15 a 20 horas de clases semanais nun ambiente multinacional.
1 excursión de día completo a un centro de interese próximo.
1 excursión de medio día á semana.
Programa completo de actividades culturais e deportivas durante as tardes.
Libros e material escolar.
Certificado de asistencia do centro estranxeiro ao finalizar o curso.
* Programa das actividades en Francia:
Aloxamento en residencia en cuartos dobres ou en familia.
15 a 20 horas de clases á semana.
1 excursión de día completo a un centro de interese próximo.
Programa completo de actividades culturais e deportivas durante as tardes.
Libros e material escolar.
Certificado de asistencia do centro estranxeiro ao finalizar o curso.



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es