Diario Oficial de Galicia
martes, 13 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

51


Páxina do Dog:

3.896


Data da Disposición:

2 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 2 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 2 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

A oferta turística de Galicia comprende unha ampla variedade de establecementos de hostalería e servizos. En moitos casos, por mor da súa situación xeográfica ou pola falta de recursos de variada índole os ditos establecementos demandan accións de mantemento e reforma axeitadas. Estámonos a referir aos cualificados como cafetarías, cafés, bares e restaurantes.

Para os efectos de fomentalos e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo, e de acordo co determinado no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

Por iso, no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
É obxecto desta orde establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2007 subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar as accións encamiñadas á mellora dos servizos sanitarios e das cociñas de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas nos artigos 4º e 5º desta orde.

O procedemento de concesión quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de mínimis (DOUE L379, do 28 de decembro de 2006).

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.
As ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, no exercicio 2007 imputaranse á aplicación orzamentaria 10.06.761A.770.2 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Innovación e Industria para 2007, na que existe crédito ata un importe máximo de 800.000 euros, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supe

ren a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 3º.-Contía das axudas.
Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata un 40% do investimento subvencionable cun importe máximo de 5.000 euros no caso de servizos sanitarios, e de 9.000 euros no caso das cociñas.

a) Respecto aos servizos sanitarios, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 900 euros.

b) Respecto ás cociñas, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 1.800 euros.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios de subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes os titulares da explotación de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

O solicitante non debe ter recibido nos últimos tres (3) anos ningunha axuda das administracións ou organismos públicos ou privados para o mesmo obxecto para o que se solicita subvención.

Será requisito imprescindible para acceder á subvención que os establecementos para os que se solicita estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece nesta orde. Debe estar inscrito co nome comercial actual do establecemento e a nome do titular que opte á subvención.

Artigo 5º.-Actuacións subvencionables.
1. Os servizos sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumprir as seguintes condicións:

a) Serán independentes para donas, cabaleiros e discapacitados/as.
b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:
1) Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servizos de cabaleiros, tamén contarán con urinario.

2) Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.
3) As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

4) Xabón líquido, toallas dun só uso ou secador de mans.
5) Recipente hixiénico para depositar o lixo.
2. Respecto das cociñas, poderán ser obxecto de subvención:
-A renovación e mellora de pavimentos e azulexos, que deberán ser impermeables e revestidos de materiais de doada limpeza.

-As obras encamiñadas á mellora e garantía da ventilación directa ou forzada en todas as dependencias.

-A instalación de lavamáns de accionamento non manual en zonas de elaboración, manipulación e envasado de comidas preparadas.

-Bens de equipamento tales como renovación de cociñas, cámaras frigoríficas, pranchas, aparellos de conservación de alimentos, etc., todos eles de uso industrial.

Non se considerará obxecto de subvención a adquisición de viveiros, enxoval, vaixelas ou análogo nin a renovación do mobiliario ou adquisición de pequenos electrodromésticos.

Non se computará como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

Artigo 6º.-Ámbito temporal.
Os proxectos que se subvencionen non poderán ter comezado antes da visita da inspección sobre a comprobación do seu estado, e estarán rematados con tempo abondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, que se especifican no artigo 13º.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.
Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas de conformidade co establecido no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Innovación e Industria e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

2. Comunicar á Consellería de Innovación e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Realizar a actividade turística de restauración que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda cambio ou modificación ningunha da actividade para a que se concedeu, durante cinco (5) anos.

4. Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou o desfrute da axuda.

5. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
* Por incumprimento da obriga de xustificación total ou parcial nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das

condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
* Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica, presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente á provincia onde se atope o establecemento, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.
b) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.
c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos debidamente asinados e desagregados por conceptos nos que figure por separado o custo da mellora dos servizos sanitarios e o da cociña (en calquera dos casos o orzamento deberá especificar se é sen ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).


d) Fotografías do estado actual dos servizos sanitarios.
e) Fotografías do estado actual das cociñas.
f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura cotexada da súa constitución ou modificación, de ser o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil, na que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que os estatutos son os vixentes.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de mínimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

h) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente, por

ningún concepto, con ningunha Administración pública.
Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non o facer, considerarase que desistiron da súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de que as subvencións vaian dirixidas a persoas físicas, consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 9º.-Facultade de inspección.
Desde o momento da presentación das solicitudes, realizaranse todas as inspeccións o comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou a execución das obras aprobadas.

Artigo 10º.-Instrución e selección das solicitudes.
Correspóndelle á Dirección Xeral de Turismo a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

A cada expediente xuntarase informe emitido pola respectiva delegación provincial de Turismo, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como informe do inspector de turismo competente sobre o estado actual dos servizos sanitarios e/ou cociñas e se o establecemento solicitante está adaptado ao establecido na normativa antitabaco.

As solicitudes serán estudadas por unha comisión técnica de valoración constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais os xefes de Servizo de Turismo de cada unha das delegacións provinciais

da Consellería de Innvovación e Industria, os xefes de Servizo de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, de Inspección e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe de Servizo de Fomento e Promoción.

Para a valoración das solicitudes terase en conta como criterio de concesión, en orde decrecente, os seguintes criterios:

1. A localización do investimento atendendo á súa situación. Para isto terase en conta a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; zonas costeiras cunha fisionomía tradicional mariñeira; o interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental; a declaración oficial como turístico do municipio ou estar incluído o dito municipio ou localidade nun plan de dinamización e/ou excelencia turística, así como estar situado o establecemento na zona histórica dun municipio.

2. Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestruturas básicas e coa oferta de servizos de utilización turística.

3. Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica ou programas equivalentes.

Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, se é o caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formulará ao conselleiro de Innovación e Industria, a través do director xeral de Turismo, as propostas de concesión ou denegación adoptados por ela. Das ditas propostas redactarase a correspondente acta.

A proposta de resolución redactarase de acordo coas determinacións contidas no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11.-Resolución.
O conselleiro de Innovación e Industria ditará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpor potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación das ditas resolucións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas nesta orde.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Os interesados poderán entender desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.
Segundo o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cando, por cincunstancias técnicas, se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario/a, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros e terceiras.
c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

Por outra banda, o beneficiario deberá solicitar a modificación con tempo suficiente para a súa avaliación antes do desenvolvemento do proxecto.

A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento das subvencións.
1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, o 15 de outubro de 2007.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo II.
3.2. Facturas relativas á obra executada. En calquera caso, as facturas serán separadas para os ser

vizos sanitarios e a cociña e deberán especificar os distintos conceptos e prezos unitarios.


3.3. Fotografías do investimento realizado.
3.4. Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente, por ningún concepto, con ningunha Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

3.5. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de mínimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

3.6. Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada para o efecto.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición derradeira
En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 2 de mazo de 2007.
Fernando X. Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es