Diario Oficial de Galicia
martes, 13 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

51


Páxina do Dog:

3.902


Data da Disposición:

7 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 7 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións ás organizacións profesionais agrarias para o exercicio 2007.



Orde do 7 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións ás organizacións profesionais agrarias para o exercicio 2007.

As organizacións profesionais agrarias representan un importante papel na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración, asegurando a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural contribuíron ao recoñecemento por parte dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas dos labregos e labregas.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre artellar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias. Esta orde establece o marco regulador das subvencións ás organizacións representativas do sector agrario en Galicia co obxectivo de fortalecer a súa implantación e consolidación.

Os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde adáptase a esa normativa, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade, transparencia e concorrencia.

Xa que logo, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer o réxime de subvencións que conceda, en réxime de concorrencia competitiva, a Consellería do Medio Rural con cargo aos seus orzamentos ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario durante 2007.

2. Serán beneficiarias as organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia e en que concorran as circunstancias previstas nesta orde, e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Finalidade.
A finalidade das axudas concedidas ao abeiro desta orde é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia e dos agricultores e agricultoras galegos en xeral.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.
1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das actividades que se relacionan a seguir, que desenvolverán as organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia en 2007:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.
b) Funcións ordinarias de xestión interna das organizacións profesionais agrarias.

c) Representación perante as institucións.
d) Participación nos órganos colexiados, comisións, mesas sectoriais que, para a defensa dos intereses dos seus representantes, foron constituídos pola Administración galega.

e) Formación dos asociados e dos seus familiares.
f) Impulso do asociacionismo agrario.
2. De acordo co previsto no artigo 5.3º, do Estatuto de autonomía de Galicia, nas actividades subvencionables pola Consellería do Medio Rural reguladas no punto anterior empregarase de xeito preferente a lingua galega, tanto a nivel oral como na documentación escrita que se xere.

Capítulo II
Da convocatoria pública
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cubertas e asinadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización peticionaria, xunto coa documentación que se detalla no artigo 6º desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A presentación das solicitudes comporta a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación, de conformidade co previsto no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007.

Así mesmo, a presentación da solicitude comportará o consentimento expreso para a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos

artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2006.

4. Consonte o artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas práctica na Administración pública Galega, a Consellaría do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a concesión das axudas reguladas neste orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na devandita páxina web.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.
As solicitudes de subvención presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.
Á solicitude de axuda deberá xuntarse a seguinte documentación:
1. Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicitar a subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.

2. Memoria xustificativa e suficientemente detallada das actividades que teña previsto desenvolver cada organización profesional durante o ano 2006.

3. Copias compulsadas do CIF da organización solicitante e do DNI do seu representante.

4. Certificación bancaria do número de conta.
5. Certificación sobre os seguintes aspectos:
-Cumprimento xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.
-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que, para o efecto, esta Administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

-Declaración expresa de non atoparse incurso nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7º.-Tramitación.
1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

2. No suposto en que se aprecie algún defecto ou sexa incompleta a documentación, requirirase o interesado para que, conforme o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os docu

mentos preceptivos, con indicación ademais de que, se así non o fixese, se considerará desistido na súa petición, e logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na devandita lei.

3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria efectuará a valoración das solicitudes, constituíndose para estes efectos unha comisión de valoración presidida polo subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, e integrada ademais polo xefe do Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal e polo xefe do Servizo de Fomento Asociativo Agrario. Actuará como secretario ou secretaria un funcionario, con categoría de xefe de sección, do Servizo de Fomento Asociativo, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe o subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal, cun rango equivalente ao substituído.

A comisión elaborará un informe que elevará ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, quen redactará a oportuna proposta de resolución.


Artigo 8º.-Valoración.
1. As subvencións concederanse de acordo cos principios de publicidade, concorencia, obxectividade, transparencia e igualdade.

2. As súa distribución efectuarase de xeito paritario entre as organizacións profesionais agrarias que concorreron ás eleccións a cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002.

Artigo 9º.-Resolución.
1. A resolución das axudas, logo da proposta elaborada pola comisión de valoración e fiscalización da Intervención Delegada, competeralle ao conselleiro do Medio Rural, e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se ditase a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de seis meses desde a publicación desta orde.

3. De transcorrer o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

Capítulo III
Da xustificación, pagamento e control
Artigo 10º.-Xustificación e pagamento das subvencións.
1. Unha vez ditada a resolución e notificada aos interesados, estes poderán solicitar o pagamento dun anticipo de até o 70 por 100 do importe total concedido.

2. De conformidade co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será

obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos que superen os 30.050,61 euros. A garantía, constituída polos medios que establece o artigo 17.2º do decreto citado, deberá cubrir o importe do anticipo cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e, como mínimo, aquela en que se cumpran dous meses do remate do prazo de xustificación. A presentación da garantía realizarase ante a Consellería do Medio Rural no prazo de quince días a partir da notificación da resolución de concesión.

3. O pagamento total da subvención xustificarase por medio de memoria xustificativa na que se detallen as accións e actividades desenvolvidas durante 2007, acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación que acredite, de xeito desagregado, os gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención.

b) Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da organización. A suma do seu importe non poderá superar o 70% do total dos gastos presentados.

c) Facturas orixinais dos gastos, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización beneficiaria. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

d) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización.

4. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

5. A documentación e xustificantes presentaranse antes do 20 de outubro de 2007. O incumprimento deste prazo poderá implicar a perda da axuda concedida, sen necesidade de requirimento, aviso ou notificación ás entidades beneficiarias.

6. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente perante a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela.

7. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas, documentación e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nesta orde e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos, unha vez descontado o IVE, sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase e redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 11º.-Importe máximo das subvencións.
1. O importe das subvencións reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que,

illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo das actividades que van desenvolver as entidades beneficiarias.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polo fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

3. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 12º.-Alteración das condicións e incumprimentos.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. No suposto de incumprimento das condicións exixidas para a concesión das subvencións, procederá o reintegro das cantidades percibidas de xeito total ou parcial, así como cando concorran calquera das demais circunstancias previstas no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. En caso de incumprimento parcial, a fixación da contía que deba ser reintegrada determinarase en aplicación do principio de proporcionalidade.

Artigo 13º.-Incompatibilidade.
1. As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.
Artigo 14º.-Financiamento.
1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.712C.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e por un importe máximo de 1.098.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 15º.-Seguimento e control.
1. As organizacións profesionais beneficiarias deberán comunicarlle obrigatoriamente á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afectar para a concesión desta axuda será cau

sa suficiente para a súa denegación ou posterior devolución.
2. Así mesmo, deberán permitir que a citada dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.
1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente

ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.
Artigo 17º.-Réxime de infraccións e sancións.
O réxime de infraccións e sancións aplicables será o regulado no artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional
Única.-Nos aspectos non regulados nesta orde estarase ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galiza, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 21 de novembro e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2007.

Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es