Diario Oficial de Galicia
mércores, 14 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

52


Páxina do Dog:

3.998


Data da Disposición:

6 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 6 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro.



Orde do 6 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro.

O desenvolvemento do sector pesqueiro artesanal está directamente unido á dinamización e promoción das comunidades pescadoras que sustentan a actividade, en tanto que se non hai comunidades que aposten por un desenvolvemento sustentable da actividade pesqueira, esta non ten futuro. É xa que logo unha necesidade promover a dinamización e a promoción sociocultural das comunidades de pescadores, mediante a interacción sinérxica de accións e programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social do pescador: económicos, sociais, ambientais, biolóxicos e culturais para conseguir unha pesca responsable e sustentable e asegurar un futuro de benestar económico e dignidade social da profesión de pescador.

Un dos principais valores e riqueza das comunidades pesqueiras é o seu patrimonio sociocultural. Polo de agora boa parte deste patrimonio permanece oculto á sociedade en xeral, no entanto, a súa promoción constitúe un primeiro paso para acadar as condicións favorables de cara á dinamización social e desenvolvemento sustentable desta.

Esta dinamización e promoción apóiase na realización de proxectos participativos de recuperación e divulgación patrimonial, formación sociocultural, educación ambiental e outros co obxecto de contribuír a unha maior revitalización da comunidade pesqueira a partir do protagonismo do pescador e da súa cultura.

Coa posta en valor da cultura pesqueira acádase unha maior consideración social da profesión de pescador e coa participación activa do pescador mellórase a súa formación de como executar un proxecto. De este xeito créase un novo escenario máis propicio para afrontar outros proxectos de desenvolvemento pesqueiro con maiores garantías de éxito.

O propio feito de patrimonializar a cultura pesqueira no mesmo contexto onde se produce e tendo os pescadores ou as súas organizacións como axentes creadores e receptores desta xera unha revalorización da súa propia identidade con efectos de incrementar a súa autoestima e dignificación. A patrimonialización tamén constitúe unha oportunidade para que os pescadores teñan un espello onde mirarse na súa vertente positiva e tamén de ver as súas eivas. O proxecto debe xerar novos valores de cara á sustentabilidade ou reforzar os valores positivos existentes, e funcionar estes proxectos como unha auténtica escola de formación de como executar un proxecto de mellora colectiva.

Esta mellora da formación do colectivo de traballadores do sector pesqueiro para acometer proxectos colectivos no seu porto, é unha necesidade cada vez máis urxente nuns momentos no que este

ten que asumir unha participación máis directa na xestión dos recursos pesqueiros.

Nesta formación, que atinxe cada vez a máis áreas, tendo que atender a aspectos non só técnicos e biolóxicos, senón os económicos e de organización, os proxectos de promoción sociocultural son unha forma atractiva, que non provoca receos nin prexuízos e posibilita o adestramento dos participantes na xestión de proxectos colectivos.

O impacto que este proxecto pode provocar nas comunidades depende non só da súa finalidade, senón que é necesaria nuns casos unha certa presenza temporal para que transcenda á comunidade e noutros unha dimensión suficiente para que a súa execución deixe unha pegada ou poida chegar á maioría dos membros da comunidade, ben pola súa participación directa ben por percibir os efectos do proxecto. Esta pegada debe ser o suficientemente forte como para motivalos a continuar por si mesmos.

Por outra parte, a participación nos proxectos non debe entenderse limitada aos propios pescadores senón que ten que abrirse á sociedade, tanto a través da participación de entidades de tipo asociativo que exceden do ámbito pesqueiro como promotoras de proxectos, como da implicación das empresas nos proxectos a través do seu apoio económico e institucional, como reflexo da responsabilidade social destas diante do seu contorno. Neste obxectivo a inclusión do fondo de desafío como forma de ligar as empresas aos proxectos, constitúe unha ferramenta que debe impulsar a vinculación destas co seu contorno.

Con esta finalidade é conveniente convocar axudas para incentivar a realización por parte das entidades do sector e das comunidades de pescadores, de proxectos participativos de promoción sociocultural con finalidade formativa, turística, ambiental, cultural, social ou de recuperación de valores ou tradicións, con dimensión e proxección suficiente para contribuír á dinamización das comunidades pescadoras. Polo exposto,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Convocar axudas destinadas á realización de proxectos de promoción sociocultural e divulgación do sector pesqueiro conforme as normas contidas nesta orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas, polo importe global máximo de setecientos quince mil euros (715.000 euros) na anualidade de 2007, e de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 euros) na anualidade de 2008 concederanse con cargo ao programa 722.A e ás partidas orzamentarias 14.04.722.A.481.1 por importe de 250.000 euros e 14.04.722.A.780.0 por importe de 465.000 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, e por importe de 150.000 euros e 300.000 euros respectivamente das

correspondentes para a anualidade de 2008, para aquelas solicitudes con prazo de realización que supere o ano 2007.

Artigo 2º.-Fins.
Poderán acollerse a estas axudas os proxectos de actuación nos ámbitos que se relacionan:

1. Formación: que teñan como finalidade a formación de pescadores, de mulleres do sector pesqueiro ou mozos en áreas de coñecemento relacionadas coa pesca e a súa tecnoloxía, as novas tecnoloxías da información e da comunicación nos seus aspectos de aplicación á pesca e a navegación, as técnicas de xestión e as habilidades sociais, e naquelas dirixidas á diversificación económica das zonas dependentes da pesca en ámbitos vinculados co mar. Están excluídas aquelas que teñan como finalidade accións formativas que oferte a Administración en calquera das súas modalidades.

2. Ambiente:
2.1. Que teñan como finalidade a formación en materia ambiental sobre o mar e a pesca, a divulgación sobre os valores e o uso sustentable de áreas litorais e sobre a pesca responsable.

2.2. Que teñan como finalidade a protección e conservación de áreas e espazos litorais e marítimos.

2.3. Que fomenten o uso de enerxías e tecnoloxías limpas e de materiais reutilizables e reciclables nas actividades pesqueiras e portuarias.

3. Patrimonio marítimo: que teñan como finalidade a conservación, restauración ou recuperación de elementos do patrimonio marítimo en xeral e da pesca en particular, tanto mobiliario como inmobiliario, así como a súa posta en uso.

4. Iniciativas culturais vinculadas ao mar: que teñan como finalidade conservar, recuperar, divulgar ou afianzar a cultura marítima e pesqueira en calquera das súas manifestacións e creacións.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das axudas:
1. As confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores pesqueiros recoñecidas e as centrais sindicais. As agrupacións ou asociacións de acuicultores, mariscadores ou outros profesionais do sector marítimo e pesqueiro e as súas federacións.

2. Asociacións declaradas de utilidade pública, fundacións, agrupacións e institucións sen ánimo de lucro que teñan como fin social algún dos do artigo 2º, teñan a súa sede en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade sempre que desenvolvan o proxecto en colaboración ou con participación significativa de pescadores ou as súas organizacións.

Non poden ser beneficiarios: as persoas físicas, as empresas, as corporacións locais e as entidades con fins docentes tanto públicas como privadas.

3. Cando a solicitude se presente mediante unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79.tres da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos dos proxectos.
Os proxectos candidatos a acollerse ás axudas deben cumprir os seguintes requisitos:

Ser de nova creación ou segundas fases ou de ampliación dos xa principiados. Neste segundo caso a fase ou ampliación debe estar especificamente definida e diferenciada da anterior.

No caso de actuacións sobre inmobles, esta estará ligada a un uso posterior deste na finalidade do proxecto.

O orzamento non debe ser inferior aos 15.000 euros nin superior aos 96.000 euros.

O seu prazo de execución non poderá ser superior a 18 meses.
No caso de proxectos que impliquen intervencións sobre o patrimonio cultural ou natural que requiran da autorización da Administración autonómica para a súa execución, será necesario que as solicitudes veñan acompañadas da correspondente autorización ou compromiso de concedela e baixo que condicións.


En ningún caso poderán ter como finalidade actividades produtivas pesqueiras ou portuarias, ou que conten con liñas de apoio nos programas comunitario ou autonómico de apoio á pesca.

O ámbito territorial de execución do proxecto non excederá ao da comunidade autónoma.

Non poderán ser beneficiarios destas axudas os proxectos de realización de congresos, reunións científicas ou actos conmemorativos ou festivos, os que realicen promocións de produtos e festas gastronómicas, os que teñan como obxecto a produción ou celebración de espectáculos ou os proxectos editoriais (publicación de contidos impresos, multimedia, etc.).

Artigo 5º.-Contía e límites da axuda.
As axudas concederanse para os distintos proxectos nas contías e cos límites máximos que se indican:

5.1. Axuda concedible.
Un máximo de 96.000 euros coa seguinte distribución:
1. Os gastos de realización do proxecto nos termos en que sexa aprobado cun límite máximo de 90.000

euros, impostos non recuperables e outros gastos incluídos.
2. Un fondo adicional de ata 6.000 euros, para extensión do proxecto, se se dan as condicións establecidas no punto 5.2 deste artigo.

5.2. Fondo de desafío. Os proxectos que así o soliciten, poderán obter un fondo adicional de financiamento do proxecto da contía máxima fixada na resolución de aprobación e adxudicación do proxecto, sempre e cando consigan contribucións financeiras por outro tanto importe, de empresas da zona que se impliquen desta maneira na realización do proxecto. A dita achega deberá acreditarse mediante escrito do donante e posterior xustificación de ingreso na conta bancaria do proxecto.

A concesión do fondo de desafío non pode condicionar a realización do proxecto e será dedicada a actuacións complementarias non coincidentes co proxecto principal. A existencia de compromisos de contribucións ao fondo de desafío será valorado para efectos da concesión da axuda no momento da súa avaliación.

5.3. O financiamento do proxecto con recursos propios das entidades solicitantes será valorado para efectos da concesión da axuda no momento da súa avaliación, tendo en conta a porcentaxe desta sobre o total.

Artigo 6º.-Gastos elixibles e non elixibles.
6.1. Son gastos elixibles para os efectos de financiamento os seguintes:
Os gastos de investimento en inmobilizado necesario para a execución do proxecto.

Os gastos de contratación de servizos necesarios para a elaboración ou execución do proxecto.

Os gastos do persoal de nova contratación, necesario para a realización do proxecto.

Os gastos de funcionamento derivados do proxecto no período de execución.
Os gastos derivados de convocatorias, premios concedidos pola entidade ou apoio ao voluntariado que se produzan como consecuencia da execución do proxecto.

En calquera caso todos os gastos para os que se solicita financiamento, deberán estar descritos con precisión tanto en tipo como en contía, e debidamente explicados e/ou xustificados os elementos que determinaron a valoración, mediante achega documental ou normativa.

A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número, como á súa valoración ou á súa necesidade.

6.2. Non son gastos elixibles os que se relacionan:
1. Os de adquisición de terreos ou inmobles.
2. Adquisición de vehículos, tractores, camións e outros de transporte.
3. A adquisición de mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais, que non estean claramente ligados ás finalidades do proxecto e xustificados neste.

4. Os de material ou actividades promocionais e os de atencións protocolarias.
6.3. Os gastos correspondentes ao fondo de desafío poderán ter como finalidade a adquisición de terreos ou inmobles cando sexa necesaria para a realización do proxecto, debendo xustificarse mediante taxación dunha empresa especialista, o valor do ben adquirido.

Artigo 7º.-Compatibilidade da axuda.
A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere o custo global de realización do proxecto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Presentación das solicitudes.
As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo desta orde, debendo ser presentadas nos rexistros centrais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou no das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

A solicitude en formato electrónico poderase descargar na web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 9º.-Prazo.
O prazo para a presentación de solicitudes será de 60 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Documentación.
Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación por duplicado (orixinal e copia),

seguindo o modelo da ficha de proxecto anexa a esta orde:
1. Fotocopia compulsada do DNI do asinante da solicitude.
2. Ademais:
a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.
b) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

d) Memoria descritiva da entidade solicitante e das parceiras copartícipes ou colaboradoras, que comprenda unha breve descrición do seu obxecto social, órganos de goberno, organización e relación de actividades do ano 2006 con inclusión do orzamento de ingresos e gastos.

3. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.
4. Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións ou no rexistro que corresponda á entidade solicitante, se é o caso.

5. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

6. Memoria consonte o modelo anexo que conteña unha descrición detallada do proxecto: finalidade, obxectivos, resultados esperados, persoal necesario, responsable deste, experiencia da entidade promotora, asesores e colaboradores externos, currículos das persoas que realizarán o proxecto, custo, calendario de realización e prazo global, continuidade do proxecto e calquera outro aspecto que se considere de interese. De solicitarse o Fondo de Desafío indicarase a súa contía, e que finalidade concreta ten na extensión do proxecto.

7. Proxecto técnico para a execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar.

8. Autorización da Administración pública competente, se é necesaria para a realización do proxecto.

9. Plan económico indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional. Forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

10. Certificacións de encontrarse ao corrente no cumprimento das obrigas fiscais e tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

11. Relación de entidades que participan ou colaboran na realización do proxecto, indicando o papel de cada unha delas na execución do proxecto. A dita colaboración debe estar manifestada por escrito, constando por que órgano ou persoa foi autorizado o compromiso.

12. Declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas, para o mesmo proxecto, e o cumprimento a todo o establecido no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.


Artigo 11º.-Tramitación e resolución.
A resolución de concesión das axudas solicitadas realizarase en dúas fases:
1. Fase de selección e proposta. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, tendo en conta os orzamentos destes e os criterios de baremación, seleccionará de entre os proxecto presentados, aqueles candidatos que vaian recibir a axuda.

A dita selección será realizada por unha comisión de avaliación por proposta do instrutor. Esta estará formada pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, que o presidirá e catro persoas designadas entre aquelas vinculadas ao sector pesqueiro e o mundo cultural, da que se dará conta nos taboleiros de anuncios da consellería, xunto cos proxectos seleccionados. Como secretario actuará un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, designado pola presidencia da comisión.

A resolución da comisión será motivada.
Previamente á intervención da comisión, o Servizo de Estudos Pesqueiros da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como instrutor do expediente, revisará as solicitudes, para comprobar que cumpren os requisitos da orde e se ateñen a esta, se observase algunha deficiencia emendable, concederanlle ao solicitante un prazo de 10 días para emendalas consonte o artigo 71 da Lei 30/1992. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda do expediente terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. As solicitudes que se manteñan serán trasladadas á comisión de avaliación.

A comisión de selección poderá seleccionar os proxectos tal e como foron presentados, agás que se considere necesario requirir documentación complementaria aos devanditos proxectos, así como o importe cuxa concesión se propón a favor de cada un dos proxectos que reúnan os requisitos exixidos por esta convocatoria. Indicarase, pola súa vez, a contía do Fondo de Desafío que se propón se conceda. Unha vez notificado o requirimento aos solicitantes, no prazo fixado na notificación ou no máximo de trinta días naturais desde esta, deberán ser presentados os documentos complementarios e técnicos requiridos e as adaptacións propostas, sendo, se é o caso, os gastos realizados nesta fase imputables ao proxecto.

2. Fase de concesión.
Recibida esta documentación, será examinado polo Servizo de Estudos Pesqueiros da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que de observar algunha deficiencia en relación co solicitado, proporá o arquivo do expediente e terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Naquelas solicitudes correctas a comisión de selección formulará a correspondente proposta de resolución que conterá o importe da axuda concedida ao proxecto, o prazo de execución, o importe das anualidades correspondentes, o fondo de desafío concedido e o prazo para achegar a documentación acreditativa deste.

Cando se trate de proxectos presentados por unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, faranse constar expresamente na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

A dita proposta elevaraselle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, quen ditará a pertinente resolución de concesión ou denegación da axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta orde, no prazo máximo de seis meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes deberán entenderse desestimadas. Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren pertinente.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 12º.-Criterios obxectivos de prioridade.
1. Os criterios de baremación que se terán en conta pola comisión de avaliación para a selección dos proxectos, son os seguintes:

a) A calidade técnica do proxecto ata 30 puntos.
b) A súa localización en concellos dependentes da pesca e menores de 10.000 habitantes, ata 15 puntos.

c) A vinculación da entidade solicitante co sector marítimo e pesqueiro, ata 15 puntos.

d) A finalidade do proxecto en relación aos destinatarios deste, dándose preferencia a aqueles dirixidos aos activos do sector pesqueiro, ata 10 puntos.

e) Os obxectivos do proxecto en canto a que este fomente o desenvolvemento local. Terase en conta o impacto causado en relación co orzamento. Ata 5 puntos.

f) O grao de cofinanciamento do proxecto polas entidades solicitantes, ata 10 puntos.

g) A consecución de contribucións ao fondo de desafío 5 puntos.
h) Outros que fixará a comisión, ata 10 puntos.
2. Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Artigo 13º.-Prazo de execución das actividades obxecto da axuda.
O prazo no que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda, será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 30 de novembro do ano 2008.

Cando o prazo de realización sexa fixado en datas anteriores ao límite establecido no parágrafo anterior, e o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este, poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder da data tope fixada para a realización da actividade obxecto da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 14º.-Control das actividades obxecto da axuda.
Para os efectos de facilitar o control financeiro da axuda, os solicitantes comprométense a abrir unha conta bancaria específica para os movementos económicos do proxecto e a levar unha contabilidade separada deste.

Os beneficiarios das axudas deberán realizar un informe intermedio sobre a marcha da execución do proxecto obxecto da axuda, transcorrido a metade do prazo de execución ou en todo caso en febreiro de 2008.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin o beneficiario deberá comunicar por escrito as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se estimen necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria de solicitude, ou calquera outra modificación será comunicada á dirección xeral coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denegar a devandita modificación.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro establecerá as medidas necesarias, para efectos de facer a comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 15º.-Pagamento.
1. Pagamento da axuda.
O beneficiario deberá acreditar perante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos nos artigos 30 e 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

O pagamento tramitarase logo da finalización da execución do proxecto no prazo sinalado, ou o que resultase como consecuencia da prórroga concedida; ou ben se corresponde á primeira anualidade, en decembro do ano de concesión. Para tal efecto, o beneficiario deberá presentar na dirección xeral antes mencionada dentro do prazo dun mes a partir da data de finalización ou antes do 1 de decembro se corresponde o pagamento da primeira anualidade, a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):


a) Memoria sinxela de realización do proxecto, onde consten as incidencias que puidesen darse na execución deste, o grao de cumprimento dos obxectivos marcados na memoria de presentación do proxecto e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros, polo menos en dúas copias orixinais.

b) Facturas en duplicado orixinal, ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados, acompañadas dos correspondentes xustificantes bancarios de pagamento das ditas facturas, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e achegarse o xustificante de ingreso na Facenda Pública.

c) Declaración responsable na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional e o cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Certificacións xustificativas de que os beneficiarios figuran ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social-, non sexan debedores en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou non teñan débeda ningunha, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma ou documento que indique que se encomenda a comprobación á Administración.

e) Cando menos cinco (5) exemplares de todo o material impreso ou publicado, e unha reportaxe de fotografías da realización do proxecto en formato dixital, con indicación da data e de a que evento corresponde.

Na xustificación da axuda, cando o importe do gasto unitario supere a contía de 30.000 euros no caso execución de obras, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá acompañar como mínimo as tres ofertas de diferentes provedores, solicitadas con anterioridade á contratación. A elección entre as ofertas presentadas, realizarase conforme

a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente na memoria xustificativa a elección cando no recaia na proposta máis económica.

O Servizo de Estudos Pesqueiros certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

A non-presentación da xustificación da realización da actividade obxecto da axuda no prazo marcado será motivo da súa revogación.

O pagamento da primeira anualidade terá carácter de ingreso a conta e estará condicionada a súa consolidación á finalización das actuacións obxecto da axuda, de conformidade coa solicitude formulada e logo de conformidade da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos previstos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Pagamento do fondo de desafío.
Para o pagamento do fondo de desafío, deberá achegarse a documentación referida a este, que se relaciona nas epígrafes a) e b) do punto 1 anterior así como os documentos e certificados indicados nas epígrafes c) e d), sempre que non se xustifique conxuntamente coa axuda.

De corresponder ao fondo de desafío a adquisición dun ben inmoble, acompañarase da escritura de compra-venda ante notario.

Artigo 16º.-Pagamentos parciais e anticipos.
Poderán realizarse pagamentos parciais ata un máximo do 80% do importe da axuda ou anticipos de ata un máximo do 10% do importe concedido, consonte o establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Outras condicións.
1. En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda ou no acceso de inmobles, farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos» en lugar visible.

2. A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Os rendementos financeiros que sexan xerados polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 18º.-Obriga de reintegro.
O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda está obrigado a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte ao establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.
As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 20º.-Autorizacións do beneficiario.
A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudase subvencións recibidas así como as sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Así mesmo, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de estar ao corrente e non ter débedas.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-No non previsto nesta orde haberá que estar ao que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e aos do seu Regulamento de execución, ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da nosa comunidade autónoma, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2007.
Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es