Diario Oficial de Galicia
mércores, 7 de marzo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
47
Páxina do Dog:
3.436
Data da Disposición:
28 de febreiro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 28 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de
Comunicación, pola que se convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a
adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para crear medios de
información electrónica, para o ano 2007.
Resolución
do 28 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se
convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento
audiovisual e multimedia e para crear medios de información electrónica, para o
ano 2007.
A Secretaría Xeral de Comunicación ten entre
as súas competencias a de promoción de todos os aspectos que poidan derivar da
aplicación das novas tecnoloxías no eido da comunicación.
As actividades que
desenvolven as entidades sen ánimo de lucro constitúen unha área propicia para
aproveitar as vantaxes e potencialidades das novas tecnoloxías da comunicación e
información, polo que se require facilitárllelas a aquelas entidades que, polas
funcións que realizan e a finalidade que perseguen, necesitan facer uso de
ferramentas tecnolóxicas para unha maior eficacia das súas
actividades.
Por iso, preténdese continuar coa liña de subvencións que persegue como
obxectivo a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia por parte
daquelas entidades sen ánimo de lucro, que se traduza en axudas para a
adquisición do equipamento audiovisual e multimedia necesario para o
desenvolvemento das súas actividades no eido da comunicación.
Tamén se continúa coa
liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro dirixida a potenciar a creación
de medios de información electrónica para que esas entidades creen a súa propia
páxina web en galego desde a que se faga divulgación e difusión das actividades
que realizan.
Por todo isto, en virtude da desconcentración de competencias operada
pola disposición adicional 2ª, c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,
DISPOÑO:
Bases para a concesión das
subvencións.
Artigo 1º.-Obxecto e
partida orzamentaria.
Convócanse dúas
liñas de subvención, mediante réxime de concorrencia competitiva, para entidades
sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e
outros de natureza análoga necesarios para o desenvolvemento das súas
actividades (modalidade A) e para crear unha páxina web en galego na internet
(modalidade B), para a anualidade 2007.
Polo tanto, para as mencionadas axudas resérvase
a cantidade de 287.564 euros que se imputarán ao crédito dispoñible na
aplicación orzamentaria 04.31.461A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007, atribuíndose inicialmente o importe de
227.564 euros para a modalidade A e 60.000 euros para a modalidade B, sen
prexuízo da distribución definitiva que
resulte das resolucións de adxudicación. O
crédito non adxudicado nunha modalidade pode aplicarse na outra, ata acadar o
límite total sinalado.
Artigo 2º.-Equipamento subvencionable e/ou
creación dunha páxina web en galego na internet.
1. Só para os efectos
desta convocatoria, poderán ser obxecto de axudas na modalidade A:
a) A adquisición de
equipamento audiovisual, multimedia e outro de natureza análoga.
b) As adquisicións de PC,
considerados como terminais interactivos e equipamentos de comunicación que
permitan a conexión aos servizos da internet.
2. Só para os efectos
desta convocatoria, poderán ser obxecto de axuda na modalidade B:
A creación de páxina web
en galego na internet, referida á entidade solicitante e ás actividades que
desenvolve, cando os contidos da web son da responsabilidade da entidade
solicitante da axuda.
A páxina web deberá estar nun dominio propio cun
primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org».
3. O equipamento e/ou páxina web subvencionables
terán como finalidade servir de ferramenta para que a entidade desenvolva
axeitadamente as súas actividades no eido da comunicación, na modalidade A, ou
que lle sirva para facer divulgación e difusión das actividades que realiza a
entidade, na modalidade B.
4. Quedan excluídos destas axudas a instalación
do equipamento e os gastos derivados do acceso e servizo da
internet.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán optar a estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro
legalmente constituídas que persigan finalidades de interese xeral non
empresarial, dispoñan dun establecemento aberto para a realización das
devanditas actividades e teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de
Galicia, en concellos cunha poboación de dereito igual ou inferior a 30.000
habitantes.
Os ditos requisitos non se lles exixen a aquelas entidades sen ánimo de
lucro que xestionen a actividade de cineclub.
Artigo 4º.-Motivos de
exclusión.
Quedan excluídos os
solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención das que
xestiona a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e non xustificasen o seu
investimento.
Artigo 5º.-Contías.
1. Para a
modalidade A:
a) A contía máxima da
axuda será de ata un 65%, en termos xerais, do importe total da factura
pro
forma
presentada, expedida pola entidade subministradora, incluíndo unicamente o valor
do material subvencionable adquirido e excluíndo outro tipo de gastos (IVE,
transporte, etc.).
b) A axuda máxima por PC será de 500 euros.
c) Será de 130 euros a axuda máxima por receptor
de sinal de televisión dixital terrestre que incorpore servizos interactivos
(MHP) e de 30 euros para os receptores de TDT sen MHP.
d) En todo caso, nesta
convocatoria o tope máximo da axuda concedida será de 1.500 euros por entidade
solicitante.
2. Para a modalidade B:
a) A
axuda máxima para crear a páxina web en galego será de 400 euros.
Artigo 6º.-Solicitudes e
documentación.
1. A solicitude farase
mediante instancia dirixida ao secretario xeral de Comunicación, segundo o
modelo que figura como anexo I desta convocatoria, e presentaranse no rexistro
xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou nos
rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos
establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
2.1.
Coa solicitude xuntarase obrigatoriamente a seguinte documentación da
entidade:
a)
Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.
b) Acta e estatutos de constitución, con
acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
c) Poder suficiente do
representante da entidade solicitante.
d) Declaración de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para o
mesmo fin, das distintas administracións públicas.
e) Declaración do número
de membros da entidade.
f)
Declaración responsable de que a entidade non incorre en prohibicións para obter
subvencións a que se refire o artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
2.2. Para o caso de solicitar axuda por
equipamento audiovisual e multimedia, modalidade A, xuntarase
ademais:
a)
Memoria detallada do equipamento así como o orzamento desagregado deste para o
que se solicita a subvención.
b) Plan de actividades que se vai desenvolver co
equipamento para o que se solicita a axuda.
c) Orzamento do exercicio corrente e balance de
situación da entidade, sen incluír as partidas das actuacións subvencionables
tramitadas.
2.3. Para o caso de solicitar axuda para a creación de páxina web en
galego, modalidade B, xuntarase ademais:
a) Acordo social da entidade de creación da
páxina web en galego.
b) Declaración
responsable da titularidade da páxina web da entidade solicitante e tamén dos
contidos da páxina web.
c) Sinalar a URL da páxina web, que deberá estar
nun dominio propio cun primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org».
d) Plan de actividades
que posúe a entidade.
Artigo
7º.-Prazo de presentación de solicitudes.
As solicitudes deberán presentarse, segundo os modelos que figuran nos
anexos, no prazo de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao
da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Artigo
8º.-Tramitación.
Os servizos
competentes da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual tramitarán as
solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión da
subvención.
Artigo 9º.-Proposta e resolución.
1. A proposta de concesión seralle formulada ao secretario xeral de
Comunicación por un órgano colexiado, a través do director xeral de Comunicación
Audiovisual, que é o órgano instrutor.
2. O referido órgano colexiado terá a seguinte
composición:
-O subdirector xeral de
Telecomunicacións e Audiovisual, que fará de presidente.
-O xefe do Servizo de Estudos e Análises de
Telecomunicación e Audiovisual.
-O
xefe do Servizo de Televisión e Radiodifusión.
-Secretario: un funcionario desa dirección
xeral.
3. Á vista da proposta
formulada a través do órgano instrutor, o secretario xeral de Comunicación
resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 10º.-Criterios de
valoración.
O órgano colexiado do
artigo 9º valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:
-Dimensión e ámbito de
actuación da entidade solicitante.
-Que a entidade sen ánimo de lucro teña como finalidade o fomento dos
valores e da identidade cultural e social de Galicia.
-Plan de actividades de
carácter social, cultural, formativo e outras de interese xeral.
-Situación nas zonas
xeográficas de desenvolvemento tecnolóxico desfavorecido.
Artigo 11º.-Prazo máximo de resolución e recursos
contra a resolución.
1. Para os
efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións
especificadas nesta convocatoria será de catro meses, contados desde o día
seguinte ao de remate do prazo de presentación de solicitudes nesta
convocatoria.
2. A resolución ditada polo secretario xeral de Comunicación esgota a vía
administrativa e contra a dita resolución poderase interpoñer potestivamente
recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo dun mes,
contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou ben interpoñer recurso
contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no
prazo de dous meses, contados de igual modo.
3. De non notificarse resolución no prazo
indicado no punto 1, entenderase desestimada a petición correspondente,
podéndose interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o
secretario xeral de Comunicación no prazo de tres meses, ou ben interpoñer
recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, no prazo de seis meses. Os prazos sinalados para estes casos comezarán
a contarse desde que transcorra o prazo de catro meses sinalado no punto 1
anterior.
4.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e,
en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por
outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da
concesión.
Artigo 12º.-Notificación da resolución de concesión e
publicidade.
1. Notificada a
resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa
aceptación, comprometéndose a executar o proxecto subvencionado no prazo e
condicións establecidas, empregando para ese trámite o modelo que figura como
anexo III. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais,
entenderase que o bene
ficiario renuncia á subvención concedida e
procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.
2. A publicidade das
subvencións outorgadas efectuarase a través do taboleiro de anuncios da
Secretaría Xeral de Comunicación-Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e
no taboleiro de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
3. De conformidade co
artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas
na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Comunicación publicará
na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas
concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización
para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na
citada páxina web.
Artigo 13º.-Pagamentos e xustificación.
Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados
a xustificar, en todo caso antes do 1 de outubro do ano 2007, o pagamento da
totalidade do investimento realizado, xuntando a seguinte documentación (un
orixinal e unha copia):
1. Para xustificar a adquisición de equipamento
(modalidade A).
a) Factura do
equipamento adquirido e xustificación do seu pagamento.
b) Unha nova declaración de axudas e subvencións
solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións
públicas, organismos ou entidades públicas ou privadas.
c) Certificación expedida
pola entidade bancaria en que sinale o número completo da conta que posúa o
beneficiario onde se deba realizar o pagamento.
2. Para xustificar a
creación de páxina web en galego (modalidade B).
a) Indicar expresamente a URL da páxina web
creada, que deberá residir nun dominio propio cun primeiro nivel que debe ser
«.es» ou «.org».
b) Unha nova declaración de axudas e subvencións solicitadas ou
concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas, organismos
ou entidades públicas ou privadas.
c) Certificación expedida pola entidade bancaria
en que sinale o número completo da conta que posúa o beneficiario onde se deba
realizar o pagamento.
A entidade beneficiaria por axuda para crear
páxina web en galego deberá incluír na propia páxina a referencia seguinte:
«esta páxina web en galego tivo unha axuda outorgada pola Secretaría Xeral de
Comunicación da Xunta de Galicia» (coa súa imaxe corporativa).
A Dirección Xeral de
Comunicación Audiovisual, con carácter previo ao pagamento, verificará que o
contido da páxina web en galego sexa adecuado para a difusión e divulgación das
actividades que realiza a entidade beneficiaria da axuda.
Artigo 14º.-Obrigas do
beneficiario.
Os beneficiarios das
subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos
percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección
Xeral de Comunicación Audiovisual poderá realizar as oportunas comprobacións
para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de
axuda.
De
igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que
lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de
Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino das axudas.
Para o caso de axudas ou subvencións outorgadas
co mesmo obxecto, o importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser
de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través
doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade
subvencionada que deberá desenvolver o beneficiario.
Artigo 15º.-Actos de
desenvolvemento desta convocatoria.
Facúltase o director xeral de Comunicación Audiovisual para ditar, no
ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento
desta convocatoria.
Artigo 16º.-Réxime xurídico aplicable.
No demais, esta resolución estará sometida a
lexislación básica do Estado na materia contida na Lei estatal 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; aos
artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e demais
normativa de desenvolvemento.
Artigo 17º.-Recursos contra esta resolución de
convocatoria.
Poderase interpoñer
potestivamente recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación, no
prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados de
igual modo.
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2007.
Juan Fernando Salgado García
Secretario xeral de Comunicación
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es