Diario Oficial de Galicia
xoves, 8 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

48


Páxina do Dog:

3.619


Data da Disposición:

5 de marzo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 5 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o retorno á formación das mulleres que abandonaron o proceso educativo para seren nais e se procede á súa convocatoria.



Resolución do 5 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o retorno á formación das mulleres que abandonaron o proceso educativo para seren nais e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo. No seu artigo 3, establece que a Xunta de Galicia aplicará todas as súas competencias para conseguir que se materialice, na práctica, o principio mencionado e a maternidade deixe de ser carga exclusiva das nais e motivo de discriminación para as mulleres.

Esta resolución pretende apoiar as iniciativas para mellorar a capacitación das mulleres galegas, estimulándoas mediante a concesión dunha axuda económica para que volvan ao sistema educativo que abandonaron por causa da maternidade e deste xeito crear unha medida de acción positiva que colabore a remover esas desigualdades.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establécense os requisitos xerais para as subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Capítulo I
Finalidade e réxime das axudas
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva ás mulleres galegas para lles facilitar o retorno ao sistema educativo que abandonaron por mor da maternidade.

Artigo 2º.-Financiamento.
As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á partida orzamentaria 05.80.313B.480.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) e o importe global destinado a estas ascende a 63.000 euros; desta contía o FSE achega o 80% e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller o 20%; contía que poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.
A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta resolución, no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo, no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) número 1828/2006 da Comisión, do 8 decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres inactivas ou desempregadas que acceden ao sistema educativo, logo dun período de ausencia por mor da maternidade, a través da matrícula oficial nun ciclo superior, universitario ou de formación profesional, e cuxos ingresos da unidade familiar sexan inferiores ao quíntuplo do Indicador Público de Renda e Efectos Múltiples (IPREM) para o ano 2007.

Artigo 5º.-Axudas.
1. As axudas consistirán nunha subvención, que se percibirá por unha soa vez por beneficiaria, por un importe máximo de 600 euros, que se determinará pola suma da contía resultante de ata o 80% do importe da matrícula do curso 2006-2007 e da contía resultante de ata o 50% do custo do material obrigatorio para o mesmo curso.

2. Esta subvención será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade.

Capítulo II
Procedemento
Artigo 6º.-Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse, no modelo normalizado que se publica como anexo I, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Copia compulsada do DNI da solicitante.
b) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Copia compulsada do libro de familia completo da solicitante.
d) Ficha de datos para o cálculo da subvención (anexo II)
e) Declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo III).

f) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da solicitante en que conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

g) Certificación acreditativa dos últimos estudos cursados.
h) Declaración responsable da solicitante en que se reflicta o ano en que cursou os últimos estudos.

i) Fotocopia compulsada da declaración do imposto da renda das persoas físicas da unidade familiar correspondente ao ano 2005 ou, de ser o caso, certificación da Axencia Tributaria de non ter obriga de formalizala ese ano.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes é de trinta (30) días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as interesadas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que se así non o fixeran teranse por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.
1. A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración, que estará composta, polo menos, por tres membros, a presidenta, que será a secretaria do organismo, e dous vogais, actuando un deles como secretario/a. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral.

2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, a comisión de valoración proporá a concesión ou denegación das subvencións, de acordo cos requisitos exixidos nesta disposición.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.
1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas, valorándoas conforme o seguinte baremo:

a) Ingresos familiares inferiores a 3 veces o IPREM: 3 puntos.
b) Fillos ou fillas menores de 6 anos: 3 puntos.
c) Mulleres maiores de 35 anos: 3 puntos.
d) Mulleres inactivas: 3 puntos.
2. En caso de empate nas puntuacións obtidas, acudirase para dirimilo á outorgada polo baremo seguindo a orde de prelación establecida no punto 1.


Artigo 10º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá modificar, suspender ou revogar as subvencións concedidas, logo de procedemento, e logo do informe da comisión de valoración, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou por incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

4. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión e/ou revogación ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención.
No prazo de cinco (5) días naturais, desde a recepción da notificación da concesión da subvención, as beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a cumprir os prazos e requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación neste prazo entenderase que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo da resolución, ao arquivo do expediente. O escrito de aceptación dirixirase ao órgano competente para resolver e, sen prexuízo da obriga de presentación por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públi

cas e do procedemento administrativo común, e co fin de evitar atrasos na tramitación, comunicarase por fax ao órgano competente durante o período de aceptación.

Artigo 12º.-Obrigas das beneficiarias.
1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para a percepción de axudas públicas, as beneficiarias desta subvención están obrigadas a:

a) Non alterar o destino da subvención.
b) Rematar o curso que motiva a concesión da subvención mediante a presentación ás probas de avaliación correspondentes.

c) Efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.
d) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.
Unha vez concedida e aceptada a subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da realización das probas de avaliación correspondentes ao curso que motivou a concesión da subvención.

b) Copia compulsada do formulario das taxas de matrícula aboadas.
c) Copia compulsada das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos aboados polos materiais do curso. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

d) Declaración complementaria, actualizada, do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (modelo: anexo III).

Artigo 14º.-Período de xustificación.
1. A xustificación para a percepción da axuda poderá presentarase ata o 30 de setembro de 2007.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, procederase, logo da resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 15º.-Obrigas tributarias e sociais.
A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Non obstante, cando non resulte posible obter a certificación telemática ou esta sexa negativa, a unidade tramitadora requirirá as solicitantes para que acheguen as citadas certificacións.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 17º.-Reintegro.
Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a normativa europea de aplicación.

Artigo 18º.-Seguimento e control.
As beneficiarias quedan obrigadas a remitir, unha vez realizado, o resultado das probas de avaliación do curso que motivou a subvención, a aceptar as actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; e as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, se é o caso, procedan.

Disposicións adicionais
Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá ditar resolucións

de concesión de axudas de carácter complementario, cando existan fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación, logo de publicación, do crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que atenderán solicitudes inicialmente desestimadas por razón de esgotamento do orzamento.

Segunda.-As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución non serán obxecto de publicidade, por razón da contía, segundo o disposto no artigo 9 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

Terceira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Cuarta.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta resolución.

Quinta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-A Dirección Xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.


Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2007.
Ana Luisa Bouza Santiago
Directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es