Diario Oficial de Galicia
martes, 6 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

46


Páxina do Dog:

3.355


Data da Disposición:

27 de febreiro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 27 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida da poboación retornada e inmigrante na Comunidade Autónoma galega, durante o ano 2007.



Resolución do 27 de febreiro de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida da poboación retornada e inmigrante na Comunidade Autónoma galega, durante o ano 2007.

A incorporación e participación cada día máis crecente da poboación retornada e inmigrante nos distintos ámbitos da sociedade galega fan necesario o desenvolvemento de actuacións e proxectos que contribúan á súa integración plena e que permitan acadar unha convivencia plural e diversa nunha sociedade multicultural.

Os procesos de acollida adquiren unha importancia relevante no eido da Administración local por ser a máis cercana ao cidadán, e nela detéctanse as principais necesidades e demandas da poboación retornada e inmigrante e, como consecuencia, desenvólvense os primeiros procesos de acollida, información, orientación, atención e integración destes colectivos. As entidades locais, polo tanto, configúranse como as entidades a que se dirixe inicialmente a poboación retornada e inmigrante buscando resposta ás súas demandas e que utilizan como vía de acceso os recursos normalizados existentes na sociedade galega. Todo isto fai preciso que sexa neste ámbito onde se reforcen os servizos en materia de retorno e inmigración.

Neste sentido, e co fin de acadar a plena integración da poboación inmigrante extracomunitaria, a Administración do Estado e as comunidades autónomas elaboraron un marco de cooperación para a xestión do

Fondo de Apoio á Acollida e á Integración de Inmigrantes, así como o seu reforzo educativo, que foi creado no ano 2005. O Consello da Xunta de Galicia autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en nome da Xunta de Galicia, e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, para o desenvolvemento de actuacións de acollida e integración de persoas inmigrantes, así como de reforzo educativo. As actuacións desenvolvidas pola Comunidade Autónoma de Galicia en materia de atención á poboación inmigrante extracomunitaria recóllense anualmente nun plan de acción consonte co establecido no Marco de Cooperación para a Xestión do Fondo de Apoio á Acollida y á Integración de Inmigrantes, documento onde se establecen os eixes e liñas de actuación que permitan dar cumprimento ao fin establecido no convenio de referencia, configurado como a promoción da acollida, integración e reforzo educativo das persoas inmigrantes.

Logo da publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en política do retorno e inmigración en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta convocatoria, ademais das bases establecidas nela, adáptase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito da aplicación orzamentaria 04.50.312C.460.0 que figura na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a citada disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta resolución é regular os requisitos e condicións para a concesión, en réxime de concorren

cia competitiva, de subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida da poboación retornada e inmigrante na Comunidade Autónoma galega, no ano 2007.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades solicitantes.
1. As subvencións que se convocan por esta resolución poderán ser solicitadas por aqueles concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais da Comunidade Autónoma galega que cumpran, na data de publicación no Diario Oficial de Galicia, os seguintes requisitos:

1.1. Desenvolver actuacións que favorezan a integración do colectivo retornado e inmigrante na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Ter xustificadas debidamente outras subvencións recibidas con anterioridade por este departamento.

1.3. Non incorrer en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións, enumeradas no artigo 13, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. As entidades locais que dentro da planificación de convenios de colaboración da secretaria xeral teñan subscrito algún convenio coa Secretaría Xeral de Emigración non poderán presentar solicitudes de subvención ao abeiro desta resolución para as finalidades cubertas nos devanditos convenios.

3. Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención.

Artigo 3º.-Orzamento.
1. A concesión de axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito da aplicación orzamentaria 04.50.312C.460.0 que figura na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2007, quedando condicionada a concesión destas axudas ao límite orzamentario establecido no punto seguinte.

2. A asignación orzamentaria desta resolución é de 500.000 euros, que poderá ser incrementada de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4º.-Accións subvencionables e contía da axuda.
1. O importe concreto da subvención virá determinada en función do crédito dispoñible, das solicitudes presentadas e dos criterios de valoración establecidos no artigo 6º.

2. Poderán subvencionarse con cargo a esta resolución os gastos correntes que se lles orixinen aos concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a realización de programas que poidan incardinarse dentro dos previstos no artigo 5º.

3. O órgano competente, de ser o caso, procederá á distribución entre os beneficiarios do importe global máximo destinado ás subvencións.

Artigo 5º.-Programas subvencionables.
1. Con cargo a esta resolución só poderán subvencionarse accións referidas a programas do eixe de acollida que terán por obxecto a realización de proxectos que faciliten o acceso e a integración dos emigrantes

retornados e inmigrantes na sociedade galega a través da creación de servizos de información, orientación e acompañamento no eido xurídico, social e laboral e, de ser o caso, mediante a elaboración de itinerarios personalizados de inserción, a creación de novas prazas de acollida temporal ou reforzo das existentes, a cobertura das súas necesidades básicas, ou a impartición de clases de idiomas.

2. Estes programas ou accións poderán ser xestionados directamente polos concellos ou poden ser obxecto dunha xestión indirecta a través doutras entidades ou asociacións colaboradoras sen ánimo de lucro.

Artigo 6º.-Criterios para a concesión das axudas.
1. A comisión de avaliación determinará tanto as entidades beneficiarias como a contía concreta da subvención para conceder a cada unha delas, en función dos seguintes criterios de valoración:

-Poboación total e extracomunitaria empadroada o 1 de xaneiro de 2006 (ata 15 puntos).

-Achega de medios humanos propios a nivel de programa (ata 10 puntos).
-Infraestrutura propia para o desenvolvemento dos programas (ata 10 puntos).
-Desenvolvemento no ano 2006 por parte da entidade de accións no ámbito da atención a emigrantes retornados e inmigrantes obxecto desta resolución (ata 20 puntos).

-Calidade técnica do programa: valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación aos obxectivos propostos, o calendario de actuación e a descrición das actuacións concretas que se van desenvolver. No caso de prazas de acollida, valorarase o número total de prazas indicando as xa existentes e as de nova creación, así como os servizos incluídos, o custo medio diario de cada unha delas, o período da súa oferta e a súa distribución territorial (ata 40 puntos).

-Carácter innovador das actuacións que se van desenvolver no programa (ata 5 puntos).

-Incorporación nas súas actuacións de perspectiva de xénero e igualdade de trato (ata 5 puntos).

-Número de persoas potencialmente destinatarias en cada programa (ata 15 puntos).

-Colaboración cidadá na execución do programa (ata 5 puntos).
3. Na concesión das subvencións a comisión de valoración terá en conta a existencia ou subvención de servizos ou actividades que cubran os mesmos programas subvencionables no mesmo ámbito territorial ou subxectivo, realizadas polas entidades solicitantes da subvención ou outras entidades.

4. A consecuencia da aplicación dos criterios de valoración previstos neste artigo, as entidades que resulten beneficiarias poderán recibir unha contía certa de subvención que poderá ser o custo total ou parcial dos previstos no orzamento total presentado coa solicitude.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo.
1. As solicitudes de axudas dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración (rúa dos Basquiños, 2; 15704 Santiago de Compostela. A Coruña) e presentaranse

por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Documentación.
1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo establecido como anexo I á presente resolución, deberán relacionarse todos os proxectos para os cales a entidade solicita a subvención indicando as accións desenvolvidas no ano 2006, ou en desenvolvemento no ano 2007, por parte da entidade no ámbito da atención a retornados e inmigrantes.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación, en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1.1. Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.
1.2. Ficha de solicitude de transferencia bancaria de acordo co modelo do anexo II.

1.3. Memoria de cada un dos programas para os cales se solicita a subvención.
1.4. Fichas explicativas do programa e das actividades de acordo co modelo recollido no anexo III.

1.5. Declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións públicas, Unión Europea ou calquera outro ente público ou privado segundo modelo recollido no anexo IV.

1.6. Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións segundo modelo relacionado no anexo V.

1.7. Certificación expedida polo secretario da entidade local ou funcionario que faga fe pública:

a) Do acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención, con indicación da contía solicitada por programa.

b) Capacidade de representación legal do asinante da solicitude.
2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 9º.-Procedemento de concesión da subvención.
1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan por esta resolución axustarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a devandita Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no seu artigo 78.

2. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto, crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida polo subdirector xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, ou persoa en que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A xefa do Servizo de Programas e Atención Integral.
-A xefa do Servizo de Información e Tramitación de Subvencións.
-Un/unha xefe/a de sección da unidade.
-Un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.
3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 6º. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión, a través da Subdirección Xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, que se lle presentarán ao secretario xeral de Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10º.-Resolución.
1. As resolucións do secretario xeral de Emigración seranlles notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario e cantidade concreta concedida.

O prazo máximo para resolver e notificar será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen e notificasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non-autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención.
No suposto de que a entidade non acepte a subvención concedida, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Emigración no prazo máximo de dez días contados a partir da notificación da resolución.

No caso de renuncias por parte das entidades ás subvencións concedidas, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan entidades que, cumprindo os requisitos, non obtivesen a puntuación suficiente, en aplicación dos criterios de valoración, para ser beneficiarias da subvención.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades subvencionadas.
1. Os beneficiarios destas axudas deberán:
a) Realizar o proxecto ou acción que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberanse realizar no ano 2007 e antes da finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 13.5º desta resolución.


b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de entidade subvencionada pola Secretaría Xeral de Emigración, así como o seu correspondente logotipo. Así mesmo, naquelas actuacións dirixidas á poboación inmigrante extracomunitaria deberase facer constar a participación e colaboración do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o seu correspondente logotipo. Os logotipos deberán axustarse aos modelos establecidos no anexo VIII desta resolución.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que considere oportuno a Secretaría Xeral de Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

e) As entidades locais beneficiarias da axuda deberán informar inmediatamente a Secretaría Xeral de Emigración sobre calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da actividade subvencionada.

2. Todos os proxectos ou accións obxecto de subvención a través desta resolución pasarán a formar parte dunha Rede de Atención ao Emigrante Retornado e Inmigrante. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán informar a Secretaría Xeral de Emigración de todas as actuacións e calquera outra información solicitada en relación coa xestión da subvención concedida co fin de acadar a súa maior difusión.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitarlle, á Secretaría Xeral de Emigración o exame das actividades tanto na súa execución como con posterioridade ao seu remate, así como toda aquela información que lles sexa requirida, para o que garantirá o acceso dos representantes da secretaría xeral ao lugar das accións, ás contas e demais documentación que se considere oportuna.

Artigo 13º.-Forma de xustificación e pagamento das subvencións.
1. As entidades subvencionadas quedan obrigadas a xustificar os gastos correspondentes ao custo total do programa.

2. Poderán xustificarse con cargo á subvención recibida os gastos que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2007 e antes da finalización do prazo de xustificación recollido neste artigo.

3. Poderán efectuarse pagamentos parciais, logo da xustificación, á conta da liquidación definitiva, de ata o máximo do 80% do importe da subvención concedida.

Para a xustificación, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais deberán presentar certificación orixinal expedida polo órgano que teña atribuídas as correspondentes facultades de control na entidade local que acredite a realización dos gastos para os fins e programas establecidos nesta resolución e

o importe a que ascenderon de acordo co modelo especificado no anexo VI.
4. A xustificación final da subvención deberá ir acompañada, ademais do establecido no punto anterior, da seguinte documentación:

a) Memoria técnica xustificativa da aplicación da subvención concedida e explicativa da execución de cada programa e actividades, de acordo co modelo especificado no anexo VII.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. O prazo de xustificación e entrega da totalidade da documentación será ata o 1 de decembro de 2007.

6. A Secretaría Xeral de Emigración, en todo momento, poderá solicitar calquera outra documentación que considere oportuna para a xustificación da subvención.

Artigo 14º.-Compatibilidade das axudas.
As axudas concedidas en virtude desta resolución serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, administración ou entidade que llas conceda, tendo en conta, en todo caso, que a suma de todas elas non poderá superar o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao longo do ano 2007 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.
As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das actividades, podendo a Secretaría Xeral de Emigración adoptar a resolución de modificación da concesión que corresponda de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Reintegro.
Procederá a apertura de expediente para o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Instrucións e aclaracións.
A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2007.
Manuel Luis Rodríguez González
Secretario xeral de Emigración



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es