Diario Oficial de Galicia
venres, 2 de marzo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
44
Páxina do Dog:
3.164
Data da Disposición:
26 de febreiro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 26 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de
riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de
2007.
Orde do 26 de febreiro de 2007 pola que se
establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento
da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio
de 2007.
A Constitución española de 1978 recolle,
dentro dos principios rectores da política social e económica, que os poderes
públicos velarán pola seguridade e hixiene no traballo.
O Estatuto de autonomía
de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece
no
seu artigo
29, epígrafe 1º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a
execución da lexislación básica do Estado en materia laboral.
Mediante o Real decreto
2381/1982, do 24 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia recibiu o traspaso
de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de gabinetes
técnicos provinciais do Instituto de Seguridade e Hixiene no
Traballo.
O
Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da
Consellería de Traballo, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de
Relacións Laborais, o exercicio das com
petencias e funcións, entre outras materias,
relativas á prevención de riscos laborais.
Na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención
de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas
competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a
cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en
materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de
traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde
laboral das traballadoras e dos traballadores.
A Lei 54/2003, do 12 de
decembro, que modifica a Lei 31/1995, establece o obxectivo de combater dun
xeito activo a sinistralidade laboral así como o de reforzar a necesidade de
integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa.
Isto fai preciso instrumentar mecanismos para as empresas galegas que lles
faciliten dar cumprimento ao novo marco normativo e á normativa de
desenvolvemento existente en materia de prevención de riscos laborais como
actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da
empresa.
A
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de
concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do
Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de
aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta
orde de convocatoria.
O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que
se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma
de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos
principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do
disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,
texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ao
cal se axusta esta disposición.
O obxecto desta orde é concretar os principios
xerais contidos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no
relativo ás axudas para fomento da prevención de riscos laborais entre as
traballadoras e os traballadores de Galicia mediante actividades de formación
(xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención, etc.), así como de
promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes
da seguridade e saúde laboral entre os distintos sectores afectados, co obxecto
de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentando unha
auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.
Así, o financiamento das
axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos
programas 16.04.324B. 444.0 (60.000 A) e 16.04.324B. 481.1 (1.500.000 A) que
figuran na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano
2007.
Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de
Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en
exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da
Lei 1/1983, do 22 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola
Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
Capítulo I
Ámbito e réxime de
axudas
Artigo 1º.-Obxecto e
finalidade.
1. Esta orde ten por
obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se
rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria
pública como a execución das axudas destinadas a actividades de fomento da
prevención de riscos laborais entre as traballadoras e os traballadores de
Galicia, correspondentes ao exercicio de 2007, xestionadas pola Consellería de
Traballo, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais.
2. A convocatoria das
subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia
competitiva.
Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.
1. As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde de
convocatoria estarán incluídas en dous programas:
a) Entidades sen ánimo de
lucro que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia e que polos
seus fins teñan vocación de fomento da prevención de riscos laborais entre as
empresas e as traballadoras e os traballadores de Galicia.
b) Universidades situadas
na Comunidade Autónoma de Galicia.
2.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se
refire o artigo 13, puntos 2º e 3º, da Lei 38/2003, do 17 de
novembro.
b)
As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas
ou dependentes de calquera delas.
3. As entidades beneficiarias das subvencións
reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das
accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a
subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción
subvencionada, e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 29 da
Lei 38/2003, do 17 de novembro. Ademais, os/as subcontratistas deberán
facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria
relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o
100% do importe da acción.
Capítulo II
Modalidades de axuda
Artigo
3º.-Gastos que se subvencionarán.
1.
As actividades de fomento da prevención de riscos laborais recollidas nesta orde
serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución,
de acordo cos criterios de valoración económica que se recollen no artigo 8, e
sen prexuízo de que a entidade solicitante achegue unha
parte do orzamento total
da actividade solicitada.
2. Serán
subvencionables as seguintes actuacións:
-De formación, destinadas aos traballadores/as galegos/as.
-Estudos e traballos técnicos relacionados coa
seguridade e saúde laboral.
-De
investigación e de prospección dirixidas á mellora da prevención de riscos
laborais, así como estudos de condicións de traballo en sectores concretos de
actividade económica.
-De difusión, sensibilización e intercambio de
experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):
a) De difusión normativa
e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de
desenvolvemento.
b) De sensibilización empresarial para investimento específico en
prevención de riscos laborais.
c) De intercambio de experiencias e boas
prácticas en seguridade e saúde laboral.
3. O cobramento destas subvencións será
incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma
natureza para a mesma actuación.
Artigo 4º.-Período de imputación de
gastos.
Poderanse financiar con cargo
a esta orde de convocatoria os gastos derivados de accións realizadas desde o 1
de xaneiro de 2007 ata que rematen.
Artigo 5º.-Remate e xustificación das
accións.
Todas as accións deberán
estar rematadas e xustificadas, como data límite o 15 de novembro de
2007.
Capítulo III
Da convocatoria
pública
Artigo
6º.-Solicitudes.
1. As entidades
incluídas no artigo 2º que desexen participar nas actuacións que se regulan
nesta orde de convocatoria deberán formalizar a correspondente solicitude no
modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e que se
subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de
Relacións Laborais, en calquera das oficinas administrativas de Información ao
Cidadán e na páxina web da Consellería de Traballo, subscrita pola persoa ou
representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte
documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para
asinar a solicitude.
b) Copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.
c) Unha ficha por cada unha das accións
solicitadas no modelo normalizado (anexo II).
d) Declaración de
conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción
ante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes
públicos.
e)
Declaración responsable de non estar incursa en supostos de prohibicións para
obter a condición de entidade beneficiaria de subvencións (anexo
III).
f)
Memoria das actividades que se realizarán para as que solicita a subvención
especificando o seu
custo e desagregando os ingresos e gastos da acción solicitada.
Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento da acción
solicitada e, de ser o caso, a cantidade que achega.
2. As solicitudes
presentaranse na Consellería de Traballo ou por calquera das formas previstas no
artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Mediante a
presentación da solicitude de subvención a entidade beneficiaria presta o seu
consentimento explícito á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos
os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás
sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e
de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo
que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005,
do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación,
cancelación e oposición de datos de carácter persoal poderán exercerse ante o
CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo
Fontán, 9. 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da
Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter
persoal.
4.
As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e, de
conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo
publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o
importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios
e beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
Artigo
7º.-Prazo.
1. O prazo para a
presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á
publicación desta orde.
2. No suposto de que a solicitude non cumpra os
requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros
ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días,
emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se
así non o fixese, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución
que así o declare.
Artigo 8º.-Procedemento.
1. O
órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Relacións
Laborais.
2.
O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o
establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, coas concrecións
que se establecen nos parágrafos seguintes.
3. A comisión de valoración, para avaliar as
solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:
-Representatividade da
entidade solicitante (de 0 a 2 puntos).
-Número de persoas destinatarias a que van dirixidas as accións (de 0 a 3
puntos).
-Dimensión plurisectorial ou galega da acción proposta (de 0 a 2
puntos).
-Transferibilidade da
actuación ou ferramentas a outros colectivos, sectores ou territorios (de 0 a 2
puntos).
-Achega de elementos innovadores (de 0 a 1 punto).
-Maior índice de sinistralidade laboral en
Galicia sobre o sector en que se pretende actuar (de 0 a 3 puntos).
-Metodoloxía e recursos
empregados para o desenvolvemento dos proxectos (de 0 a 2 puntos).
-Participación da
entidade no financiamento da acción (de 0 a 2 puntos).
-Experiencia da entidade solicitante no
desenvolvemento de acción de fomento da prevención de riscos laborais (de 0 a 3
puntos).
4.
Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará
composta polos seguintes membros: a subdirectora xeral de Seguridade e Saúde
Laboral, que a presidirá, e serán vogais o xefe do Servizo de Seguridade e Saúde
Laboral e dúas persoas compoñentes do funcionariado adscrito á Dirección Xeral
de Relacións Laborais; unha delas actuará como secretario ou
secretaria.
5. Se, por calquera causa, en momento no que a comisión de valoración
teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese
asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a directora
xeral de Relacións Laborais.
6. A contía máxima que se subvencionará
determinarase do seguinte xeito:
-A
entidade solicitante da subvención xuntará á súa solicitude unha valoración
detallada e razoada do custo previsto da acción solicitada, en que indicará, así
mesmo, a cantidade que achega, de ser o caso, para o seu
financiamento.
-A comisión de valoración unha vez avaliadas as solicitudes presentadas,
de acordo cos criterios, formas e prioridades de valoración establecidos nesta
orde, elevaranas ao órgano competente para resolver as solicitudes
presentadas.
7. A subdirectora xeral de Seguridade e Saúde Laboral, tendo en conta o
informe da comisión de valoración, elevará proposta de resolución ante o órgano
competente para resolver.
Artigo 9º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes de axudas, logo
do informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia
cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención,
corresponderalle á directora xeral de Relacións Laborais, por delegación do
conselleiro de Traballo.
As resolucións deberán ser notificadas ás
entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten; estas disporán dun
prazo de 5 días para comunicar a aceptación da subvención concedida.
2. A resolución dos
expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados desde o día
seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o citado
prazo sen que recaese
resolución expresa, esta entenderase denegada.
3. As resolucións ditadas poñen fin á vía
administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de
reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa
notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso
contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de
dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade
co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa.
Artigo 10º.-Xustificación do
pagamento.
1. O pagamento das axudas
quedará condicionado á presentación polas entidades beneficiarias da seguinte
documentación:
-Certificación expedida polo/a responsable legal da entidade en que
figure a mención das actividades realizadas, o importe que se xustifica e a
relación de facturas.
-Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as
facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á
acción subvencionada.
-Documentos acreditativos do aboamento de tales
facturas e dos demais documentos xustificativos dos pagamentos
realizados.
-Memoria xustificativa da actuación realizada e obxecto da subvención,
nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión.
-Xustificante da
cantidade achegada pola entidade para o financiamento a acción realizada, de ser
o caso.
-Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o
mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas
entidades vinculadas ou dependentes, tanto aprobadas como as pendentes de
resolución, incluíndo as resolucións correspondentes.
2. A data límite para a
presentación desta documentación será o 15 de novembro de 2007.
3. Tras a recepción da
documentación recollida neste artigo procederase á revisión e valoración dos
documentos xustificativos da execución e, se é o caso, da documentación
adicional solicitada. En función dos resultados acadados realizarase proposta de
pagamento, axuste ou revogación das subvencións.
4. Poderán acordarse
pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique os
libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención
concedida.
Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
1. Son obrigas das entidades beneficiarias das
subvencións:
a) Comunicarlle ao
órgano competente calquera modificación das condicións tidas en conta para a
concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas
entidades beneficiarias e,
de ser o caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera
Administración ou ente público nacional ou internacional.
b) O sometemento ás
actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de
Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención
Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas
e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de
facilitar información, tal como establece o artigo 78.8º da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia.
c) Dispoñer dos libros contables, rexistros
dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola
lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada
caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan
necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de
comprobación e control.
d) Conservar os documentos xustificativos da
aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres
poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
e) Dar a adecuada
publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades,
investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos
termos regulamentariamente establecidos, en concreto, deberá consignarse o
anagrama da Xunta de Galicia, Consellería de Traballo, Dirección Xeral de
Relacións Laborais, en todas as actividades de difusión así como no material que
se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de
convocatoria.
2. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e
sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Relacións
Laborais emitirá certificacións para poder facer efectiva a correspondente
liquidación da axuda concedida.
3. As entidades adxudicatarias de subvencións
deberán acreditar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a
resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que
están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de
pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da
Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, non terán que acreditar esta
circunstancia aquelas entidades exentas pola Lei de orzamentos para o exercicio
de 2007.
Artigo 12º.-Modificación de resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente
de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes
públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á
modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa
revogación.
Artigo 13º.-Revogación.
Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial
das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos
termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen
prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde
social.
Artigo 14º.-Seguimento e control.
A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar, en todo
momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para
estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se
establezan nesta orde e na resolución de concesión.
Disposicións
adicionais
Primeira.-Poderán ditarse
resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de
subvencións inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso, agás que
se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras
solicitudes distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.
Segunda.-Apróbase a
delegación de atribucións do conselleiro de Traballo na directora xeral de
Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e
subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a
obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os
procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas
entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que traen
causas, ditadas por delegación do conselleiro.
Terceira.-En todo o non
disposto nesta orde será de aplicación o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 39/1997, do
17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de
riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación.
Disposicións
derradeiras
Primeira.-Autorízase a
directora xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas
competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e
execución desta disposición.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
26 de febreiro de 2007.
Ricardo
Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de
Traballo
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es