Diario Oficial de Galicia
venres, 2 de marzo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

44


Páxina do Dog:

3.151


Data da Disposición:

19 de febreiro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 19 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a mozos para a realización de cursos de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, e se procede á súa convocatoria.



Orde do 19 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a mozos para a realización de cursos de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 parágrafos 22º, 23º e 24º que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándose, entre outros, o ámbito da xuventude.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito de xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta coa Secretaría Xeral do Benestar á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de xuventude, entende que para facilitar a formación da xuventude e acadar a súa autonomía persoal, é fundamental promover o coñecemento de idiomas dos países da Unión Europea, por ser este ámbito xeográfico unha ampliación da nosa sociedade e, polo tanto, unha ampliación das posibilidades onde acadar a integración e a autonomía persoal da nosa xuventude.

Así mesmo, a formación en idiomas estranxeiros configúrase como un obxectivo instrumental que dota de operatividade a función de fomento e promoción de intercambios e mobilidade de mozos e mozas con países estranxeiros. Reducir os obstáculos lingüísticos e culturais facilita a mobilidade dos cidadáns da Unión Europea promovendo deste xeito o concepto de cidadanía europea e o dunha Europa política.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente unha liña de subvencións similares co obxecto desta orde, dirixida aos estudantes que estean matriculados nalgún centro universitario. Para cubrir o colectivo da xuventude que non cumpre este requisito excluínte, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar entende que para darlles igualdade de oportunidade a todos os mozos e mozas, os destinatarios desta orde de sub

vencións deben ser aqueles que non estean matriculados nun centro universitario.
Esta convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 14/2006, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 así como ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas para os mozos e mozas que, reunindo os requisitos e condicións establecidos nesta orde, realicen un curso de idiomas nun Estado membro da Unión Europea, agás España, e proceder á súa convocatoria para o ano 2007.

Artigo 2º.-Orzamento.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as anteditas axudas con cargo á partida orzamentaria 05.32.313A.480.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, cunha contía de 100.000 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.
Poderán solicitar as axudas todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter fixada a súa residencia en Galicia.
c) Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, agás España, cunha duración mínima de tres semanas e como máximo de cinco e cun mínimo de 15 clases por semana, no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xuño e o 31 de outubro de 2007. Cada clase terá unha duración mínima de 45 minutos.

d) Non estar matriculado no curso académico 2006/2007 en ningún centro universitario. Poden solicitar axudas as persoas que xa teñan finalizados os seus estudos universitarios con anterioridade ao curso 2006/2007.

e) Quedan excluídos os solicitantes aos que se lles concedese axuda no ano 2006 e non xustificaran a realización do curso.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes, debidamente asinadas polo solicitante e segundo o modelo oficial que figura no

anexo I desta orde, presentaranse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (edificio administrativo San Caetano, s/n, código postal 15781, en Santiago de Compostela); ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para a presentación de instancias. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Deberá acompañar á solicitude a seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI do solicitante.
b) Orixinal ou copia compulsada do programa do curso no que constará a súa duración en semanas, o número de horas lectivas por semana, así como o centro e Estado membro da Unión Europea no que se desenvolverá.

c) Xustificación de ingresos da unidade de convivencia (anexo II).
d) Certificado de convivencia.
e) Certificado de ser membro dunha asociación xuvenil, inscrita no censo de entidades xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, de ser o caso.

f) Fotocopia compulsada do libro de familia numerosa, de ser o caso.
g) Declaración responsable do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares aos que son obxecto desta orde.

h) Declaración responsable de non estar matriculado en ningún centro universitario, galego ou de fóra de Galicia, no curso académico 2006/2007.

i) Documento orixinal, facilitado pola entidade bancaria, acreditativo da existencia dunha conta bancaria aberta a nome do beneficiario, no cal conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos ou a documentación sinalada, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. De non facelo, terase por desistido da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.
1. Os criterios de avaliación que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

-Maior duración do curso en horas lectivas (40 puntos).
-Menores ingresos da unidade de convivencia en renda per cápita (ata 40 puntos). Os solicitantes que non presenten o certificado de convivencia terán unha puntuación de 0 puntos.

-Pertencer a unha asociación xuvenil inscrita no censo de entidades xuvenís dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (10 puntos).

-Ser membro de familia numerosa (10 puntos).
2. Para os fins do cómputo de ingresos que se aplique a esta convocatoria, considerarase unidade de convivencia do solicitante a composta por este e por todas as persoas que estiveran domiciliadas xunto con el, na data do día anterior á da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sempre que lles una unha relación de parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao inclusive. Na unidade de convivencia estará comprendida, se é o caso, a persoa que viñese convivindo co solicitante en análoga relación de afectividade á do cónxuxe. Non se considerará ruptura do vínculo de convivencia os casos de separación transitoria ou ocasional por razóns de traballo, estudos e demais circunstancias similares, así como os casos en que a persoa ausente tivese que permanecer ingresada nalgún tipo de centro hospitalario ou residencial a causa do seu estado de saúde o das súas condicións de dependencia. O cálculo de menores ingresos en renda per cápita será igual ao resultado de dividir a suma dos ingresos anuais do solicitante e das persoas que configuran a súa unidade de convivencia, entre o número de persoas que conviven, perciban ou non ingresos.

3. Todas estas circunstancias valoraranse unicamente no caso de que da documentación que figura no expediente se poida deducir claramente o seu contido, en virtude de certificacións orixinais ou copias compulsadas delas. En caso contrario non se terán en conta de cara á adxudicación destas axudas.


Artigo 6º.-Contía das axudas.
1. A contía mínima que se concederá será 750 euros e non superará en ningún caso os 1.500 euros.

2. A contía de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados do desprazamento, matrícula, mantenza ou aloxamento no estado concreto no que se desenvolva o curso, distribuíndose en todo caso ata o límite da consignación orzamentaria desta orde.

3. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.

4. A contía da axuda regulada terá que ser de tal contía que, en ningún caso, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.
A selección de beneficiarios será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

A subdirectora xeral de Programas, que actuará de presidenta.
A xefa do Servizo de Programas.
A xefa do Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.
O/A xefe/a de sección de Instalacións Xuvenís e Xestión Económica.
Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.
1. Unha vez avaliadas todas as solicitudes, a comisión elaborará unha proposta de resolución en virtude da puntuación alcanzada pola aplicación do baremo, así como unha lista de reserva, que seguirá a mesma orde e na que figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser beneficiarios da axuda.

2. A proposta será elevada pola comisión de avaliación, ao director xeral de Xuventude e Solidariedade que resolverá por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. No suposto de se producir algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlles a axuda a aqueles solicitantes que figuren na lista de reserva e pola orde que nela aparecen.

4. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberase entender desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Unha vez ditada resolución, non se permitirán modificacións no curso que se vaia realizar, debendo

suxeitarse o beneficiario ao solicitado. Excepcionalmente, cando por causas suficientemente xustificadas, teña que modificarse a data de realización do curso, poderá ser autorizado polo director xeral de Xuventude e Solidariedade a modificación deste extremo unicamente, coidando que as restantes características do curso non varíen e se respecten con rigor os límites establecidos no artigo 3º c) desta orde, especialmente as referentes ao período de realización entre o 1 de xuño e o 31 de outubro.

6. Os solicitantes aos que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido este prazo, esta arquivarase. Non obstante, quedan excluídos os solicitantes que figuren na lista de reserva, que non poderán retirala ata transcorrida a data límite para poder substituír os beneficiarios que presenten renuncia.

Artigo 9º.-Pagamento.
1. Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 80% sobre a subvención concedida, por petición do beneficiario. Para efectuar o pagamento anticipado, é imprescindible presentar xustificante do pagamento da matrícula do curso, a través de factura orixinal ou fotocopia compulsada desta, así como documentación que acredite o período de realización do curso.

2. O pagamento do segundo prazo da cantidade adxudicada efectuarase unha vez realizada a actividade subvencionada e xustificada conforme o artigo seguinte.

3. En calquera caso, o pagamento destes anticipos e pagamentos suxeitarase ao disposto no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación da axuda.
1. O período que se establece para xustificar estas axudas abranguerá ata o 15 de novembro de 2007 inclusive.

2. Os beneficiarios presentarán para xustificar a axuda:
a) Certificado emitido polo centro de idiomas no que constará a efectiva realización do curso así como o período no que se desenvolveu e o número de horas lectivas por semana, acompañado da correspondente tradución.

b) Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas dos gastos derivados da realización do curso (matrícula, desprazamento, manutención ou aloxamento), ata a contía total da axuda concedida.

c) A xustificación dos gastos que se ocasionen no país no que se desenvolva o curso, realizarase a través de documentos mercantís que os acrediten,

de acordo coa súa lexislación, acompañados da correspondente tradución.
3. Así mesmo, deberán presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.
1. Empregar a axuda recibida en sufragar os gastos inherentes á realización do curso de idiomas solicitado.

2. Xustificar os gastos incorridos na matrícula, desprazamento e estadía no país onde realice o curso, así como o aproveitamento do curso do xeito especificado no artigo 10º desta orde.

3. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 12º.-Reintegro ou modificación da subvención.
1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:

Incumprimento da obriga de xustificación.
Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.
O incumprimento da finalidade para o que foi concedida a subvención.
Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención doutras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda.

Artigo 13º.-Renuncias.
Se por calquera circunstancia o beneficiario non puidese realizar o curso de idiomas, deberá presentar unha renuncia á subvención concedida; a renuncia

deberase formalizar antes do 15 de setembro de 2007.
Os destinatarios das axudas que renuncien a ela poderán ser substituídos pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, de acordo coa lista de reserva prevista no artigo 8º desta orde.

Disposicións adicionais
Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-En todo caso, a concesión das axudas terá como límite global a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2007.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normas de procedente aplicación.


Cuarta.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude o beneficiario autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
E XUSTIZA



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es